FARIÑA JAMARDO, ALGO MÁIS QUE SINGULAR SECRETARIO DO CONCELLO DO CARBALLIÑO

Ampliar: Guía do Carballiño de Fariña Jamardo



Xose Fariña Jamardo, 1919-2008, cunha grande e experimentaa traxectoria, foi un gran profesional da administación local. Pasou a década dos anos cincuenta, do século XX, no Concello do Caraballiño, onde fortaleceu a súa fonda base galega e literaria

Nos anos da posguerra, pese ao Cabo Gil, tecíanse no Carballiño encaixes de actividades diversas, as que aliviaban o ambiente gris que embretemaba outras partes. Era aquela unha vila en expansión, os cartos da emigración nutrían a banca e alimentaban o comercio. Certo que aquel acontecer estaba moi marcado polas badaladas dos templos e unha obra feita pedra a pedra, teima a teima, un  “Castelo para Deus”, empeño do influínte párroco, don  Evaristo Vaamonde,  coa ansia de seguir os anhelos teosóficos do arquitecto Antonio Palacios elevadas a estruturas en xogo  xeométrico de pedras, de artesanías e das artes de Galiza. O fondo galeguista latexaba no ambiente, pese ás persecucións e ao medo, do mesmo xeito esa ansia liberal, a que por comenencia caracteriza aos  bos comerciantes, a que nace, medra e madura na encrucillada. Sabemos que houbo “encunchados”, intelectuais liberais, demócratas de cerna que dalgún xeito disfrazaban o que sentían politicamente, entre eles universitarios formados na República ou no vaivén das mudas políticas. Entre eles non esqueceremos nunca a don Aurelio Miras Azor, ao que lle aquecía mellor que a ninguén  un respectuoso “Vd. siga bien”, como un noso Antonio Machado. Agora, dende as perspectivas do tempo ábrense novas xanelas pra enxergar aquel pasado de pais e avós máis nidio... pero aínda queda moito en buscar as pezas pedidas na lama dese crevacabezas.

 Unha figura singular no Carballiño dos anos cincuenta foi Xosé Fariña Jamardo, señor secretario do Excelentísimo Concello. Nunha entrevista que lle fai o filólogo estradense Miguel Louzao Outeiro da conta dalgúns aspectos dos que tamén podemos dar boa conta e creto os carballiñeses. Aínda que nacido en Caldas de Reis un 26 abril do 1919, recorreu por profesión – que isto quere dicir por profesalo, por formarse na universidade da vida - boa parte da pel de touro do Estado. Viviu intensamente aquela súa Caldas de Reis de orixe, balneario nas ribeiras do Umia, bisbarra fondamente agraria. Aquí escoitou as arengas, que non sermóns de púlpito  con recendo a incenso do crego agrarista Basilio Álvarez, nesas mesmas coñeceu ao mestre e político, significado membro das Mocidades Galeguistas, Ramón Valenzuela (Silleda 1914- Sanxenxo 1980), pra iniciar unha perdurable e leal amizade. Sendo Fariña Jamardo da quinta do corenta, por razóns da contenda forzaron o  seu recrutamento ao 39 e mandárono a Aravaca, despois á Cidade Universitaria para logo ingresar na Academia de Alféreces Provisionais de Granada, de seguido marchar a Baleares e no novembro do 39 retornar a Caldas e ser destinado á Caixa de Recrutas de Lugo.

 Fariña Jamardo  proviña dunha familia de esquerdas. En “Golfaróns de Sangue” (1980) lembra o entroido do febreiro do  36, as máscaras facendo propaganda da República... e logo despois os días da guerra, de persecucións, vinganzas, asasinatos....a sementeira do medo. Non esquece os mitíns do Partido Galeguista.

 No 1940 consigue unha praza para prácticas de maxisterio en Xixón e inicia, por libre a carreira de Dereito. Finalizada a guerra e entrando en anos escuros, en novembro do 42  incorpórano de novo ao exercito para ser destinado a Vilagarcía de Arousa e á Praia da Lanzada, espazos estes sempre moi presentes nel e aos que retornaría definitivamente.  Prepara entón oposicións para a Administración Local , conseguíndoas no 1945, elixe Carbia nas terras do Deza, Vilar de Cruces, con tantas historias detrás de si, de Pepa Loba, de exorcismos no Corpiño, da soidade ruinosa de Carboeiro, de bosques de sobreiras...ese mundo e Trasmundo que mesmo inspirou e pintou Laxeiro ou Sucasas.. Anos e bisbarra que vive con intensidade a explotación do “ouro negro”, o volframio . Os lugares de Trasfontao e a Brea son escenarios moi representativos deste cotizado trafego mineiro en mans alemáns.  Aquí estará ata 1949, ano no que, por concurso, pasa ao Carballiño, vila na que permanecerá ate 1959.

Casou con Maria Elena Tojo Barreiro e tivo tres fillos, Xosé, pra min Pepito, que é arquiteto, María Elena que é funcionaria e María Vitoria, pediatra... naqueles anos do Carballiño, nenos do meu tempo, inesquecibles amigos de catequeses, procesións, autos sacramentais...e colexio. Infancia feliz, aínda que sometida ao medo do andazo das enfermidades, da ameaza da poliomelitis e doutras mortes  que dicían  “de repente”. Daquel grupiño que cantábamos os Reis de porta en porta, con nove ou dez anos, fóronsenos,  como santiños de cera en caixas brancas e de púrpurina, entre cintas,  coroas do ceo e ringleiras de nenos vestidos de branco.... pra ser “anxeliños” no Ceo: o meu curmán, Toñito Agustín do Reque, a María Rita do “Huesito” da Eira Flores....e sobre todo o Toñito López Reinoso que finou no día da Santa Cruz do 1958, vinculeiro, un rapaz mimado polos seus, envexado por nós por presumir dun reloxo que lle mandara o seu pai de Venezuela e que tiña como segundeiro a silueta dun vaqueiro que en cada tic tac abaneaba unha pistola....Agora, cando paso por Señorín miro pras súas tumbas, sempre con flores, e unha raiola de lembranzas bate no meu corazón.

 Lembrámolo incentivando aquela curiosa actividade cultural, especialmente literaria. No 1957, o Centro Galego de Bos Aires, colectividade emigrada con tanta relación co Carballiño, mesmo polas influencias do poeta e académico Paco Luis Bernárdez,  premia a novela de Fariña Jamardo “Pepiño”. A súa  outra novela, escrita naqueles anos, “ A Brea”, pese a ser moi eloxiada é censurada e gardada a mellor espera, ate 1964 en que sae a luz. No 1959 publicará “Co Sorrizo nos beizos”...  Anos Carballiñeses nos que traba amizade e conversas con Eduardo Blanco Amor, escritor ourensán moi amigo dos Ulloa, de Gustavo e Florinda, con casa no Carballiño, relacionase con Risco, con Otero Pedrayo... Anos despois será imprescindible nos parladoiros madrileños do Comercial e do  Café Gijón con Celso Emilio Ferreiro, Cortezón, Borobó, Laxeiro....paisanos coincidentes en moitos aspectos e experiencias vitais e políticas e que mesmo o visitaron e foron convidados no Carballiño.

 Clave na Industria de Barreiros, no concello de Getafe...en Pontevedra, na Xunta de Galicia

 Insistía en que gustaba de escribir en galego “porque era a lingua que me ensinaron os meus pais e eu non quería perder a miña orixe”. Sabemos que, dentro da súa humildade, profesionalidade e lealdade. Personalidade humilde que intuímos deixou moita obra inédita

 Xosé  Fariña Jamardo  endexamais deixará de afondar no que era a súa devoción: os temas da Administración Local e dentro dela  arredor das entidades menores, como as parroquias. Todo o que comporta o coñecemento dun contexto arqueolóxico, histórico, xeográfico..... Personalidade preocupada pola sangría rural, polo abandono do agro  cara á emigración, entón a Venezuela, México, Panamá...e  cando se abrían novos camiños pra Centro Europa, a un tempo que a calle principal da vila se ocupaba con entidades bancarias que acollían aquelas transferencias e aforros.

 Naqueles anos da estancia de Fariña Jamardo no Carballiño é solicitado para escribir no “Ambiente” , semanario dunha Acción Católica guiada polo párroco don Evaristo, con certa tolerancia ao idioma galego, o que asomaba tímido entre as censuras pra describir paisaxes, riquezas turísticas, historias remotas, folclore ao fin ....  Otero Pedrayo, Calviño, Rumbao e prometedores mozos carballiñeses iniciábanse literariamente naquelas páxinas impresas no mosteiro Oseira contando aspectos da vila e comedidas opinións . Como nos programas de festas, xoias da vida e da literatura local. Fariña Jamardo mesmo no programa do ano 1952 lle pon letra a unha canción, con música do mestre Xosé F. Vide. Ambiente galego no que tamén escribe “ Carballiño, poemas de xeito vello para unha vila nova” con prólogo de Otero Pedrayo. Crea e actúa como único redactor de o” Boletín de Información do Concello”, páxinas precursoras na información municipal, dando puntual conta de gastos, ingresos, das sesións... importante fonte de documentación.

 Os sesenta do desenrrolismo, son anos nos que o empresario ourensán Eduardo Barreiros é modelo de traballador: fillo dun transportista das terras dos afiadores, Gundiás, que  trunfará cos seus motores Diésel. Barreiros organiza a súa empresa e solicita a Fariña Jamardo para ocupar cargos de alta dirección naquela modélica industria asentada nas campas madrileñas de Villaverde. A pesar de conseguir unha secretaria en Cáceres, Fariña escolle a proposta de Barreiros. Direi que Fariña e Barreiros tiñan certo parecido, a  “colleonis” renacentistas, coroados de ondulado cabelo. No ano 1966 un grupo de alumnos do curso de Pintor Decorador da Promoción Profesional Obreira na que me inscribín, como viaxe de fin do mesmo os monitores programaron visitar Madrid, imprescindible o Museo do Prado e, como non a Fábrica de Barreiros Diésel....alí fomos recibidos por Fariña Jamardo, mostráronnos as seccións de fabricación, pintura.... e case homenaxeados agasalláronnos con tanta propaganda e insignia había, as que gardo como parte da memoria.

 No 1968, absorbida a empresa de Barreiros polo capital americano da Chrysler, á que estaba asociada, Fariña Jamardo retorna ás orixes, á Administración Local e, unha vez instalado xa en Madrid, escolle Corral de Almaguer, quedando a un tempo na capital como profesor do Instituto de Estudios da Administración Local, entre outros asesoramentos e direccións de empresa..  Por concurso gaña  a praza de secretario de  Getafe, Presidente do Colexio Nacional de Secretarios. No 1981 pasa a Secretario Xeral da Deputación de Pontevedra.

 Vida de longas experiencias que pasarán á literatura e será o Carballiño a base onde se asentas esas querenzas literarias, paisaxes e paisanaxes tan pintorescas e con tanto fondura, nas que se inspira e sobre as que máis escribe. E velaí os expresivos títulos, libros que teño e estimo, moitos deles herdados e dedicados, dende esa sempre alicerce e imprescindible “Guía do Carballiño” (1961) a “Señor Secretario” (1955), “Co sorrizo nos  beizos” (1969) “O  Mesón do Birollo” (1971), ” A liña” (1980), “A Feira do Carballiño” (1981) “Tiroliro a sete voces” (1984), “Unha vida calquera” (2006), Memorial de Xaquín Pérez (20210) Sen perder o espírito poético xa demostrado nas primeiras obras que florecen no Carballiño e no 2003 “Coa alma espida”

 Ensaios sobre a Parroquia Galega, o habitat, e tanto sobre os concellos galegos, a súa orixe e evolución,  sobre os concellos abertos na Limia, sobre o nacemento dos axuntamentos en Pontevedra

 A partir da Constitución Española de 1978, póñense as bases da autonomía galega pouco despois do seu ingreso como secretario da Deputación de Pontevedra será reclamada a presencia como Oficial Mayor do Parlamento de Galicia. A súa longa experiencia, os seus aportes foron  e serán imprescindibles nestes alicerces e como tal se lle recoñeceron.

 Fariña Jamardo endexamais esqueceu as súas raiceiras e construíu un chalé nun lugar de vello amado, Canelas, en  Portonovo, mirando a ese mar de Ons...tan querido polos ourensáns. E alí  o vistamos algunha vez e comprobamos que non perdía de vista o Carballiño e canto escribiamos os carballiñeses. Azos del non faltaron. O seu pasamento ocorre en Madrid no 19 de agosto do 2008

 Méritos  recoñecidos tanto polo seu traballo profesional como tamén polos de creación literaria: Premio Galicia de Xornalismo, 1985, no 1982 Premio Otero Pedrayo. O Carballiño en tempos do alcalde Arximiro Marnotes Rodríguez dedicoulle e ben merecida unha rúa, O concello de Caldas de Reis ergueulle unha pedra fita na súa honra, aínda que o mellor é que medre a súa memoria e así debía alentarse dende unha sección a súa obra na Biblioteca Municipal do Carballiño.

25 Decembro 2021