A SAGA FAMILIAR DO ARQUITECTO GALLEGO JORRETO E O CARBALLIÑO

Ampliar: Manuel Gallego Jorreto, académico. Foto Xurxo Lobato.



O arquitecto Manuel Gallego Jorreto naceu no ano 1936 no Carballiño, estando o seu pai de secretario do concello de Punxín. Vila na que pasa os seus catro primeiros anos e onde a súa avoa materna impartia clase. Vencellos que se avivarán cos anos

A historia que hoxe contamos aquí, relativa ás orixes do arquitecto Manuel Gallego Jorreto  (Carballiño 1936) comeza nuns difíciles momentos de preguerra, cando seu alcalde era o popular perito agrícola Aquilino Sánchez Rodríguez, agrarista de Esquerda Republicana, concelleiro  que será elixido Alcalde do Carballiño en Abril 1936, sucedendo ao avogado socialista do Partido Republicano Felisindo Álvarez Xesteira por ser  nomeado entón Presidente da Deputación de Ourense. Tras o golpe de Estado do 18 de xullo do 36, o alcalde Aquilino Sánchez  entra nas miras das vinganzas e un 22 de xullo é detido, xulgado e absolto... pero novamente buscado para ser “paseado” e aparecer o seu corpo, entre outros, na cuneta da estrada do Rodicio.  Cando Xosé Calvo Sotelo, político da dereita, tiña bo predicamento nestas terras, proba que dende 1919  seguía a  ser deputado nas Cortes polo Carballiño e Ourense  até o seu asasinato no 1936. Persoeiro que nunca deixou de apoiar as infraestruturas do ferrocarril Zamora-Coruña. Obras continuadas polo seu  seu sucesor, Fernando Suárez de Tangil, conde de Vallellano, Ministro de Obras Públicas (1951-57) .

O entorno da  estación do ferrocarril supuxo novas ilusións pros carballiñeses, en función da que mesmo se erguería a Veracruz de Antonio Palacios.   No debate arquitectónico está a simplicidade e a funcionalidade ou a grandilocuencia historicista .

 Iniciado nas pautas do rexionalismo arquitectónico estaba o pontevedrés  Alexandre de la Sota  Martínez(1913-1996), que fora alumno do instituto de Pontevedra onde coincidiu con outros  compañeiros  que non so aprenderían a debuxar da man de Castelao, senón a formarse no amor á Terra con  Lousada Diéguez, como  Manuel Chamoso Lamas , Filgueira Valverde, Antón Fraguas ou o devandito La Sota Martínez  que será un dos  grandes representantes do Movemento Moderno da Escuela de Madrid ,  sendo ademais querido alumno e sucesor, como profesor na Escola de Arquitectura de Madrid, de Antonio  Palacios. Novo arquitecto que, pola contra, busca a esencialidade da liña  fronte á grandilocuencia de Palacios, a forma en relación coa función. Principios que, ao cabo do tempo, continuarán os alumnos de La Sota, entre os que está quen nos trae aquí, Manuel Gallego Jorreto .

Do Incio ao Carballiño: a saga dos Gallego Jorreto

Manuel Gallego Jorreto nace accidentalmente no Carballiño un 2 de decembro do 1936:  fillo de Manuel Gallego Seara, natural de  San Martiño de Laiosa, no Incio e que dende os catorce anos fora emigrante a Cuba pra retornar aos  dezanove, sen alforxas. Anos nos que é auxiliado polo mestre da aldea ata chegar a matricularse en Dereito nunha Compostela para el, máis de traballo que troiesca . Seguirá  estudos  en Oviedo  deica facerse avogado.  Mozo que será destinado a Punxín como secretario do concello. Lembramos, que desa mesma aldea saíra, anos atrás, cara á Arxentina o ”Abuelo”, que será cantado polo seu neto Alberto Cortez...Anacos de historias .

Nese ir e vir de Manuel Gallego Seara, entre o Carballiño e Punxín, atopará  coa que será a súa muller e nai do arquitecto, unha señorita madrileña, a mestra, Joaquina Jorreto Cifre, filla de dona Manuela Cifre Lanza, natural do Ferrol e asentada en Madrid. O motivo do seu desprazamento da capital a Ourense  debíase  a que o pai de dona Manuela,  Manuel Jorreto Paniagua,  manchego, de Quintanar de la Orden,  avogado, periodista, debuxante, autor dunha guía de Madrid e da famosa  “Guía Colombina”  (Madrid 1892), sofre de tuberculose e aconséllanlle Ourense. Jorreto Paniagua, de amplos saberes, exercerá de profesor de debuxo na Escola Normal de Ourense. Nos anos do Carballiño a avoa , “ dona Manolita Jorreto”  contribuirá  a  educar “pra señoritas” a moitas fillas de comerciantes e tratantes. Puxo clase nunha casa que lle deixou a familia Reque pra ser moi querida. Anos que anunciaban a guerra, da que  libra o pai e que non sendo conflitivo, mesmo é detido. Dona Manolita,  a avoa de Gallego Jorreto,  era irmá de Rafael Jorreto Cifre, aparellador.

Despois dos catro anos  que pasou aquela familia no Carballiño, pasará a Ourense, metida no ambiente cultural  no que Vicente Risco representaba as ideas galeguistas, para ir deixando  pegada nun neno atento a todo. Mesmo o pai era moi amigo do ourensán  Alexandre Bóveda, daquela funcionario de Facenda en Ourense . Nese ambiente, o tío, Jorreto Cidre,  o aparellador, será o recomendado por Antonio Palacios pra construción do templo da Veracruz do Carballiño, imprescindible pra  concluír a obra póstuma de Palacios.

Manuel Gallego Jorreto fai os seus primeiros estudos nos Salesianos e  no Cardenal Cisneros de Ourense, onde  o etnógrafo Xaquín Lorenzo Fernández lle ensina a debuxar, tampouco esquece  ao mestre , natural das terras de Trives, o  poeta de “Fírgoas”, Manuel Luis Acuña Sarmiento...

Ambiente dun rapaz de posguerra que transcorre entre Ourense e Vigo, coñece ao arquitecto galeguista  Gómez Román, tamén moi vinculado ao Carballiño no que pasaba tempadas  estivais, amigo da familia Vázquez- Monxardín .

No 1963 Gallego Jorreto  remata estudos  na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid e no 68 doutórase .  Vive o debate entre os superviventes do  historicismo  e o Movemento Moderno. Alumno predilecto do pontevedrés Alexandre de la Sota, que o acolle no seu estudo e nas súas tendencias: esencialismo, respecto á paisaxe en xogos modulares ...

Estando Manuel Gallego Jorreto  de tempada  en Samil coñece a Jean Picard Mahaut, aínda que parisina, oriúnda da Borgoña . Moza que  no 1963 amplía os seus estudos sobre cultura hispánica en Madrid  e conseguintemente sobre o Camiño de Santiago, alumna de Antonio Bonet . No 1966 contraen  matrimonio na compostelán Corticela.

Matrimonio  establecido na Coruña por ter gañado Manuel Gallego a praza de arquitecto xefe nos Servizos provinciais do Ministerio da Vivenda, logo delegación provincial da Consellería de Ordenación do Territorio, onde ademais atopará con outro humanista das terras do Carballiño,  o poeta e arquitecto técnico Cesáreo Sánchez Iglesias.

 Dende 1978 Gallego Jorreto alterna a súa actividade de arquitecto coa de profesor  de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, na que opositará a Catedrático de Proxectos, onde se atopara con outros profesores do Carballiño, como Fernando Blanco Guerra  e Alfredo  Freixedo Alemparte, entre innumerables alumnos.

  Matrimonio  Gallego Picard do que nacen tres fillos, Santiago, educador social,  Eloisa e Pablo, os tres de fonda vocación humanísta: Santiago, colaborar de varias ONG, ecoloxista, gran fotógrafo que acompañou por Galiza a Jean Plissom, o afamado fotógrafo bretón, a quen tiven a sorte de asesorar Mais a prometedora vida de Santiago malogrouse nun accidente o primeiro día do segundo milenio no corredor da Barbanza. Traxedia que  fai virar os rumbos  da nai, Jean, que de ser unha gran creadora,  pasa a ser líder de “Stop accidentes”, en  educar sobre a violencia viaria.

Entre as lembranzas que do Carballiño ten o arquitecto Manuel Gallego Jorreto  están o Parque, Cea...e moi especialmente a figura do historiador da Arte Chamoso Lamas quen se admiraba das primeiras obras de Gallego Jorreto, promovéndoo para realizar o edificio pra Museo de Arte Sacro da Colexiata de Santa María da Coruña ( 1982-87). Mesmo pretendía incorporalo como arquitecto á Dirección Xeral de Bellas Artes.

 Ao respecto da recuperación  do patrimonio cultural e xa morto Chamoso no 1985 a rehabilitación pra usos culturas da casa da Cultura de Chantada (1990) realizada polo arquitecto carballiñés será un referente antolóxico. Como tamén o serán a rehabilitación do conxunto administrativo de Xunta de Galicia en San Caetano, Compostela; o Museo de Belas Artes da Coruña, o edificio do Monte Pio, tamén en Compostela pra residencia do Presidente da Xunta..., entre outros.

Quen isto conta tivo a sorte de compartir días inesquecibles con Manolo Gallego e Jean nas xornadas internacionais que Isaac Díaz Pardo organizaba anualmente dende o Laboratorio de Formas de Sargadelos . Despois téndoo como arquitecto na recuperación da Casa de Botes do Museo do Castelo de San Antón e da que naceron outras propostas como o Museo da Cárcere e a Biblioteca de Carballo. Dende entón os premios e a arquitectura de Gallego Jorreto non cesaron.

Desexamos que a rehabilitación para museo da Fábrica de Papel do Carballiño e a ampliación do Balneario, proxectos de Manolo Gallego pro Carballiño  traspasen o tempo como leccións de humanismo. Pois “Polas obras coñecerémolos”, como ten dito Cristo e o  mesmo Marx.

10 Marzo 2022