ALGUNHAS LEMBRANZAS ARREDOR DA MIÑA EIRA DE FLORES
Paseo por un singular espazo do Carballiñono nos anos da infancia do autor, alá pola metade do século XX: a eira, o cabaceiro, a casa dos ´Guesito´ coa nena María Rita, o forno, familias amigas...e a casona, a carón da Igrexa, habitada pola Zamorana
Servidor é de Flores, pra entendernos mellor: dese humilde barrio da parte de atrás do Carballiño. A que está baixo esa liña á que lle da traseiro a Casa Consistorial e que deixa de banda a vella Igrexa Parroquial. Barrio que, costa abaixo, se estende ata os lameiros do Regueiro. O embigo do meu mundo é a Eira, o espazo máis amplo que ten a barriada de Flores, conxunto de casas e cortes que foron máis enxebres, máis de tradición arquitectónica galega do que hoxe son; as que agora mostran as lacras da aculturación, o que agora chamamos feismo. Labirinto aquel de humildes construcións, entre currais, resíos, abeirando rúas que baixan cara Señorín .
Eira de flores é un couto aberto no barrio que ofrece dúas partes: unha na parte baixa que é a propia eira, empedrada, co seu humilde cabaceiro de pedra e madeira, a carón da á casa dos Barrosa, os do Huesito...Aquela si que era unha casa labrega potente, esquinando co camiño e na súa banda dereita con amplo combarrizo pro carro, con adega e lagar, as pedras aínda andan soltas por alí...e detrás unha competente horta. Casa que alegraba unha neniña , algo maior ca min, María Rita e que morreu no mes dos defuntos do ano 1954, aos once anos. Aquelo foi coma lostrego sobre o barrio, os nenos soubemos o que era un anxeliño de cera, vestido de branco adornado de flores dentro cadaleito purpurinado. Cada vez que vou a Señorín, ao entrar, bate a miña ollada e o sentimento no seu panteón e na súa foto. A familia marchou pra Vigo. Nada queda daquela do que foi aquela casa, máis que, acometendo o pasado, un edificio novo . Á esquerda da dos Barrosa aínda está a pequena casa de cal e pedra que sigue a ser dos do Hotel Rosa, amigos dos cabalos e das tradicións, daquela habitaba a familia do Pagaza, un solicitado matachín de porcos, dos de pana, boina, afiado coitelo en man e faciana topografada por infindos cavilares. A carón e honra da memoria labrega do Carballiño sigue estando o cabaceiro , tal cal, como fumegando o forno de leña da Portuguesa. Lembranzas con arrecendo a pan quente, casa xenerosa con solaina e porta aberta á eira, sempre entre barrotes pra acender o forno. Alí oficiaba a señora Jesusa “a Portuguesa”, unha daquelas varias viúvas de mortos e de vivos, que habitaban o barrio. Matriarcas, nais coraxe diriamos hoxe, aquela de tres fillos, a Rita , a Aurita e o Eduardo Alves, coñecido acordeonista, capaz de animar unha festa il soio...Os netos maiores da señora Jesusa eran do meu tempo e amigos, o Susito e o Pepito....cos que xogabamos mesmo no forno a enfariñarnos, amasar e facer cornuchos, rosquillas e bolas de pan . Nada sei dos que sobreviven daquela querida casa. Iso alégrame vela anovada, tal cal, coa súa cheminea a seguir a fumegar como concorrido forno tradicional. Despois pasou ás mans do bo facer da Consuelo e do Luis, pra logo seguir, a neta do Bóveda, a que o leva hoxe e con esplendor, María Pellicer e alégrame confirmar que as tradicións non traizoan, que na mañá fórmanse colas pra coller o pan que, a casa está rehabilitada e revitalizada.
O forno, cara arriba, limita coa casa dos Carballido, do Abel, alto e serio, como James Steward, reputado madeireiro e da Susa, cos seus fillos, a Julita, a Rosa Maria, o Abel, o Pepito e a Chus e aquela avoa, a Mama Julia, outra das viúvas eternamente de negro e con pano á cabeza ....O Abel, meu amigo, quería ser condutor de camións...e a iso xogabamos entre o chan de xabre, tirando cun cordel de latas de sardiñas valeiras. Xabre sobre o que gozabamos esgarabellando cun garabullo, argallando pozos, castelos, pontes, xardíns....
Abaixo ,á beira do camiño co que linda a Eira, vivía a familia do Bernardo do Malaví, co súa muller Mercedes e a súa filla Merceditas, o concorrido barbeiro da Praza Maior. Mesmo alí tiña cuarto o Lanas que era o sancristán maior de don Evaristo, quen mellor repenicaba as campás da parroquia, quen máis sabía de incensos, de vodas, bautizos e defuncións... a casa dos Peta... e alí, onde desembocaba a canella , tras da casa dos Carballido, a taberna da Rispada, tan enxebre, auténtico ateneo popular, de chan de terra, alzadeiros, arrecendo a viño e carne asada, entre cantarías...e aquelas familias, os Libiera, o Ramiro, os Tatos ...a casa do Peta....despois a dos Macarrillo, do Monada, os do Vicente, da Celsa, do Samuel, da Merecha, do Colón, os Morales e o Carramal... e tantos e tantas, cada un coa súa historia, retranca, leria e penas cargadas ás súas costas...Sagas por contar
Aquelas nais coraxe....viúvas de loito ... e dona Alicia, “A Zamorana”
A outra parte desa eira empedrada era o espazo aberto, daquela ensombrecido no verán por dous grandes plátanos desafiando os nosos ritos de iniciación: un de fácil subida e que nos permitía xogar e imitar a Tarzán, o outro de tronco máis liso e alto con riscos pra gabealo. Espazos aos que lle póñoa escenario a antiga Casa da Orde, inmensa mansión afectada pola desamortización: repartida en tres partes, unha que aínda queda, tal cal, que é a casa doutra daquelas viúvas, a da Rosa do Reque, iso é a casa da miña avoa, da miña nai a Muñeca e da súa irmán a Minda, agora da miña irma Gracia e de servidor. Casa sobria, tan aparente como esencial, tanto por fora como por dentro. iso si cun xeneroso portalón de postigo que foi de carruaxes e que noutrora levaba ao conxunto da casa e que agora conducen ás lembranzas que contamos. Despois da desamortización aquela casa que fora dos frades de Oseira, serviu de casa parroquial, logo do médico e filántropo Cesáreo Tizón, e mesmo despois dos Dopeso, onde naceu o político, célebre na Coruña Pepe Dopeso, no mesmo cuarto onde décadas despois e téndoa mercado a miña aboa , nacería eu. Noutra das partes vivían os fillos do Andrés Rodriguez, o “Rebusco”, patriarca de sona entre os cocheiros, así ben o lembra Otero Pedrayo...viúvo, coidando aos rapaces a tía Caridad, o máis pequeno o Andrés, outro amigo de xogos, o que quería ser piloto de aviación pra ser, como é, boticario en Cospeito da Terra Cha. Naquela casa tamén vivín os das Cartas, a Blanquita, o Quique...que logo emigraron a Venezuela, retornaron á Coruña ... outros fóronse á Tenerife. No baixo desta casa estivo unha temporada o zapateiro Pallas, a carón da Igrexa , onde na feira montaban os telderetes os zoqueiros...as pulpeiras achegadas ás tabernas do Chupete, o Rioboo, o Lentille.... A parte de atrás desta segunda parte que daba á Eira, estaba alugado á modista Luisa Rey, natural de Lérez que casou Luis Reinoso pais da, Yuly, nena moi coidada e guapa, hoxe médica, que desexo siga a vivila pra contala, coma min. Escola aquela de costura pola que pasaron moitas mozas aprendices. Tamén había un cuarto alugado temporalmente a aquela xenerosa froiteira e rosquilleira ambulante que era a Carmiña, a Mazasa, a que nos daba as farturas caducadas.
A terceira e máis solemne parte desta antiga Casa da Orde era a daquela habitada , alugada á Diócese, por doña Alicia, “A Zamorana”, viúva dun notario, de falar tremente e delicado, de formas exquisitas,, respectada e contrastando entre as viúvas enloitadas do barrio. Señora de criadas con cofia e mandil branco. Ela, nas horas do paseo mesmo de sombreiro e de parasol... A zamorana coidaba naquel húmido esencias doutro tempo, do romanticismo, da Belle Epoque, eu diría como da mesma Mary Poppins: tresillo, librería, chineiro de Sargadelos, entre poeirentas cortinas de veludo , armarios de traxes, levitas, togas, canottiere... roupas de rango que ela deixaba pros Entroidos, mesmo, sen reparos. Casona cunha inmensa lareira con, forno cambota e cheminea... máis sen baño, como as demais. Doña Alicia bordaba moi ben, tocaba o piano, especialista en facer obras de arte da repostería zamorana, entre elas as cañas, das que tamén deixou receita.
Baixos daquela casa que na metade do século XIX, serviron de casino, onde nos cincuenta ensaiaba a tuna, onde temporalmente alugaban cuarto a xente de paso, e nos sesenta, xa no seu abandono, recollín algúns libros que falan de ilustres pasados: A exposición universal de Paris , os seis tomos das “Memorias de Ultratumba” de Chateubriand...
Casa que esquinaba cuns chanzos que baixaban á Eira, lindeiros coa casa que o Pepe do Reque fixo para a súa malograda filla Merceditas, que casou cun madrileño, Gustavo Cucala e morreu moza, deixando dous nenos, meus curmáns, o Pepito e o Carlos... e cuartos de alugar a xente de paso... máis abaixo a casa das Auriñas, coa señora Concha e as súas fillas: a Lucia, a Conchita e a Teresa ....dedicadas a por clase aos parvuliños que fomos. E xa na Eira a horta e a casa das do Toco, onde nos sesenta construíu u ha nova o reloxeiro Apolinar pra vivir coa familia e as súas dúas fillas e o lembrado Alfonso. Horta de cotizados froiteiros, os que cada primavera lle poñían telón de fondo ao cruceiro, o que en maio de 1968 fora trasladado dende o fronte da igrexa.. por erro a cruz púxose o capitel ao revés: a Virxe sobre a morte e o Cristo sobre un anxo...
A carón do portalón da nosa casa, nuns almacéns dos Parrondo - que lindaban coa horta da fermosísima casa, feita naqueles anos polos Vázquez- Monxardín Blanco dos que don Alfonso fora importante figura entre os celebrados membros xeración Nós - vivía a familia Alberte: o Señor Manolo, coa súa muller a señora Celia, coas súa filla Pilarcita, o Manolo, o Antonio, o Luis e o Julito...este case do meu tempo. Imprescindibles naqueles anos, serviciais, milmañas, creadores dun aparato de radio familiar de non sei cantos decibelios que lle poñía banda sonora ao barrio, en especial cancións de Antonio Molina.... os irmáns maiores foran maquinista de cine no Pavillón Neira...Toño era pros nenos como un Capitáns Trueno, con batallón infantil e de Flores, propio, de espadas de madeira dos barrotes do forno, pra batallas no monte da Pena.
Era aquel o barrio dos alcumes, tan ocorrentes como desapiadados... os que preferimos deixar na trastenda, seguro sen esquecer. Era o barrio de tradicións, as que aínda perduran , ao menos nas lembranzas e noutros barrios quizais de París, de Caracas, de Panamá, México, Miami, Londres... de Vigo, da Coruña....E tanto por contar, cando aínda resoan os entrecortados cantares do Chiquilín ... “Esperanza...por Dios solo sabes bailar...Cha, cha, cha...·
1 Setebro 2022