AS DECIMONÓNICAS FÁBRICAS DE PAPEL DAS TERRAS DO ARENTEIRO

Ampliar: Logotipo da Fábrica de Papel da Lavabdeira (Orixinal F.Senén)



Introducción á decimonónica orixe das fábricas de papel nas Terras do Carballiño: Astureses, Bouteiro, Lavandeira e Lousado. Actividades preindustriais que conlevan a aparición dos trapeiros. Enfermizos traballos, os máis protagonizados por mulleres

A pesares de vivir na era da comunicación, agora a través dos plasmas e das novas tecnoloxías, o papel sigue moi presente entre burocracias que xeran máis burocracias, entre paquetes e envoltorios que recorren o mundo. E velaí de onte e de hoxe papeis de todas as clases e usos, tamén artísticos e mesmo arquitectónicos como a arquitectura en cartón reciclado do xaponés Shigeru Ban. Papeis lisos, rugosos, finos e lixeiros, absorbentes, filtrantes, impermeables... entre tantas variedades de cartóns. O tema non ten fin e non digamos si o vencellamos coa imprenta e coa escripofilia, asuntos que tamén caracterizaron ao Carballiño.

Un dos libros imprescindibles na biblioteca de asuntos históricos das Terras do Carballiño é o titulado “As fábricas de papel na Comarca do Carballiño” (2010), da autoría dos historiadores Francisco Xosé Fumega Piñeiro e Xosé Luis Sobrado Pérez; publicación do Centro de Estudos Chamoso Lamas do Carballiño. Expurgo de documentos paro o estudo da orixe, dos  arquitectos, canteiros e propietarios, dos homes e mulleres traballadores e do proceso de produción industrial do papel nas terras do Arenteiro. Fábricas  en relación coas do Faramello e Lousame. Construcións sobresaíntes na paisaxe, pétreas casonas fabrís, cubertas a dúas augas e con tellas, de paramentos abertos en ringleiras de ventás para a ventilación e a luz. Amplas naves que foron para o proceso de repartir o traballo, dende o almacenaxe das materias primas  á produción do papel a través de artefactos e máquinas de carpintería e de ferreiro, movidas pola hidráulica.

 O estudo deste tema preindustrial, aproveitando as augas do río Arenteiro, estaba moi nas teimas de don Ramón Otero Pedayo, e así nolo fixo ver nunha das derradeiras visitas á súa casa da rúa da Paz, estando xa enfermo e en compañía de Leuter e Xosé García Paz animábanos, a César Varela e a min,  a documentar e protexer esas solemnes arquitecturas, entón como habitadas por pantasmas.

 Estruturas e sistemas de produción, arqueoloxía industrial ao fin, como ben trata na limeira do devandito libro Xosé A. Sierra Rodriguez, anteriores á Revolución Industrial, como moitas outras empresas que naceron coa Ilustración e foron desaparecendo, ata os seus mesmos vestixios, como curtidoiros, fábricas de xabón, teares, fábricas de chocolate e tantos e tan bos muíños e tafonas,  ferrarías, batáns... No 1879 contabilízanse 27 destes emporios do papel, repartidas entre as terras de Compostela e o Carballiño.

 Estudo o de Fumega e Sobrado que comeza analizando as condicións naturais, o contexto xeomorfolóxico comarcal,  a cunca do Arenteiro nesa ribeira das fábricas, caracterizado por esas curiosas formacións graníticas,  resultado dos movementos tectónicos do Terciario ao Cuaternario e pola erosión das augas do río, fragmentadas, deixando covas que serviron de acubillo en épocas moi diferentes, como demostran os vestixios arqueolóxicos.

 Libro que facilita a guionización para a explicación museográfica do que será o Museo do Papel da fábrica de Lavandeira...aínda que nun museo non debe quedar so nun asunto de miróns, senón cumprir as funcións de acopio,  de documentación, de conservación, en fin, estar atentos ás modas expositivas, ao estudo de canto significa o papel, as calidades, as marcas de auga, o seu uso... e á divulgación. Asunto no que entra a explicación das múltiples utilidades do papel, especialmente como soporte da escritura, das burocracias, da información e mesmo como envoltorio e paquete... e detrás esa longa historia, a que pasa pola expresión rupestre, como en ósos, cortizas, cunchas, táboas de cera, lousa... no 1800 a.C, en Exipto o uso do papiro, polo século III a.C , en Pérgamo o uso do pergameo, o pelexo seco e depilado do cordeiro... até que, polo ano 105, observando as celas das abellas o chino Tsai Lung inventa o papel.  E niso seguimos, así no 751 os árabes toman nota e aplican á produción do papel algodón e liño. Así é que dos rolos de pergameo pásase ao libro e créanse grandes bibliotecas.

 Un novo oficio no mundo dos camiños, o dos trapeiros... e Pepa Loba por medio

 Dende o medievo aparecen os trapeiros, como un xeito de reciclaxe para a produción de papel. A partires do século XVIII comeza, noutras fábricas, a experimentarse coa pasta de madeira,  pasando das pastas mecánicas a pastas químicas ata as celulosas do noso tempo. O ecoloxismo toma nota e prima o reciclaxe do papel e do cartón pra unha gran elaboración de folios en minuto. E velaí os diferentes tipos de cartón, de papel común, de papel fino e de florete, de estraza, para adorno, para fumar...

 Novos xeitos de produción que fenden con tradicións agrarias e gandeiras, novas industrias que poñen a proba as relacións destas terras de arrieiros e feirantes, os que tiñan en Compostela, no Patio de Madres, non so parada e fonda, senón que recibían encomendas de levada e retorno, cara Noia, Padrón...Aparecen os trapeiros, os que agora, para a industria do papel, incorporan a carga de fardos de trapos e roupa vella, entre os que tiveron sona os dos Vilares, en Guitiriz, moitos outros de Garabás e do concello de Maside, cunha acción importante por terras do Deza. Os que a máis de trapos, dos curtidoiros, de gandeiros e carniceiros aproveitan os refugallos de graxa, crinas, xerda... O trasfego e papel do Arenteiro chegaba a remotos sitios.

 Neste proceso de produción do papel hai uns precedentes, os que poidan estar na Provenza e que pasan por Cataluña. A historia das fábricas de papel en Galiza remontase ao 1714, cando se aproba a instalación dunha destas fábricas no Faramello, abas do mítico Castro Lupario, concello de Rois e ribeiras do río Tinto, afluente do Sar. Empresa que nace da man dos xenoveses  Bartolomé Piombino Farnicetti e Xácome Gambino, este ademais celebre escultor barroco. Conxunto fabril que será referente ao que se engade o pazo, espazos moi vencellados á vida de Rosalía e de Murguía: casas de traballadores, almacéns, pías pra macerar o trapo cada unha con tres mazos, movidas por rodas.... Fábrica que por vencellos familiares pasará aos Rivero de Aguilar, de Viana do Castelo, ao casar María Clara, filla de Bartolomé Piombino.

 Estudo das fábricas de papel do Carballiño que se enreda e afonda en familias , promotores, construtores, especialistas... de procedencia moi diversa, de Astariz, Dacón, Tui, que cobran prestixio económico e marcan unha aristocracia que mesmo se denota no novo urbanismo da vila. Entre os que están os Fernández Blanco, entre eles don Pedro José,  boticario do Carballiño a comezos do XIX, potentado prestamista. Saga da que ven don Xoán Bernardo González que mesmo será alcalde de Maside na metade do XIX . Ambiente propicio á bandoleirismo, con certas relacións coa arrieiría e co mundo dos cabalos, e velaí á mitolóxica Pepa Loba, a que pon a ollada na nova e adiñeirada clase de empresarios

 Entre esas fábricas estaba a pequena de Portocarreiro, en Astureses, construída polo 1840 por Xosé Antonio Taboada, familia local de avoengo e da que saíron  xuíces, cregos... Coñécense os nomes dos técnicos construtores, como Xoán Cendón Carballal, procedente da Lama, Pontevedra,  da súa man vese tamén a feitura da fábrica de Rodís, Lalín, como encargos doutro tipo pra igrexas da diocese. No Bouteiro, no 1848, identificase ao papeleiro, vido de Lousame, Ramón Piñeiro, casado cunha veciña de Mesego.

 As correspondentes ás Terras do Carballiño son as fábricas de Lousada, na parroquia de Loeda en Piñor de Cea ;  a da Lavandeira entre Mesego e Longoseiros; a do Bouteriro na parroquia de Sagra, como a devandita dos Taboada en Astureses, esta no rio Pedriña. Preindustrias, maioritariamente levadas por unha burguesía procedente das Terras do Deza, da mesma Compostela, de Noia e Lousame,  ou de Ourense. Sábese que o construtor Juan Cendón é quen deseña a fábrica do Bouteiro e algúns aspectos da de Lavandeira, mestre canteiro casado con Juana González e que ademais recibe encargos para a Ponte de Toscaña, para a parroquial de Feás, pra San Martiño do Lago, pro Santuario das Ermidas, pra mesma torre das campás da Catedral de Ourense, pra San Salvador de Vide en Castrelo de Miño....

 No 1838, don Bernardo Taboada, casado cunha filla  de De la Riba constrúe a fábrica de Lavandeira, mestre canteiro será Xosé Touriño, de Carballedo , Pontevedra, entre outros canteiros, menores, chegados das terras de Montes asentados e mesmo casados en Longoseiros.

 Un traballo propicio as infeccións,  entre trapos e a humidade do río

 O recorrido de produción pasaba por almacéns nos que se amoreaban os trapos, os que pasan a clasificarse, seleccionando os brancos das camisas e as enaguas... esfiachando con coitelos as costuras, logo humedecéndoos pra cortalos en tiras e apuzalas en grandes pipotes, encargadas aos cubeiros, resultando verdadeiros podredoiros nos que permanecerán ata que creen fungos, sinal  pra levalos ao muiño e seguir a esnaquizalos e trituralos a golpes dos mazos. Para esta función na fábrica da Lavandeira había ata 5 rodas hidráulicas. Balsa constantemente removida  na que se formaba a pasta. A que logo retirada en novas cubas e pra unha maior calidade, especialmente para o papel de escritura, se engadía un xeito de cola feita de resina ou de osos, tipo cola de coello. Logo nese proceso en cadea, pásase a pasta a novas cubas, agora en forma de folla, sácana, sacódena e métense entre pezas de feltro pra seren prensadas, logo despois tenderanse a secar s follas, unha a unha.

 En cada dependencia había especialistas: as expulsadoras seleccionando os trapos golpeados polos mazos dos batáns, facéndoos polvo e logo pasta que se bota ao molde pra saír o papel....  o  poñedor e levador que separa e estende as follas de papel; o tendedor o que os colga nun cordel a secar; o encolador, o que aplica un xeito de verniz pra que o papel non chupe a tinta... o sequeiro, a sala de bruñido. Oficio duro entre humidade, trapos, insectos e lixivia. E finalmente o empaquetado en mazos. Traballos  moitos deles feitos por mulleres, sometidas a infeccións. Pola actas de defuncións coñécense aquelas duras circunstancias de traballo nunhas estruturas en ocasións en obras de ampliación e reformas. Respecto á fábrica de Lousado sabemos que había: 10 home e 50 mulleres, produción esta que resiste ata os anos sesenta, namentres as outras fábricas, pouco antes da guerra civil , foron deixando a súa produción e converténdose en ruínas.

 Nos anos sesenta a familia de construtores Otero Cerdeira, tan sensible con aspectos do patrimonio, adquire a fábrica da Lavandeira, entón  como gran casona dos espíritos, faino coa ansia de preservalas e sacarlle algunha rendibilidade, fanse proxectos, acontecen crises, desánimos, burocracias, demora... intervén o Concello.

 No ano 2000  o Concello do Carballiño,  presidido por Pachi Vázquez inicia e encarga o proxecto para Museo do Papel para a vella fábrica da Lavandeira. Será que o execute o prestixioso arquitecto carballiñés, dúas veces Premio Nacional de Arquitectura ( 1997-2018)  e con residencia na Coruña, Manolo Gallego Jorreto. En abril do ano 2003 preséntase o proxecto  e Inícianse as obras,  as que se prevían para tres anos, para  rematarse en xuño do 2011. Máis no decorrer do tempo atópanse novos atrancos ata o 2022 en que se retoma o asunto  encargándose o proxecto museográfico , o que desexamos pense tamén na sustentabilidade.

15 Outubro 2022