O CASINO DO CARBALLIÑO , A SÚA FESTA DA MIMOSA E ALGO MÁIS

Ampliar: Portada de Fernando Blanco, 1973



No 1962 estréase no Carballiño o flamante Cine Rivas, dende entón no primeiro piso trámase a creación dun casino...iniciativa que madura, mesmo ate comprar en propiedade un edificio na rúa maior...e arredor del iniciciativas como a ´Festa da Mimosa´

Aquel catorce de setembro do ano 1962, a un tempo que as bombas de palenque anunciaban as festas patronais do Carballiño, abríase ao público o Cine Rivas, unha catedral para representar a Sétima Arte nunha singular vila na historia empresarial do cine en Galiza. Inversión aquela de potentes emigrantes a México, os irmáns Rivas Porto, naturais das veciñas terras de Montes, aos que seguían os pasos os irmáns Graña López co non menos sorprendente Cine Riazor (1965-1998) nunha Coruña que tamén era referente no montaxe das salas de cine. Ambas familias asesoradas por un experimentado especialista, tanto en inversións como en dinamización cultural, Vicente Torres Sánchez, do Banco Pastor e moi vinculado a Barrié de la Maza. Flamante edificio o carballiñés do arquitecto Manuel Conde Fidalgo, amigo de conxuntar a pedra e os saberes dos artesáns canteiros no conxunto urbanístico nunha vila que entón era expoñente na construción. As películas elixidas para a estrea naqueles días de festa foron “El rostro impenetrable” , “La Furia de los Justos” e “Mi dulce geisha”, films, dias e sala que quedaron moi marcados na memoria dos mozos. Catedral do cine galego que sucumbe como moitos outros coa expansión da televisión, pechado no 1989 e derruído en setembro do 1999 para outra máis simple edificación.

Non remataban as ansias naquel edificio cunha cafetaría e cine, cunha sala de festas no primeiro piso, senón tamén concedendo espazos para un selecto casino de sofás e mesas de xogo e de billar, hemeroteca, biblioteca, salón de baile e de actos... Así é que na primavera do ano 1964 inaugurouse aquel novo casino, dando nova resposta a vellas aspiracións dunha elite xa cumpridas nos anos románticos de Vilamorta.

A primeira directiva do flamante Casino estaba presidida por Aquilino Sánchez Bóveda, contando ademais con empresarios e profesionais singulares da vila, como Camilo Rodriguez, Antonio Pedrouzo Novoa, José Manuel Cancio Sanjurjo, Vicente Torres e Manuel Blanco Quintela, dos comercios “Celta” sendo este o verdadeiro impulsor de actividades galeguistas.

A ansia de aqueles promotores era ter un espazo propio e así é que no 1965, e por iniciativas de Vicente Torres, unindo moitas colaboración económicas,  foi adquirida á familia Nieto Campos un aséptico inmoble na rúa Mosquera 6, reformado no seu interior será inaugurado como novo Casino do Carballiño un 23 de agosto de 1966. A parte baixa aberta á rúa por cristaleiras, esas “peceras”, escaparates, herdeiros dos miradores, que todo provinciano casino gustaba ter, cafetería, sala de festas e unha terraza exterior para as celebradas verbenas de verán. No piso alto salas de xogo, de lectura, biblioteca, de reunións....

Os grupos de música frecuentes naquelas noites festivas eran os Cunter´s de Cuntis e imprescindible a nosa e famosa Orquestra Millara. Aínda que ás ves se filtraba un deses rompedores grupos rock que non convencían a unha directiva e socios tradicionalistas e que, pola contra, aplaudimos os máis mozos, como foi un grupo asturiano, vestidos de camisas de flores, medallas e amuletos ao peito e de ruidoso nome, “Locomotión” os que acabaron expulsándoos da sala despois de tres intervencións en escenario, pra rematar recolléndoos, os máis novos, nun pequeno tugurio para guateques no barrio de Flores e que chamabamos “Zoco”.

A voz e a presenza de Galiza na palabra e na figura de Otero Pedrayo

Anos sesenta nos que o galeguismo, pese a estar vixiado dende os gobernos civís, asomaba timidamente e se desfogaba a través de  grupos de coros e danzas, onde os sobrevivintes  das letras cultas facían encaixes de bolillos, avivaban o barroquismo coa ansia de manter o idioma galego, onde don Ramón Otero Pedrayo, sempre tan apegado ao Carballiño, era máis que un símbolo de pasados e futuros, o patriarca, o imprescindible pregoeiro.

Dentro dese ambiente  e sendo Alcalde Javier Perea ( 1966-1977) sucedido por Arximiro Marnotes Rodriguez, eran sobranceiras as ansias do empresario e directivo Manuel Blanco  Quintela, “O Celta”, que pertencera ás mocidades galeguistas e que insistiu e conseguiu incluír na actividade do Casino un xeito de primaverais e inocentes xogos florais, homenaxe á mocidade, á literatura, á poesía e a palabra...Naceu así no 1966, como resposta á flor que inza os socalcos abandonados dos ribeiros e bocarribeiras, a Festa da Mimosa, axeitada para o tempo de algo despois da Candeloria, cando a paisaxe se acende en cores e rechouchíos. Inofensivo tempo de poética e salón para anos vixiados.

Imprescindible e asesor naqueles primeiros encontros literarios era o catedrático de literatura española no Instituto de Ourense, natural de Beariz e ben coñecido e temido polos estudantes do Carballiño, don Xulio Francisco Ogando Vázquez, de potente e rico discurso, “a voz da montaña”, teloneiro e presentador de don  Ramón Otero Pedrayo. Era aquel don Ramón de discurso barroco, grandilocuente como a arquitectura da Veracruz, realismo máxico, enxalzando as paisaxes e as paisanaxes, aos bos e xenerosos, ás lembranzas, mesmo suxerindo o que non podía dicir polas imposicións da ditadura.... Solemnes verbas que provocaban entusiasmos e aplausos a cada folgo do orador ourensán, que dende a súa Trasalba enxergaba as horizontes da terras do Carballiño. Don Ramón foi omnipresente naqueles encontros e mesmo ate o seu pasamento no 1975. Seguírono Alvaro Cunqueiro, Filgueira Valverde, Victoria Armesto, Torrente Ballester...ate eu mesmo tiven ese privilexio de poñer cerimonioso traxe negro de festas e pasamentos , para acompañar a raíña e dar Pregón da Mimosa, sendo daquela Adela Alonso e nun Cine Rivas que, despois, pechaba definitivamente as súas portas.

Discursos aqueles, os mais deles lidos, nunca os do gran improvisador Otero Pedrayo e dos que, por algures quedan vestixios. Victoria Fernández Armesto no seu libro de “Verbas Galegas”, editado por Galaxia no  1973 recolle nun capítulo o discurso dado por ela no Carballiño  no  1970 “V Festa da Mimosa”, dedicado a “Os trobeiros Galegos”: un canto á primavera, aos trobeiros ou xograres destas terras, como se conta que foi Pero Meogo. Lembro ben aquel acto: Victoria Fernandez España despuntaba entón por ser autora do libro de historia “Galicia Feudal”, cronista no xornal dos seus devanceiros “La Voz de Galicia”, admirada por Otero que mesmo a comparaba con Rosalía, con un torrente. O certo é que coidaba enormemente canto facía, estudaba, ensaiaba a posta en escena, mesmo o vestido que levaba para cada acto; ao Carballiño acudiu cun un traxe largo, abotoado, saia ampla ebase, tipo Audrey Hepburn, estampado en flores primaverais... acenando comedidamente, apoiando expresiva canto dicía.

Celebrar a primavera, a mocidade , a poesía e a palabra....

Festa con raíñas e damas, mociñas da vila, as daquel meu tempo lembro a Maria Xosé Blanco Maneiro, María Jesús de los Arcos, Martina Freixedo, Paloma Rodríguez,  Maria Paz Viso,  Conchita Ramos, María Xosé Adán, Maria Ester Sobrino, Marily Pereira, María Xosé Maderas, Mayeya, Bea Villarino, Ángeles Garriga, Chus Dacal, Dosí González, Gracia López,  Adela Alonso... (e que me perdoen as que faltan ou as que sobren). Logo seguiron outras. Protocolarios desfiles por alfombra roxa, elas traxe largo branco e banda cruzada, eles de negro e paxariña, estados,  presidencias, aplausos, flores, valses... un xeito de posta en escena dunha primeira comuñón social. Un rancio asomo de clasismo vilego, de potentes negociantes, bancarios e funcionarios seguía asomando. Mais fora daquel ambiente e salas había outro.

Encontros que supoñen un concorrido concurso literario, a convocatoria dun premio de poesía e de contos. Como resultado, mesmo no 1972  a publicación de “ Poemas e Contos da Festa da Mimosa”. Mimado libro estrebillado por Manuel Blanco Quintela, contando sempre coa man colaboradora e desinteresada de Pepe Prada, imprentado na Bendaña, con suxestiva portada debuxada polo entón estudante da arquitectura e hoxe gran arquitecto e creador Fernando Blanco. Portada de tendencia opart, en branco e negro, que representa unha árbore de fondas e amplas raiceiras e como froito unha única mazá... Páxinas interiores ilustradas por Tete Quiroga, por Pepe Prada e mesmo por quen isto escribe. Publicación que na presentación agoiraba o que non tivo, continuidade. Sigue o limiar “Dúas verbas devanceiras” escrito por Otero Pedrayo, texto orixinario que vin e transcribín, copias que recuperei dos fillos de Manuel Blanco e entreguei a Patricia Arias Cachero a gran biógrafa de Otero Pedrayo, coa ansia de que estes anacos da historia carballiñesa perduren e sigan a espallarse aínda máis. Manuel Blanco mantiña unha fonda devoción por Otero e reunía como un tesouro estas cartas do patriarca. Escritos onde o Carballiño é un referente para o ourensán, repetía que pasando días na súa querida Trasalba, antes de deitarse avistaba ao lonxe as luceciñas de Dacón...e pola mañán, ao abrir as xanelas a neboa cubría a Madanela, debaixo o Arenteiro e o Carballiño... Don Ramón abría e pechaba cada xornada ollando, ao lonxe, os camiños do Carballiño. Comparaba a torre da Veracruz cun campanile venecián...  textos onde sempre volvía aos arrieiros que o levaban e traian nos seus carruaxes a Compostela, lembraba a Andrés Rodriguez, ao Maioral, amigo íntimo e compadre de Calviño, de Porfirio, de Paco Mares...Lembranzas do Balneario, onde exerceu de médico o seu pai, dos Quiroga de Banga, da señorona Pardo Bazán...temas que, entre o canto á paisaxe e a historia abrollaban no seu discurso.

Un libro, un testemuño en tempos de censuras

Libro o de “Contos e poemas da Festa da Mimosa” que fai unha selección de obra premiada naqueles encontros florais, o V: Poemas do segrel azul de Ferrolterra,  Xosé María Pérez Paralle; sonetos do lembrado sacerdote Abelardo Santorum, poema “Á Muller Galega” de Fariña Jamardo; o conto premiado na VI festa de Carmen Sancho, titulado “A Soga”, seguido do da “A teima do vello” de Antonio Canle Blanco, e mesmo un da autoría de servidor, Felipe-Senén, naquela mesma VI festa  titulado “A Basoira”, inxenuo a un tempo que atrevido repaso da etnografía da vila e dos seus camiños... algo que ben agradecín e me incentivou a ser e seguir estando nesto. Tampouco falto o conto de “O meu Abo” de Pepe Prada... “Mimeiriña” de Josefina López de Serantes e velaí todos tendo como expresivo argumento a nostalxia dun pasado, dunhas orixes que ameazaban perderse..

1 MARZO 2023