O Monumento a Curros da Coruña como “Altar´ de galeguidade

Ampliar: Asorey asinando o monumento a Curros da Coruña, 1934



O 11 de agosto de 1934 inagurouse no Recheo coruñés o monumento ao poeta Curros. Acto coa presencia do Presidente da República.Obra de Asorey representativa do sentir galeguista: como un árbore que se ergue do caos Terreal cara á luz da Esperanza

A obra máis celebrada do escultor cambadés Francisco Asorey González (1889-1961) é o monumento a Curros da Coruña. Como un altar, erguido despois de moitas contrariedades, o 11 de agosto de 1934, feito moi esperado e realizado con todos os honores, contando coa  presencia do Presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, autoridades, corporacións académicas, a intelectualidade galeguista e o entusiasmo da cidade.

Para tal ocasión, asumindo a transcendencia, a Academia Galega editou un libriño sobre o poeta de Celanova, o que tantas veces agasallou  a que el cantaba “Ouh Cidade Meiga da Coruña”.. e no que se deixa constancia das xestións para a execución de tan significativa obra.

Monumento proposto inmediatamente á morte na Habana do poeta creador da Academia Galega, un 7 de Marzo de 1908, momento dende o que a cidade que tiña coroado solemnemente ao poeta en 21 de outubro do 1904 quería acoller agora os seus restos mortais nun gran mausoleo. A Academia Galega e a Asociación da Prensa acordan xestionar a erección do mesmo, as que, en 5 de xuño de 1908 forman a Comisión pro monumento, abandeirando a proposta Murguía e o alcalde Manuel Casás , contando ademais coa entón denominada, e dende a súa creación no 1849,  a Academia Provincial de Belas Artes da Coruña.

  O 31 de Marzo é recibido no porto da Coruña, con todos os honores, o cadaleito do vate, que será exposto na Consistorial, para o 2 de abril darlle unha multitudinaria despedida até o cemiterio de Santo Amaro. Feito que quedou moi prendido na memoria da cidade.

Ofrécense veladas coa ansia de animar á causa promonumento a Curros, búscanse doantes... súmanse en Bos Aires iniciativas, insistindo, a un tempo na creación de escolas que honrasen o nome de Curros Enríquez. Ansias nas que non queda atrás a colectividade galega da Habana, a que mesmo ofrece o proxecto dun mausoleo ideado polo laureado escultor vallisoletán, afincado en Cuba,  Moises de Huertas y Ayuso (1881-1962).

Por diferentes circunstancias pasan os anos e as propostas pospóñense. A morte de Murguía contribúe ao retraso. Delegando poderes á Academia Galega retómase o asunto no 1921 e faise propoñendo a convocatoria dun concurso entre artistas españois. Preocupa a situación do monumento, escollendo a nova area do Recheo,  ampla explanada no corazón da cidade, a carón do porto e que servía como posta en escena de obras modernistas que expresan a ilustración municipal do momento. Insístese en que o material sexa granito galego e que nel se dispoña de sitio para depositar as cinzas do poeta.

 Os vizos, o poeta... e tras del o pobo labrego... no cimo a Alborada...detrás o panceltismo...

Prepáranse as bases do concurso para a selección do proxecto do monumento, e simbolicamente o 22 de xullo do 1923 colocarse a primeira pedra. En 7 de Marzo do 1927 a Academia saca o concurso e o 7 de setembro reúnese o xurado: o Marqués de Figueroa, Ramón Cabanillas, Francisco LLoréns, Durán Salgado e Juan Cristobal. Primeira convocatoria na que non convencen os proxectos presentados, declarando meritorios os presentados por Ferrant, Marín, González del Villar e Lage.  Axiña, o 11 de agosto de 1928 convocase un segundo concurso ao que concorren doce proxectos, nesa ocasión no xurado estarán  o Marqués de Figueroa, Álvarez de Sotomayor, Antonio Palacios, Francisco LLoréns, Rodriguez González, acordando outorgar o primeiro premio a Francisco Asorey, o segundo de 2000 pesetas ao castellonense Juan Bautista  Adsuara (1891-1973), en colaboración con Sala e o terceiro de 1000 pesetas a Izquierdo y Vivas (1893-1985). Asorey pon mans a obra, pero unha enfermidade, as folgas, as indecisións sobre a situación do monumento retrasan os prazos...  O escultor recibe 60.000 pts. polo coste da súa obra.

Asorey  está moi solicitado, é entón cando muda o taller de Caramoniña ao inmediato e a carón do convento compostelán de Santa Clara. Taller do que sairán ademais o Monumento a San Francisco para Compostela, con esas mesmas premisas: diferentes tipos de pedra, a forma piramidal, a simetría escenográfica, o simbolismo: da Terra ao Ceo, do Caos ao Cosmos... e a ascese polo medio. Isto é as raiceiras como as orixes, seguida da torada ou tronco ascendente cara as ramas e á Luz, parella á idea da Cruz, da Árbore. O mesmo concepto co que a ilustradora irlandesa Althea Gyles  tiña iluminado a portada da “Rosa Secreta” de W. B Yeats... ética e estética do Erín celto-cristián que non pasou desapercibido aos ·inadaptados” de “Nós”.

O profesor Otero Tuñez, estudoso de Asorey en anos da vida do escultor, é autor da biografía “El Escultor Asorey” (1959) na que da conta que o monumento a Curros está inspirado no poema “Encomenda” de “Aires da Miña Terra”  versos que aluden  á “lira torva, como un coitelo fera” detrás da que seguen, como a un Cristo, as xentes do traballo...”castigo pros verdugos, pros mártires coroas... a traballosa costa”,  con “cima sagrada e vitoriosa”, na esperanzada Aurora. Non é unha novidade na cultura galega esta idea de ascese, está xa nas estelas funerarias galaicas romanas de hai dous mil anos, igual que nas fachadas occidentais dos templos románicos: abaixo o xénese, para ascender e ir creando ídolos, monstros, logo, polos profetas e os apóstolos, o verbo... crear música, o trunfo da civilización... e sobre todo a cosmogonía calidoscópica do rosetón,  pola que fura a luz do solpor e incide no altar que está “orientado”. No monumento a Curros: abaixo os megálitos, entre macetos para que neles medren as plantas enxebres, as que se deixan na almofía de auga na noite do Xoán, ocos sobre os que asexan os vicios de Galicia, tres monstros inspirados nos da base do Pórtico Gloria, dos canicelos, das   gárgolas:  a inxustiza, o caciquismo, a avaricia...baixo os pes de Curros verte a auga purificadora. A imaxe do poeta da un paso e sostén a súa lira, tras del e a unha banda os homes, na outra as mulleres, todos cargando as ferramentas do traballo, labrego, os escravos da terra, e sobre deles, erguida por  cabalos, espida, alza as mans, entre un manto nubeiros, a Alborada, a Esperanza... e de fondo aqueles trilitos “celtas”, as portas, vello icono acollido polo galeguismo e sobre o que tanto traballou Camilo Díaz Baliño, a “Ara Gael”...A parte traseira acolle a furna-ara para as cinzas do poeta, a que quedou por rematar e que se complementaría cun relevo alusivo á Virxe do Cristal.

No 1944 o  empresario Emilio Rey Romero, asociado con Pedro Barrié de la Maza, (Sociedade Sainga) conseguen permiso para edificar un hotel e teatro-cine nesta zona do Recheo, proxecto do arquitecto Jacobo Rodriguez-Losada Trulock, conxunto que recibirá o nome de Hotel Embajador e Teatro Colón, quitándolle o protagonismo orixinal ao monumento. Nun lateral estaba o flamante Hotel Atlántico, inaugurado no 1923, do arquitecto madrileño Luciano Delage y Villegas, propiedade dunha sociedade presidida por Casares Quiroga, e no que se aloxaron as personalidade que acudiron a inauguración do monumento, edificio modernista derrubado no 1968 para a outra nova arquitectura de hotel...

Concello e propietarios do hotel inciden en trasladar o monumento a Curros ao Parque de Santa Margarita, idea que perdura até os anos setenta. A Academia Galega e a de Belas Artes logran que se manteña no sitio orixinal, tal como informou Asorey. E nesas sigue... polo exceso de celo entre agresivos lavados a chorro que pulen o expresionismo, mesmo até borrar a sinatura do escultor... cando non, lle da traseiro un deses ostentosos palcos da aculturación.

24 -  Maio - 2024