XESÚS CARBALLIDO: ESOUTRA ARTE OU POÉTICA DE ARGALLAR, PEGAR OU COSER MEMORIA
Introducción a aspectos biográficos e creativos do carballiñés Xesús Carballido. Caracterizado por unha obra fondamente poética, construida con versos dque son obxectos de pasado. Collaxe que convida ao espectador a unha fonda reflexión sobre a Arte
A Arte nunca morre, morren os artistas. A capacidade creadora do ser humano non ten fronteiras, re-crea ou rompe sobre pasados. Quizais por aquelo de que quen cree, crea, fai e desfai, abre e pecha camiños. E en todo ese facer, xogo - e aínda internándose no labirinto barroco de Galiza - hai un pouso, unha semente ou unha raiceira de orixes, precisamente onde radica a orixinalidade que distingue a este noso Cabodomundo entre tanto campante medrar de uniformidade global.
Non cavilemos en que soamente hai una idea de Arte, pois o concepto devala e teorízase co tempo: dende aquela idea clásica de que a arte é harmonía, relación de cada parte coa inmediata e todo co conxunto... arte do canón, da relación co contexto, fronte a aqueloutra teoría dos creadores ou provocadores dadás dos entoleirados anos 20, cando conflúen tantos ismos e chantan que “a arte é merda mercancía de droguería para os burgueses...”
Como base para o que nos trae aquí diremos que entre aqueles rompedores e provocadores principios dadaístas acáennos figuras como Marcel Duchamp, Man Ray , Joseph Neuys do movemento Fluxus, creadores de formas caracterizados por descontextualizar, reutilizar obxectos ou papeis para conxuntalos nun xeito de novo diálogo, no collaxe. Velaí como resultado a sintaxe poética de mensaxes de Kurt Schiwitters, acudindo a desperdicios industriais, cuestionando e fendendo coas vellas óticas de crear, enxergar e sentir a Arte. Creadores que cuestionan o valor estético e comercial da Arte baseada nunha idea coutada de beleza, e farano con singulares montaxes, con pequenas ou mesmo grandes instalacións un intervencións entre o “Objet trouve” e o “ready made”.
Compre quitar pois as orelleiras, esquecerse das habilidades artesanais, das técnicas para o debuxo, da escultura, do aprendido nas academias, de todo canto valeu e sigue a valer... hai outros camiños. Compre pois coñecer e enxergar outras teorías e pórse a valorar a mesma acción creadora, a singularidade, o don do espírito ou poética, a aura que envolve o feito, as mensaxes do corazón que a razón non entende, a incidencia no devalar no espazo e no tempo.
Pois con eses principios, enxergamos - que é poñer os cinco sentidos, máis a intuición e o que imos sabendo para relativizar e concluír – arredor da creación do carballiñés Xesús Carballido, da súa traxectoria, e facémolo en base a aquel tan gastado principio, tan cristián como marxista, de que polas obras coñecerémolo. Obra a súa que é conxunción de anacos de arqueoloxías, de artefactos de anticuario, do universo do papel, de escripofilia, vitolfilia, filatelia...para as súas composicións camp, recreando sobre pasados para futuros, como ensarillando versos para un poema que nos permite chegar ao espírito do seu produtor, do seu tempo e da súa sociedade.
Xesús Carballido Cibeira nace cando The Beatles e Rolling Stones seguen a romper vellos criterios musicais e da moda, cando o cine está na súa apoteose, cando Picasso e os ismos se disparan e poñen a proba a liberdade creadora do ser humano e nun Carballiño en obras, entre pasados rurais e porvires urbanos. Vila aquela que recende a chocolate e a rosquilla, onde o reloxo da Praza, as campás das igrexas, o reloxo do cuco do Balneario marcan as horas En España son aqueles os anos do medo, da censura, do nacionalcatolicismo, os da ditadura franquista, os do Florido pensil, da Gran Enciclopedia ilustrada Álvarez, de catecismos, os de misas e rosarios da aurora e dun boliño de pan quente cunha onza de chocolate... de barcos que dende Vigo ou da Coruña carrexan xente para as américas ou dende as entón flamantes estacións se enchen trens cargados de mocidade e humildes maletas de cartón para Centro Europa. Cando tamén no Carballiño de Rúa Maior á que abren portas ferraxerías, mercerías, boticas, librerías e se argallan feiras que aguilloan os sentidos, había bos colexios: o Grupo Escolar, as Sollas, o Campos, o feminino das franciscanas, estando en expansión o Corral, co imperial nome de Ysabel la Católica. Colexio este con logo creado por meu pai, Felipe- Luis, que ademais alí foi profesor de debuxo e entre tantos e varios creadores de hoxe tivo como alumno a Xesús Carballido: letras con Y uncial e coroada de Isabel e S como banda de Non Plus Ultra cruzada. Vida, acontecer, acenos, obxectos, formas que deixan pegadas, arqueoloxías que serán recollidas, artelladas e tratadas como versos soltos...para que o espectador enxergue.
Enxergar arredor dun mostrador e resucitar memoria
Xesús Carballido, como moitos do Carballiño, sabemos o que é aprender tanto nun pupitre como detrás dun mostrador, do esforzo para pagar os estudos, as letras, para vivir... Il é da froitaría da Elisita Cibeira, palabras maiores, aberta a esa Rúa maior, a carón do ir e vira ao Café Sobrino, ben organizado espazo aquel, entre caixas de roxas e douradas mazás, de pavías, de acios de uvas e plátanos... Mostrador presidido pola báscula Berkel, símbolo tamén de legalidade, entre tarros de vidro para caramelos de todas as cores e sabores, andeis con botellas de Licor 43 , quina Santa Catalina e caixas de galletas... arrecendo a canela... Espazo ademais cun recuncho aproveitando o negocio, para unha mesa, unha banqueta e unha muller ante unha sinxela máquina co seu trqtriqtriqtriq collendo os puntos ás medias das señoras... Velaí pois un universo inspirador para quen ten e usa os sentidos. Sempre hai por algures unha arpa esquecida que espera polo arpista que saiba tocala e emocionar. E os Carballido Cibeira tíñana ben a man, na casa e na Vilaviva.
E non queda a cousa na banda da nai, tamén a alongamos á parte do pai: Amancio Carballido, apelido esencial ao Carballiño da ansia e do traballo, señores de serradoiro, de bigotudo avó, patriarca, con fábrica de madeiras, veciña entón das oficinas de Correos e de Calviño, este con cheiro a lacre... a carón da nave de carrocerías Piñeiro, un universo... a serradoiro aquel dos Carballido no que nos seus arredores e cada día se erguían ao ceo efémeras e ben tramadas torres de táboas de madeira , as que mesmo competían coas alturas dunha inmediata Veracruz, entón en obras. Era aquel o mundo dos barrotes, das limaduras de madeira e do tan solicitado serrín, materia prima na creación infantil. Vivencias que, tanto petan na conciencia como no subconsciente e por algures abrollarán, tanto nos soños como nas lembranzas.
Todos os Carballido que coñezo, moitos de Padrón e máis os do Carballiño, teñen certa aura de encanto, propensos ás artes, á literatura e ademais fano con positividade e con aquela vella simpatía das xentes andadas. Saben ben onde pousar e arrimarse, onde buscar, onde hai creatividade, para tomar nota de paisaxes e paisanaxes. E Xesús aplica a súa Santa Liberdade como lle peta, iso si, ao servizo dos demais, mesmo sendo creador e compoñente do grupo Alecrín, como a seguir a compartir invernos, bondade creativa e rebelde cubana, entre cabalos hispanos, o multicolor tococoro, trobas e salsa... illa onde os sentidos petan coa inspiración. E si o Carballiño llo pide, non fallará e rebuscando entre a memoria, argalla un cartel para a festa que sexa.
Xesús ten como irmáns, o maior a Amancio, que ben teño comprobado é escritor singular, a Chicho que sigue eses mesmos pasos, neste caso de saber crear unha linguaxe artística propia, partindo de saberes tradicionais na escultura en madeira, a Mina. Mesmo velaí ao seu curmán Pepe Carballido Presas de fonda incidencia social... Sabedores de encrucilladas polas que os Carballido se lanzan abrindo xanelas, versos de pasados e mesmo de futuros, SEICA asentados sobre algo. E detrás confluír de recendos, a tinta , a cinamomo e a incenso, con enguedellos de músicas que van de boleros a rocks...
Por si aínda fora pouco direi que Xesús Carballido rescata como atinado homónimo aquel vello dito carballiñés e arrieiro, quizais do barallete dos afiadores, o de “seica”, coa equivalencia a un entremeterse no pensamento do outro, a un “polo visto”, “ao parecer”, dito que reafirma e que acomoda á filosofía tan galega do intermedio, do “asegún” que diría Risco, a de que nin subimos nin baixamos, que contestamos cunha pregunta, que entre o ceo e os humanos, os de arriba e os de abaixo recorremos aos santiños ou aos caciques... os que, ademais, temos un orde arquitectónico propio, galego: o do varal ou columna achafranada, nin curva nin cadrada. Pois velaí sempre limando, concluíndo no medio, na encrucillada, nun sabio e filosófico “seica”.
Sabendo enxergar se conforma a arte, mesmo diría a poesía visual de Xesús Carballiño, cun algo daquel saber facer de Joan Brossa. Cada obra del é un poema con verbas e versos que son obxectos que conviven en harmonía, democraticamente, que dialogan con outros para, entre lembranzas e querenzas, entregarlle liberdade ao espectador.
A poética máis que visual, as nostalxias dos obxectos esquecidos cos que argallar parladoiros artísticos
Temos atopado a algúns creadores, poucos en Galiza, capaces de seguir esas tendencias que parten do Objet trouve” e “ready made”, si ben Carballido sigue coa súa singular posta en escena e está entre os pioneiros. Neste presente atopamos ao creador, mesmo diría poeta das formas, o andaluz Pepe Cañete que coa súa “Resurrección” (Discurso y diálogo en el tiempo, nuevo asedio) recrea e coutase no seu particular mundo familiar: a Librería Cañete Melendo de Baena (Córdoba), unha desas librarías e papelerías que son universo de sensacións, as que no noso tempo vense obrigados a pechar por xubilación e con elas a tantas lembranzas, para gloria do gran Bazar Chino. Librerías con andeis de libros, contos, novenas, cadernos multicolores, caixas de lapiseiros e bolígrafos, tinteiros, cartolinas, materia prima aberta á creatividade. Pepe Cañete rescata, resucita non so os materiais sobrantes daquela a súa mítica librería e papelería familiar, mesmo para dende o 2010 convertela nunha obra súa, instalación interactiva, taller e singular museo do herdeiro familiar. Taxonomía de materiais, diálogo e resurrección de obxectos cotiáns, os que conformaron aquela librería, mesmo andeis e caixas, convivencia de obxectos industriais, de mercancías que agora e pola man do artista pasan a ser materia prima para provocar novas sensacións no espectador.
Volvendo a Xesús Carballido diremos que, tanto pode rescatar, cando xa estaba disposta para ao lume unha vella letra bancaria, a que quizais pasou polo notario e causou tantos crebacabezas, para agora, na panoplia do artista convivir, pegada, cosida ou arrimada a un pasquín de cine ou a unha diana para unha escopeta de balíns ...entre botóns cosidos, rescatados dunha mercería en liquidación... Tan capaz de illar nun marco unha vella percha para espetarlle derriba un paxariño de latón ou un crucifixo en diálogo cun lacerado xogador de chumbo dun gastado futbolín...poemas de lembranzas nos que latexa o surrealismo que nos leva a cavilar no xenial Uxío Granell, con orixe na astorgana fábrica de chocolates do seu apelido, andado mestre co que Carballido, entre pescudas, tratou, dialogou, trabou amizade e admiración, atopando unha veterana alma xemelga.
Carballido é produtor de formas de intensa e repartida obra, premiada tamén e que non deixa indiferente en mostras, autor do “Muntem”, nome co que el mesmo bautizou a ese monte de placas de cobre, mapamundi, que ten como cimo un nostálxico cataventos carballiñés. Referímonos ao Monumento ao Emigrante que centra o antigo campo da feira do Carballiño, dende o nadal do 2003.
Hai na obra de Xesús Carballido, “Seica”, unha mensaxe esotérica e exotérica, como labiríntico taboleiro máxico, de güija, onde se barallan lembranzas para meternos noutro xeito de credo, de creación dentro da espiral eterna e mística da Arte, carballiñesa, galega e universal.
19 MARZO 2023