As bestas do far west, o extremo oeste europeo

Ampliar: Cartáz de ´AS BESTAS´, 2022



Comentarios ao leaureado film ´As Bestas´ (2022) de Rodrigo Sorogoyen, inspirado nun caso acontecido en Galiza (1997 e 2014): o encontro duns ecoloxistas franceses co máis abandoado rural galego. A visión e actuación hiperenxebrista, a aculturación.

Un país é a súa posta en escena e faino a través do estado da cuestión da cultura, do idioma, da arte, da súa capacidade poética, na re-creación sobre as tradicións, na xenialidade...A arte que transmite imaxes é una construción colectiva que depende pois de artistas, da crítica, da empresa, de homes e mulleres espectadoras, consumistas, coa súa ideoloxía, en moitas ocasións seducidos e arrastrados pola capacidade comercial de empresas, propagandas, performances... E ben certo que, entre as artes, a “Séptima Arte”, o cine, que acolle a toda as artes e a súa gran industria - orixe do  Leviatán da intelixencia artificial que se alimenta de tópicos - vende, educa ou maleduca, espalla ideoloxía, acolle, premia, diviniza  e celebra en alfombra roxa, photocall, escenarios como altares, glamour e estatuiñas, o cine é hoxe un referente.

Ter cultura costa, educar, ler, viaxar, relacionar e ir ás salas a enxergar as películas de xeito integral con todos os seus valores de calidade, en argumento, localización, imaxe, son, interpretación… Celebramos pois que haxa atractivas películas, creacións artísticas que, ao menos,  fendan coa desidia, mesmo que provoquen e non sexan indiferentes ao gran público para que nos conduzan a convivir nas salas. Como é o caso do acontecido no pasado 2022 e neste 2023 coa película de As Bestas: revulsivo que conmociona ou remove as entrañas do activismo da normalización cultural galega, dese vivir en garda defendendo a dignidade da fácil tendencia a aculturación, aos tópicos, á visión parcial que se ten e se ofrece, se hiperenxebriza, esperpentiza, se espalla e tipifica deste noso oeste, cabodomundo europeo. Film do recoñecido e en meteórico auxe director madrileño Rodrigo Sorogoyen del Amo (1981),  especialista en persoeiros ameazantes, repugnantes, enguedellados na espiral do mal, de odio, da ignorancia...e , se afondaramos máis nas causas que nos efectos, diría da aculturación e velaí que atopa en Galiza unha canteira. Cineasta xa premiado nos Goya de 2019 por “El Reino”, neste caso con valente argumento arredor da corrupción política.

 As Bestas é film que se clasifica e espalla como de terrorismo rural, ambientado nunha aldea galega despoboada da “España profunda”, a onde chega un matrimonio de dous ecoloxistas franceses, remol do movimento  hippie,  buscadores dun paraíso que atopan na montaña galega un sitio de paisaxes sorprendentes, pero cun residuo tribal, familiar de desconfianza e odio. Guión onde os vellos tópicos, os prexuízos, os clichets sobre el “gallego”, mandan sobre a verdadeira idiosincrasia, sobre o retrato do xeito de ser dunha persoa ou dun pobo. E velaí que mesmo chega a discriminar quen aplica a súa visión parcial dende as súas gafas mentais ou orelleiras. Cando o confín que presume dos “bos e xenerosos” é un universo que, de sempre  tramou encrucilladas e portos, que sabe o que é o trato de igualdade, recibir, dar e despedir e... ao longo da súa historia sometido a fortes tensións aculturais que crean inxustiza social, a caciquería, monstros e tantas gamas de feismos. Por aquelo de que o medio xera mensaxe, mesmo esas taras, eses monstros tiveron representación e denuncia no simbolismo e na arte galega: velaí os canicelos, as gárgolas, a pintura, a escultura (no monumento a Curros da Coruña, obra de Asorey, a escultura do poeta érguese sobre eses pecados) o  intelixente esperpento de Valle-Inclán...

Film comandado pola tensión, polo suspense, como a gran maioría doutros guionizados ou rodados en Galiza, onde pode a paisaxe e manda o exotismo dun confín  “deixado da man de deus” e, menos mal, que nesta esquecéronse de engadir  esoutros tópicos relativos á característica salsa da maxia, da superstición, do realismo máxico que tamén se suma á identidade. Con reparto de Marina Foís (francesa no papel de Olga, compañeira de Denis Ménochet ( francés interpretando a Antoine o francés, a vítima) Marie Colomb (francesa que encarna á filla da parella)... son estes os bos deste novo far west. E pola outra banda, a dos malos da película, a solitaria familia autóctona galega, esta interpretados polos galegos composteláns Luis Zahera (no papel de  Xan Anta, o sobreactuado raiante) e Diego Anido (no papel discapacitado psíquico e apoucado Lorenzo Anta; Luisa Merelas ( coruñesa que representa a ensimesmada nai da familia Anta), Xosé Manuel Fernández Blanco (Xixonés no papel de aloitador) e Xavier Estévez, coruñés) entre outros. Película rodada no Bierzo leonés,  no concello de Barxas, Vega de Valcarce e especialmente na despoboada aldea de Quintela, territorio da antiga Gallaecia Asturicense, parte da seccionada “Galiza irredenta” que diría o Padre Sarmiento.

New western  extrapolado aos confíns de Europa, guionizado polo mesmo Sorogoyen xunto coa aragonesa Isabel Peña, inspirándose nun feito real, acontecido na aldea ourensán do concello de Petín , Santoalla do Monte.  Parroquia ben coñecida na posguerra pola heroicidade dos maquís, como décadas despois polo malogrado cineasta galego Chano Piñeiro (1954-1995) onde xa il rodara “Sempre Xonxa”, (1987) precisamente en relación coa causa política da emigración, do abandono do rural e os conseguintes efectos. Terras natais, temas vividos e levados ás pantallas tamén polo director de cine, Ignacio Vilar Díaz (1951), “Prado Longo” (2008) sobre a alternativa da gandería ou as louseiras, “Vilamor”(2012) sobre o contraste ofrecido polo establecemento dunha comuna hippie nunha aldea abandonada...  Santoalla é un conxunto de pardiñeiros e abandono  arredor dunha igrexa que sobrevive como símbolo comunal e parroquial que foi, aberta a un anfiteatro de montes e a onde, no 1997 e despois de recorrer boa parte de Europa buscando sitio, lonxe do consumismo e o afogo urbanista, chega un mozo matrimonio holandés , seguidores do movemento contracultural beat, na diáspora hippie: Martín Verfondern e Olga Pool, os que  atopan aquí o  seu lugar soñado, onde desenvolver os seus ideais ecolóxicos: adquiren un predio, animais e fano coa ansia de crear o que din a súa singular “Arca de Noe”, espazo libre,  onde recibir amantes da natureza e da arte... Soedade montesia onde unicamente teñen como veciños á familia Rodriguez, formada polo matrimonio de Manolo “o Gafas” e Jovita, cos seus dous fillos, da mesma idade que os holandeses:  Julio, o maior, disposto, atento á casa e ao traballo, no seu ir e vir sendo o vencello da aldea coa urbe... e Carlos, o menor, diminuído psíquico, apoucado, mandado e disposto ao ditados da casa. Familia que, en inicio, recibe aos estranxeiros con curiosidade e prestándolle axuda. Pero axiña aparecen e medran os problemas de lindeiros, de marcos e por medio o reparto dos beneficios da tala de árbores do monte veciñal (no guión da película extrapolase a eólicos). O holandés reclama e concédenselle xudicialmente os seus dereitos, incorporan na aldea novas tecnoloxías para a obtención eléctrica, depósitos e canles de auga, arranxan camiños...  Máis as fendas de veciñanza márcanse máis, medran os desencontros, as rifas e as murmuracións arredor das costumes dos estranxeiros. Martín chega a temer pola súa vida e coa cámara grava con teimosía parte das provocacións. O caso é que nun 19 de xaneiro do  2010 o holandés sae da casa ao mercado e á volta desaparece xunto co seu todoterreo Chevrolet … As hipóteses dispáranse, o asunto transcendeu mediaticamente... para atopar o vehículo queimado e os restos humanos esparexidos no 2014 e nunhas pistas forestais do veciño concello de A Veiga, a unha ducia quilómetros de Santoalla. Pouco despois o menor dos fillos declara que il foi o autor daquel crime…. A muller holandesa, en soidade, perdoa e, na súa misión inicial, convive en paz coa paisaxe e cunha terra coa que se identifica e xa é súa.

 Os estadounidenses Andrew Becker e Daniel Mehrer a raíz destes acontecementos montaron un interesante documental “Santoalla” (2016) recollendo entrevistas en relación coa chegada dos holandeses a aquela aldea valeira, desfeita, xunto coas relacións e colaboración cos veciños, sumando logo as filmacións do propio holandés: os traballos agrarios,  as ameazas, engadindo tomas sobre a desaparición, a busca, as declaracións policiais e de testemuñas deica atopar os restos. Documental que serviu a outros, así como a debates da TVG e mesmo a Sorogoyen e a Isabel Peña como base para o film que nos trae aquí.

A tipificación do hiprenxebrismo campante, do hiperrealismo, da sobreactuación envolta en sombras... o neoesperpento

Trhiller, case mellor western por moitas razón do seu carácter extremo occidental, far west europeo que suma cuestións de carácter agrario, de  rivalidades entre “vaqueiros” a mais do estado anómico e aculturado da que foi unha cultura rica, experimentada nos camiños máis sacada do seu couzón, apartada, ruinosa por causas sociopolíticas. Habitada por unha familia de sobrevivintes, instintivamente propensos a facerse notar e farano por esa sobreactuación que remarcar a dexeneración e que os actores multiplican até o hiperenxebrismo, o que mesmo decote enxergamos na TVG para facerse imaxe tópica. O film préstase a ese novo xeito de esperpentos, esaxérase os diálogos en galego, decaen na simpleza da escatoloxía, na degradación en todos os ordes. Para máis inrí o título de “As bestas” alegoría asociada co primitivo, co degradado, comezando e extrapolando no espazo unhas exóticas imaxes dos tradicionais aloitadores de Sabucedo sometendo brutalmente, asoballando, afogando ás bestas bravas do monte ( greas de cabalos) para sometelos cortarlle as crins e marcar a súa propiedade, así tamén se reflicten as pelexas entre os irmáns Anta e o  francés… Ambiente de tribo, centrado nunha sórdida taberna, arredor do arrastre das fichas do xogo de dominó, da lei do máis fachendoso e do que máis berra, e acentúa as interrogacións, onde non asoma  por ningures esa tamén tópica parte da idiosincrasia galega que é a concordia, o tan cantado sentidiño. Film non dobrado: os bos, os franceses falan o castelán e con acento, mesmo tamén o leal Pepiño  ou o pastor  Breixo; namentres os malos falan un galego limitado, incluso castrapo, con frase en castelán para remarcar autoridade,  incluso con nada acaídas incorporacións cultas do pravado Xan Anta, alusivas á historia da revolución francesa, á guillotina e ao despectivo “humor gabacho”, mesmo á xestión turística, resort ou términos  como guiri... as que lle quitan a pretendida naturalidade a o contexto de ignorancia. Iso si, non falta o exceso de xesticulación, de berros, de escatoloxía verbal, efectos dunha sociedade degradada. Tampouco faltan momentos de conversas que tratan de marcar a filosofía dos persoeiros: o cara a cara do francés e Xan Anta arredor dos dereitos do que chega e os que dende sempre están no lugar...; a discusión de nai e filla sobre o seu futuro rural ou urbano, o diálogo final da francesa ofrecéndolle axuda á  nai dos criminais...eles iranse e elas quedarán soias.

Respecto a actuación dos actores galegos séntense na súa salsa nos seus esaxerados rexistros, interpretados con maestría no tocantes á enerxía dos depravados, especialmente no xesto e no aceno, papeis para os que se reclaman con frecuencia, o de malvados, degradados… Coidamos que aínda terán que demostrar como, Antony Quinn, ser capaces de amplialos e representar a un Papa, a un gladiador romano ou a un burócrata…. Galiza, como moitos países marxinados do occidente atlántico, parece ser, é factoría natural de actores para este tipo de thrillers.

 A cuestión crea debate e haber haino: ver Galiza dende Galiza, entendendo este guión como unha “visión de veraneante”, parcial, tal como asenta a crítica de Francisco Rodriguez ( Nos diario 3-12-22). Igual que Pilar García Negro (Nós diario 20-XII-022)....  que abonda na necesidade de non remexer tanto na “Galiza profunda”, en “bárbaros aínda non reconvertidos á necesaria modernidade”... ignorando outros temas entre os depravados dos gobernos ou a realeza, e faise a pregunta de para cando un film sobreactuado en ambiente español-europeo?” a crítica de Suso de Toro titulado “As Bestas e nós” (Nos diario 9-1-23) incidindo en que a arte transmite mensaxes, ideas eivadas, ideoloxía e conseguintemente os prexuízos, a discriminación, por non dicir apartheid, quizais diriamos aporofobia, á que, a maior parte das veces inconscientemente e por ignorancia, recibe a cultura galega. Ao respecto lembra de Toro o caso daquel xuíz de Marbella que saca o dereito de crianza do seu fillo á nai en favor do pai que vive en Marbella, porque aquela estaba e educábao na “Galiza profunda”...entre tantos outros ben coñecidos casos que engaden plus condenatorio por “ser galego/a”, o estafador de rúa,  parvo e “con acento gallego”, os contos de “  ”...item máis.

Non é esta, nin será unha cuestión nova, repítese nos confíns célticos, países negados pese a súa ancestral e rica cultura, que se encunchan ensimesmándose, autodefendéndose ou que emigran, cando non desembocan en situación peores. Velaí os temas do cine irlandés, por exemplo “ de Jim Sheridam “EL pardo “ (1990), como  igualmente lembro “Perros de Paja”  (1971) de Sam Pekinpah, acontecidos na ficticia aldea de Wakely, na céltica fisterra de Cornualles. Mesmo Polansky escolle a beiramar de Valdoviño para rodar un dos seus característicos thriller dramáticos “La Muerte y la Doncella” (1994), onde a vinganza, a brutalidade , a crueldade entre sombras compite cunha paisaxe excesiva tamén... Na mente “los Santos Inocentes” (1984)de Mario Camus, ambientada na España profunda  e franquista dos señores de cortijo e dos seus caseiros.

A cuestión psicolóxica, sociolóxica tratada en “As bestas”, merece debate  polo seu mérito e incidencia como laureada produción en Cannes 2022 e sobre todo nos Goya 2023, nos César de París: como mellor película, interpretación masculina, mellor dirección, mellor interpr   etación masculina secundaria, guión orixinal, fotografía, música orixinal, son, montaxe... E nese debate a arte de saber usar a liberdade, a interacción ética-estética.

  29 - FEBREIRO- 2023