LALÍN, O CARBALLIÑO E O IR E VIR DO XENIAL PINTOR ´LAXEIRO´
A vida de Xosé Otero Abeledo, o pintor ´Laxeiro´ (1908-1996) circunscríbese á súa parroquia natal, Donramiro, Lalín, a La Habana, Pontevedra, Buenos Aires, Vigo, Madrid e sempre ese seu Lalín das feiras, tan en irmandade con vilas como o Carballiño
Sempre se levaron ben as xentes de vilas vencelladas pola corda do embigo do camiño, as que se fixeron na encrucillada e na feira... por ter aprendido o que significa o bo trato nas transaccións. É o caso do Carballiño e Lalín, Melide, Arzúa, Silleda, a Bandeira, a Estrada ou Padrón, entre outras que medraron no ir e vir a Compostela. Puntos onde ben se sabía noutrora o que valía a ansia, un cabalo pra moverse, ou o gando pra vivir, base da feira.
Nesas relacións ampliáronse e esparexéronse familias de arrieiros, gandeiros, polbeiras, comerciantes... Teimamos pois no caso que hoxe nos trae aquí: a firme e vella amizade entre Lalín e o Carballiño, alianza na que poderiamos poñer un referente na Arte Galega: Xosé Otero Abeledo, máis coñecido entre nós e no mundo, como o pintor “Laxeiro”.
Os “Laxeiros” foron e seguen sendo ben coñecidos no Carballiño e máis entre os do Torrón, onde emparentaron cos Salgueiro e conseguintemente cos Pilán, cos Muñoz e cos Reques... casas que tanto significaron no mundo da feira. Ben coñecida era a “Tía Laxeira”, natural da Laxe, preto de Lalín, lugar que lle daba alcume... casa de xente ademais metida no traballo, mesmo no mundo das laxas, da pedra, da construción... Nome pois de Laxeiro acaído e que comporta moitas significacións, as que parten desa pedra case sacra en Galiza, pois a pedra é o chan, a casa, o altar, a sepultura... as que trunfan na figura dese gran creador da contemporaneidade “Laxeiro”, chantado na estética da pedra, pois en Galiza facemos Románico, aínda pintando, como o verme da seda fai a seda...Distínguenos, levamos o hieratismo, o simbolismo do Románico posto.
Como non podía ser doutro xeito, o noso Laxeiro naceu no tempo do Entroido do 1908 e foi despois dunha noite dun Xoves de Comadres , cando a figura do Meco, feito de palla, espetado e pendurado na punta dun pau preside na aldea a festa, pra logo ser chamuscado un Mércores de Cinza, cando se abren as portas desoutra corentena de cavilares que é Coresma. Laxeiro veu á vida un século despois de que Goya recollera os Desastres da Guerra, Caprichos e Disparates, entroidos, festas , aquelarres e retrancas, dialéctica que tamén estaría no adn do pintor de Lalín.
O alumbramento, nunca mellor dito, de Xosé Otero Abeledo aconteceu nunha casiña da parroquia de Donramiro, elemental, sobria e fachendosa a un tempo, co emparrado tradicional por diante. Casa aberta en xanelas ao camiño e aos horizontes das terras do Deza... Cabeceira do lugar que nunha banda ten unha concorrida fonte, en costa que sobre ao Igrexario de templo románico, coa pía de pedra hoxe arrumbada nunha esquina do adro... Sobre o lugar fabulaba Laxeiro que il era un anxo caído no colo da nai dende a cima do retablo do altar... Xeito de contar do pintor feito dende un realismo máxico, acompañado da banda sonora dun melancólico son de gaita - máis que de zanfona - e con sabor a riquilante tinto e a empanada... Conversas que caracterizaban a un Laxeiro moi espiritual e nada materialista, de moito amigos que se dicían, pero de poucos á súa mesa.
A aquel neno de Donramiro dábaselle moi ben debuxar, ao que aguilloaba dona Tereixa López González , a súa mestra de Botos, a que gardou como tesouros aqueles primeiros retratos, ao carbón, do seu pícaro alumno.
Lalín, Cuba... Pontevedra, Bos Aires, Vigo, Madrid...e sempre Lalín
Aqueles anos, pese a abrir ao Modernismo, non abrían a máis camiños na Galiza do rural que irse a Vigo ou emigrar a Cuba ou a Bos Aires...e así o fixeron os país de Laxeiro e o fillo , que no 1921, embarcan en Vigo rumbo á Habana... contaba que de popa a proa, de babor a estribor, o neno xogaba con outros rapazolos , refuxiados do Este... contaba que naquel barco os nenos entendíanse moi ben, pese a falar en idiomas diferentes. E tomou nota o noso pintos, mesmo aínda cos anos andados, Laxeiro introducía ás performances, falando en roldas de amigos nun singular “checo”, no que se lle entendía máis polo ton de voz, os acenos e os xestos que polo idioma. Na Habana o neno seguiu clases de debuxo no Centro Galego, aprendeu oficios, axudou nas escenografías do Teatro Marti, entre mestres exiliados , tamén nunha fábrica de vitrais... Pero o rapaz aganóuse, colleu a tuberculose, mirrou e despois de cinco anos houbo que retornar aos aires, ao leite, ao touciño e ao Corpiño de Lalín....
Laxeiro endexamais deixou de pintar, co que fora e sobre o que fora, pero aquelo non daba pra vivir. Así que o mociño meteuse a barbeiro ambulante, de feira en romaría, a dar espuma branca e con navalla barbeira rasurar, como quen roza toxos, sobre a topografía de aventuras e desventuras dos paisanos. Máis il vía aqueles brochazos dende a óptica de pintor e a veces sobre aquelas facianas, emborreadas en nubes brancas, aparecía un solpor cada vez máis intenso e vermello...Entre as quendas e as esperas sempre había tempo pra debuxar, todos sabían das habilidades do mozo barbeiro pintor. O astrónomo Aller Ulloa, o vello Isidoro Millán desexaban abrirlle camiños de pintor ao mozo, había que darlle unha bolsa pra formarse en Madrid...e foi primeiro o Concello de Lalín quen, no 1931, lla facilitou, despois , prorroga cunha nova bolsa, agora por unha Deputación de Pontevedra presidida polo humanista Daniel de la Sota. Laxeiro en Madrid encontrou e compartiu parladoiro con galegos, máis vellos que il, como Risco, Otero Pedrayo, LLorén, Palacios... No 1933 retorna ao seu Lalín, expón en Compostela na Barraca Resol e faino xunto con Maside, Colmeiro, Seoane e ouros renovadores da Arte Galega, logo expón na mesma Facultade de Filosofía e Letras . Laxeiro, soubo enxergar, escoitou e avivou os discursos teosóficos sobre o divino e o humano, que il xa levaba prendidos dende a base popular, aínda que máis coa súa picante singularidade. Eros e Thanatos vencellaranse nese constante Entroido vital de Laxeiro, mesmo o seu alter ego deixarase ver como unha máscara con cornos e bigote, aliada dun aguilloador trasno inspirador , que il chamaba Mirlotil. E así se deixa ver, se autorretrata entreabrindo as cancelas dos valados que lindan co Trasmundo: Pintura quen na banda do aquí representa a feira, a festa, a romaría e o avelas vir... e da outra parte do valado as incertezas das sombras animistas e goiéscas, en devalar , entre o cabo do principio e do fin. Obra asolagada nese permanente espírito panceltísta que dicía Risco. Teosofía que xa atopamos nas estelas funerarias galaico romanas, como en tantas significacións da arquitectura románica. Galiza é o reino dos bestiarios, das tarascas, dos canicelos, das gárgolas, dunha ascese labiríntica entre trasnos, mouras, ninfas de fontes, penedos e carballeiras, demos e anxos que tentan no camiño aos viaxeiros que somos, entre o caos e o cosmos.
Ao final dos anos trinta, a capital de provincia, Pontevedra ferve en galeguismo: o círculo teosófico dos Pintos Fonseca, a Polifónica, a creación do Museo no 1927, Castelao, Alexandre Bóveda... Ambiente que atrae a un Laxeiro. Anos tamén nos que se anuncia e finalmente se entra nunha cruel guerra . Traba amizade con Celso Emilio Ferreiro, con Cunqueiro, con Xosé Sesto López... Circunstancias que empuxan a Laxeiro ao fronte de Asturias, alí debuxa o ambiente das minas, retrata a compañeiros “encunchados” en boinas vermellas, soldados que disparan ao aire... Despois de enxergar o que aquelo supuxo: asasinatos, o paredón, as cunetas, o exilio, o medo, o silencio .... no 1940 Laxeiro volve a unha Pontevedra máis triste, será contratado como profesor de debuxo no Instituto, pinta para o Café Moderno o “Manancial da Vida” e logo o Trasmundo , obras que tanto significan.
Galiza significase polos seus cruceiros, viacrucis de pedra erguidos cara ao Ceo que trunfan no centro cosmogónico coa Morte e Nai. Temas moi interpretados na teosofía de Laxeiro, sempre a enxergar, Goya e Picasso no entrecello, como os enguedellos de Debuffet , de Saura...
Idas e voltas de Laxeiro ao Carballiño
Laxeiro, por querenzas e razóns familiares tivo unha fonda relación co Carballiño. Mesmo contaba como competía en ter mozas co Pepe Reque do Carballiño, o que frecuentaba as terras de Lalín e tivo moita sona o feito de que fuxiu cunha moza das Lagoas, montada nun cabalo... asunto que quedou moi marcado no imaxinario de Laxeiro. Outro dos rivais competentes de Laxeiro entre as mozas era don Aurelio Miras Azor, que por aqueles anos da posguerra estaba de mestre en Lebozán e auxiliaba de avogado á xente humilde do Deza . Asuntos ben sabidos por Xosé Calviño Mariño, moi en contacto cun Lalín ben coñecido por il. E ben sabía e lembraba o Laxeiro dos camiños, das paradas e fondas do Carballiño, da Gazpara e o Charrancas, do Pituxo , do Celia, o Emiliano...
No 1942 Laxeiro vaise a Vigo ate que no 1951 vai a Bos Aires pra unha exposición pra logo fixar alí a súa residencia e unha grande actividade ata 1970, no que retorna definitivamente a Vigo, volve a Madrid, aos parladoiros do Café Gijó , mesmo farase con habitáculo no ático deste edifico da Castellana...E sempre Lalín..... Son anos dunha gran e variada actividade, exposicións, cartaces, ilustracións.... e sempre de ida e volta á fonte da súa orixe e da súa orixinalidade, Lalín, onde é capaz de fabular un marquesado, o da Romea, cos seus marqueses, secretario, verdugo, toliños e co seu pintor de cámara, alias Laxeiro.
Bohemio, descoidado, no que as ideas voaban sobre as técnicas e a calidade das pinturas ou dos soportes; xeneroso, sen coidar pra onde ía a súa obra, máis que servise pra vivir e alegrar a alguén. Laxeiro alí onde estivo sempre foi querido e admirado, tanto entre os academicistas como ente os novos creadores, conseguiu canto premio e distinción había dun goberno autonómico que encetaba a súa andaina.
Alá a fins dos cincuenta e, sendo eu un neno e sempre xogando nese necesario punto de encontro que era a ferraxería as Colonias de Antonio Soto, vía a enmarcar e recoñecía os Laxeiros: facianas de pan de broa que asoman dende brétemas grises e vermellas...miraba e vía a sinatura de Laxeiro. Lucinda Soto e o seu marido Paco Mares, emigrante de ida e volta en Tampa eran ben coñecidos do pintor, como tamén o era, e de vello, Chamoso Lamas.
Laxeiro nunca perdeu esa vella amizade co Carballiño, amigo dos Miras Portugal. Visiteino moitas veces naquela casa de Botos, simple e ata feísta por fora, dentro un paraíso bucólico. Casa que logo lle levaron as obras do Ave. Laxeiro deume obra pra sufragar unha viaxe de promoción de fin de carreira a Grecia, un debuxo de faciana de nena, coa que se quedou a Facultade de Xeografía e Historia de Compostela, igualmente para o xornal “A Nosa Terra”, unha “Filla” d Romea que hoxe está no Pazo de Mariñán, Deputación da Coruña.....Mesmo no 1984 encargándome o Alcalde Paco Vázquez que eu dera o pregón para un recuperado Entroido, propúxenlle que mellor lle chamaba a Laxeiro...e así foi, veume de inmediato. Logo o Alcalde dixo que deramos os dous o pregón, máis onde estaba Laxeiro non podía facer máis que presentalo. E como sempre, ali tivemos o mellor Laxeiro e no seu ambiente .Comezou dicindo “Veña de onde veña e vaia onde vaia, sempre veño e sempre vou pra Lalín....”
Máis alá dos museos de Pontevedra e outros, dos fondos da Fundación Laxeiro de Vigo ou os do Museo Aller de Lalín, aos que o pintor deixou todo o que tiña “pro pobo de Vigo e Lalín”, a mellor obra de Laxeiro está por ver, en coleccións particulares , mesmo no Carballiño..
24 Agosto 2022