A historia do cabalo en Galiza, a importancia na milicia, no transporte...na cultura
Introdución á historia do cabalo, parandose na súa domesticación en Euroasia, o emprego na milica, no transporte en Sumeria...o trunfo na cultura céltica e en Galiza.... na arte, as pervivencias etnoarqueolóxicas: rapa das bestas, feiras cabalares...
A historia dos cabalos e con ela a dos cabaleiros e das amazonas, pese á súa importancia nestes confíns do mundo, aínda esta por facer. Cabalo que é símbolo de prestixio, de elite castrense, mimado e adornado con adobíos que na antigüidade formarán parte do enxoval funerario do guerreiro. Sabendo nas súas máis remotas orixes da importancia dos xinetes mongoles, persas, gregos... Xa Hipocrates tratou sobre a albieitería ou hipiaria, isto é a veterinaria do cabalo, da hipoloxía como ciencia da besta brava domesticada, a hípica...
Non nos enredaremos na xenética, na orixe e evolución do cabalo: o Eohippus, de fai cincuenta e cinco millóns de anos transcorridos dende o derradeiro período da Era Terciaria, o Plioceno. Era aquel un xeito de poni, baixiño. como un can, duns 30 cmts. de alzada, catro dedos, dentes e mandíbulas cortas. Animal que se deu no que hoxe é América do Norte, pasando de Alaska a Asia e a Europa, proliferando no que hoxe é Francia e na península Ibérica, até converterse no equus. Velaí os asturcóns, percheróns, baixos, barrigáns e guedelludos, o que no Paleolítico Superior, entre o 40.000 e 10. 000 anos a.C. será pintado nas covas cántabras. Para seguir a evolucionar en Eurasia, entre Anatolia e o Cáucaso, nas veigas dos ríos Don e Volga e coa Primeira Idade dos Metais, entón coa minería e a metalurxia, o 6. 000 a.C, comezar a súa domesticación e difusión. Sendo Sumeria, como de tanto, o punto de orixe da cabalería.
Denantes do primeiro milenio a.C. pobos nómades, como os persas ou en Anatolia os hittitas xa usan o cabalo e o carro. Velaí as representacións da batalla de Kadesh (1.274 a.C) coas tropas exipcias de Ranses II, tal como se representa nos templos de Abu Simbel. E velaí tamén o cabalo nos textos da Iliada, os cabalos de Israel, os de Iberia, o papel do cabalo en Cartago, en Roma, na batalla de Cannas no 26 a.C entre Roma e o cartaxinés Anibal cos seus cabalos númidas, bereberes do norte de Africa ; os cabalos das illas británicas e Xermania; na batalla de Carrás (Harrán, Turquía) no 53 a.C. entre romanos e Patos. Cabalo imprescindible na construción de imperios. Mesmo na iconografía cristián a utilización de tres santos cabaleiros: San Martiño, San Xurxo e un Santiago con capa e espada. Cabalos tamén asociados aos seus ilustres cabaleiros, lembramos os seus míticos nomes: Pegaso, o cabalo alado de Zeus; Bucéfalo, de Alexandro Magno; Incitato, o de Calígula que mesmo foi nomeado cónsul; Hengroen, o do Rei Arturo; Babieca, o do Cid; Rocinante, o do Quixote... Adonis, o mítico cabalo branco ao que, o maxín lle pon alas como Pegaso... ou corno para ser Unicornio .
O cabalo é venerado, veloz, coa melena solta, o que segundo as vellas mitoloxías transporta en carruaxe ao Sol e así se representa nas culturas de matriz oriental como é a céltica. Ao respecto lembramos a esculturiña en bronce de Trudonholm, en Dinamarca: cabalo que tira dun carro de catro rodas radiadas portando un grande circo solar de lamina de ouro, datada na Idade do Bronce, o 1400. A.C. sendo, deica agora, a mais antiga representación sobre o tema en Europa. E velaí o símbolo e icono do Cabalo de Troia, mito, historia, arqueoloxía entrelazadas. Cotizado cabalo en oriente, nos pobos bálticos, en santuarios da Picardia gala para os sacrificios e ofrenda aos deuses. Ao respecto entre os celtas galos atópanse abundantes testemuñas, mesmo en relación con Epona a deusa gala, devoción estendida a Britania, protectora dos cabalos, padroa pois da cabalería romana e vencellada coa fecundidade, coas eguas. Tema do cabalo moi socorrido na cultura celta e sobre o que abonda a universidade de Gales, en Cardiff , autora de The horse in celtic culture (1993).
Cabaleiros, frades, arrieiros, salteadores... un universo cultural de aventuras e relacións
Cabalo que, ademais de símbolo significa carne, a nutritiva carne seca, cecina de cabalo, tan apreciada polos romanos, aínda hoxe e que noutrora caracterizou a moitas carnicerías galegas.
Cabalo inseparable do cabaleiro, guerreiro ou amazona,. Entre estas lembremos a imaxe da británica antiromana Boudica ou no sc. XI a tamén británica e aguerrida lady Godiva , aínda que no ambiente cortesán a muller non estaba ben vista que cabalgase a carranchas. E a linguaxe do cabalo nas estatuas, ese socorrido tópico que nos explican os guías: pousando as catro patas quere dicir que o seu cabaleiro morreu de causas naturais; sobre tres que morreu de feridas no combate, sobre dúas que morreu pelexando.
Galiza é fecunda en cabalos, xa os cronistas do cambio de era, como Varrón ou Columela, abondaban no mito que dicía que a Gallaecia era terra de cabalos fecundados polo vento... Confín de greas de bestas bravas que aínda observamos ceibes polos montes - paisaxe agora crucificada de xeradores eólicos - co gadañón ao fronte, as eguas coas súas crías, en tropel ou abeberando nas brañas. País que, ao respecto ofrece, como poucos, unha arqueoloxía que se perde nos tempos: dende as pinturas, gravados e arte mobiliar paleolítico das covas e moi especial en Asturias, até os petróglifos da Idade do Bronce co tema do cabalo e da domesticación...entre paisaxes de fondo valor arqueolóxico, con brañas, curros que corren tantos risco polo trazado de pistas, eólicos ou mesmo a comercialización das súas pedras como “pedra rústica”. E como pervivencia etnoarqueoloxica as celebracións das rapas das bestas no inicio do verán, coa doma, a rapa de crinas e a marca co ferro a lume ...todo un tratado, máis fotografado e filmado que escrito: a rapa de Sabucedo, de Candaoso, da Capelada, Mougás...
E xa non digamos o cabalo na cultura castrexa e velaí o frontal con ringleira de cabalos de Formigueiros, Amoeiro, singular labra de carácter “céltico” onde as haxa; a interesante diadema de Moñes (Asturias) placa de ouro batido do sc. III a C. con escena dun posible ritual do Alen, con cabaleiros armados, cubertos de casco de penachos, entre persoeiros con caldeiro e fauna acuática; a representación do cabalo nalgunhas estelas.
E a importancia do cabalo coa romanización, onde cavilamos que os xinetes galegos, por arriscados cabaleiros eran moi solicitados para os exércitos. Así o demostran os restos atopados de estruturas de estabulación, elementos das rendas, arneses... Terra de ferreiros, de expertos ferradores e da talabartería. Logo no medievo, o universo de cabaleiros de casta e rango, con encontros e desencontros en xustas e batallas con outros pobos, como os árabes. Pobo de fonda cultura, abundante en manuscritos sobre o tema. E como proba as grandes feiras cabalares de Galiza, comezando polas de Compostela na carballeira da Ferradura; e aínda vivas, na metade de outubro as San Lucas de Mondoñedo, a de Padrón ou a da Gouxa en Terras do Deza, como a de Teo. Aínda que será o islám, herdeiro de Bizancio, confluencia de saberes, o que perfeccione o universo do cabalo, levado a Córdoba e Sevilla para ser referentes. Deica o noso tempo: os mimados cabalos hispanoárabes ou os cotizados miuras.
Teodorico de Borgognomi da Lucca, bispo de Cervia sc. XIII é autor de Practica equorum, que dará pe a outros tratados. Xa sabemos o que significou a mitoloxía e as historias de cabalerías, as do Rei Arturo, as dos Amadis e por suposto a tolemia do Quixote. Falarase dos pura sangue, para iso o Libro de albeitería da autoría de don Juan Suárez de Peralta, do sc. XVI que nos remite a autores orientais e gregos. Entre moitos manuscritos sobre o xeito de enfrealos, a arte de cabalgar... asuntos que interesan a fidalgos e clérigos renacentistas, como a obra de Federico Grisone, sc. XVIII, falando do uso de esporas e fustas...
Para o medievo xa non digamos o que significou o cabalo: as ordes de cabalería, trotamundos, guerreiros, misión... Imprescindible do transporte, dos carromatos, entón da arrieiría, dos maragatos na parte asturicense, atando cabos comerciais. Cabalos que supoñen no camiño postas, paradas e fondas e niso a toponimia danos moito que dicir. E asociado coa arrieiría está o mundo das gavillas de salteadores de camiños e arredor deles lendas e realidades como a de Pepa Loba. Faco esencial ao gandeiro, ao cabaleiro, ao potentado levado nun simón ou nunha carrilana, ao párroco na súa misión. Mimado cabalo, con corte, presebe, argolas na fachada da casa... Tema que pasa á arte e cavilo nas esculturas de Oliveira, en lenzos de Román Navarro...nas pinturas co singular trazo de Prego, de Colmeiro, de Laxeiro ou de Quessada.
15 NOVEMBRO 2024