O BULIR DA FEIRA DO CARBALLIÑO ARREDOR DO SITIO DA SÚA ORIXE : A PRAZA MAIOR E A IGREXA VELLA

Ampliar: Vimbios e cestas na Praza do Retortillo, Carbaliño



Recorrido a través das lembranzas pola feira do Carballiño da metade do século XX. A vida arredor da Praza Maior e da Igrexa Vella: as pulpeiras, as panadeiras de Cea, o rastro de roupa usada, as telas, os cacharreiros...un mundo de vida e cor ...

As horas do mediodía marcaban a apoteose da xornada arredor da Praza Maior, onde á dereita, mirando pra Casa do concello, estaban os latoeiros ofrecendo moldes, farois, pandeiretas...e entre eles, con versallesco telón de fondo ou se non cun cabalo ou unha avioneta de cartón aos que enfocaba o caixón fotográfico... era o Señor Alonso, o de foto Alonso, meritoria vida a súa, de feira en feira e así sigue a ser agasallada a súa memoria pola asociación fotográfica “O Potiños”. Ambulantes aos que tampouco lle faltaban competidores de rúa, Rizo ou de salón,  Godás, Info, Aurelio, Orjales... A través da memoria fotográfica destes persoeiros poderíase reconstruír a Historia en imaxes daquel tempo de emigración, ditadura, nacionalcatolicismo e tamén de retranca sobre o tema.... e xa se ven facendo e de xeito pioneiro con exemplar sabedoría para outros concellos.

A carón da Casa dos Quiroga e dos soportais, polo que puidera pasar co tempo, estaba a Sorte do Paxariño , seguida dunha restra de rosquilleiras e vendedoras de bolas pan de Cea, cubertas cos seus panos negros de Cachimira dourado, cando non de loito, atados por diante... xeito de levar o pano, que xunto cos brincos,  denotaba a xentilidade ou grupo, mesmo a casta e rango ao que pertencían.... Nesa mesma fila, cara  a ferraxería do Parrondo, os Ultramarinos de Julio Pereira, os Almacenes Santa Tecla ( e isto xa case é prehistoria).... estaban as vendedoras de sementes, cos seus sacos e os seus vasos e cuncas de madeira como medida...tamén as vendedoras de restas de allos e cebolas...e cara ao Cine Alameda os feixes de verduras pra sementar, as vides....segundo a época.

  No bo tempo o sitio das vendedoras do pan de Cea era  onde máis se necesitaban, a carón do mesmo concello e na esquina da fonte, cara abaixo desta cosa de Flores e a carón da desaparecida alhóndiga: coas súas mantas arrieiras no chan e sobre delas os moletes e bólas de pan... Tiña a súa explicación era aquela a zona das tabernas, dos postos de pulpo, mesmo onde estaban os telderetes do touciño, do xamón, dos chourizos, o unto.... Costa abaixo de Flores, cara á casa do Reque, contan os mais maiores que noutrora estaban e tiñan sona “as da xouba”, as vendedoras que dicían eran de Ribadavia, de patelas e tambores de pescado seco, afumado, salgado, alcreques ..

O tema este das vendedoras da feira deu moito na Arte galega, Colmeiro, Laxeiro e sobre todo Manuel Torres, xa o temos contado, eran tan amigos  deste ambiente, onde a feira do Carballiño, como o Berbés e o Combarro Mariñeiro eran sitios antolóxicos para a inspiración . Ese espírito era o que buscaron e trataron de transmitir alá onde estiveran, mesmo na emigración.

A algarabía na Praza das Monxas: os xoieiros, a Remi das Cobras...os ferraxeiros

Na praza do Colexio das Monxas era onde máis se xuntaba e se apertaba a xente os días de feira, co aviso previo dos carteiristas, que haber tamén os había. Pegado ao muro da casona dos Quiroga penduraban varios panos de fondo de raso negro, con xoias de ouro e de prata prendidas... mostradores-vitrina, onde temos atopado e visto verdadeiros tesouros:  medallas de guerra, cruces de ferro da División Azul, aneis masónicos, reloxos e leontinas de indiano, rosarios e medallas sacadas polos enterradores aos defuntos....todo un universo con novelas non contadas detrás... e diante concorridas cestas de anteollos, lentes ou espejuelos como din os cubanos cos paisanos a probalos ante unha folla de “La Región”. Fun compañeiro de estudos e carreira dun fillo dun daqueles madrugadores vendedores-compradores de alfaias...volvémonos a atopar e a perder nos camiños da vida.

Na Praza das Monxas a maior atracción era Remi, a muller das cobras, coas súas cestas de réptiles, sapos e os botes de ungüento... e co seu curioso e altisonante pregón “para el reuuuuma, la artrosiiiisssss.....se frrrrota asszii, asssziiii ...” e estendía aquela crema gris polo seu brazo penado...logo collía as cobra e envolvías no seu pescozo... De seguido estaban os postos dos ferreiros, cos potes, as fouciñas, cas series de gadañas, os coitelos, e aquelas navallas de Taramundi que tanto atraían aos nenos, servidor era un asiduo comprador delas, outra colección que teño, lembranzas ao fin.

Servidor viviu moi profundamente a feira arredor da Igrexa vella, daqueles pendellos do Catro Olas e do Chupete, zona de moitas tabernas e mesóns que poñían a proba que alí mesmo estaba a cerna da orixe da feira. Na costa, a carón da mesma porta da Igrexa  estaba unha restra de pulpeiras coas súas caldeiras de cobre dándolle un arrecendo especial que se xuntaba co cheiro a coiro dos postos dos zocos e dos talabarteiros...un oficio que xa entón ía esmorecendo, símbolo da pobreza e da feira por excelencia. A rúa do medio, tras do Café Peñasco e carón do Hotel Calaprís  asentaban as vendedoras de telas, onde predominaba os estampadas a floriñas pequena e de todas as cores, moi solicitadas polas costureiras que entón ian as casas máis acomodadas a facer apaños e reciclar. Na mesma rúa e mesmo, a carón da Taberna do Riobóo e tras o Ricardito o Toneleiro, tirando ata a traseira da Farmacia e droguería Santa María, diante da taberna do Señor Emilio Rioboo campaban os postos da roupa usada, un xeito de rastro de xoias de vestir, moitas delas traídas das américas. Teño conseguido algún chaleco cruzado de masidao e regalarllo ao meu amigo o entrañable coreógrafo Xosé Manuel Rei de Viana e mesmo teño conseguido algún sombreiros Borsalino de Alessandría, un jipi-japa e garabatas que se non foron do mesmo Alcapone ben puideran telo sido. A cousa merecería capítulos a parte.

Cara a Rúa Maior, baixo os soportais da solemne casa dos Ulloa, aberta nos veráns a ferraxería das do Lorencito seguida dos ultramarinos no que oficiaba cunha singular liturxia comercial o quirogués señor “Marabillas”, cos sacos de pienso diante, de pulpa, de farelo... e á súa beira o reloxeiro Boborás, milmañas, fabricante de reloxos de parede--- e da froitería da Palmira. Ao seu carón aquel espazo rebuldeiro que estendemos dende a Mercería do Magariño, pasando pola fábrica de chocolates da Torronesa á do Capile, e ao seu carón a baixada da Rúa Margarita Taboada,  cara á Praza de Abastos o posto de pan da Xesusa “a Portuguesa”, seguida daquela pequena tenda de portal da Julita de Arcos e sobre dela da Peluquería da Rey,  do forno de rosquillas do Polo... reino aquel para servidor das lembranzas e da alegría... Ali, na feira, os afiadores, entre o asubiar do seu chifro, dábanlle á roda e á chispa. Un inspirador universo, baixo o arrecendo do chocolate e das rosquillas, que máis debería dar de si, unha creativa serie inacabada.

Os carromatos cargados de palla e olas dos cacharreiros de Niñodaguia.

A feira mudaba de rostro a cada paso, máis abaixo, tras o  concorrido e intelectual bar do Gito, onde il mesmo tiña un almacén de louza e barro, alí, tras o Bazar do Benjamín, o dos herdeiros de Benjamín J, Sieiro, o reino das marabillas para aos nenos, sobre todo no tempo do Nadal e Reis... e da fonda da Bolera, próxima á Praza do Retortillo, era onde concorrían os carromatos de rodas radiadas, cubertos de lona, como os da películas do Oeste americano, estes nosos cheos de palla e entre elas  as pezas de barro dos oleiros de Niñodaguia, cos seus grandes barreñóns pra zorza,  pucheiros, xerras, cuncas, petos.... e mesmo, de cando en vez, ofrecendo coloreadas pezas brancas de Talavera, aquelas xerras das que presumía no alzadeiro a taberna da Rispada, en Flores. Nalgunha ocasión deixábase ver un vendedor con mula cargada de pezas salmantina ou estremeñas. Tamén o barro quedou asociado ao pasado, aínda que o caldo non sabe igual como nese microcosmosmo que é a cunca de barro, feita pras mans.

Os delicados cacharros de barro xuntábase no espazo dedicado ás aves, ás galiñas, a praza das galiñas chamabámoslle á do Retortillo, aínda que de cando en vez ofrecíanse capóns, pavos e mesmo gaiolas de perdices, coellos e mesmo estraperleando con algún furón.... Praza que entrados os sesenta recibiu o nome de Pardo Bazán , onde polo inverno, a carón do Marcol, salón de peiteados, a máis de ser un ateneo  onde se falaba do divino e do humano....e da confeitaría do Cerviño, se vendían os mollos de vimbios tan solicitados para atar as vide aos emparrados, como materia prima dos cesteiros, oficio especial dos xitanos, os que alternaban aquí cos cesteiros, artífices de coleiros, molidas, patelas...Tantos tipos de cestos, coas súas formas xeométricas, cosmogónicas que se enchería un tratado con eles, os máis feitos con cortiza de carballo ou castiñeiro. Todo un arte de pura xeometría e matemática ese de trenzar secuencias... Aquí mesmo recordamos as cadeiras de cu de palla (ou máis fino de enea) que caracterizaban aos silleiros de Maside.

Á feira viñan, como nun ritual sagas familiares do Tellado, de Agouxa, Agolada, de Silleda, Lalín, Melide, Maside,  Punxín, Amoeiro, Ourense, de todos os nosos Ribeiros.....pero de cando en vez a nota exótica dunha caseta de teatro, un augador de mula e xerros prateados ofrecendo limoada con mel, uns maragatos de blusón e bombachos, como gauchos arxentinos, coas súas mulas ben enfeitizadas, cubertas de manta marrón a raias marelas e roxas, cargados de chourizos, queixos....

Coa xeada, coa raxeira, con vento abaneando as lonas dos postos, a feira resistía igual... Ambiente no que se foron formando escolas de pulpeiros e máis pulpeiras que recorreron o  mapamundi pra facer do pulpo algo noso, carballiñés e galego. O lembrado Fariña Jamardo que viviu tan profundamente este ambiente carballiñés teno recollido en dúas novelas que retratan ben as esencias da encrucillada e do encontro nela: “A Feira do Carballiño” e “A Liña” . Libros que son a máis de antropoloxía, vida do que somos.

Pouco antes das dúas da tarde, á hora do xantar, xa se comezaba a recoller, a desmontar os telderetes...certo silencio cubría aqueles espazos, como si pasase un vento triste. Si acaso era tarde de cine e dun contundente “deica logo

25 Xaneiro 2022