Bos Aires, a quinta provincia galega.... e máis
A emigración foi saída a políticas nefastas. Cuba e a Arxentina acolleron a milleiros de labregos, e artesáns que enriquecidos uns fundaron centros sociais. No exilio franquista Bos Aires foi un centro de creación cultural galega fronte á represión
Aquelo de que Bos Aires é a quinta provincia de Galicia é máis que un dito, debe ser un ou varios tomos da inmensa Historia da Galiza contemporánea e dun Museo da Emigración Galega aínda por facer aquí.
Dende os mesmo anos do descubrimento do Río da Prata no 1515 polo sevillano Juan Díaz de Solís e de Magalhâes no 1520 aquelas rexións austrais das américas atraeron a misioneiros e foron unha saída da fame e da represión para poboadores, buscavidas e mesmo intelectuais exiliados da Galiza, deica confundirse cos indíxenas e coa súa historia. Insistimos en que a Historia de Galiza non se entende sen a emigración e mais no que atinxe aos séculos XIX e XX.
Dende a metade do século XIX ao XX asentáronse na Arxentina máis de 600.000 galegos, contando dende inicios do século XX até a súa metade con mais de 350 sociedades galegas, chegando o Centro Galego de Bos Aires a ter máis de 150.000 asociados, ofrecendo asesoramento e servizos médicos, dende o 1925 creando o grandioso panteón galego do cemiterio da Chacarita, capela con altar do escultor Asorey, inaugurado no 1944: a cruz coa Nai na vertical que, na horizontal, acolle ao Fillo morto, cimo dun viacrucis, dunha ascese semellante ao do emigrante. Panteón que acolleu a tantas vidas entregadas por Galiza, como Castelao, e aínda hoxe, esperando o retorno a Galiza das cinzas de Antón Alonso Ríos (1887-1980), vida curtida nos camiños doe exilio , o que, despois da morte de Castelao ocupou a presidencia do Consello da Galiza De ser un pobo con memoria e agradecido, Alonso Ríos ben poido ser aclamado o primeiro Presidente da Xunta de Galicia cando esta se instituíu no 1978.
Tanto así é que pola Arxentina aínda se refiren como “gallegos” a todo español. A pegada de Galiza está moi presente alí no idioma , na cultura crioula e na súa historia. Neira Vilas ou Luis Seoane, de diferentes xeitos, a través da literatura, da radio espallaron esta historia, coa loita contra a segregación expresada nos “Chistes de galegos” da autoría de Ricardo Parrota escondido baixo o pseudónimo de Pepe Muleiro. Historia galego-arxentina complementada tamén a través da obra de Xavier Alcalá, de Ruy Farías, autor de “Buenos Aires Galega”, de Serafín Portugal Soto, de Osvaldo Bayer, autor este dos tres tomos, argumento da película “La Patagonia Rebelde” (1974); a obra de Lois Pérez Leira, de Manuel Mera, de Dolores Vieites, de monografías como a de Luis Pérez Rodríguez sobre Fernando Iglesias “Tacholas”, do esforzo de Díaz Pardo a través da Editorial do Castro para deixar constancia de canto dicimos. E nos derradeiros anos a valiosa obra do profesor Xosé M. Nuñez Seixas, autor de “Os inmigrantes imaxinados. Identidade Galega na Arxentina (1780-1960)”... E as historias arredor de galegos no mundo gauchesco, na Patagonia como do boliche de Ramón Pantín fundando Calafate , ou a do ideólogo anarquista Antonio Soto Canalejo, coñecido como “El gallego Soto” ou a de Ramón Outarelo, como a de Antonio París, líderes das revoltas anarquistas, protagonistas de “A Patagonia Rebelde” contra os explotadores terratenentes, os dous últimos entre os masacrados nos predios da Estancia Anita ...dende simples creadores de boliches, mesoneiros, panadeiros en Bos Aires - mesmo meu bisavó creador de sidra la Farruca - a empresarios enriquecidos como o filántropos Naveira de Betanzos, creando asociacións solidarias, escolas, sanatorios... a primeira a de Avellaneda en Bos Aires. Sendo Galiza mesmo raiceira de presidentes, como Brandino Ribadavia, Alfonsín, a Kitchner... de premios Nobel como Saavedra Lamas, Esquivel... de intelectuais como Francisco Luís Bernárdez e a súa irma Aurora, musa, compañeira e herdeira de Julio Cortazar.
A palabra e a creatividade como arma contra a ditadura tramada no Café Tortoni
Sen faltar na capital arxentina un ambiente culto que nos anos da “Longa noite de Pedra”, dará continuidade, a través de editoriais á obra abortada pola guerra civil de dignificación e internacionalización da cultura galega. Grupo que a partires da segunda guerra mundial, coa derrota do fascismo, cavilaban nunha nova alborada, en preparar as maletas do retorno pero sufrirán traizóns. Historia de intelectuais antifranquistas que se reunían no vello Café Tortoni de Bos Aires, na avenida de Maio. Alí, aínda hoxe, como si dun cafemuseo se tratase, a carón das fotografías dun Borges que bebe no realismo máxico das fontes de Galiza, atopamos lembranzas de Paco Luis Bernárdez, o gran poeta oriúndo de Maside, de Luis Seoane, de Blanco Amor, de Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Suarez Picallo, Colmeiro, Laxeiro, Otero Espasandín, Xosé Abraira, Rodolfo Prada... Hora do café onde tamén se confundían espías. Refuxio de nostalxias, grupo coñecido como “La peña gallega del Tortoni” sumándose outros, como a do bar “Casa de Troya” este decorado con obra de Castelao. Ao respecto José González Ledo é autor do libro La Peña Gallega del Tortoni. Galegos inquedos vencellados á Federación de Sociedades Galegas, de sentir republicano, grupo e espazos de actividade exemplar, coñecida internacionalmente, onde mesmo solicitan colaboración Picasso, Alberti, Nicolás Guillén, Neruda... Historia que Francisco Lores Mascato (1934-2017) soubo recoller, gardar, estudar e mostrar naqueles mesmos espazos dedicados agora a Museo da emigración galega na Arxentina.
Un Castelao admirado e querido por todos, minado pola enfermidade e as saudades refuxiouse no Centro Ourensán, o seu legado na actualidade custodiase na Casa Galicia-Colexio Santiago Apóstolo, atinadamente dirixido por xente moza que asume pasados, legados históricos, algo que fai lembrar o lenzo de ” A derradeira Lección do Mestre”, obra de Castelao que reafirma o cantando no Himno Galego “Non deas a esquecemento da inxuria o rudo encono”: o mestre asasinado na encrucillada, a esperanza de dous nenos que se abrazan,
A figura de Luis Seoane faise omnipresente en Bós Aires, mesmo póndelle espírito de orixe a cidade, con obra mural espalla na cidade dun millón de esquinas, de librarías e teatros, como acabamos de divulgar dende Amigos dos Museos de Galicia a través do libro “Obra mural de Luis Seoane en Bos Aires”, da autoría de José Martínez-Romero Gandos, compañeiro de Pilar Jeremías Cela, activos na causa que nos trae aquí. Obra de Seoane - obra máis recoñecida polos marchantes que polos poderes públicos - por canto aportan pola súa funcións social: mural, gravado, deseño, propaganda, cerámica... Ao respecto recomendo ler, de vagar, o poema “Os emigrantes” o que mostra a envergadura dun creador que non da puntada sen fío social, epopea da emigración, contestación a Celso Emilio.
10 DECEMBRO 2024