O CARBALLIÑO E O RELOXIO DE CUCO DO BALNEARIO NAS VIAXES DO ESCRITOR ALFONSO ARMADA

Ampliar: Cuaderno de Viaje de Alfonso Armada 2022



O viaxeiro, periodista de guerra e escritor vigués Alfonso Armada ( 1958) publicou no 2022 ´Cuaderno de viaje al país natal´, recorrido por Galiza, no que se inxerta o relevante capítulo ´Veranos con mi abuelo Angel en el balneario de Carballiño´

No mapamundi dos escritores e das escritoras hainas coas que nos identificamos máis que con outros, son cos que coincidimos en observacións e sentimentos, mesmo que escriben como nos gustaría escribir, como si falaran para nós. E iso atopámolo cando leemos e leemos, que isto quere dicir buscar e buscar, mesmo aturando páxinas soporíferas, enredos, pedanterías, egos... quizais non aturando seguir e pechar o libro que temos entre mans. E sempre, nesa pertinaz peregrinación libresca, rematemos atopando co que se nos abren portas. A literatura, como toda  a arte é un universo, convén pois quitar as orelleiras e prestarse, con tolerancia e democracia, a buscar e afondar no inabarcable do ser humano e nesas saber atopar o ritmo de lectura, o que lle aquece a cada lector con cada obra.

Son gustoso de ler libros de viaxes, sentimentais cadernos de viaxes de autor, nos que se conta o que se ve e o que se sinte, obras de autor. Incluso despois de lelos pasear, coñecer os sitios descritos, poñer os pes onde os puxo o escritor e os seus persoeiros.

As viaxes, un xénero literario que debera ser propenso a Galiza

 Velaí ese amplo abano de autores de viaxes, dende Homero coa Odisea, á galega Exeria que no sec. IV peregrina e conta as súas andanzas por Terra Santa; do sec. XII o Códice Calixtino sobre a peregrinación a Compostela...e así, deixando tanto polo medio, ate ás viaxes ilustradas de curiosos impertinentes, as do bieito Sarmento... os apaixonados dos desertos árabes ate o noso tempo, pasando por Javier Martinez Reverter  ás “Viaxes e outros viaxes” ( 2010) de Antonio Tabuchi. Literaturas que crean paseos literarios, como aquel que se creou en 1954 arredor do Dublín descrito nesa novísima odisea que foi o “Ulises” de Joyce: onde se describe o que acontece nun so día, u 16 de xuño de 1904 nesa capital céltica de templos e pubs. Día pois para celebrar e espallar, de xeito popular, esta obra tan hermética...

 Perda que en Galiza, pese a ser país de peregrinos, viaxeiros e aventureiros, onde se abriron portos e tramaron encrucilladas, non abunden, en idioma galego, escritores e escritoras de viaxes. Pola contra abondan grandes escritores galegos que o fan en castelán, entre eles, escollería ao coruñés Cesar Antonio Molina, autor dunha serie acollida baixo o suxestivo epígrafe de  “Memorias de ficción”, con títulos como “Lugares donde se calma el dolor”, “Vivir sin ser visto”, “Regresar a onde no estuvimos” ,“Esperando los años que no vuelven”.... Autor que nunca deixa de man a súa Itaca, a  súa cidade de ida e volta, a dos estralampos do Faro de Hércules. Para nesa súa odisea literaria furar en espazos que inspiraron a homes e mulleres creadoras, interaccionando literatura, arte, filosofía e economía do tempo vivido, entre sitios por eles concorridos, casas, cafés, templos, museos cemiterios... Certo que é literatura espesa, non apta para que non estea afeito a tanto dato e non sexa capaz de coller o ritmo de lectura. Recomendaría facelo de vagar, como quen saborea un dedal de vello viño tostado, mesmo acompañándose deste ancestral sabor... e, si acaso, baixo a banda sonora dun clásico romántico...

 Literatura a devandita ao estilo do “Danubio”  ou do “Infinito Viaxar” (2005) do gran Claudio Magris (Trieste 1939), referente no escaparate de literatura de viaxes, títulos entre os que figuran sobranceiros nomes de periodistas, escritores de viaxes, perda que non estea escrita en galego e téñollo dito a Molina, como bo amigo que é. E a resposta xa  maxinamos cal e ten que ver coa difusión, isto é, coas ventas. Sen normalizarse unha cultura cóutase.

 A pensión Erundina, o primeiro amor, Maribel, os xogos no Parque....

Outro dos autores galegos  de viaxes que despuntan na actualidade, e ben, é o que hoxe nos trae aquí, o xornalista Alfonso Armada, non confundir co militar, marques de Santa Cruz de Ribadulla, do mesmo nome. Experimentado trotamundos que, alí por onde vai, confesa que leva no seu adn de escritor os anos da súa infancia arredor do Balneario do Carballiño. Conta que o facía nos veráns, acompañando ao seu avó. E velaquí as coincidencias coas que nos atopamos e fixemos referencia ao inicio: Pois baten nel as lembranzas, as mañás entre o cheiro a xofre infernal, a ovos podres do Balneario... eses seráns de agosto, despois da forza da raxeira, acompañados dun ventiño maino e fresco que sopra na campa de entrada do parque.... E o que máis marcado quedou nel, as horas contadas e cantadas polo reloxo de cuco do Balneario. Algo que este carballiñés tamén leva moi dentro de si e máis nenos habería, xa que todos, ao menos antes, reaccionabamos, boca aberta, ante aquel artiluxo, esperando que a agulla grande enfilara a vertical do 12 para dar as horas. Acontecía entón como un esperado milagre: previamente un corrido da cadea das pesas, que eran piñas de bronce, un trrtratata...os nervios apreixaban o corazón que poñía a ritmo coas horas dadas os seus pulos... e deseguida ábrase a xanela que coroa a casa que é caixa do reloxo... e asomaba, cantando cada hora e abaneándose a cabeza, abrindo e pechado o pico, o cuco de madeira:...tangu cu, tangu cu, tangu cu, tangu cu, tangu cu, tangu cu . Ao final metíase e pechábanse as xanelas...eran as seis. Quedaba gañas de volver escoitalo.  Aquel Tangu correspondía cun lixeiro corremento de cadea e coa cadencia do fol do son, e o cu era o asubío que tentaba imitar o canto primaveral do cuco.

 Alegraríame que aquel reloxo, que respondía a un prototipo clásico de souvenirs traídos da Selva Negra  alemá, siga no seu sitio, tal como o vimos e o conta Armada tamén. Si ben visto hoxe, resulta máis pequeno, con menos teatralidade que o que ollamos de nenos,  mesmo coido que é outro e pode ser. Valiosa e xa singular peza aquela, a lembrada, propia de anticuario, a que poida estar adornada tamén dunha historia aínda non sabida, nin contada: quizais exótico regalo traído dunha das viaxes da condesa de Pardo Bazán e do seu marido don Xose Quiroga, alá a fins do século XIX, por Centroeuropa. Maquina cantahoras que, por si soia, daría para unha novela: qué  artimañas Geppetto o faría ?, onde e entre que montes?, a quen se mostrou, regateou e a merco?...para traela. Reloxo nos invernos retirado do seu sitio para coidalo das agresivas humidades do verán.  Reloxo que marcou as horas e os ritmos dos agüístas, daqueles agüístas que tamén novelou don Aurelio Miras Azor.

 Volvendo a Alfonso Armada  Rodriguez diremos que é vigués, nacido no 1958 e formado en xornalismo na universidade Complutense de Madrid, estudos que complementa como alumno da Real Escuela de Arte Dramático, para formar elenco teatral co grupo  Artello de Vigo, con  Ditea de Compostela... amigo e colaborador do cineasta Chano Piñeiro. Para do 1987 ao 1988 dirixir o grupo  Koyaanisqatsis e representar as súas obras “Cabaret de la Memoria”,La edad de oro de los perros”, “Sin malditra esperanza”, “Carmencita jugando” e “El Alma de los objetos”. As súas ansias de  compartir e abrir camiños lévano a colaborar con El Faro de Vigo, logo no País, para ir máis alá e ser correspondente de guerra en Bosnia, logo pasar a África, Ruanda, o Congo, Burundi, Liberia, Sudán... De 1999 ao 2005 corresponsal de ABC en New York, onde vive e conta os atentados do 2001... dende o 2017 presidente de Reporteiros sen Fronteiras, director do Suplemento Cultural do ABC... Ben expresivos estralampos do seu curriculum.

 Alfonso Armada publica a fins deste 2022 “Cuadernos de viaje al país natal”, libro que é moi ben acollido entre os lectores, con prólogo de Manuel Jabois. Páxinas que desvelan esa capacidade de enxergar (que isto é poñer todos os cinco sentidos máis  todos os saberes sobre as cousas), de facer memoria que é facer historia persoal  para compartila como camiñante e  poeta que é, para complementalas e relacionalas co que se busca noutras viaxes e libros. Viaxe por Galicia que se abre no Cebreiro, recordando, como non, a Cunqueiro... pasando por Samos, Vilar de Donas,  baixo o Pórtico da Gloria... Noia, Fisterra e a Costa da Morte, Carballo, a Coruña da Pardo Bazán, Ferrol, Bares, Viveiro, Mondoñedo, Lugo, Meira Ourense, Verín, Ribadavia, A Guarda...Vigo...e no corazón do libro atopamos un amplo e esencial capítulo dedicado a “Veranos con mi abuelo Angel en el balneario de O Carballiño”. Avó que fora en Vigo carpinteiro de ribeira e fundador dos Asteleiros Armada,  Daquelas estancias na metade dos desenrrolistas anos sesenta no Carballiño, lembra onde facía parada e fonda, na rúa Aldara, a casa de Erundina, a que recorda con cariño, isto é a casa dos Rúa, a carón da praza da Mina...Non esquece aquel primeiro amor de infancia,  Maribel... e nel tamén peta o feismo construtivo campante, o que non pasa desapercibido a calquera sensibilidade: ese desafío desigual que lle acomete á beleza e ao simbolismo, ao realismo máxico galeguista do templo da Veracruz, arquitectura do gran Antonio Palacios.

 Alfonso Armada suma aos seus sentimentos de escritor os aportes populares da mesma vila: fala coas empregadas do Balneario, Salomé Soto, Xulia Caderno, tamén con augüístas da Coruña, Obdulia e Valentina... consulta e remíteno a vellos libros, como o de Francisco Bécares (1861) sobre as propiedades das augas do Carballiño, diríxese a  Avelino Muleiro, creador e director do Instituto de Estudos Carballiñeses e a  Isabel Rodriguez Bernárdez, os que lle facilitan os números da publicación de estudos carballiñeses “Agora de Orcellón”, onde o viaxeiro atopa ben documentados aspectos históricos sobre a vila: a Pardo Bazán e os Quriga, a Vilamorta, a Veracruz... e novamente concordo co que di sobre o camposanto de Señorín “un dos máis fermosos de Galiza”.

 E  o viaxeiro escritor remata  dicindo “... en O Carballiño yo fui todo lo feliz que puede ser un niño y la memoria acredita”. Conclúe co que dixo o gran Rilke que “a verdadeira patria do ser humano é a da infancia”... Fiando así puidera recordar que Xaime Ferreiro Alemparte, de Cabanelas, foi o grande tradutor, ensaísta e difusor de Rlke en lingua castelán. Proba de que o camiño nunca acaba e que o Carballiño é encrucillada na Terra e no Tempo que abre a moitos camiños.

1 Xullo 2023