O Coloso de Pedralva en Guimâraes

Ampliar: Coloso de Pedralva



Análise dunha xigantesca escultura, aparecida entre Guimarâes e Braga a fins do século XIX, conservada no Museo da Fundación Martíns Sarmento en Guimarâes e dende 1990 na rotonda de entrada do supermercado Continente na cidade portuguesa.

Non se entende a Prehistoria ou a Historia de Galiza si se lle eiva esa parte de seu que é a bracarense, tanto como a lucense ou a asturicense,  a que tirou de conquistas cara León, Castela , Aragón e máis arriba e máis abaixo pra construír fronte ao Islam un reino Cristián.



Compre pois vivir a vila portuguesa de Guimâraes,  urbe  na que sobre unha das súas torres medievais campa  un contundente “Aquí nasceu Portugal” .Gozar desta visita subindo á Cidade de Briteiros, coñecer a súa “Pedra Fermosa”, a mansión-museo de  Martíns Sarmento,  meterse entre as penedas e covas da Penha, escoitar as historias e contos de Mumadona, visitar o Castelo de Afonso Enriques, o Pazo dos Duques de Braganza, o  Museo Arqueolóxico da Sociedade Martíns Sarmento... e arredor de tanto enxergar as andanzas dos seus decimonónicos románticos e sabios: Martíns Sarmento, Alberto Sampaio e cada cal co seu museo e co seu nome, este o de Arte e aqueloutro o Arqueolóxico... E como non, mesmo saber  do paso do xenial e destemido  escritor posromántico Camilo Castelo Branco....e daquel arqueólogo, o que mesmo coñecemos nos seus derradeiros anos, dos tempos de Salazar e Caetano,  o Coronel Mario Cardozo...



Por algo no 2001 se recoñeceu a Guimarâes como Cidade Patrimonio da Humanidade,  modelo de “rehabitaçao” como din eles, isto é de rehabilitación e revitalización. Exemplo pra moitos munícipes, viaxe que paga a pena, pero iso xa é outro capítulo.



Deste Guimâraes, con tantos anacos do crevatestas da Historia de Galiza e de Portugal, antoloxía pois do adn histórico que nos conforma, atrae a verdade e a mentira, o misterio desa xigantesca escultura de pedra, acabada  ou inacabada que é Coloso de Pedralva. Sempre quixemos compartir estas incógnitas e experiencias, levamos e explicamos a amigos estas paisaxes, paisanaxes  e arqueoloxías  da bisbarra do río Ave.



Limos aquel libriño introdutorio editado por Castrelos  á “Escultura Galaico-romana” (1965)  da autoría de Xesús Taboada Chivite, publicado por Cuadernos de Arte Gallego, ilustrado na portada cunha foto do Coloso de Pedralva...  Non é unha escultura calquera, na súa abstracción entendemos que resume moitas esencias de fondo e forma galegas, por eso mesmo resultou para moitos como un tótem, como un deus “céltico”, prerromano en relación co culto fálico ou un heroe...que si Lug, que si, Sucellus, Hércules ou Thor... Para outros, sen máis, escultura galaico romana. Sen faltar os que a ven como máis recente. Inicialmente as tres pezas que a conforman desbastadas, labradas  a pico,  de xeito basto e “in situ”,  na soidade do monte. Brutalismo e primitivismo que aínda particulariza e engrandece máis á pedra gra, amiga dos musgos,  pra reafirmar que o canteiro galego fai castrexo como o verme da seda elabora o ovo da seda ...cada material co seu código queremos dicir. Escultura brusca, que pra algún semella “inacabada e incompleta”...a pedra gra non permitiría máis que este seu elemental expresionismo, asunto ben sabido polos escultores Asorey, Failde e máis aínda polo contemporáneo de Cambados Paco Leiro, que en Pedralva ten un precedente ben antigo..

O que si non cabe dúbida é que esta escultura representa a un home espido, como caendo en xenuflexión, ou sentada,  con lixeiro escorzo cara á banda  esquerda, e con esa característica pose, tan da escultura galega: a perna dereita dobrada, a outra estirada e sobre dela un vulto que semella inacabado e que algúns asocian cun falo.... O brazo dereito érguese ao Ceo  e o esquerdo diríxese á Terra, algo que non é insólito nas culturas antigas que teñen como base o oriente e tratan de expresar a dialéctica Caos-Cosmos.  A testa bocexada, marcado unicamente as cellas e o nariz, o peiteado ou casco sen rematar, como as “Tetes coupes” célticas.  E xa quixeramos asociar o tema representado polo coloso con aquel texto do xeógrafo do sc. I Estrabón,  relativo ás danzas do galaicos que nas noites de plenilunio di que beben e danzan caendo de xeonllos... “se non é vero é ben trovato”.



A primeira noticia do achado deste xigante “homem de pedra” , non podía ser doutro xeito, tena no 1876 o escudriñador, o Schliemann da arqueoloxía “celta” , aquel fidalgo formado en dereito en Coimbra,  Francisco de Guveia  Martíns Sarmento. Informacións que lle veñen dadas  polo párroco de Pedralva. Figura esparexido en tres partes  nas propiedades da Quinta das Eiras, na carballeira  dos Picos e na Châ de Ferrujal, puntos pretos da estrada de Lanhoso a Braga, a que para pola Citania de Briteiros, lugares abondosos en mámoas , castros e lendas de mouros e que apoiarán determinadas teorías sobre a orixe desta escultura.  Sabido que no Monte dos Picos abondaban restos de valados, construcións circulares que preocupaban a Sarmento,  onde mesmo apareceu unha máis pequena e estraña figura, a que tamén se pon en relación co culto fálico, adquirida por Sarmento no 1893, seis anos antes da súa morte, para a súa colección e ben coñecida na Arqueoloxía Castrexa. A figura do coloso recompúxose, mesmo a base xa fora cortada, reaproveitada polos paisanos.

Contaxiado polo arqueoloxía guimarense será o Presidente da Sociedade Arqueolóxica Martín Sarmento de Guimâraes,  o coronel  Mario Cardozo,  ademais grande amigo da Galiza,  quen recolla,  estuda e publique as circunstancias do achado do coloso, será na Revista de Guimâraes, 1928. Dinos que Martíns Sarmento convencido polo párroco padre Antonio de que era unha escultura antiguísima, decide mercarlla aos propietarios da quinta das Eiras, coa ansia de levala e expola na Citania de Briteiros, xacemento no que tiña postas todas as súas ansias de romántico pioneiro da arqueoloxía castrexa.  Máis un dos carreteiros que a transportaba contoulle a Sarmento que proviña do lugar de Pena- Provincia e que con dificultade de levaba para o mosteiro de Tibâes foi abandonada en Pedralva....Esta explicación  formaría corpo da mitoloxía popular?.  Máis a abundancia na zona de restos arqueolóxicos da protohistoria, os contos e as testemuños do párroco animaban a crenza de  Sarmiento. Inicialmente e por problemas en tan custoso transporte depositaranse as tres partes do coloso na finca da Bouça Velha, onde permaneceran abandonadas até o 1929, ano no que a Sociedade Martíns Sarmento retoma o tema e determina levalo, con moitas dificultades e tras cinco días de esforzos,  a trinta quilómetros de distancia, ao seu Museo de Guimâraes pra poñelo no centro do claustro gótico do Convento de Santo Domingos. O famoso Congreso de Internacional de Arqueoloxía de 1930 centrou as miradas no “Colosso” de Pedralva, sen determinar demasiado.



Non abondan os estudos sobre o coloso, no 1948  será o historiador Antonio de Azebedo que retome o tema pra, sen documentación,  asocialo cunha escultura inacabada, do sec. XVIII , con destino a algún templo ou praza de Braga e que a guerra con Francia interrompeu a súa construción, argumentando que as esculturas castrexas dificilmente rompen a verticalidade. Pra concluír que fora o que fora, rematado ou non,  resultaría un “mamarracho”, unha mala estatua.



No 1996, tras un convenio entre o Concello de Guimâraes, a Sociedade Martíns Sarmento e o centro comercial Continente, determinouse retirar o Coloso de Peralva do claustro do Museo e poñelo nunha rotonda a carón do supermercado...  e a alí o ollamos, novamente esquecido, entre o tráfico e dous arroios que son unha cloaca. A Historia e o misterio sigue envolto nas miserias do tempo.



25-XI- 2018