A PRAZA DE ABASTOS: CATEDRAL DO MERCADO GASTRONÓMICO E QUE, DE VELLO, HONRA AO CARBALLIÑO
A Praza de Abastos do Carballiño é unha singular construción do ano 1928, proxeto do arquitecto alaricano Conde Fidalgo, a iniciativa do deputado Xulio Rodriguez Soto. Espazos que acollen os mellores productos que de tradición representan á vila
Un lugar moi querido polos vellos carballiñeses e en especial por quen isto escribe é a Praza de Abastos. Gran edificio, arquitectura industrial que ao iniico dos anos trinta do século pasado deu nova vida á Avenida dedicada a un prócer dos anos nos que se fixo, Julio Rodríguez Soto. Unha das tan transitadas rúas que daban acceso ao Balneario do Carballiño.
Vila nacida da feira como tanto se ten dito, entón de vocación negociante. Onde os produtos da montaña , dos ribeiros e do mar converxían, onde as artesanías e as ferramentas do traballo labrego estaban na oferta e na demanda. Eran tempos de expansión dunha vila traballadora, de cartos chegados por emigrantes e negociantes de camiño, onde se presumía de ter casa. Facíase preciso dar cumprimento a unha reivindicación, a algo cunha orixe que se perdía nos burgos do medievo, a de superar as lonxas e crear espazos amplos, acolledores para o mercado. Sitios onde negociar fronte ás inclemencias do tempo. As prazas de abastos eran a solucións que as cidades modernas ían impoñendo, ás veces contrariamente aos desexos dos pequenos comerciantes establecidos nas rúas. Cousas veríamos ao cabo do tempo, a competencia dos supermercados pra cultura do coche.
A finais dos modernistas anos 20 o Concello do Carballiño proponse edificar unha desas amplas prazas de abastos, encarga un primeiro proxecto ao arquitecto Mariano Rodríguez Sanz. Son anos nos que a arquitectura se debate entre tantos sentimento modernista, pasando polos rexionalismos, para asentarse no Movemento Moderno: novos materiais construtivos, novas tecnoloxías e unha nova sensibilidade baseada na funcionalidade. Fracasados planos de Rodriguez Sanz que se conservan no arquivo do concello, segundo me dí o gran coñecedor do tema e historiador Rafael Otero, dunha saga de construtores. Mais o arquitecto definitivo da actual Praza de Abastos será o alaricano Manuel Conde Fidalgo (1897-1984), ademais de ser alumno e bo coñecedor da obra de Antonio Palacios, o que despois da morte diste no 1946, presta auxilio ao párroco don Evaristo e ao construtor Adolfo Otero para seguir coas obras da Veracruz. Arquitecto que no Carballiño, ao longo da súa vida profesional, reúne moitas edificacións, entre elas a Escola de Banga, pero tamén autor naqueles anos, o 1928, da modélica praza de Abastos de Ourense, próxima ás Burgas, así como das de Celanova e Ribadavia. Proxectos nacidos polo apoio e o control da Deputación Provincial de Ourense, de 1926 ao 29 . Proxectos debidos ao interese e pulo do calvosotelista e avogado Xulio Rodríguez Soto (1880-1931), aínda que ribadaviense, era, por nai, descendente de Maside, morto en Lisboa, no 1931 aos 51 anos, onde chegada a segunda república estaba exiliado. Enterrado en Amarante de Maside O Carballiño agradecido dedicoulle a Avenida e fíxoo cunha artística placa en bronce sobre o lateral da mesma Praza... Manuel Conde Fidalgo era por aqueles anos o solicitado arquitecto provincial.
A Praza de Abastos do Carballiño ten a estrutura dun gran cubo ou contedor, como un gran e acolledor plató: nas dúas fachadas cuns sinxelos elementos decorativos que enmarcan a entrada e os ventanais. Sinxelo deseño que nos remite ao xeometrismo do Art-Decó. Na fachada que da á Rúa de Margarita Taboada, pra salvar o desnivel, compleméntaa cunha sinxela e escultórica escalinata troncopiramidal: Chanzos que serviron tamén de podio e escenario para moitas fotografías de rondallas e pandillas da era Rizo. Xeometrias que hoxe vense partidas pola inclusión dunha varanda-pasamáns metálico que ven poidera levarse arrimado ás paredes laterais, sen danar a perspectiva deste singular e escultórico módulo de acceso.
En orixe o interior da Praza de Abastos era unha gran nave, cos postos bordeando os laterais e no centro mesas corridas, complementadas con bancos, todo de cemento, servían pras vendedoras de legumes, onde ofrecer as restras de allos, de cebolas ou cenorias, pras patacas...pras froitas de cada tempo...e lembramos as cestas de cereixas. Espazos tamén pras panadeiras con aqueles mostrarios de bolas, microcosmos de cultura cunha orixe pasada como grán polo cabaceiro, logo pola eira, polo muiño e feito fariña amasado no forno, para finalmente ser pan broa, de centeo, de millo, ou trigo... o pan noso de cada día, xunto coas bicas e aínda as empanadas...e lembramos, a máis das de raxo ou as de bacallau, as de anguías...delicatessen que, a máis do bendito por Cunqueiro, aínda esperan poesía de autor. Mundo aquel onde o Pachiño, o neno que eu fun e como me chamaban entón, era como un xoguete rebuldeiro e premiado polos vendedores, con codelas de pan, con cereixas e , mesmo e moitas veces cun chourizo duro daqueles ben afumados con leña de carballo e ourego... E coa presa de cereixas ou con chourizo e anaco de pan na man , alá me ía ao alto daquel trono que para min eran as escalinatas, sentábame, e a modo comía o regalo... namentres enxergaba o horizonte, os ergueitos cipreses e o pombal dos lameiros do Fariñas. Así que, pra min, a Praza de Abastos do Carballiño de ter sabor tería ese.
Inspirador espazo de saber e tradicións galegas
Espazos de algarabía, onde teño escoitado que as panadeiras, vindo na mañanciña, cedo, de camiño dende Cea, ao dar a revolta da Reverencia, dis que viron arder o monte...e entre aquelas lapadas vermellas xente, bispos, gardas civís, homes e mulleres....concluíndo que aquelo fora unha visión, como un espello do Purgatorio. E a xente, botando as mans á cabeza comentaba “Ei de Dios, ei de Dios... évos un anuncio do fin do mundo que vai vir”. Noutra escoitei que un motorista de Treboedo, nunha maña chuviñosa de decembro, parouno na estrada, a altura das Neves de Grixoa , un individuo mollado e aterecido de frío, que si o levaba...detívose e levouno atrás...seguiron entre a chuvia, parolando do tempo ruín...e concordaron en parar nunha taberna do Porto de Égoas pra tomar uns dedais de licorcafé....detívose a Derby, pero o motorista viu que non levaba de paquete a aquel descoñecido que pouco antes recollera. O que si viron os que estaban na taberna que nas costas da gabardina do motorista campaba a marca ensanguentada dos dez dedos das mans.... As panadeiras e os que escoitaban acenaban e botaban contas de que quen parou ao motorista de Treboedo foi a mesma Morte.... Entre outras cousas así que encherían tomos de realismo máxico.
Edificio no exterior de coidada estética arquitectónica, con con entrepanos, noutrora caleados en branco, entre pilastras de cantaría. Agora, como en moitos sitios, ante a estética do cachote visto, quitase o recebo que evitaba calor no verán e a humidade no inverno, contribuíndo a mudar a cor do pelexo arquitectónico de Galiza.
Escenarios pra oferta é a demanda dos mellores saberes que caracterizaron ao Carballiño
Beirando aquel gran rectángulo interior, baixo un teito triangular cuberto de tella plana, sostido por bigas de madeira e tirantes de ferro sobre o que colgaban os pratos da luz, estaban os postos dos carniceiros, os máis e ben curioso é respecto ao reparto do traballo en Galiza, eran mulleres e moitas delas viúvas. Alí o Olliño ,a Emilia, o Avelino Reque e a Isaura, a Felicitas....e tantos, tantos lembrados e queridos nomes que foron mudando tamén. Ao fin dos sesenta a praza ampliouse a un lateral pra separar o pescado...
Fora, cara ao singular comercio do Camilo Pereira, estaban os postos de flores, os do queixo, os churros..... que seguen dando tradición e parte do Ser carballiñés..
Tamén recordo aqueles temibles e arrepiantes sotos da Praza de Abastos, escuros, co singular arrecendo a sebo... pra onde carrexaban barras de xeo, sacos de sal e de serrín, onde penduraban dos ganchos o costalaxe das vacas , dos años mortos e esfolados, cos ollos pendurando.... como agresivas intervencións artísticas deste noso controvertido tempo.
Arquitectura industrial da Praza que se complementaba co Matadoiro Municipal, tamén da autoría de Conde Fidalgo, o arquitecto que por aqueles mesmos anos tiña encomendado o urbanismo do Parque do Carballiño, o que fixo dende unha óptica moi humanista, tradicional, con fitos de pedra labrada co nome dos carreiros, as rotondas, a fonte, o quiosco....algo co que puído e destruíu o descoñecemento.
O matadoiro estaba na ribeiras do Arenteiro, inmediato á ponte de Toscaña, arquitectura sobria, industrial, de pedra...gran nave para a morte animal, con profusión de perchas e ganchos das que colgaban os animais mortos e bancos pra partilos...mangueiras de goma negra e regueiros de auga mesturada coa sangue... coas tripas e vísceras que ían parar a un río Arenteiro que, a máis de alimentar e atraer ás troitas, asunto ben sabido polos pescadores, por aqueles anos aturaba todo, como se preparaba a dar traída de augas á vila...A finas dos sesenta improvisouse un pequeno matadoiro, funcional, de cemento, deseñado por Morquecho, preto da ponte de Carrás, camiño do Cemiterio...pero funcionou pouco tempo...
A historia da singular praza de Abastos do Carballiño é o seu fundamento, común a moitas outras prazas, catedrais para os produtos da terra e así sigue con novo entusiasmo. A proba o entusiasmo e entrega de Elixio González “Quini”, xa que onde se pon espírito – isto é tradicións que non traizoan, saber e querenza - está o trunfo e o futuro. Somos o que xantamos . E velaí e por algo o dito tradicional que saíu desta catedral do xantar: “Pra carne, pan, pulpo e viño....O Carballiño”,... e mais que haxa dos ribeiros, do mar e da montaña.
14 Febreiro 2022