O CAMPO E A ROMARÍA DA SALETA DE ASTURESES
As festas maiores do Carballiño rematan en 19 de setembro coa romaría á Virxe da Saleta noCouto do Marco, Astureses. Devoción nacida no 1846 nos Alpes franceses, prara pasan no 1864 a Siador, Silleda e de seguido espallarse polos camiños da feira
As festas maiores do Carballiño, isto é as do San Cibrao, tradicionalmente teñen remate en 19 de setembro. Fin de festa da vendima e do verán que será cunha romaría no monte de Astureses e dedicada a unha advocación decimonónica, a da Virxe da Saleta. Campa erma, de amplos horizontes, abertos cara ao Ribeiro do Arenteiro, coa Pena Corneira asomando ao fondo e máis alá as siluetas dos montes do Suido e de Avión, empatando cos do Paraño... Lugar este máis de vello coñecido como Couto do Marco, pois nel érguese un potente fito pétreo e arqueolóxico, marco que dende o medievo dividía o que foi xurisdición de Orcellón das terras da potente Encomenda de Beade.
Na parte mais elevada deste couto asoma unha peneda sobre a que se chantou un cilindro que foi dun lagar pra asentar sobre del o cruceiro de varal circular que remata nunha dobre moldura que sostén, a modo de capitel, un cubo e sobre del a sinxela cruz, sen mais. Escenario para unha imprescindible foto do “Día Saleta”, enxebre “souvenir” nos anos de Rizo, fotografo ambulante imprescindible naquel día de confirmación das tribos de bisbarra arredor so sitio, do santuario e do xantar. Dende aquel outeiro deixamos voar os nosos cavilares, entre o pentágrama de montes, interrompidos ás veces polo paso das locomotoras da liña do Ferrocarril Zamora Coruña denantes de furar polos longos túneles do Irixo, amas de cría da tortura de tanta silicose para os obreiros, veciños daquelas aldeas e que os fixeron.
Montes noutrora ermos sobre os que ben se denotaban as mámoas, reticulados por camiños reais, medievais, encrucillada bendicida pola solemne arquitectura románica e de acollida de San Xián de Astureses, pra seguir por Xurenzás a Ventosa, Reádegos e meterse na Cruz da Grada, á vista da Pena Negra, da Pena Escrita... ou quizais baixar ao Ribeiro do Arenteiro, de Xuvencos, a Boborás....cando non collendo cara a Corneda e terras do Irixo, baixo a mirada do grandioso Castro de Souteliño e do enigmático de Santiso.
Astureses, lugar de bos lameiros e de augas, do regato de Vilaverde, do Pedriña, mesmo onde na metade do século XIX os antepasados do potentado filántropo don Pefectino Vieitez tiveron unha pequena fábrica de papel...
Pra encamiñarnos ao campo da Saleta dende o Carballiño, deixamos o Balneario pola Ponte Toscaña, pasamos sobre o túnel 115 da liña do ferrocarril Zamora Coruña, ben coñecido pros de entón, cando o tren, ao saír ou chegar saudaba ao Carballiño cun asubío e dándolle un unha volta de baesta. Deixamos Longoseiro á banda esquerda, á dereita os antigos restos mineiros das Grovas de Vilar e a Gouxiña... e por estes vellos camiños cara Astureses e Batallás petamos co devandito Couto do Marco ou Campo da Saleta de Astureses. Antigos camiños que levan de feira en feira e que paran na porta de Mazarelas, en Compostela.
O historiador Xose Luis Sobrado, nome inevitable ao falarmos da historia da bisbarra do Carballiño é autor dun libriño ben acaído “Astureses un paseo pola historia”, o que nos orienta e nos convida a furar nesa veciña e tan querida bisbarra do concello e arciprestado de Boborás. E como non podía ser doutro xeito ten un apartado dedicado á Capela da Virxe da Saleta.
Era a romaría da Saleta do Carballiño un ancestral xeito galego de afianzar a paisanaxe coa paisaxe, á tribo coa súa terra e a redor dun santuario. Sitios onde non falta a acolledora carballeira, nen a campa aberta, a fonte, esta feita abrindo unha mina e a ermida coa imaxe da devoción. Un xeito de cristianización de rituais máis antigos que indubidablemente asociamos coa Galiza castrexa. Breve romaría pra un día, pra un fin dun novenario, con procesión de Asureses á ermida. Ao seu redor concorren as rosquilleiras, os barquilleiros, as pulpeiras, os telderetes de todos ises gremios de “feiras, festas e romarías”, cerna da que precisamente naceu o Carballiño.
As familias, no pasado facían o camiño a pe ou en carromatos. Procesión en concorrida ringleira. Logo fixérono en camións, en autobuses, cargados de cestas de viandas e mesmo de bocois de viño.... onde non faltaban os sons de gaita, nin de acordeón... a empanada, o xamón e o bo facer de cada casa. Era un xeito de bendición, de unión da tribo, de necesaria catarse colectiva.
O primeiro santuario da Saleta en Galiza: nos camiños da feira, en Saidor de Silleda
A devoción á Virxe da Saleta comeza un 19 de setembro de 1846, cando nos Alpes franceses, en La Salette de Fallavauz, Isére cando aos pastorciños, Maximino Giraud de 11 anos e Melania Calvat de 15, se lle aparece, envolta en luz e rosas a Virxe, Contan que leva pendurada do peito unha irradiante cruz... Dis que a Virxe chora polos pecados do mundo e polas ameazas... Aparición que lle confesa aos nenos dous “secretos” . Dada a sona e a concorrencia ao lugar das aparicións, o Papa Pio IX aproba esta devoción . O feito espallase por unha Europa que se debate na fe e chega a unha Galicia abonada na tradición da devoción mariana, co legado cisterciense, con santuarios onde as lendas falan de aparicións da Virxe a pastores ou de milagres: A Franqueira, o Corpiño, Amil... onde aínda están abertas as feridas dos golpes sufridos en santuarios e mosteiros pola Lei de Desamortización. Compostela e Galiza toma nota e súmase a esta nova advocación, como faría anos despois, coas novas aparicións de Fátima, acaecidas estas entre o 13 de maio e o 13 de outubro de 1917. O nome de Saleta, como de Maximino e Melania tamén se espallan.
Vense dicindo que a devoción á Virxe da Saleta en Galicia se debe ao compostelán don Francisco María de Rivas Taboada, señores do Pazo de Sestelo en Silleda, quen, dende 0 26 de xuño do ano 1864 atopa na parroquia de San Miguel de Siador o espazo pra construír un santuario e espallar a nova devoción . Xornada aquela na que teñen lugar os primeiros actos que comportan a procesión en andas portadas por mozos, dende Santiago, da Imaxe da Santa. Segue a construción do templo coa consabida liturxia: novenario, romaría, misa, procesión, mesmo de antorchas. Iniciativa que afervoa e prende en Silleda pra espallarse polos camiños da feira, da festa e da romaría e velaí a imitación o santuario da Saleta de Cea e a de Astureses que propician a creación de confrarías pra atender canto significa o culto e a divulgación d devoción.
Eran aqueles ademais os tempos das gabillas de salteadores de camiños, na zona os da que se dicía de Pepa Loba, entre outras, momentos de certo desacougo en canto significa o agro, cando Murguía alza a voz e con el Pondal, Curros e Rosalía, o tempo dos Precursores, aqueles, intelectuais e traballadores nun dous de marzo do 1856 nun convite na carballeira de Conxo, arredor da mesa, erguen as copas ao ceo e brindan polo futuro dunha Galiza Ceibe.
Arrieiros e feirantes destas encrucilladas chantadas nos vellos camiños de ida e volta a Compostela, ben sabían da misión do novo templo de Siador en Silleda. Así que por iniciativa do párroco de Astureses, Juan Gil , coa ansia e as axudas dos veciños encargan en Compostela unha imaxe da Virxe da Saleta, como a de Siador...e que tamén será recibida con repenique de campás e procesión. E como non podía ser doutro xeito, imítase o exemplo, vencéllanse á devoción os devotos e as axudas: créase comisión e confraría para no ano 1884 acordar construír a capela e organizar canto isto significa. Actividade á que se suman filántropos que non faltaban na comarca, algúns deles oriúndos das terras do Deza, Como Xesús Taboada que no 1921 doa as dúas campás, José Alfeirán administrador da confraría, Pedro Calvo, Victoriano Miguez...nomes encargados de canto significa o santuario e o seu culto culto: o coidado das chaves, o mantemento, a administración das esmolas, a propaganda e difusión de estampas, medallas... Os Alfeirán Taboada tiñan significación naquel decimonónico Carballiño, Xesús era escribán no Xulgado
Igrexa solidamente construída, edificio rectangular, con ábsida do mesmo xeito, dunha soia nave e que responde á tipoloxía dalgunhas outras construcións da diocese daquel momento en que se pechaba o século XIX, posiblemente guiadas pola man do arquitecto desta mesma diocese, José Antonio Queralt Rauret, o que tamén iniciou a construción da Parroquial do Carballiño pra darlle paso ao seu sucesor Daniel Vázquez Gulias.
Templo da Saleta de Astureses con fachada principal, orientada ao norte , construción sobria, de coidada cantería, especialmente nos enmarques da porta principal, alintelada, así como nas esquinas, nas bases e capiteis das pilastras que recadran esta ; sobre a porta asoma un pequeno balconciño sobre tres ménsulas ben labradas e con varanda de forxa no que se inscribe o ano 1897. Balcón pras bendicións nas concorridas romarías Non falta, aberta na parede, un arquiño que permite ollar interior do templo e recoller algunha esmola.Construción que, en cada esquina do tellado , a modo de acrótera, mostra esas copas labradas en pedra que caracterizan moitas solemnes construcións da época nesta bisbarra, ou na provincia e que veñen a ser como a marca dos arquitectos: propicias a Queralt, como foron a Antonio Crespo López ao que lle atribuímos a desaparecida Casa Soto...No interior un retablo que parece seguir as trazas dadas polo mesmo arquitecto, presidido pola imaxe da virxe da Saleta entre os dous pastorciños....rematado en altura por outro sitial no que hoxe campa o Crucificado.
A romaría da Saleta é ademais xornada de concilio pros sacerdotes da bisbarra , mesmo dos representantes dos diferentes poderes do concello, coa parte sacra que comportan os actos litúrxicos e a profana cos que xira arredor do palco e da comisión de festas. As familias collían sitio onde tender mantel e viandas, moitas delas levaban convidados, lembro aos potentados vigueses Fernández Tapias que se sumaban cos Reques... Devoción que comporta as súas ofrendas, si ben o Senén Reque, actual párroco e querido membro da miña familia. nas súas predicas insiste en que non se lle bote esmolas á Virxe, que a Ela non lle compren, que eses cartiños se gasten nas rosquillerias, nas pulpeiras e nos que se esforzan, dende a madrugada, en estar alí, ofrecendo parte o seu traballo pra alimentar aos da súa casa ou darlle estudos aos fillos....Comulgamos con esa visión parroquial.
Hai dúas imaxes da Virxe da Saleta cos seus dous pastorciños, a de Astureses e a que está no Santuario que non ofrece demasiado interese, aínda que pra min si, pois. Alá nos derradeiros anos sesenta, tívena de “convidada” no meu cuarto de durmir durante uns meses, namentres un emigrante de Boborás lle encargou ao meu pai que lle retocara a pintura... O tema da pra moito nesta eterna romaría da vida.
17 Maio 2022