CARLOS A. RODRIGUEZ E A SÚA NOVELA SOBRE O GALEGO “REI DOS XÍBAROS”
Arredor de Alfonso Graña, emigrante natural das terras ourensáns de Avión que parte cara ao Amazonas para penetrar na más remota selva para ser ´Rei dos Xibaros´. Tema que inspira a Carlos A. Rodriguez para a novela ´El hombre blanco del rio Nieva´
Naquelas noites violetas e frías do outono nos horizontes do Carballiño limitados polas ondas dos montes do Suído, de Avión e Pena Corneira por medio, ollábanse alampear de labaradas e subir ao ceo columnas de fume. Eran as fogueiras dos carboeiros. Montes aqueles ermos e de brañas, onde nace o Avia, propicios ás greas de bestas bravas, con elementais construcións de sólidos chozos para pegureiros, de fornos comunais de muros ciclópeos, curros... Abas onde aproveitando o chan penedío asoman aldeas de casas ben construídas, as mais con patín arredor de eiras, con cabaceiros de madeira, con pes e esquinas de pedra. Hoxe pardiñeiros de nostalxias entre os que medra a figueira, o sabugo ou o loureiro... ao seu carón, outras solemnes construcións, as dos novos emigrantes que van e veñen. Tanto son a cerna da emigración que a fin dos anos sesenta encargárase ao escultor ourensán Failde erguer sobre os penedos do Castro de San Vicente un monumento aos emigrantes, proxecto que non foi.
Terras de gando e soidades que se perden nos camiños das américas, ben coñecidas polo cineasta, natural do veciño Forcarei, Chano Piñeiro (1954-1995), as de orixe da súa compañeira Mariluz Montes Quireza, natural de Rubillón, aldea, fonte de inspiración para o que será nel unha teima, o tema da emigración. E velaí esa súa xoia histórica e etnográfica que é a curtametraxe “Mamasunción” (1984) , rodada en Baiste, parroquias veciñas de Amiudal, concello de Avión, onde ate non hai moito as mulleres vestían de loito, cubertas cun mantón de veludo, quizais pendurando das orellas o brillo duns pendentes feitos nunha moeda de ouro mexicana... e lembro á Luzdivina, veciña do Flores carballiñés e natural de Baiste, a onde ia e viña en longas camiñada a pe. Concello de Avión que hoxe celebra en festa e con mariachis á Virxe de Guadalupe e ao México que lle deu vida. Xente afeita aos camiños, aos mares, a velas vir, ao fardelo ao lombo, de saberes ancestrais, analfabeta de letras pero con ansia de ser e cun principio universal de antiga empatía en sitios alleos, o de que na terra de lobos hai que ouvear como eles.
Carlos A. Rodriguez, curtido periodista atento a pasados e ao acontecer
O escritor, periodista e sociólogo, de pura cerna carballiñesa, Carlos A Rodriguez Calvo, naceu nos anos da ditadura, do desenrrolismo, das grúas e dos construtores no Carballiño. Formado tanto nun colexio de ansias imperiais e católicas, dos de vara e labazada limpa, como detrás do mostrador do prestixioso comercio familiar, aberto a ese punto de encontro que é Praza Maior, “o Larodry”. Sitio que é un xeito de observatorio público, onde mesturarse coa vida e saber escoitar para logo contar, despois nos xornais e na radio-tv, ata nos gabinetes de comunicación de diferentes administracións nos que desenvolverá a súa profesión: Xefe de redacción de Atlántico Diario de Vigo, xefe de sección de La Región de Ourense, director de RCE de Ourense e de RNE de Pontevedra, subdirector de RNE de Galicia na Coruña. Xefe de programas e informativos da Radio Galega e membro do Consello de Administración da CR-TVG. Ideólogo e fundador da radio municipal do Carballiño, xefe do gabinete do conselleiro de Medio ambiente da Xunta de Galicia... Presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas... Encrucilladas que obrigan a enxergar pasados e presente. Para seguir sendo o Carballiño o seu embigo, onde a el, xunto co carballiñes xosé luis Diz, Rgz.se lle debe a autoría dunha guía (1982), áxil, feita dende a óptica da contemporaneidade, sen perderse en labirintos barrocos… como que no tempo das festas patronais coordine a publicación do tradicional libriño da Festas Patronais, páxinas nas que se lle da chance democrático a escritores, a creadores vellos e novos…e mesmo onde estivo sempre presente, e moi agradecido, quen aquí o conta. Conta o amigo Carlos, que, abrindo ao ano dous mil, nun deses artigos do programa de festas leu un artigo meu sobre o emigrante ao Amazonas, natural do Amiudal de Avión, Alfonso Graña, tema que hoxe nos trae aquí. Alégrame ter servido.
Alfonso Graña Cortizo, un heroe de Amiudal no máis recóndito Amazonas
Das primeiras noticias sobre o singular e heroico Graña tenas dadas no 1935 no xornal “Ya” o escritor especialista en viaxes e en enxalzar o franquismo, Víctor de la Serna y Espina e faino a raíz da perda de pistas ou da morte de Graña, bautizando ao galego co nome de Alfonso I Rei de la Amazonia, Rey de los Jíbaros... Artigo que, ao longo do tempo, non pasará desapercibido á inquedos intelectuais galegos, como a Manuel María que lle ten dedicado algún artigo e sobre todo a máis recente obra do asturiano e oriúndo coveleiro, da veciña serra do Paradanta, mesmo autor de varios e interesantes traballos etnográficos, Maximino Fernández Sendín: “Alfonso I de la Amazonia, rey de los jíbaros” (2005). Libro que anovou o interese polo persoeiro galego, mesmo ata que a tvg, pola iniciativa do empresario e aventureiro vigués Antonio Abreu Franco e da documentalista Cora Peña como guía, inicia unha expedición a Amazonia de Loreto, para un tan interesante como incompleto documental .
Coñezo esa porta do inmenso labirinto amazónico que é a peruana cidade de Iquitos, provincia de Maynas, distrito de Loreto, porto nas ribeiras do Amazonas peruano, onde preguntei por Graña e polo seu amigo e paisano Cesáreo Mosquera, ben sabían deles os mais vellos e facíano entre as brétemas das nostalxias dun Dourado que aquelo foi.
Carlos A. Rodriguez, a fins deste 2022 publicou (Bunker Books S. L, Coruña) unha fabulosamente ben documentada novela histórica “El Hombre blanco del río Nieva”, arredor dos ires e vires do devandito Alfonso Graña, o intrépido emigrante natural de Amiudal, ás que tamén e por iniciativa do paul Leopoldo Duran (1917-2008), natural do Penedo deste mesmo concello Avión, entre 1975 e 1985, atraería ao seu amigo, o escritor inglés Graham Green (1904-1991).
Alfonso Graña Cortizo (1878-1934) sería da idade dos nosos avós, isto é do tempo de Vicente Risco. De mediana estatura, pescozo agudo sostendo un cute esbrancuchado e enxoito, con orellas e nariz ben remarcados, entre ollos afundidos asomando a través duns lentes redondos, nun tempo con bigote ao Dalí subliñando un certo sorriso etrusco ou leonardesco... de coidado afeitado e cabelo acastañado, peiteado e con raia á esquerda, case sempre traxeado en branco, pese á lama e ao verdello das aldeas. O que, como moitos mozos das Terras de Montes, animados os uns polos outros levou a súa nai, colleu un barco en Vigo cara os pregoados novos “Dourado” como era a explotación do caucho nas selvas amazónicas, o latex tan necesario para o rodaxe da nova industria automovilística. Árbores cultivados e sabía extraída polos siringueiros. Polo Carballiño estendeuse e perdurou a historia e o mito do Rei do Caucho, asociado a un daqueles bigotudos e pioneiros magnates, tal como foron os irmáns Barcia da parroquia ponteareán de Padrós ou Wenceslao Barreiros “americanos” enriquecidos, os que en tempadas de volta, hospedados nos mellores hoteis, se paseaban ostentosamente en Chrevolet, traxeados de branco, con leontina e reloxo de ouro ao chaleque, sombreiro de ala… Mais tarde Graña levaría a súa irma Florinda, a que en Iquitos asentaría familia.
Atractiva novela a de Carlos A. Rodriguez, lese nun tris, de aventuras, obra necesaria para introducir á xente nova na mecánica e no hábito da literatura. Temas de curiosa ausencia no panorama literario galego de hoxe, pese a ser este cabodomundo de viaxeiros, peregrinos e dos que máis emigrantes se teñen lanzado á diáspora, efecto de políticas e economías nefastas. Dicir Galiza é entender emigración. Perda que non estea escrita en galego e o seu autor xustificao por tela presentado a un concurso en castelán e no que foi finalista.
Novela que lembra ás do veronés Emilio Salgari, títulos que no meu tempo se mostraban nas vitrinas das Colonias de Antonio Soto, as que nos regalaban por Reis ou nos aniversarios… Nárranse aquí as aventuras de paisanos dos montes e ribeiros carballiñeses, en inicio Graña e Manuel Salgueiro (nome suposto), este un veciño que o acompaña pola selva, polas curvas e rápidos dos ríos, pedidos entre pantanos e manglares, asubios e cantos de bichos, loros e todo tipo de paxaros, vixiados por animais e por estraños indíxenas de faciana pintada, de longas guedellas… os temidos huambisas, redutores de cabezas dos seus inimigos, como dos traidores e malos menciñeiros. Tribo á que remataron chamando xibaros, sobranceiros entre os candoshis, aguarunas, achares... Primeiro presos nunha aldea na caída da cordilleira andina do Condor, territorio en litixio entre Perú e Ecuador, nas ribeira do río Nieva, de habitantes de cachoupas cubertas de palma, onde, xunto cos ditados do patriarcal “apu” ou xefe , cos designios e meigallos do chamán, manda o fume e o cheiro a yuca. Ambiente no que sucumbe o amigo Manuel Salgueiro e do que quizais reduciron a súa cabeza… Pola contra Graña faise valer, ensina aos amazónicos como extraer máis rapidamente o sal, a construír muíños, a curtir pelexos... colle prestixio entre os huambisas, cásase coa filla do “apu”, (Macato na novela) ate que ninguén podía penetrar no máis profundo Amazonas, nin siringueiros, madereiros, petroleiros, aventureiros, expedicións, misioneiros... sen contar co beneplácito de Graña. Arriscado galego que buscaba máis a aventura que o negocio, aínda que hai páxinas escuras sobre un proceso ao que se ve sometido por negociar coas cotizadas cabezas reducidas. Axudaba a misioneiros, exploradores, máis de palabra que de escopeta en man, gañando o afecto dos veciños de granxas e poboados huambisas ate ser o seu Kuraka, isto é na linguaxe quechua, inca, como o se gobernador.
...E o humanista do ribeiro do Avia, Cesáreo Mosquera, gardador da memoria amazónica
Periplo selvático centrado en Iquitos para seguir a esa encrucillada de rios, o Santiago, o Marañón, Nieva, Pastaza e o Amazonas... que é o Alto Marañón, con eses perigosos rápidos que facían de fronteira entre un mundo coñecido e o misterio do descoñecido, o temido Pongo de Manseiche: puzo nego para barcas e barcazas, o que os canoistas hambuisas coas súas pértigas dominaban, saberes e mañas que herdou Graña. Terras, de cotizadas sementes, madeiras, resignas, de petróleo…nas miras da cobiza das petroleiras, de Rockfeller.
Os persoeiros de novela son Graña, Cesáreo Mosquera Chousa e as súas fillas Avia e Cosseta, galego do Ribeirao de Avia, factótum dende o seu concorrido establecemento da rúa del Próspero, “Amigos del País”: salón de peiteado, libreiro, fotógrafo… emblemático na cidade amazónica, espazo que aínda existe como librería Tamara. Sobranceiro membro da Sociedad Española de Beneficiencia. Sempre relación con Florinda, a irmá de Graña, casada con José Iglesias . Carlos A. Rodriguez descubre que a Graña e Mosquera lles tiña impactado a lectura de Los Miserables de Victor Hugo e os aconteceres de aquel seu persoeiro co que se identificaban, o aventureiro Jean de Valjean. Tema que sirve de leit motiv.
Iquitos é cidade pretensiosa, tanto que ata había unha liña regular de barcos que, unha vez ao mes, transportaban a Lisboa roupa para logo devolvela lavada, almidoada e perfumada. Urbe de novidosas arquitecturas, as que seguen modas modernistas europeas, mesmo en ferro, como a deseñada por Eiffel no 1860; o hotel Palace , o sorprendente teatro onde cantou Caruso… casino, hoteis, prostíbulos, igrexa matriz dedicada ao San Xoán Bautista, como unha catedral...o mercado de Belén onde se vende carne de crocodilo, de boas, tartarugas... a pasaxe de Paquito ou dos bruxos, a casa de Armas.....onde os escribidores e as escribidoras escribían cartas aos emigrantes analfabetos, tal como conta Vargas Llosa e mesmo Cesareo Mosquero facía. Cidade de constante bulir, de paseos polos boulevars, entre ostentosos Dodge e carromatos, transportadores, o malecón Taparaca, de onde arriban e parte vapores de xigantesca roda de paleta entre as máis primitivas canoas de remo e pértega ...De onde saia Graña para un recorrido de case 25 dias ata chegar ao seu probado das ribeiras do Nieva. De onde hoxe parten cruceiros de cinco ou poucos mais días até os pórticos da selva.
Graña e Mosquera son de filiación republicana, aos que non importa a riqueza e máis o coñecemento, o abrir camiños, o diálogo, a convivencia, a igualdade, valores que se coidan na novela. Velaí no 1933 o meritorio e laureado papel de Graña no alto Marañón recobrando os hidroavións que, sorprendidos por unha forte treboada tropical, sucumbiron contra as pedregosa ribeiras do Pongo de Mancherique. Expedición aquela ao fronte do pioneiro da aviación peruana Alfredo Rodriguez Ballón (18031933), en misión de paz fronteiriza entre Perú e Colombia. Graña e os seus xíbaros rescatan os avións e o corpo de Rodriguez Bellón, para embalsamalo e construíndo barcazas apropiadas e un catafalco entre as bandeiras de Peru e de España, transportalo e entregalo con todos os honores en Iquitos. Feito que o goberno Peruano compenso cunha forte cantidade. Ademais Mosquera e Graña informaron e mantiveron correspondencia co piloto ferrolán Francisco Iglesias Brage (1900-1973) na expedición científica que a República Española realizou ao Amazonas, reunindo cantidade de datos e exóticos obxectos que hoxe se custodian no Museo Antropolóxico de Madrid e a documentación no Arquivo do Reino de Galicia. Obxectos que coñecín cando a familia ferrolán do piloto os ofrecía ás administración e que tiña na súas casas de Ferrol e Moraña.
Arredor do 1935, tal como conta Víctor de la Serna, a pista de Graña pérdese e con ela os seus ires e vires a Iquitos, levando e traendo mercancías, ensinándolle a civilización aos xíbaros, mesmo ata cortarlle o pelo, mercarlle xeados, caramelos, levalos ao cine, poñíalles a radio, levalos en vehículos...e todo lles parecía maxia. Momentos esperados polos veciños da urbe amazónica, os que agora van esvaecendo no fluír da desmemoria.
En Iquitos sigue presente o nome de Cesareo Mosquera, persoeiro sobre o que a Editorial Nigra publicou os seus apuntes biográficos “Recordos do mozo Mosquera, quinto do 98” ( 1992) inquedo trotamundos, dos Últimos de Filipinas, humanista republicano…que aquí atopa casa, forma familia e mesmo chega a ser concelleiro, omni presente en toda actividade cultural, que pranta e prende a carón da súa porta unha parra de vide do seu ribeiro do Avia.
1 Abril 2023