A FERVENZA ARTIFICIAL DO ARENTEIRO DAS TRES PENAS
Un dos lugares máis pintorescos e atractivos do Arenteiro é a fervenza das Tres Penas, a carón do Balneario do Carballiiño. Sorprendente cadeiro artificial que a máis de aproveitarse pra nutrir as aceas do antigo muiño (desparecido) sirve pro baño.
A auga é un dos Catro Elementos necesarios pra vida e velaí o interese cultural dos pozos, das fontes, das lagoas, do fluír dos ríos, das fervenzas ou cadoiros, dos que no pasado se poido facer lugar sacro. E velaquí nas ribeiras carballiñesas do rio Arenteiro a fervenza do Balneario. Lugar onde conflúen, ao menos, outros tres deses sacro elementos panteístas: a Terra, a Auga e o Aire... Faltaría o Lume, elemento tan celestial como infernal, o que, si acaso, tamén pode intuír alí quen teña sensibilidade poética polo que transmite o arrecendo a xofre ou a ovos podres que borbulla das pozas de augas sulfurosas. O Arenteiro ao seu paso polo Carballiño faise tímido, manso, calado, sen sobresaltos de fervenzas e máis nesa súa apracible metade do seu curso...Logo, cara ao ribeiro de Cabanelas e do Castro Cavadoso, cara ao Puzo dos Fumes de Pazos, precipítase, despídese xogador coas penedas, moldeándoas a xeito de monstros.
Unha desas atractivas paisaxes do Arenteiro no Carballiño, a máis da da Pena dos Namorados, é a do Balneario, nunhas e noutras converxen moitas preguntas. Rio pois excepcionalmente arqueolóxico, alí por onde pasa sempre foi ben aproveitado: pra separar grupos ou tribos, pra decantación de minerais das inmediatas minas, pra sacarlle area... pra aproveitalo pra muíños, fábricas de papel, serradoiros, piscifactorías....a mais de ofrecer, ao longo do seu recorrido, ribeiras nas que abrollan mananciais de augas salutíferas. Cotizado caudal pois, cun punto antolóxico, onde se celebra en miradouro erguido e modificando a paisaxe dunha das Tres Penas que lle deron nome a este singular lugar do Balneario. Topónimo que hoxe parece esvaecer nesas outras augas, as do río do esquecemento, pese ser, noutrora punto moi concorrido polos bañistas nos mediodías dos domingos e festivos do verán. Alí o río servía de escenario acuático, de piscina natural pra unha demostración de chulería dos mozos: corpos pálidos, escuchumizados e de calzas longas, pegadas e engurradas pola augas. Lanzábanse ao río dende as ramas dos amieiros, demostrando todas as formas habidas e por haber da natación...enxaboándose en espuma cunha peza de xabón. Demostracións de habilidade ante os miróns e os augüístas, os que entre vaso e quenda entretiñan as horas de espera. Sesións acompañadas moitas veces da acordeón dalgún esmoleiro ou mesmo da banda de música nas súas rituais visitas, atrevéndose cun “Danubio Azul” de Strauss que colaboraba a poñerlle banda sonora ao momento e facía soñar.
As Tres Penas foi singular espazo de baño, encoro artificial provocado polo muro da fervenza, a cascada, cadoiro ou abanqueiro. Parte do río que no medio das augas, de cor algo enferruxado, deixa asomar unha daquelas penedas, lisa, curva, como unha lomba luída polo fluir, pero que non asomas sobre as auga. Pena sobre a que se poñían de pe os bañistas pra logo volver a lanzarse e moverse a unha e outra ribeira e de peneda en peneda. Facíano aturuxando, con acenos e aspaventos, entre a súa algarabía, provocando a atención, exhibindo equilibrio recorrendo o muro da fervenza...
Presa do muiño, canles e auga que no 1953 se aproveitaron pra construción do antolóxico lavadoiro, en pedra, como pra acoller, a un tempo, a medio cento de lavandeiras. Obra feita grazas á filantropia da potentada Amalia Fernández Mosquera, seguramente polo ánimo do Alcalde o mestre don Bernardino González Álvarez, a quen sempre lle acaeu moi ben o de “don”. Pero aquela obra, co seu espazo e tendais de futuro, non o foi tanto na era do xabón de de barra e do “Lagarto”, xa que por por fin, no ano 1969 chegou a ansiada traída de augas e con ela a moda do xabón “Saquito”, impuxéronse os lavadoiros de cemento en cada casa e pouco despois viñeron as lavadoras.... Naqueles anos os arredores do Balneario, a estrada de Toscaña que é a da Saleta e a de Astureses, abría un novo futuro, a edificación do Hotel Parque entraba nunha onda que non durou.
Encoro e aceas do poderoso muíño de Toscaña
A vista está que o encoro e o cadoiro das Tres Penas tiña un obxectivo fundamental, o de apresar a auga pra logo conducila por unha canle ou acea cara aos inmediatos e grandes muíños da Ponte Toscaña. Muíños do século XVIII, desaparecidos nos anos setenta, inmediatos á non menos singular casa do muiñeiro. Tradicionais construcións que de existir serían antolóxicas na historia da etnografía galega. Nada queda, incluso poucas fotos, algún cromo de Ksado como postal representativa do Carballiño e do Arenteiro nos Modernistas anos 20, entre elas algunha que tamén fixo meu pai, que incluso deixou un guasch inacabado do lugar. Pra o estudoso da etnoarqueoloxía terían que relacionarse estes desaparecidos muíños cos tamén do Arenteiro, en Moldes. Construcións que responden á mesma enxeñería hidráulica, incluso ambos e en orixes contando con improvisadas pontarelas de madeira. Poderosos muíños de cinco rodas, estruturas que poñen a proba o interese comercial da zona, en relación coa arquitectura do pan: campos labrados, hórreos, muíños, os fornos que caracterizaron especialmente a Señorín e o mercado do pan e tanto folclore saído deste universo do que por algo se fai símbolo eucarístico.
Construcións de muíños que aproveitaban as curvas ou mesmo os desniveis do río, alí era, dende épocas prehistóricas e máis na antigüidade, onde se facían tarefas piscícolas ou desembocaban canles de minas e se decantaban os minerais. E próximas ao Arenteiro están as minas de Loureiro, no Irixo; as de Mudelos, Madarnás, as da Veiga e Vilar , como no mesmo Carballiño, as Grobas... explotacións quizais auríferas. Obras que precisaban dun complicado proxecto de enxeñería e moita traída e levada de auga. O sitio podería ser o axeitado.
O devandito lévannos a unha suposición, que semellante presa do Balneario, como algunhas outras que hai no entorno do Carballiño da contemporaneidade, a da Ponte Veiga que nos inicios do século XX foi aproveitada pra serradoiro, a do Cuco foino pra muiño, a referida das Tres Penas, como a da actual Piscifactoría que tamén o foi pra fábrica de papel, puideron ser, en inicio, represa pra fins mineiros. Logo, ao cabo do tempo, complementaranse pra outros fins. Suposicións pro debate.
De tódolos xeitos compre analizar a presa das Tres Penas: a súa construción como barreira troncopiramidal pra repartir pesos e darlle, dende a base, unha maior consistencia ante as cheas de auga. Sistema que mesmo creará efectos estéticos e sonoros. Pedras que conforman o muro, quizais reaproveitadas doutras máis antigas construcións e carrexadas en época incertas. Tal como se ve no mesmo cadoiro da piscifactoría, onde hai un chanto, un marco trasladado do seu sitio de orixe, coas siglas labradas que sinalan os lindes dos dominios de Oseira.
O atractivo lugar da fervenza....e “os mouros”
Este asunto no que nos metemos aquí, non é novo, tamén llo teño escoitado a vellos gustosos de saber as orixes, a profundadores da tradición, os que mesmo dicían que a cascada das Tres Penas fora feita polos mouros. E os mouros son na mitoloxía popular a memoria dos antepasados, os de antes, os que tiñan saberes e poderes máxicos, hoxe descoñecidos. A algúns deste teóricos que digo, non se lle tiña moita credibilidade. Entendidos como un xeito de quixotes que vivían ancorados nun pasado perdido e coa esperanza, case cabaleiresca, dun tempo mellor. Sabemos que eles subían, baixaban, pescudaban ao longo e ancho deste esvaradío muro de pedra, buscaban algo. Entre outros “calzasachos” ou “busca tesouros” dos mouros, que haber habíaos, un deses profundadores, sabedor e contador baril de infindas historias vividas, señor de capa, de longa barba e sombreiro de ala ancha, era o me tatarabó, o “Papa Reque”. Patriarca do clan dos Reque, que viviu, si alguén os contou, como 105 anos e morreu alá , ben entrados, os anos cincuenta...Naquel persoeiro vallinclanesco radican as miñas lembranzas máis antigas. Asentaba cátedra de pasado e devanceiros sobre os chanzos de pedra do patín da casa do Reque, baixo o mesmo emparrado do que hoxe é “A Bodega” : que si os franceses na Madanela, que si Pepa Loba ou que si os mouros da Fontiña do Ouro e da Fontiña Ferrada...E sinto que Ernesto Atanasio, o “Corcheiro”, non referende, aumente e bendiga canto eu conto aquí. Durante moito anos contouse o atrevemento daquel patriarcal e case bíblico ancián, que con callado e cargado de anos, aínda foxe capaz de baixar e subir pola esbarradiza fervenza das “Tres Penas”. Il seguía a buscar unha misteriosa orixe, a que ía máis alo duns muíños que ben coñecía.
O certo é que - e por algo será - a fervenza artificial das Tres Penas ou do Balneario é e dende vello unha representativa postal, cantando a auga ao caer a cachón cando as cheas, seca e co manto verde e escorregadizo do mofo, con bañistas, sen bañistas...e mesmo con algún atrevido reparando nas súas luídas pedras. Un punto cara onde se dirixiron e dirixiran as olladas e os cavilares de todo tempo.
19 Febreiro 2022