O Pico Sagro, sentinela na cerna dos vieiros, anuncio da chegada a Compostela

Ampliar: Felipe Senén no Pico Sacro



O Pico Sagro , en terras de Boqueixón e Vedra, anuncia a chegada a Compostela. Singular enclave na mítica Transalatio do corpo morto do Apóstolo polos seus discípulos, entre aventuras e desventuras: serpes, touros bravos, o pazo da Raiña Lupa...

Vaia polos vieiros que vaia quen peregrina a Compostela, sabe que ao ollar no horizonte a silueta do Pico Sagro, está ás portas do sartego de Santiago. Monte, altar erguido sobre o  Val do Ulla, tendo  pola outra banda as Terras do Tambre, aberto  á Rosa dos Ventos, vixía aventando ó solpor un pentagrama de montes que anuncian o océano, Iria e máis alá o Pindo,  pola outra o Faro, as Ribeiras Sacras, o San Mamede, a Limia... Pico Sagro, erguido sobre  Santa María de Lestedo, dende onde se abre camiño, deixando o cruceiro labrado , a fins do sec. XIX, polo escultor Betetos ,  pasando pola parroquia de San Lourenzo da Granxa , que se di foi mosteiro bieito. Concello de Boqueixón, rico en vestixios romanos.

Ao ollalo ven cavilamos naquelo de  “Pico Sagro, Pico Sagro hoy te veo e mañana te paso”... e mais os peregrinos que veñen do Sur,  os que seguen a vía Mozárabe que o beirea . Veciño da non menos mítica gorxa do Ulla en San Xoán da Cova, Ponte Ulla, un dos lugares preferidos nas xeiras de Rosalía e Murguía, pintado polo seu fillo Ovidio en lenzo para o Pazo de Montero Rios en Lourizán (agora no Museo de Pontevedra),  documentado na  litografía de 1838 de Ramón Gil Rey...paraxe a carón da ermida erguida sobre unha fonte en Santa de María de Gundián, concello de Vedra... Barranqueira  hoxe atravesada por dous viadutos do ferrocarril, un inaugurado no 1958, obra do enxeñeiro Ricardo Barredo de Valenzuela  e outro para o AVE comezado no 2008. As primeiras obras aquelas que sepultaron o mosteiro prerrománico que lle da nome ao lugar e que del Hoyo di foi cabeceira do prioiro dos  Coengos Regulares do SaSon moitas as referencias e de vello do Pico Sagro: no século XVII as de  Mauro Castellá Ferrer na súa Historia do Apóstolo,  facendo  alusión aos mitos da “Translatio” apostólica, aos dragóns , aos touros, a Lupa ou ao Castelo ... Murguía, López Ferreiro, o Padre Fita, entre moitos ofrecen datos similares, seguidos  de novas pescudas. Pico Sagro, “saxum”, seixo, cuarzo de gran pureza, monumento natural, testemuña da primeira formación xeolóxica deste noso cabodomundo, onde se unen dúas placas tectónicas.  Ameazado polas minas de cuarcita de Serrabal, tan cotizada para usos industriais: paneis fotovoltaico, para o   ferrosilicio....

Fito, antepórtico no ascético camiño,  Xogo da Oca  na busca dun sartego  de Esperanza

Identificado por algúns coas referencias ofrecidas por  Justino (Sc. III)  ao “Mons Sacer”...  no que di se consideraba pecado escavar, pero onde o raio deixaba á vista o ouro... Jerónimo del Hoyo, nas Memorias do Arcebispado de Santiago,  (1607) refírese aos mitos... Conta que o altar desta capela foi consagrado polos discípulos do Apóstolo, onde, polo vento e a néboa soamente se di misa os domingos de maio, o día do Santo e na Pascua do Nadal...Di que no alto está edificada un castelo de difícil acceso, de moi boa, grosa e ben labrada cantería, que a porta está elevada e non se pode acceder sen escada, escuro por dentro, con vestixios dun alxibe... Conta que moitos veciños aproveitaron estas pedra para as súas construcións, entre os que máis un tal Rodrigo da Fonte.  Aumenta que debaixo do Castelo hai unha mina que sae ao Ulla, tal como daquela comprobaron botando aves que saían en San Xoan da Cova...Comenta que ou tal Juan Antonio da Coruña gastou a súa facenda explorando esta mina, atopando grandes ocos e que se dirixía ao río... Refírese a Lupa, aos discípulos do Apóstolo e á domesticación milagrosa dos touros  para xunguilos ao carro...

 O escritor romántico da Estrada Marcial de Valladares, faille un poema  e ambienta nestes lugares a primeira novela en galgo, o folletín de “Maxina ou a Filla Espurea”, como Curros Enriquez en  “Aires da miña Terra”:”..que  “...Agoirou  para Galiza fulxentes, craros días,/nun cumio de un Tabor de libertá ben quixo:/¡cando o Povo Galego, vencendo ás tiranías...” Manuel Vidal en “La Tumba del Apostol Santiago” (1924) describe unha excursión  arqueolóxica polos escenarios da traslatio: Iria, Castro Lupario... e o Pico Sacro. Refírese á visita que no 1698 fai o historiador galego Juan Álvarez Sotelo, abundando en Lupa, nas minas que di feitas polos romanos... ao proxecto de Torre nos  tempos de Xelmírez, renunciando a construíla e que di  feita a fins do século XV  por Alonso de Fonseca... Conta que as covas  foron exploradas no 1649 por un xesuita do colexio de Santiago, como que  no 1915 o autor, outros e o propietario do Hotel Suízo, Alfredo Mengotti, tentan explorala... que mesmo o  Conde de S.Alberto fai un informe para a Academia da Historia. Non deixaremos de lado  a novela  do salesiano compostelán e pioneiro da arqueoloxía cántabra don Xesús Carballo  “Fida la hija del último druída galaico” (1951) entrelazando a teima de celtismo e cristianismo, recollendo arqueoloxías e situando nelas mitos e lendas, en especial a Translatio do corpo do apóstolo polos seus discípulo Teodoro e Anastasio, dende a “Barca de pedra”  e o Pedrón de Iría, visitando a Lupa no castro de Faramello,  apresado e levados a Duio, a cidade castigada e asolagada, para liberarse milagrosamente, domesticar touros e vencer serpes do monte Ilicino, o Pico Sagro... pasar o monte Libredón , até  atopar sitio para o sartego e erguer memorial  en  Arca Marmórica...o cemiterio (Compositum-estelae), Compostela.  Ascese entre aventuras e desventuras, camiñando, contando e cantando, entre probas, bosques e monstros...contos propios do occidente céltico..

Na actualidade a Federación Galega de Xeoloxía dedicoulle tempo ao Pico Sagro, fendendo o mito de que aquelas covas eran a entrada ao Inferno ou aos pazos da Raíña Lupa, defendidas por un monstro, con salas e fonte con canos de ouro e unha  con sartegos... entendéndoas  agora como formacións naturais, iso si, reaproveitadas... e sen  vestixio de minería de ouro.

Bosque  Ilicino, o que foi de sobreiras, das que aínda se ven algunha, nas abas a pequena ermida en orixe do sec IX, tempo do bispo Teodomiro, cristianizando o sitio dedicado ao San Sebastián, e  que Vidal di “druídico... para sacrificios de sangue”... e que máis o bispo guerreiro Sisnando fundou abaixo  unha granxa- mosteiro bieito. Monte que celebra  romaría cada 10 de agosto, o 20 de xaneiro e o derradeiro domingo de maio, onde se sube en peregrinación: ”Pico Sagro sáname deste mal que eu traio” . Cima na que se  ven os vestixios do castelo reedificado no sc. XV polo arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca, logo de Toledo, a fin de defenderse dos veciños condes de Altamira: foxo cortando o acceso á cima e que a mitoloxía popular interpreta como o “Paseo da Raíña” Lupa... e arriba o burato da cisterna, restos de tella, sobre o que campa  un monólito, vértice xeodésico para o xeógrafo  Domingo Fontán .

Na mañán do 19 de xullo do 1924, vésperas do Día da Patria Galega , celebración entón prohibida pola Ditadura de Primo Rbera,  membros do Seminario de Estudos Galegos e os de Nós, convocaron na cima do Pico Sacro ao galeguismo . Algúns de Ourense, entre eles Risco e Otero Pedrayo fixeron o camiño a pe dende Ourense. Na cima pronunciáronse discursos de ansia e esperanza, ergueuse a bandeira e cantouse o Himno. Aquel fito de vésperas e alboradas,  quedará prendido e rememorado:  a  Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, esconxurando o mito do río Leteo , afiando memoria,  teno ben en conta e sigue a convocar no Pico Sagro, a ler o “Alba de Gloria”  de Castelao e a acender fachos irmandiños.

Paraxes sacras na tradición a defender, sacrilegamente  acosadas: minas, eólicos, eucaliptos, urbanizacións...a eterna loita entre as cuestións de espírito e o negocio.

20 XULLO 2024