TENREIRO BROCHÓN, PINTOR DO ESPÍRITO DA PAISAXE

Ampliar: Antonio Tenreiro- Autorretrato co brazo escaiolado



Adentrámonos na vida e na obra do pintor coruñés Antonio Tenreiro Brochón (1923-2006). Obras de pequeno formato que reflicten poeticamente sensación, o devalar das horas ao longo do día e nas estacións do ano.

Bohemia, bonhomía, afiada sensibilidade,retranqueiro tamén, sumando un gran espírito creativo, iso e máis era o que era o arquitecto e pintor coruñés Antonio Tenreiro Brochón.  O mesmo que descubrimos a través das súas obras, nas que translocen as pegadas  dunha Terra, duns andares de viaxeiro e dunha vida que nace e morre na Coruña e vai de 1923 ao 2006. Anos non propicios para dar renda solta á liberdade na que fora educado.  Fillo do prestixioso arquitecto Antonio Tenreiro Rodriguez que, en Galiza, da o paso dun Modernismo con carácter galeguista á esencial xeometría do Movemento Moderno Internacional, fácil de recoñecer en edificios especialmente da Coruña, como o Banco Pastor, o Barrié, Mercado de S. Agostiño... A súa nai, oriúnda de Francia e Alemaña, Mathilde Brochón Reinmann, deseñadora de sombreiros. Familia numerosa,tolerante, aberta ás linguas, á arte, ás viaxes e polo tanto a ese eterno renacemento que é o humanismo, onde o popular e Galiza está na orixe.



Antonio Tenreiro endexamais abandonou o seu espírito mozo, enxergaba o acontecer, como caracterizaba aos da súa casta e rango, os que tiñan un xeito de templo no herdo dos avós, no lugar do San Calcón, solar de  “Fábrica” de curtidos, “La Magdalena” de Pontedeume, gabancioso caserón decimonónico abrindo ás Fragas do Eume, aos vellos camiños dos Andrade, ás Mariñas de Freires e Condes. “Locus amoenus” orixinario ao que sempre volvía, onde a paisaxe e as formas que ata o río están sempre en devalar de luces e cores sobre os areais, o bosque e os eidos, marcando as estacións do ano, as horas que van da alborada ao solpor de cada día...espazos cargados de arqueoloxía, onde, de xeito premonitorio, apareceu a  labra en pedra dunha testa dun “Hermes Cuadrifaz”, que algúns arqueólogos nimbaron de “céltica”  , doazón ao Museo Arqueolóxico da Coruña.  Casa coutada no horizonte pola visión da Torre de Andrade e pola outra, sobre Pontedeume, a do monte sacro do Breamo. Por algo mansión coroada por un xeito de observatorio ou ciborio erguido ao ceo a modo de carapucho. Xardíns no que se venera un teixo que a sabedoría de xardineiros modernistas foi capaz de podar acondicionándoo en pisos que servían como cenáculo e miradouro... Casa de portas abertas, polas que pasou convidada a mellor intelectualidade da época, Castelao, Valle, Palacios, Lloréns... “Genius” do lar que quedou no adn familiar. Casa da que saíron astrónomos, científicos,  músicos, arquitectos e todos con algo de poetas e hoxe mansión habitada por pantasmas que arrastran nostalxias, á espera dun futuro que rehabilite e revitalice as súas pasadas glorias.



Dende a escola de párvulos do “College Francaise” da Coruña, Tenreiro foi compañeiro de “Vitoliña”, como así de nena lle chamaban a María Casares, á que visitou en varias ocasións no seu exilio parisino da rúa Vaugirard, pra lembrar historias da Marineda progresista da súa infancia, os veráns en Montrove...e tantas cousas fendidas pola guerra.  Alumno tamén do Colexio Dequidit, contemporáneo e amigo doutros ilustres coruñeses, que como el tamén se formaron nas aulas do Instituto Eusebio da Garda, recibiron clases de María Corredoira e Emilia de la Iglesia ou na prestixiosa Escola de Artes e Oficios, coincidente con María Wonemburger, con  Lago Rivera,  Xose María Labra, Vázquez Molezún,  Antonio López, Mariano García Patiño, Suárez Pumariega ... espazos escolares da Garda, dignos de compatibilizalos cun proxecto museográfico.  Formado en debuxo con Manuel del Torno, mestre axudado por Torrado e Jesito. Momentos nos que a librería de Lino Pérez na rúa Real,  ofrece mostras da obra de mozos  creadores que rompen co academicismo, entre eles Lago, Labra ou Tenreiro. As colaboracións coa revista “Atlántida” reafirman inquedanzas e teorías artísticas ás que tampouco foron alleas ás crónicas e a sensibilidade do polígrafo Miguel González Garcés. Xeira de creadores que seguen e innovan tradicións pictóricas coruñesas, entre os que non podemos esquecer a González Pascual, a María Elena Gago ou Pucho Ortiz.



Tenreiro ingresa na Escola Superior de Arquitectura de Madrid, onde ecoaba a sona do arquitecto e profesor, amigo e valedor da casa dos Tenreiro, Antonio Palacios.  Así é que dende 1942 fai de Madrid a súa nova casa, trata a pintores como  Benjamín Plencia, Vázquez Díaz, Gregorio Prieto Joaquín Valverde, Gerardo Rueda, aos da “Escuela de Vallecas”, do círculo da Galería Buchholz, atraídos pola reinterpretación da paisaxe. Tenreiro móvese coa súa moto pola Alcarria, Segovia, Cuenca, Toledo... toma apuntes, fai acuarelas...Expón en Biosca  e no 1951 será premiado na I Bienal Hispanoamericana de Madrid.  Integrado nas vangardas galegas, Díaz Pardo e Seoane abriranlle as portas pra expoñer no Centro Lucense de Bos Aires.



Si ben, dende moi neno levaba a vocación de pintar e pintaba, a acuarela, ao óleo, sobre tablex, xeralmente en pequeno formato.Parte do impresionismo e do cubismo de Cezanne que abrirán a tantos camiños. Tenreiro facíao dende a súa timidez e polo pracer de  experimentar, de pintar con liberdade e pros amigos aos que agasallaba coa súa obra: paisaxes no devalar das horas, das estacións, espidas, envoltas en luz, brétema ou en chuvia,  mostrando o “genius loci”  de acantilados, praias, eidos, sitios das Mariñas coruñesas, os mesmos lugares que atraeron a  Abelenda, LLoréns ou Seijo Rubio... Gustoso tamén dos bodegóns agarimados por unha luz morriñosa que se filtra polas xanelas. Incitado polo autorretrato,nos que tenta expresar o seu estado anímico. No 1989 ingresa na Academia Galega de Belas Artes e faino cun discurso sobre “El impresionismo y pintores españoles de la época” ao que contesta Carlos Martinez Barbeito.



Atraído pola arquitectura, o deseño e a sensibilidade creadora dos Países Nórdicos reafirmarase no  panteísmo que xa levaba dentro como bo galego que era. No 1956 retorna á Coruña con proxectos arquitectónicos que lle permitirán ir vivindo, entrando na súa pintura nunha etapa de desacougo “Época Negra”, caracterizada polo uso do negro e os grises que expresan a soidade da “Longa noite de pedra” pra iso escolle pintar lugares míticos, Fisterra, Muxía, o mar do Orzán... Como arquitecto fai obras pra “Estrella Galicia”, o Instituto de Betanzos, perdido nos anos 80, pese a ser recoñecido co Premio Nacional de Construcciones Escolares, fai  a casa de Labra en Gandarío, construción gabada na revista especializada “Benelux Bown”, unha urbanización obreira no encoro dos Peares... colabora con Fernández Albalat na Fábrica de Coca-cola, e velaí a Fonte das Paxariñas... moitas das súas obras arquitectónicas maltratadas pola insensibilidade.



Tenreiro endexamais perdeu a ansia de abrir os sentidos ás viaxes, aproveitándoas visitou a mestres e compañeiros exiliados,  en París a María Casares, a Manuel Colmeiro, en Suiza ao seu tío Ramón Tenreiro Rodríguez, deputado na Segunda República. Viaxes que incluso o levan a expoñer en Zurich,Basilea ou Helsinqui.



Tenreiro, nunca deixou a moto, mesmo unha Harley Davidsón, ao final un máis lixeiro Vespino, retorna a súa Itaca, Coruña, Montrove, caseiro, familiar, dos amigos, dos seus.... viaxa agora por  lugares da súa nenez, sempre enxergando o devalar das horas na paisaxe. Obra que recentemente o Concello de Oleiros expón na Casa Charry e que neste 2018 homenaxea cun roteiro cultural, iniciativa exemplar e necesaria  pra coñecer, querer, espallar e difundir a obra dun pintor poeta, bo e xeneroso onde os haxa. Montrove, Santa Cristina, a Ponte do Burgo, do Pasaxe, os míticos Seixo Branco e a Marola, Canabal e sempre a Coruña, as súas siluetas, os tellados...



Pra Tenreiro o reto era pintar o estado anímico, os arrecendos, o son do vento, da treboada, o tacto do sol...e conseguiuno con pequenas obras, como versos pintados.