O PULPO, AURORA BARANDA E O CARBALLIÑO, UNHA SANTA TRINDADE GALEGA

Ampliar: Aurora Baranda, Foto Xurxo Lobato



Aurora Baranda é pulpeira de cerna, natural como moitas deste gremio de Santa María de Arcos, Carballiño. De feira en feira, emprendedora e que con gran dignidade potencia o pulpo ao estilo Carballiño, nas súas grandes pulperias de Lugo e da Coruña

Si hai unha historia interminable, desas carballiñesas por excelencia, das curtidas nos  camiños, entre humildes pero fartas paradas e fondas, esa é a das pulpeiras, aboas, nais, fillas e fillos. Cada veciño de Arcos, a máis de ser un heroe é un pozo de historias de entrega e traballo. Entre elas enguedéllanse sagas de familias asentadas e orixinarias da parroquia de Arcos ou do mesmo Carballiño, varias Aurora, Pepita, Maruxa, Carmiña, Gaspara... con apelidos e alcumes, como os Crego, Boulla, Baranda, Fuchela, Charrancas, Ruzo, os  Rodríguez, Pereira, Fernández, Lage, Carral, Justo, González-Tupino, Fuchela, Valeiras... Pulpeiras e pulpeiros atentos ao acontecer, con iniciativas, acollidos na Asociación de Pulpeir@s e que hoxe preside Roberto Pereira González.

 Ao falarmos de pulpo xa nos ven á cabeza os nomes de Arcos e o do Carballiño como capital máis que mundial do pulpo, universal. E como non, entre eles  o nome de Aurora Baranda, pros de antes Aurorita, por esa ansia e simpatía que non lle faltan a pesar dos anos e das penas. Aquí queremos pousar.

 Sabemos e seguimos, dende vello, as obras e milagres de Aurora Baranda, vida que nace na posguerra – e dígoo así, xa que aos do Carballiño non nos gusta contar os anos, o asunto é poder seguir a mirar pra adiante - entre  tantas limitacións e medos daquel tempo. Namentres,  tratando de esquecer, naquela vida en obras se erguía ao ceo o templo da Veracruz, se celebraban uns entroidos inesquecibles e  algúns intelectuais facían encaixes literarios en galego, ao menos pra afastalo da tendencia ao esperpento. Anos nos que moitos da xeración de Aurorita - pouco máis que a miña - e da súa parroquia, collían maleta e barco en Vigo rumbo ás Américas e pouco despois tren cara a unha Europa máis madura. Moitas pulpeiras fóronse e volveron.  Ben sabe aquelo de que “o que resiste vence”, e así foi, pese  ao Viacrucis da vida.

 Os Baranda é familia por excelencia de pulpeiras, emprendedoras, solidarias, participativas alí onde aquece.  Seica os seus devanceiros, o bisavó procedía da comarca Palentina do Cerrato, de Baltanás, célebre polas súas adegas subterráneas....e non é estraño tal procedencia como moitas outras familias do primeiro Carballiño, arrieiros e feirantes. Aurora ten dúas irmáns Pepita, Susa, as que, dispostas e emprendedoras, se inician cos país, de feira en feira. Levaban ás rías os produtos da matanza do porco, de volta, traían os sacos moles de pulpo, pra logo, en Arcos, lavalos, mazalos e poñelos a secar...  Domingos e festivos no camiño, entre fardos, detrás da caldeira de cobre... e aínda no tempo libre a aprender a bordar e a  coser no selecto taller de costura da Luisa Rey,  na Eira de Flores. Lémbrome ben daquel pequeno habitáculo e cuarto de costura, presidido por un cadro cunha gran lámina, estampa do busto da Virxe das Dores, cuberta de corazóns, grandes e pequenos, de todas as formas e cores. Alí acudían as irmáns Aurora e Susa, entre outras de Arcos como a Lolita ou a Aurita do Guapo, tamén de Arcos, coincidían con outras aprendices como a Carmiña de Toscaña, a Pili do Ramiro, a Pepita do Polo ou miña curmán Rosita Nuñez...e sendo neno e naqueles ambientes lembro as brincadeiras das mozas en tardiñas grises e frías, das de braseiro.

 Aurora casa noviña con Manuel Pazos daquela un mozo, deportista, admirado polos máis novos, xogador no Sporting Club de fútbol, no de baloncesto e de familia ben coñecida e querida, a dos Pallón. Asociados coa súa irmá Susa e co seu cuñado Paco, establécense nun “Bar do Pulpo”, situado entre o vello campo da feira (hoxe praza Roxa) e o cruce de Ourense. Mostrador e mesas onde o protagonista é o pulpo, lugar de encontro, de chiquiteo entre a mocidade de entón. Tiveron tres fillos, Manolo, Pili e Juan Antonio, sucesores da empresa “Aurora e fillos” Entre outras experiencias crea con éxito a “caseta” itinerante, e mesmo unha empresa de “catering”,  ata facerse imprescindible nas grandes feiras, festas e romarías, trunfando no San Froilán de Lugo, onde  será referente e tan concorrida como a mesma catedral.

 Aurora sempre baixo o toldo ou caseta, entre mesas e bancos que había que montar, a carón dunha caldeira, antes das vellas de cobre, agora das de aceiro, a velar o lume, a escoller a auga... que sobre o taboleiro estean dispostos os pratos, os botes e aceiteira, cumprindo, tamén sabio e ancestral ritual de darlle os tres baños ao pulpo denantes de asolagalo un tempiño, sabelo cocer,  ata que lle toca a súa quenda, a de erguelo co gancho e coas tesoiras nas mans comezar a tallalos rabos con esa habilidosa rapidez: talladas grosas que enchesen a boca, e o casulo ( isto é a cabeza, que hoxe se desbota e que tanto gusta aos sabios do asunto) tamén. Botarlle o sal groso, logo o pementón e finalmente aceite arredor ... E logo despois desmontar, lavar pratos, a caldeira...e volver ao camiño, no pasado naqueles coches de feira, comunais, teatros ambulantes da vida.

 Arredor dun prato de pulpo circunscríbese toda unha longa Historia e Cultura

 Preparativos que supoñen saberes antigos, mellorados hoxe: o almacén das viandas, noutrora canto significaba o pulpo seco, despois conxelado e os frigoríficos, as amasadoras pra “marealos” , o que acabou cos lavados no río e os secadoiros ... Todo o que comporta transporte, fardos pra levar tal mercancía. Así, de feira en feira, pola Rosa dos Ventos do mapamundi, a universidade da vida, chova, xíe ou caia unha desas fogosas raxeiras de verán, aínda así o camiño sempre ofrece que aprender.

 Todo bo facer crea escola e imitadores, pero Aurora vai máis alá, ate instalar, a carón da Estación de Autobuses e da mesma muralla de Lugo unha gran pulpería, a modelo dos grandes establecementos de Munich: espazos onde habita e madura a mellor esencia e espírito de Galiza, ademais en cartel de cabeceira presumindo desa orixe na que radica a súa orixinalidade, algo que ben agradecemos os do Carballiño, “Pulpería Aurora do Carballiño”. Pois velaí unha singular trindade nosa, tres cousas distintas: o pulpo, Aurora e o Carballiño e unha soia verdadeira, o pulpo estilo Carballiño, esencia histórica e culta do “pulpo a la gallega”, ou “pulpo á feira”.

 E non queda niso a cousa, pois os saberes da tradición, os que non traizoan, dan moito de si: Aurora coida ademais as bolas de pan, sabendo que a nosa é terra de eiras, hórreos, de muíños e de fornos de sona, como os que noutrora foron os de Señorín e seguen a ser os de Cea... menú onde non faltan a carne ao caldeiro, richada, guisada, raia...e de sobremesa, como non as cañas do Carballiño, os saberes nacidos desoutro saber facer da confeitaría Cerviño.

 O bo facer e receitario de Aurora espallase e velaí na Coruña, na praza de Vioño, o solemne e grande espazo creado pola súa empresa a “Caseta de Aurora”, dúas humildes palabras que se agrandan co saber facer: amplísimo espazo, decorado con personalidade, fora dos estereotipos hiperenxebristas ou dos standars das multinacionais do moble. Servizo onde os empregados, algún sempre atoparás do Carballiño, con camisas rotuladas cun “Fálame”, practican un sabio principio, o de agradecemento e atención a quen escolle ese lugar, pra  pasar uns momentos gozando dos produtos da Terra e do Saber Facer e deixar algo dos seus cartos. Proba dos saberes aprendidos no camiño.

 Aurora Baranda, polo seu saber, pola súa teimosa constancia, pola súa simpatía é querida e respectada entre os do seu oficio, merecente de canto a sociedade galega poida dar, ás veces en forma de simple agasallo, de diploma, de medalla, de copa ou bandexa de metal... que xa reúne algunhas.

 Aínda que Aurora non o saiba, moitos de antes e de agora - como ela, ausentes do Carballiño, pero de ida e volta - atopamos neses espazos nacidos da súa man, a dignidade, os sabores e esencias nosas, as de antes e que merecen ser de sempre, e entre elas as lembranzas do que somos. Así que arredor dun prato siglado de Aurora, entre rabos tallados de pulpo, circunscríbese unha cosmogonía de historia e cultura que se perde fai séculos en Oseira e se espalla polo mundo. Algo que o saber ou o instinto, o espírito reclama pra seguir sendo Nós

1 Agosto 2022