O GRAN FOTÓGRAFO ALBERTO MARTÍ E O CARBALLIÑO

Ampliar: CONCELLO DO CARBALLIÑO, FOTO ALBERTO MARTI



O pioneiro fotoxornalista coruñés Alberto Martí, que documenta boa parte do acontecer do século XX nesta cidade, tivo unha gran querencia polo Carballiño. A súa muller tiña nacido na casa consistorial desta vila, á que viña de cando en vez

Hai biografías sen fin que aínda están por encetar, de xente que seguía a estrela de servir, con ansia de aportar á sociedade dalgún  e de  moitos xeitos á vez, os que abriron camiños pra que outros seguiran, a veces tamén ignorándoos. Unha desas figuras, humildes, falangueiras, ansiosas de compartir experiencias e saber, foi o fotógrafo Alberto Martí Villardefrancos (1922-1987), quen aínda sendo compostelán de orixe a súa activa vida desenvólvese na Coruña. E traémolo a estas paxinas, e de moi bo grado, por telo coñecido e compartido momentos daquela Historia que nos pasaba por diante, cun sólido vencello por medio: o Carballiño. Terra moi querida, visitada e fotografada por Martí, por ser a súa muller nacida no Carballiño e no mesmo edificio da Casa Consistorial, pois o seu pai era o encargado da cárcere e natural da Almuzara de Boborás. A Martí, que a sua muller era o seu norte, acendíanselle os ollos ao dicir Carballiño, palabra como máxica, e ben comprobado temos que abre portas.

 Alberto Martí Villardefrancos naceu un 18 de marzo do 1922 en Compostela. Casado, como dixemos, coa carballiñesa María Rodríguez Careaga  en outubro de 1947 e na igrexa de San Nicolás da Coruña, cidade onde a familia da mesma  vivía po ter ser desprazado o seu pai, dende o Carballiño, agora ascendido como xefe da prisión da cidade herculina. Matrimonio do que naceron tres fillas.

 Alberto Martí foi  coruñés de devoción, traballador  incansable, documentalista do noso tempo. Fotógrafo dende os 10 anos, autor entón dunha instantánea das cuadrículas brancas das galerías da Mariña coruñesa e dende entón sempre soubo estar a pe dos acontecementos con cámara de fotos ao lombo. Comezou aos doce anos facendo recados na celebre casa de fotografía da Rúa Real, “Foto Blanco”, gañándose a confianza e o agarimo de todos, pasando no ano 1953 a ser propietario daquela empresa imprescindible no acontecer coruñés, seguidora dunha fonda tradición fotográfica. Morreu aos 95 anos na cidade que quería e defendía, foi un 29 de setembro do 2017. Pioneiro entre os fotoxornalistas, cun gran legado que mimaba, conservado e ben organizado; dicía que os seus negativos eran o seu herdo.

 Era aquela a Coruña capital de Galiza, competente cidade, onde un día 7 de xaneiro do 1953, foi apoteótica e inesquecible a actuación da Tuna no Carballiño no Teatro Colón. Rondalla composta por músicos de todas as idades e profesións, recibidos, aclamados e fotografados no concello desta cidade polo veterano Juán Cancelo, outro grande das instantáneas, este era, pola contra, o fotógrafo de “El Ideal Gallego”.  Pois Martí era o fotógrafo  do xornal rival, “La Voz de Galicia”, máis admiraba e consideraba mestre a Juan Cancelo. Ambos dos poucos fotógrafos autorizados a fotografar ao ditador. Alberto Martí colaborou con “La Voz”  ata a súa xubilación no 1982, adiantada esta por un accidente de tráfico que lle afectou a mobilidade pero sempre presente. Xornal onde se lle reclamaba, así nos parladoiros  de “Radio Voz”. A perda da súa muller foi ben sentida e il, sempre elegante, de chaqueta e garabata, mantivo o loito como unha permanente lembranza dende aquel 21 de abril do 1997.

 Así é que as páxinas da  historia Coruña, as que corresponden ao seu tempo de vida, non terían explicación sen as fotografías de Martí. Documentos históricos que dende as perspectivas do tempo e na medida que se estudan se van recoñecendo e historiando, máis aínda ao coñecer as peripecias dese seu autor: sempre cargado con maquina de fotos de último modelo e obxectivos, buscando o ángulo estratéxico, tanto no acontecer cotián como nos solemnes protocolos, que naquela Coruña había moitos. Aínda que a súa humildade sempre o facía estar na parte das sombras. Sabía onde situarse, arriscábase incluso subindo a alturas difíciles, a grúas a edificios en construción ora contextualizar a particularidade... Alí estaba, non podía faltar onde se falaba de historia, en inauguracións, en visitas ilustres, festas, pasamentos, catástrofes...

 Fotógrafo recoñecido, premiado en varias ocasións, entre eles no 1960 co Premio Nacional de Periodismo Gráfico,  o que xa é ben indicativo. E foino por unha foto dun atraco, a punta de navalla, a un bar da coruñesa e concorrida rúa dos Olmos.. Sumou ao seu arquivo a máis do legado de foto Blanco, negativos e fotos de Sellier e de Ferrer... con visión de futuro entendía o que significaba a fotografía . Así que  o seu fondo documental é incontable, de millóns de negativos, os que sempre quixera pra Coruña que amaba e defendía. Patrimonio único, mimado, revalorizado ao cabo dos anos, que precisa tamén coidados especiais e continuos, actualizarse polos sistemas dixitais ,documentarse e que as administracións non deben perder de vista.

 Aínda que a fotografía era o seu todo, Alberto foi, dende mozo e durante toda a súa vida,  profundo colaborador e ata presidente dende o 2009 da Cociña Económica da Coruña, na rúa do Orzán, unha institución desas filantrópicas que caracterizaron e exemplarizaron á cidade. Espazos onde acoller e dar de xantar quente e agarimo a quen non o tiña. El, tan atento ao acontecer, do que sobraba e do que faltaba, de onde estaba a pobreza, coa súa simpatía, diplomacia e coruñesismo conciliaba e atraia dacións para esta fundación. O Concello da Coruña soubo corresponder e editou un albúm antolóxico con algunhas das fotos del sobre a cidade.

 Fotos das Terras do Carballiño entre ese tesouro documental de millóns de negativos

 Martí prefería as paisaxes humanizadas, onde o ser humano é o protagonista. Arquivo onde son antolóxicas as despedidas e as arribadas dos emigrantes no porto coruñés, os testemuños dos anos cincuenta e dos sesenta, as series fotográficas que el chamaba “os adeuses” : a hora das despedidas, entre os fardos, os baúles e as maletas, vestindo traxe novo... e aínda os zocos cun aquelo de lealdade á Terra... e a topografía deses rostros de mozos encunchados baixo a boina negra,  póndolle ansia ante a aventura, a pesar de todo: o que subían temerosos a un trasatlántico rumbo do descoñecido, co bornal ao lombo, si acaso cunha maleta nova e de cartón, topografía de dor, despedíndose dos seus cun pano branco entre o fume do barco... Tristes documentos de saudades, de nostalxias, de incertezas e pesares nas que aniña a depresión. Sentimentos de seres humanos, tristes como foi o seu tempo e no que el mesmo se enloitaba, peóns nos escenarios dunha urbe que parece poder sobre eles, a carón dun trolebus, a pe de obra, indo a non se sabe onde  e quizás no fondo as nubes, o mar e os montes póndolle ao escenario un pentágrama. E como non, tampouco faltan daqueles anos da ditadura, os desfiles militares, as distancias entre o pobo e os gobernantes...os uniformes, as medallas... o consello de ministros, os banquetes... Meirás e o seu incendio  no 1976 ,o  retorno a súa cidade de Salvador de Madariaga... Unha cidade en muda constante, en  transformación polo desapiadado desenrrolismo, o dramático accidente de aviación de Montrove (1973), o incendio do petroleiro Urquiola (1976) e o outro petroleiro Aegean Sea (1992)  na baía coruñesa ... vodas, bautizos, conducións fúnebres, festas... albumes de empresa...

 Sabemos que entre ese  legado de Alberto Martí hai abondantes fotos do Carballiño, das idas e voltas familiares aos orixes da muller, en busca das lembranzas. Ben mo contaba e mesmo me agasallou con algunhas. Documentos que, dalgún xeito complementarían o moi rico patrimonio fotográfico do que xa goza a vila e que moi ben souberon entender, conservar e espallar colectivos e persoas como a Asociación “O Potiños”, Miguel Anxo Fernandez, Xosé Luis Díz, Pepe Prada.. entre tantos outros. Documentos que axudan a compoñer o crevacabezas da historia dunha vila que case nace ao tempo que a fotografía.

 Coincidimos en programas de tv, en tertulias de rdio, en conferencias e parladoiros...el sempre con aquela elegante bonhomía, como apoiando o peso da súa longa experiencia no seu caxato patriarcal...e sempre dirixíndome unhas palabras nostálxicas de lembranza a súa muller e ao Carballiño que ben coñecía e quería

 Paso con frecuencia polo cemiterio de San Amaro, onde nesa proa marítima acougan moitos carballiñeses, amigos, forasteiros que nos visitaban, preto das tumbas de Murguia, Pondal Curros, Marcial del Adaliz, Martínez Salazar,  Vilar Ponte, Wenceslao Fenández Florez, Pérez Lugín...e tantos e tantos célebres, como o mesmo fotógrafo Manolo Ferrol que mesmo nos acompañou moitas veces de xeira polas terras do Carballiño e por Galiza adiante....sobre esas campas, como na da familia de Alberto Martí, pouso un feixe de nostalxias.

 25 Abril 2022