MONCHO FUENTES: FOTOS SINGULARES DO COMÚN E CON BANDA SONORA COUNTRY

Ampliar: MONCHO FUENTES, FOTO DE OLIVIA FUENTES (9 ANOS)



Repaso dalgúns aspectos biográficos do fotoxornaista carballiñés Moncho Fuentes, unha vida dende neno formada entre o celuloide do cine e da fotografía, retratando a historia do Carballliño cunha poética propia, o que transmite a súa filla Olivia

Galiza é terra de encrucilladas, entón de feiras, festas e romarías, onde é imprescindible deixar constancia do encontro, paseo arriba, paseo abaixo... e o Potiños na esquina da Praza Maior coa rúa Mosquera, a carón do Cafe Royal: cámara de madeira sobre trípode e pano de fondo con paisaxe romántica, cando non o tinglado dun avión de madeira no que posar os clientes...

Proba de que o Carballiño segue a dar magníficos fotógrafos, tanto sofisticados de estudo como precursores freeland, os que, con cámara ao lombo andan a velas vir, recollendo instantáneas de augüistas, feirantes, mozos, vellos, listos, parvos, comuñóns, vodas, enterros... o devandito Potiños, o paso de Rizo, de Orjales e moitos afeccionados, os que deixaron memoria de xeracións, entre outros “de estudio”, con  estrado, cortinas de veludo entre esculturas, focos ante novidosas máquinas de placas: Foto Campinas a Godás, seguindo Benito Info, Aurelio...

E non parou niso a cousa, ben o sabe a Asociación fotográfica  “ O Potiños”, animada, de vello, por Manolo Blanco e Xosé Luis Diz, deixando constancia dun aura de pasado e abrindo camiños na arte que o francés Joseph Nicéphore Niépce , cunha cámara escura iniciara no 1827, retratando uns tellados  da aldea de Le Grás, na Borgoña, a primeira foto. Alí estiven con Aurelio Miras  en xullo do 1969 enxergando esa historia.

Teño unha débeda inmensa e a forte querenza de traer a estas miñas liñas o baril e meritorio facer dun deses fotógrafos  de hoxe, de a pe de rúa, dos do acontecer, cunha visión transversal, singular, afable, aberto a todo, fuxindo da tendencia fácil e acultural ao neoesperpento ou a tonechería televisiva. Mozo que viviu o paso do revelado dos carretes, os Kodak T- Max 400, tan usados por il na Nikon, a unha tecnoloxía dixital que non para de medrar. Referímonos ao carballiñés do barrio da Carreira, que non é pouca cousa, fillo de Arturo e Celsa,  Moncho Fuertes García, irmán menor de Rosa e de Arturo, o que mesmo naceu baixo o signo dunha estrela de Luz un día da Patria Galega do Ano Santo Compostelán do 1965, cando no final do túnel da Longa Noite de Pedra se tramaban tantas cousas, cando os rusos competían lanzando sputniks ao ce cuns yankis crueis no Vietnam... cando soaba  Joan Baez, as Voces Ceibes... e o bardo Dylan dicía o “Blowin in the Wind”. Cando aquel Carballiño seguía afeito a exportar xente para a emigración,  trens cargados de mozos a centro Europa.

 Moncho Fuentes, a fin de diferenciar o seu nome do dun político venezolano, ás veces e nas redes, complementa o seu nome como o de Allen Zimmerman, homenaxe ao admirado cantautor de Minnesota, Robert Allen Zimmerman, alias Bob Dylan, ao que mesmo o Moncho - coroado con aquel pelo eléctrico que ten precedente no compostelán  Santo dos Croques -  se parecía. E non lle perdeu lei a esa música que mesmo semella poñerlle banda sonora ao camiño andado, o Country Rock, ao fin e ao cabo música con adn bárdico, do exilio céltico. Sen perder de vista a restra de seguidores bohemios e pacifistas do 65, os do Festival de Newport.

Lección aprendida dos fotógrafos ambulantes de feira, festa e romaría

Tamén nas atractivas fotos que publica nas redes usa o rexistro de @Monho Fuentes Ambulant Photografer, cousa que ben gusta a quen isto escribe por sumar a cerna arrieira e retranqueira, tan cineasta.

Sendo  Moncho da Carreira, o barrio que nace ao pe do vello camiño a Ourense e vivindo a carón da lembrada casa de “o Potiños” para os que o lembramos con moito cariño, en oficial “Foto Alonso” (con cartel  de madeira pendurado, con retóricas letras  cursivas, pintadas en branco sobre negro, realizado por Xose Morquecho, seino ben)  todo o que tivo que influír na traxectoria do rapaz: as máquinas de fotos de cámara escura de madeira, o pano de fondo con paisaxes versallescas, se non a saba branca para as fotos de carnet....as probetas e potas cos amoados dos potinxes e sales fotográficas, o revelador con aquel cheiro ácido que penetra e queda na memoria, as tiras dos clichets e mesmo as fotos a secar nun tendal no resío da cas... E a Lola, a señora do Gabriel Alonso dende os chanzos do patín chamando e acenando “..... ¡¡¡¡ Monchooooo, Monchiiiño, nenooo, ven, ven a terlle conta ao Gabriel do pano que lle ten que facer unha fotos ao Olliño que ten presa ....” E alá se presentaba o noso Moncho, collendo e erguendo o pano como xa sabía, facendo os cornos cos dedos sobre o enmarque branco.

Alá polo 1988 Moncho Fuentes estudou Imaxe e Son na pioneira escola que o Padre Silva montou en Bemposta, escola de poucos recursos, máis co mérito de sabelos aproveitar... e ben debera recordarse máis e homenaxearse tal iniciativa, sepultada hoxe na campante desmemoria que sofre ese noso Ourense deixando perder a súa orixinal aura. Mesmo alí, o inquedo Moncho, xunto co seu colega César Alén, guiou programas de radio de tema musical, como o sorprendente “Koyaaanisqatsi”, que significa  algo así como “vida fora do equilibrio”... título moi de cinéfilos de cerna, sobre a interacción do ser humano co humus, principio do humanismo, da paisaxe, coa paisanaxe, o que fai buscando a xustaposición poética de imaxes, como un poema musical.

Non deixa de  influír  en Moncho o seu irmán Arturo, outro milmañas, proxeccionista nas cabinas dos cines Alameda e Rivas, entre rolos e serpentinas de celuloide, atento a aquel ventanuco pola que fura o máxico facho de luz que se proxecta na pantalla. Mesmo nalgunha ocasión supliuno meu pai nesa tan poética e ilustrativa tarefa de tragar sesións continuas de films, día tras día.

 Autodidacta integral, feito nos camiños da vida, tanto sabe de carpintería, como de electricidade e fontanería, traballador nato, disposto a arranxalo todo o que beneficie aos demais. Mesmo a coller a guitarra e  poñerse a animar unha rolda de amigos. Iso si, dende moi cedo e como personaxe da película Cinema Paradiso, aquel neno Totó, substituíndo tamén ao seu irmán Arturo como o Alfredo do film italiano, proxeccionista, aquí dos cines Alameda e Rivas, logo na Casa da Cultura e mesmo ante as máquinas de cine ambulantes, ao aire libre da Federación de Cineclubes de Galicia, sabedor pois dos carbóns da luz, do cambio de rolos, de enfoques e desenfoques, dos xogos en pantalla...seino ben por compartir horas co meu pai naquelas bufardas máxicas de proxección de películas históricas, de vaqueiros, de medo, de amor...como as clasificabamos entón...

Co obxectivo posto nas aventuras e desventuras dos camiños

Nesa ansia de andar e coñecer viviu un tempo en Barcelona e traballou nunha ferraxaría que quere dicir furar no universo máxico de Vulcano, o das ferramentas do traballo e mesmo da explotación. En novembro de 1999 pasa a vivir na Coruña, cidade de fonda historia e competencia fotográfica, onde destaca e o atopamos, sempre diante dos actos, das singularidades, transversalmente “perdido” entre as cámaras e os flashs dos compañeiros, con outra mirada, quizais cuberto ou escaqueado cun gorro, cunha viseira, non hai fotógrafo ou cineasta sen ela.

Traballa para varios xornais, mesmo montando taller na súa casa:  para La Voz de Galicia, As, Deposport, 20 minutos, La Opinión, Axencia Galega de Noticias, en series como Motel, Valkirias, Néboa, Sofía Casanova, a Obreira do Pensamento.... e moito máis.

Fuentes é onsiderado polos seus colegas, ben prezado por todos, como profesional integro, premiado co  Premio de Fotoxornalismo Jose Carracedo, no 2012  co Pemio Arponera, no 2021 por  o colectivo “ O Potiños” do Carballiño, coa serie sobre Paisaxes do Arenteiro e máis haberá e virán.

A obra de Moncho Fuentes viuse en múltiples exposicións e publicacións: no 2010 no catálogo de Galicia en Foco do Club de Prensa de Ferrol no que participa dende 1998; no 2017 na colectiva “un emigrante na rúa” do centro Ágora da Coruña, no 2020 dedícaselle unha antolóxica na Sala do Auditorio Manuel María dentro do “Arenteiro Fotográfico” da Asociación Fotográfica O Potiños. No 2023 é seleccionada obra súa para a exposición “Un ano de fotoxornalismo” na Sala Luis Seoane da Coruña.

Moncho Fuentes sabe do valor das redes sociais nas que está presente e faino sempre tendo moi de preto o seu Carballiño orixinal, sacando dese seu vello fardelo fotográfico, o seu arquivo, fotodocumento, da rúa, da vida,  a verdadeira historia en branco e negro da vila e do seu tempo... Arte coa que contaxia á súa filla Olivia, agora xa a coñecida fotógrafa Olivia Fuentes, o “seu timonciño” como lle di, con saberes adquiridos nesa súa primeira “gardería”, diría universidade, que foi acompañar ao seu pai dende a mochila portabebés, vencellando entón pasados, presentes e mesmo velaí futuros, facendo xa con ela equipo. A esperanza faise realidade, xa que a pequena Olivia ten a lección ben aprendida e despunta nese universo tan galego da fotografía.

A vida, o que pasa por diante, como dun cuarto de proxeccionista de cine...

As fotos de Moncho reflicten o seu carácter, son coma el é: un tío legal, leal, transparentes, retranqueiro, aberto, tolerante, libertario, gracioso... deixando en cada unha delas unha badalada, un pouso de tenrura, esa melancolía conxénere e que define a Galiza, herdo do realismo máxico tan noso e do que outros xenios se aproveitaron. Pescudador, curioso con esa ansia arqueolóxica de entrar, enxergar e transmitir, de xeito singular, o espírito das cousas, das persoas, dos seus momentos, dos acontecementos. A súa é unha mirada de cine: sabe encadrar, xogar coas luces e coas sombras, sacar o máximo do fotograma cun aquelo crítico.

  Observa, a penas sen tempo, enfoca, apunta e dispara, como un pistoleiro da cámara deste noso extremo wenstern galego, preguntando, interrogando e confraternizando. Nas súas fotos, tan do gusto clásico polo branco e negro, polo xogo luz-sombras,  entra na  soidade do individuo, coroándoos  con certa aura poética de melancolía. Busca esa interacción entre a paisanaxe e paisaxe. Velaí as súas series de xente, no camiño, no agro, na casa, no sofá, na soidade do abandono... eses retratos coa topografía, co mapa de engurras, sucos na faciana, de tristuras e ledicias vividas. Fotos nas que atopamos iso mesmo que caracterizou a xenialidade de tanto ambulantes galegos de marca, como tamén na obra de Mercedes Rodero ou mesmo do freelance de Getxo, Gonzalo Azumendi, o que xoga máis coa cor.

Ao fin e ao cabo con tanta historia vivida, entre tanta escuridade ou  cegador flash, entre tantas imaxes que pasan por diante, algo queda marcado. Sabemos que inflúe en Moncho o wéstern crepuscular, tan enfrontado ao  simplista wéstern clásico, o de rexos heroes bos entre malos,  quedándose co máis psicolóxico, o do  antiheroe, o do antichulo, o do perseguido foraxido  espelido, simpático e agudo no salón, no cabalo, na loita...  e sempre perdedor, Velaí como referente seu a obra do californiano  David Samuel "Sam Peckinpah”, o de “Grupo Salvaxe “ (1969) ou de “Cans de Palla , neto dun xefe indio, buscador da realidade máis que do mito, deténdose no despois da acción, cando os persoeiros quedan cansos, sos, envoltos en si mesmo, nun xeito de íntimo florecer lírico.

Moncho Fuentes é transmisor diste noso tempo, o que nos asolaga  en mudas, timos e contradicións, valiosos documentos para os museos do futuro, seguro.

27 MARZO 2024