O “Día das Artes Galegas” dedicado a Díaz Pardo: o compromiso ético e estético con Galiza

Ampliar: Cartel Día das Artes Galegas 2025, autor Xosé Díaz



Isaac Díaz Pardo (1920-2012) fillo do escenógrafo das Irmandades da Fala, Camilo Díaz Baliño, o que retoma as habilidades, a ética e a estética do seu pai, asasinado na guerra civil, para desenvolver e mellorar as ansias de dignificación de Galiza

Dende o 2015 a Academia Galega de Belas Artes celebra  cada  1 de abril como “Día das Artes Galegas,  neste 2025, dedicado ao creador de formas Isaac Díaz Pardo. Data que rememora as calendas de Abril do 1188, cando o Mestre Mateo, o primeiro celebrado con este “día”, asenta os linteis do Pórtico da Gloria.

Díaz Pardo, o eterno insatisfeito, queixábase de que ningún goberno galego fora capaz de recuperar o Seminario de Estudos Galegos : coñecer para querer e defender Galiza, o que coa crueldade da guerra, foi espoliado e moitos dos seus creadores paseados, represaliados, exiliados, trastornados... Iso si, véxase o que fixeron os cataláns, despois da morte do ditador, retomando a misión do Institut, d´Estudies Cataláns. E velaí a teima na vida de Isaac.

Colgar co cabalete e a pintura “de galería” polo deseño industrial: arte con orixe e orixinalidade

Fillo de Antonia Pardo Méndez, pegado ao  facer do seu pai, Camilo Díaz Baliño, singular nas Irmandades da Fala,  escenógafo con talleres na traseira da  compostelá Casa da Tumbona na rúa das Hortas, traballador para o empresario Isaac Fraga, padriño de Isaac.  Onde o habilidoso mociño colabora facendo carteis para o Partido Galeguista, os que mesmo asina Castelao... Dáse o golpe franquista, co encadeamento e aleivoso asasinato de Camilo nunha cuneta de Palas de Rei. Entre o horror o fillo fuxe e escóndese na Coruña.... Para despois da Guerra ser bolseiro da Deputación da Coruña: fórmase en San Fernando de Madrid, onde o tema relixioso e mítico está nas súas primeiras obras, recorre a Italia, afonda nos veneciáns. Autor de lenzos que el mesmo enmarca recordando as habilidades do pai. Faise o  enfermo para non pintar o encargo da bóveda da basílica franquista de Cuelgamuros, que realizará o mosaísta catalán Padrós... Anos de varias exposicións con motivos simbolistas. Velaí en gran formato “A barca de Caronte”  lección de saber en forma e fondo: a loita colectiva en difíciles circunstancias... “Os afogados” (Col. Abanca) que debera referirse aos mártires: no chan dun peirao corpos mortos, de ollos desencaixados, sangue dun tiro na cabeza,  a xente recolléndoos ...e ao fondo a luz dun faro. “O Discurso” (Col. Deputación da Coruña, Museo B. Artes, Coruña) en realidade é un mitin...e sempre vellos, mozos, homes, mulleres, nenos, o pobo con esa singular ollada á esperanza, as camisas brancas que lembran ás de Goya nos fusilados. “O Concerto da Zanfona”, Alba de Gloria: unha moza toca a zanfona...tribo arredor, como no Pórtico da Gloria.

A obra de Isaac encarreirase cara á divulgación, ao cartaz de cego, recollendo as leccións de Castelao: con debuxo e texto. Para no 1948 deixalo todo e dedicarse, en teoría e praxe á conciliar a idea de arte e industria, tradición modernidade, o debate sobre arte popular, artesanais...Puntualizando de xeito retranqueiro que o que el facía, non era arte, nin artesanía era  “capitalisanía”,  definíndose a un tempo como un “conservador libertario” ou un “ limpamerdas e templas gaitas” . Non se entendeu esa lección case de cartuxo.

As ideas de Luis Seoane, de Díaz Pardo, atópanse para ser axudados por intelectuais do exilio arxentino e retomar aquela espoliada misión “de espírito” , poñendo en marcha, en teoría e praxe, o Laboratorio de Formas de Galicia, proposta da que saíron máis de duascentas publicacións. Contribuíndo así á información e formación na democracia. Empresas nas que se anova sobre o perdido: a misión do Movemento Renovador da Arte Galega,  dándolle voz aos exiliados, auxiliando, en silencio a intelectuais,  retomando códigos... tratando de normalizar ética e estética a través do Instituto Galego da Información. A misión do vello Seminario de Estudos Galegos estaba en marcha. Máis outros movidos máis polos cartos que pola dignidade de Galiza, fixéronse coa administración das empresas . Sitio no que un Isaac solitario, curtido nas andainas, enfermo, resiste numantinamente e esperanzado até o seu final, o que chegou nunha noite de Magos do 2012. A un tempo  “secuestraron” os fondos editoriais de “Gráficas o Castro Moret”,  tan necesarios, entre eles unha edición facsimilar de “Galicia Hoy” ( Ruedo Ibérico en 1965)...Ao respecto convén coñecer a entrevista realizada por Xosé Manuel del Caño en “o Contencioso de Sargadelos”. Edc. Linteo (2009).

O pórtico, a teima do asasinado Camilo Díaz  como novo logotipo... a busca da Luz...

Díaz Pardo escolleu o pórtico como logotipo das empresas que tiña ao fronte, o que significa a elementalidade arquitectónica: dous chantos como xambas, un oco central e un lintel sobre deles. Símbolo de Galiza, da Esperanza, de pasaxe, tamén como Ara Gael, interpretada con teimosía pola xeración do seu pai, Camilo Díaz Baliño. Mesmo nos derradeiros anos de Isaac ao encargarlle o Parlamento de Galiza un vitral para coroar a presidencia do hemiciclo, elixiu este pórtico. Aquí representado entre unha cenefa, debaixo con caracois que asoman ao sol e que, dende as esquinas, ascenden polo arco e se van convertendo en aves que voan...  Rastros do Decadentismo e do simbolismo romántico que tamén moveu a Castelao.

Isaac viviu radicado nas súas orixes, dedicado a superar a obra escenográfica do seu pai, a dignificar Galiza. Confín tan susceptible a esperpentos e feismos, efectos da degradación cultural. Coidando a misión de levar a Arte a un sistema industrial humanizado, para espallala como símbolo dunha terra e dun tempo. Aspectos na vangarda mundial que a crítica acocha.

Outros prefiren e cotizan máis ao Díaz Pardo pintor, como mesmo podiamos facelo noutras vertentes do humanista, entregado a servir, non a servirse: cartelista, escultor, mesmo arquitecto, editor, animador cultural, escritor... E para iso compre escoitalo, leelo... e abondan textos, o mesmo vídeos como “As olladas de Isaac”, determinante confesión. Mesmo tamén os Cadernos do Laboratorio de Formas de  Galicia, do Seminario de Estudos Galegos... Ansioso de re-crear e superar as teorías revolucionarias do obradoiro de arte ruso de Wchutemás (1920-1930), preparando, dende o racionalismo, artistas para a industria. Nas miras tamén a busca do esencial proposta polo grupo alemán Bauhaus (1919-1933)...e, como non, nesas bases os esforzos de Risco, Castelao, de Maside por dignificar Galiza.

“As formas han de ter patria como as linguas; ao fin e ao cabo elas son unha linguaxe....”

Isaac forma un tandem  e coincide co creador  Luis Seone, teimundo coa misión social da Arte. Saberes e esforzos dos que naceron  as cerámicas do Castro de Samoedo, despois na Mariña Lucense, retomando a memoria do ilustrado Ibañez e o nome de Sargadelos para unha nova fábrica de porcelana. Sempre deixando constancia de que este no é un capricho, nin unha obra valeira, que detrás de todo está o “espírito” de Galicia... Sendo pioneiro en empregar a idea e misión de “non da a esquecemento da inxuria...” o  de “memoria histórica”. Para a difusión nacen as Edicións do Castro,  coa colaboración valiosísima de Moret;  auditorios con actividade nunha e noutra factoría, os museos coas súas coleccións, e no Castro o Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, para homenaxear e mostrar como a partires do Rexurdimento nacen os Renovadores e unha reflexión teórica, ética- estética. Isaac di: “As formas han de ter patria como as linguas; ao fin e ao cabo elas son unha linguaxe e xa sabemos o que pasou cos esperpentos (Significado e orixe da labor restauradora de Sargadelos” Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia. N.1. Ed. do Castro Sada. A Coruña 1970. Asumindo a importancia da comunicación, creando en Compostela,  o Instituto Galego da Información.

Isaac entregouno todo, o comunista integral, outros viñeron e fóronse facendo coa maioría, mesmo coutándoo e esborrallando as bases, os fins, a ética e a estética. Queda no haber o orgullo de ter participado naqueles cursos internacionais no Castro e Sargadelos, con  creadores de todo o mundo, os que hoxe se gaban de ter tal escola.

Os poderes públicos aínda non entenderon o que significa a inversión en dignidade, en cultura, en canto supón a obra e o legado de Díaz Pardo. Inmenso capital e madurez para anos difíciles

27 MARZO 2025