O PROFESOR XAIME FERREIRO ALEMPARTE: UN UNIVERO LITERARIO ENTRE CABANELAS E ALEMAÑA
Inrodución biobibliográfica ao profesor de cultura española en Alemaña, Ferreiro Alemparte (Cabanelas 1918-Frankfurt 2000) Intensa vida, rodeado de influentes amizades, estudoso e difusor de Rilke, así como dos vencellos entre Galiza e Centroeuropa
Alí onde fora don Jaime, referímonos a Ferreiro Alemparte, tiña a gala pregoar que era ribeirao de Cabanelas, que non é pouca cousa na xeografía histórica destes antigo reino. Mais concretamente natural de Quintela de Cabanelas e da máis pura cerna de ribeiraos: fillo de tratantes de viños con tanto que teñen de arrieiros, feirantes e trotacamiños. Alí naceu un 20 de xuño do 1918, ano do fin da Primeira Guerra Mundial e que non so centra o andazo do trancazo ou gripe española, senón tamén o da filoxera que tanto estragou ás vides dos ribeiros ourensáns e levou a moitas familias á emigración .
Para furar na biografía de Ferreiro Alemparte e abrirse a novas pescudas, compre ter a man a realizada co saber e a sensibilidade que caracteriza da autoría do amigo e profesor Rafael Otero Janeiro, “Semblanza bio-bibliográfica de Jaime Ferreiro Alemparte” ( publicada pola Universidade de Vigo en Minius XV, 2007 pp 189-202). Paseo ao longo da vida e da obra filolóxica e histórica do gran coñecedor, tradutor, interprete e difusor do escritor, grandísimo e influínte poeta alemán Rilke. Artigo necesario o de Rafael Otero para a historia do Carballiño, feito ademais con admiración e agarimo sobre un leal amigo da súa casa, a mesma da que naceron os mestres construtores, interpretes do arquitecto Antonio Palacios do templo da Veracruz do Carballiño, avó e pai do devandito, este Adolfo Otero Cerdeira, namorado de Cabanelas, a aldea que por si el mesmo fora sería reconstruída toda e así mesmo o tentou, mercando predios en abandono e gastando os anos finais da súa vida, “facendo bailar” pedras de toneladas para volvelas a poñer no seu sitio. Algo que Xaime Ferreiro ben entendeu e aliouse co amigo mestre canteiro
Don Jaime, como lle chaman e recordan os seus, nunca deixou de man as relacións deste seu extremo occidental coa centroeuropa que tan ben o acolleu, coa súa historia, entón co mundo céltico, co sacro imperio romano xermánico, co universo medieval, cos normandos e polo tanto coas cruzadas e as peregrinacións, coas pescudas románticas e modernistas por parte de inadaptados decadentistas, simbolistas...
Así pois, pols pescudas de Rafael Otero sabemos que Ferreiro Alemparte fixo os seus estudos primarios en Cabanelas, para ser bacharel naquel Ourense nimbado pola aura de saber de Risco, de Cuevillas, de Otero Pedrayo, os que coincidían e seguían as pautas doutro egrexio ribeirao, veciño de Ferreiro, Arenteiro por Medio, de Moldes, referímonos a Antón Lousada Dieguez. Parladoiros onde campaba a filosofía idealista do filósofo alemán Krausse, con canto comporta de panteísmo, desa interrelación paisaxe-paisanaxe e a súa influencia na Institución Libre de Enseñanza protagonizada por Francisco Giner de los Rios. Aquí tamén afondan as raiceiras de Ferreiro Alemparte.
Fai estudos universitarios en Compostela, a un tempo que o sorprende a Guerra Civil, movilizado cara ao sanguento fronte de Teruel, onde coincide cun vello amigo de aulas e querenzas composteláns e xermánicas, o arqueólogo Luis Monteagudo, como co tomiñés e exquisito poeta Rafael Melero, o que anos despois casará no Carballiño. O militarizado cabo Ferreiro estaría a salvo no fronte cumprindo misións sanitarias. É trasladado a Xaén e de seguido reclamado á Coruña, grazas á recomendación dun significado veciño de Leiro, don Eladio Rodriguez González, seguidor de Murguía, moi influínte nos ambientes castrenses coruñeses, intimo de Manuel Casás .
A fonda amizade entre Ferreiro Alemparte e Refael Melero, a poesía por medio
Ferreiro Alemparte buscando un xeito de gañar a vida pasa a ser docente en Xinzo de Limia e mesmo nos colexios do Carballiño , no de don Xosé Campos e no de don Juan Corral, para aínda ser lembrado polos seus alumnos e alumnas. Fortalécese entón a xa vella amizade co funcionario de banca, sobranceiro poeta da Xeración do 27, Rafael Melero Granja ( 1918-1962), Premio Marina de poesía no 1958, que pasaba tempadas estivais no Carballiño, onde logo casa con Josefa Peña Nogueiras da fábrica de madeiras da Ponte Veiga, tanto que mesmo a un fillo seu, en homenaxe ao poeta e amigo morto prematuramente, lle pon o nome de Rafael. Escritor co que Ferreiro Alemparte mantivo ademais un forte vencello de afeccións, mesmo compartidas con escritores daquela xeración, así como con Vicente Risco
No 1950 Ferreiro Alemparte opta a ser lector na universidade alemá, pasa a Kiel, a Darnsatdt, a Frnakfurt, sendo profesor de Lingua e Literatura, de Cultura Hispánica na universidade Johann Wolfgang Goeth, onde no 1953 coñece a Gisela Mählmann, alumna súa, coa que casa e ademais formará, ao longo da súa vida, un sólido equipo interdisciplinar nas pescudas históricas e literarias, especialmente arredor do suízo xermanista Emil Staiger e sobre todo en Rilke, sendo Ferreiro Alemparte un dos seus mellores estudosos e difusor. Buscaba Galiza en Alemaña como canto atinxía a Europa neste seu confín de orixe.
Sería o profesor Abelardo Moralejo quen, nos seus anos composteláns o introduza na obra do checo Rainer Maria Rilke (1875-1926), escritor de familia de xudeus convertidos ao cristianismo a fin de fuxir da persecución nazi, persoeiro cunha ampla experiencia vital: inicialmente formado na milicia, a que abandona, para comezar estudos de comercio e finalmente recalar nas súas verdadeiras querenzas de humanista que era, a filosofía, a arte, a literatura, coñeceu a Freud, a Nietzsche, a Tolstoy, a Rodín, Cezanne, Zuloaga...casado coa escultora e pintura Clara Westhoff, alumna de Rodín, en certa medida coutada pola personalidade do inadaptado e sedutor poeta, pouco amigo do matrimonio tradicional...Viaxeiro, de Praga a París, bo coñecedor da Europa do seu tempo, namorado de Toledo da que dicía ser “patria dos anxos”, de Andalucía, de Ronda onde pasa tempadas, para morrer de leucemia en Val-Mont, Suiza.
Pasos de Rilke que son seguidos detidamente por Ferreiro Alemparte, xunto con canto de ética e de estética implican os “ismos” do Modernismo cos que se cruza: dende o precubismo de Cezanne a Picasso. Como resultado que o ribeirao será autor de obras tan clarificatorias e influentes sobre o poeta alemán como “España y lo Español en la obra de R. M. Rilke” (1964), a que será a súa tese doutoral na Universidade Complutense (Taurus 1966)
Entón Ferreiro Alemparte `preocúpase polo simbolismo, tendencia que ocupaba as modas do Modernismo, con canto atinxía ao cristianismo, ás lendas célticas e canto reportan de orientalismo a través do camiño ario, ás sagas nórdicas, aos aportes xermánicos, suévicos, á misteriosa orde do temple e ao cister por canto significaron na humanización do territorio e no humanismo e con tanta influencia nestas terras que abren aos ribeiros... Especializado nas cantigas, na magna obra de Alfonso X, na Lenda Dourada, nos Flos Sanctorum ou recompilacións sobre as insólitas vidas e milagres de santos, as que tanto aportan ao Realismo Máxico... E esa Oseira na que no século XI, recen instituído o mosteiro, pousa o afamado peregrino alemán, de Colonia, Famiano que será santo...Ferreiro Alemparte é atraído pola mística, por San Agustíño, por San Xoán de la Cruz...e velaí que atopa esas mesmas relacións no seu admirado Rilke. Estudos, humanismo de Ferreiro Alemparte que coincide coas pescudas e as ansias de Risco e de Otero Pedrayo e que prenden en amigos como Cunqueiro, Rof Carballo...
Os membros da Xeración Nós ourensá, que admiraban e seguían a inadaptados, diferentes, como Rilke, non se entenderían, como non se entendería ao poeta alemán, sen aristocracia, sen sufrimento e paixóns do ego, sen misterio, sen simbolismo e todos os “ismos” do Modernismo, sen cultura e ocultura, a busca entre as tebras, sen relixión, sen fe...
E velaí outras obras de Ferreiro Alemparte, baseadas na documentación histórica, “La escuela de nigromancia de Toledo” (1983) a que ben lle gustaría e complementaria as teimudas pescudas de Vicente Risco, ou “ Trobadores de Orcelhon, Pero Meogo, Lopo Arias” (1989), arredor das paisaxes históricas do Arenteiro... “La Leyenda de las once mil Virgenes (1991), “Asentamiento y extinción de la Orden teutónica en España y la Encomienda de Santa María de Castellano en la Mota del Toro” (1971) E sobre todo esa magnifica “Arribadas de cruzados y normandos en las costas de la peninsula ibérica” (1999) imprescindible para coñecer as relacións marítimas coas illas birtánicas, os fretes pra facer a peregrinación a unha Compostela que con Roma e Xerusalén trianguliza a cristiandade.
Ferreiro Alemparte era amigo dos amigos, como vello pouso do seu ser, entre os que ademais estaban Álvaro Cunqueiro, do profesor e lingüista Isidoro Millán, do polígrafo Filgueira Valverde, amigo e veciño Chamoso Lamas...dos pintores Prego, Laxeiro, Colmeiro...cos que compartía moitas inquedanzas.
Don Jaime, recoñecido, profesor honorario da Universidade de Barcelona, correspondente da Academia da Historia, gustaba de retornar a Cabanelas, como para coller forzas vitais, en ocasións visitado por amigos, Luis Monteagudo entre eles, que en compañía de Adolfo Otero exploraban os vestixios templarios da zona e o enigmático castro-castelo de Cavadoso, mesmo Montegudo viu a hipótese de que aquela ruína nunha volta do Arenteiro puidera ser o emporio aurífero do Medulio, iso mesmo me contou o arqueólogo. Nos seus anos finais un don Jaime querido e respectado foi convidado a dar o pregón das festas do Carballiño, no que, entre o tumulto, fixo un canto á paisaxe, as, que naqueles anos estaban fortemente ameazadas polos incendios forestais...ao cabo do tempo as súas verbas e o seu exemplo de humanista, impóñense e ecoan con mais forza.
O pasamento do humanista acontece en Frankfur un 19 de xuño do 2000, as súas cinzas devolvéronse á Terra de orixe, na que radica a súa orixinalidade e pousan na ermida de Cimadevila, a que outea ao ribeiro do Arenteiro e ao pentágrama dos montes do Paraño.
1 Decembro 2022