OS INSPIRADOS VERÁN NO CARBALLIÑO DO SABÍO CLÉRIGO CHAO ESPIÑA
Don Enrique Chao Espina (1908 Viveiro-1989 Coruña), clérigo e humanista formado en Mondoñedo e Lugo, nas universidades de Compostela e Alcalá, estudoso de Pastor Díaz, escolleu pras súas vacacións o Carballiño, onde escribía, pintaba e se inspiraba
O Carballiño atrae, as súas augas medicinais, a natureza, o bo xantar, o trato agasalleiro... E a cousa ven de vello. Coñecemos a auguístas que non perdían a súa tempada, ou simplemente a veraneantes seducidos pola tranquilidade dos paseos pola beira do río, polo parque e ter onde xantar enxebre: o polbo, as anguías, as troitas, o bo xamón... a coidada repostería. Forasteiros que dando cumprimento a un xeito de ritual viñan e, alá por onde ían, facían propaganda pra volver, ano tras ano. Na Coruña, máis alá ou máis aquí, téñome atopado con empresarios, políticos, artistas, literatos, músicos, académicos, ou simplemente xentes anónimas, do común que ao escoitar o nome do Carballiño acendíanselle os ollos de ledicia. Dicir o Carballiño é un xeito de abracadabra que abre portas de diálogo e amizade. Poderiamos escribir unha nómina sen fin, que nas tabernas, nas rúas, no parque mesturaban o seu anonimato coas tradicións da vila, que recobraban forzas e mesmo anovaban a inspiración o diálogo íntimo coas musas e cos deuses, para unha nova ansia.
Un deses persoeiros, tan grandullón como sabio, inxenuo, bo e xeneroso, dos de antes, era o sacerdote don Enrique Chao Espina (1908 Viveiro-1989 Coruña): cronista oficial de Viveiro, catedrático de latín, grego, sabedor de hebreo, de arameo e mesmo de sánscrito... amante de canto significaba Portugal e dos seus sempiternos vencellos con Galiza. Erudito merecente pois de todos os eloxios e máis deste seu amigo que tiven a sorte de ser. Crego rodeado desa aura de clasicismo que caracteriza a moitos outros pensadores vivarenses, os que tan ben saben agasallar á vida como á morte, pois velaí a sona do seu Entroido como do seu Viacrucis pola Semana Santa...cousas aprendidas tanto nas encrucilladas dos camiños ou do mar como á sombra dos claustros daqueles seus conventos baixo o cantado monte de San Roque.
Don Enrique era de andar pousón, arrastrando os pes, como para asegurarse no chan e sempre coa carpeta das súas notas e creacións baixo o brazo. Pois era daqueles que seguían e superaban o proverbio do viaxeiro xeógrafo Plinio o vello, “nulla dies sine line”. Pese á súa miopía emproaba a mirada, espreitante dende os seus lentes de cu de botella. Con algo de Quixote e de Pitágoras. O curriculo de Chao Espina, seino ben, é amplo, variado, mesmo tamén divertido, como el era : presumía de ter sido porteiro no equipo do seminario e que parou ducias de penaltis... de ser nadador en alta mar, así como de finas e estratéxicas xogadas no xadrez...seguido de toda ese aporte intelectual que máis se gaba nos cenáculos.
Veu á vida no 1908, tempo no que naceron tantos renovadores da cultura galega, forzados tamén a vivir a guerra... finado na Coruña en 19 de xaneiro de 1989. Dicíamos que nel sentíamos esa aura vivarense, a que foi avivada nos seminarios de Mondoñedo e Lugo, que non foron pouca cousa, berce de poetas e creadores nos que se espallaba a teosofía, o realismo máxico, ese xeito de fabular que vencella os espíritos dos devanceiros, os mitos, as lendas e o panteísmo céltico coas realidades. Pasa ademais pola Universidade de Zaragoza, onde estuda Filosofía e Letras, pra recalar en Compostela e doutorarse cunha tese necesaria e fundamental, referente sobre o seu paisano o filosofo romántico Nicomedes Pastor Díaz (1981-1863). Pastor Díaz foi outro dos grandes humanistas tamén formado no Seminario de Mondoñedo e Lugo, en Leis en Compostela e Alcalá, amigo de Larra, de Espronceda, de Ventura de la Vega, de Zorrilla, a quen fixo prologo e poida que inspirara o seu transcendental “Juan Tenorio”. Pastor Díaz, poeta tamén e sobre todo solicitado periodista, deputado en Cortes pola Coruña (1843), Ministro de Estado con Isabel II, Ministro de Comercio, de Instrución e Obras Públicas, fundador do Ateneo de Madrid, amigo de Javier de Burgos: unha das iconas do Rexurdimento, autor dunha “Galeria de Españoles célebres” (1841-1864). Chao Espina vai atopar no tema de Pastor Díaz un forte eslavón ou vencello con Otero Pedrayo, ambos moi prezados entre si. Don Enrique (a poucos lle aquece tanto o Don) foi profesor no instituto de Puertollano, catedrático na prestixiosa Escola de Comercio da Coruña, un centro caracterizado polo seu humanismo, así como do instituto Eusebio Da Garda, sempre lembrado con agarimo polos seus alumnos.
Reverendo señor, de altar e cátedra, peripatético tamén, preferindo os paseos por alí onde mellor se expresan a paisaxe e os cavilares, ribeirando os misterios da vida e do universo. Sempre disposto a compartir diálogo cos seus colegas, a ensinar e a axudar aos seus alumnos, aos que dificilmente suspendía, culpándose de tal. Membro de varias academias, tamén portuguesas, numerario da Academia Galega, un dos que, en difíciles momentos da ditadura, foron capaces de gardar e seguir a acrecentar legados documentais, a crear infraestruturas propias e seguilas dotando para que sobre elas abriran camiño os vindeiros. Espazos coruñeses nos que compartiu amizade e inquedanzas co historiador da arte e arqueólogo Manuel Chamoso Lamas, a que mesmo prolongaba visitándoo na súa casa de Moldes e nos días de estancia no Carballiño.
Humano feito pois entre libros e para os libros. Autor de innumerables e variados traballos, dende os propios do seu oficio de sacerdote, os que implican a Arqueoloxía Sagrada, como de canto se refire ás relacións históricas culturais e sobre todo lingüísticas entre Galiza e Portugal... afondar nas lendas galegas, no bandoleirismo, tan en relación cos arrieiros e os mesoneiros; especialista nos tipos populares, velaí o “Barbas, barbudos y barbudas”, nos monstros dos mares galegos e nos temas mariñeiros, nos normandos en Galicia, na zooloxía, no Padre Feijoo e sempre en canto atinxe a Viveiro e a Otigueira: pois uns dos seus editores era David Fojo dende aquel seu templo de Ortigueira que foi a súa histórica Imprenta Fojo. Na liña doutros colaboradores, referentes de sona, como foron Federico Maciñeira ou Antonio Bascoy... Imprescindible pois en periódicos locais, os que mesmo reuniron a plumas como a de Cunqueiro ou Cela... Xornais locais que son un xeito de limpa resistencia literaria: “La Voz de Origueira”, habitual tamén nas páxinas do “Heraldo de Viveiro”... os que tanto teñen aportado.
Humanista que tece saberes, filosofías, tradicións, o realismo máxico de aparicións, trasnos, mouras, entre bandoleiros como os Balseiro, Mamede Casanova... e polo tanto no risco de non saber estruturar tanto coñecemento. Con tal bagaxe e nos momentos íntimos poeta e pintor, o que cultivaba nos seus días de acougo Carballiño namentres repensaba.
Sonnetos, pintura ao óleo cos que agasallaba aos amigos
Chao Espina coñecía perfectamente a cultura portuguesa, por tanto as súas orixes na Historia de Galiza, consultábame cousas, achados...e logo nas súas publicacións poñía os comentarios dos seus compañeiros de faladoiro, favorecendo o seu criterio. iso si, ennobrecendo canto atinxira á Historia de Galiza e sobre todo a Viveiro, a Ortegal , aos amigos e ao universo Mindoniense, o mundo no que se sentía radicado. Algo ben entendido por esa vila culta da que, por iniciativa do sensible escritor e animador cultural, Manuel López Foxo, no 1988 foi nomeado, Fillo Adoptivo de Ortigueira.
Pois Chao Espina era devoto de poucos lugares, entre eles nas terras de Xermade a parroquia Roupar ... e polo primeiro outono, despois das festas escollía o Carballiño. Lixeira a súa maleta, na que non faltaba a carpeta de folios e libros, nin o traxe gris, clériman, tipo protestante. Con parada e fonda na Casa Rogelia, despois nas “Colonias” do Soto mercaba óleos e lenzos sobre os que pintar e nos momentos de espera, namentres secase a pintura, escribía, poemas, gran sonnetista, versos dedicados ás paisaxes e ás paisanaxes, aos amigos que o acollían, a Chamoso, a Otero Pedrayo, á vila... E rematada a súa obra regaláballas a quen o escoitaba ou o admiraba, como tamén o era Juan o da Casa Rogelia, que ben sabia do seu cliente. Son posuidor de varias obras e outras que regalei ao meu sempre lembrado amigo, tamén vivarense e especialista en termalismo, o doutor Fausto Galdo, bo coñecedor das propiedades das augas do Carballiño. O certo é que Chao que non era bo pintor, iso si ansia non lle faltaba: pinceladas rápidas, impresionistas, dadas do tubo ao lenzo sen demasiadas alquimias prevías e sen pasar pola paleta. Agora aquelas pinturas, as páxinas, os seus libros son como xanelas abertas á inmensidade do humanismo.
22 XUÑO 2022