O CARBALLIÑO NOS HORIZONTES DA TRASALBA DE OTERO PEDRAYO
Recolleita de datos e lembras sobre as relacións de Ramón Otero Pdrayo co Carballiño, balneario onde sendo mozo o seu pai comenzou a exercer a medicina...terra de arrieiros ben coñecidos por don Ramón, así como de leais amigos na causa galeguista
A silueta das casas e dos montes do Carballiño coutan os horizontes que Otero Pedrayo enxergaba dende a súa Casa Grande de Trasalba. Así o Carballiño estaba e quedou prendido na nimbo, no circo da “O” maiúscula, galega, nosa e en devalar de Otero, de Ourense...
Non se entende a literatura de Otero Pedrayo se non se entende a Galiza, como non se entende a Galiza se non se entende a Otero. Compre pois, poñerse a lelo, a modo, de vagar, como si se catara un bo viño tostado. Poñeremos en cada ringleira todos os sentidos e canta cultura se teña pra enxergalo e contextualizalo na súa Terra e no seu Tempo. A obra de don Ramón é como un atractivo labirinto en devalar, e que pra furar nel compre auxiliarse dalgún xeito de fío de Ariadna. Asunto que ben agradecemos os oteropedraiáns que haber hainos, asombrados pola inmensidade do escritor. E esa misión vena facendo, de xeito maxistral, a profesora Patricia Arias Cachero, xa afeita á biografía, á ortografía e ás teimas do escritor. Asuntos enxrgados despois de expurgar canto cartafol se reparte e legou o ourensán á Fundación Penzol de Vigo, entre os que foron os seus amigos, en Trasalba... Ao respecto Arias Cachero publicou en “Agora de Orcellón 37” un artigo sobre “O Carballiño conforme Ramón Otero Pedrayo” e máis aparecerá tirando dese fío. Velaí as publicacións sobre a súa biografía, os epistolarios, as edicións de inéditos, as reedicións de obras transcendentais... Quen ten nas mans unha obra de don Ramón ten un anaco de universo.
Vila do Carballiño que Otero que sempre asociaba con Oseira, coa decimonónica fidalguía establecida á beira do camiño, en relación cos arrieiros e tratantes dos camiños da vida.... Encrucillada chantada nun anfiteatro, entre as siluetas de montes: esa trindade montesía formada pola Martiñá, a Madanela e o Testeiro. Son incontables os textos, os artigos dedicados ao devalar destas horas e paisaxes sobre as que otero di, asoman como navíos os pazos, o canto do reiseñor, o Arenteiro.... O Carballiño como necesaria parada e fonda, acougo pra avivar o lume do espírito.
Ramón era fillo de Enrique Otero Sotelo, o que polos anos 1866 estudou medicina en Compostela, tendo pousada a carón de onde chegaban e saian os carromatos dos arrieiros e feirantes do Carballiño, en Mazarelos. Lugar no que - ata non hai pouco - campaba alí, en Patio de Madres, fin da rúa do Castrón de Ouro, o cartel de ferro de “Hospedaje la Carballiñesa”. No 1872 Enrique, sendo medico rural, será nomeado interino dos balnearios do Carballiño e de Partovia, “...xoven doorido e entusiasta, deixouse engaiolar pola fonda aldea galega. E ben logo coñeceu como ninguén súas corredoiras, seus mitos, seus medos e bulras...”( Lembranzas do Meu Vivir I (2020)). Anos nos que aquel médico mozo trata cos influentes Quiroga, fidalgos de Banga, entre eles con Eduardo, deputado polo Carballiño, personaxe soberbio e atrevido, con pazo en Cornoces, non lonxe de Trasalba, irmán de Xosé, casado este coa Pardo Bazán. O doutor Enrique Otero atende á desamparada e enfermiza muller de Eduardo Quiroga, María Purificación Reynoso, filla do gobernador en Ourense. Asuntos dos que da conta Otero Pedrayo, entre algún outro artigo , en “Lembranzas do meu vivir” (2020) tal como indica Arias Cachero, entre outros interesantisimos aspectos sobre esta muller, como as referencias de Alvaro de las Casas, casado cunha Ulloa, que ben cavila que Eduardo Quiroga poido inspirar ao persoeiro de “ Los Pazos de Ulloa”, Pedro Moscoso.
Na noite ao pechar as xanelas da casa de Trasalba ... ao fondo as luceciñas do Carballiño...
Repetía don Ramón que metido na noite, denantes de deitarse, nun ritual cotián de despedida da xornada pechaba as xanelas, observando que nos lindeiros da noite pestanexaba a ringleira de luceciñas da estrada de Punxín, Listanco, Maside, Dacón... e no fondo as primeiras do Carballiño....ao erguerse e franquealas de novo, entre a néboa e baixo a Madanela co seu lombo de can deitado, somaban os teitos das casiñas dunha vila que non deixaba de medrar.
“...Pois non abonda co nivel de vida. ¿Que fai o home cos problemas económicos resoltos – sempre eles son relativamente resoltos – sin un “nivel de alma” que lle permita aturar a soedade e a visión e seguranza da Morte? Vd. mociño novo, co enigma do mundo de diante, amanece co sol de novos camiños. Dende a miña casa de Trasalba, se non miro os tellados enxergo os montes do entorno do Carballiño, unha fina e rexa vila galega. Soio como vello amigo lle pido que endexamais desconfíe do porvir de espírito e pense na grandeza e no perigo, feiticeiro perigo, de ser galego dos bos e xenerosos - Eu apenas son – e elo abonda por meu orgullo- unha ponte de vontade e lembranzas, botada dende a xeración de Castelao ate vostedes mociños, de quen os vellos- poucos fican agás de min - agardámolo todo....” A filosofía de Risco, iso me transmitía nunha epístola datada en Trasalba a 3 de Santos do 1970, lección que trato de compartir, agora como nova ponte, entre Otero e o queira escoitalo.
Son moitas as referencias de Otero ao Carballiño. Lembra que de neno “Montaba no coche do Carballiño. O Sr Andrés, o maioral, gran riseiro e barbas ledas, corazón de ouro de entre arrieiro e fidalgote, o meu amigo sempre me chamaba para o sitio de honra ó seu carón....” (Lembranzas do meu vivir II, (2015). Andrés, ou Rodríguez, coido que non pode ser outro que o devanceiro “Rebusco”, empresa que aínda recorre o mapa de Europa e conduce o seu herdeiro, Camilo Rodríguez...Recordo con nitidez, na miña primeira mocidade, alá polos anos sesenta, na ferraxería “Las Colonias de Antonio Soto” levarme a curiosidade de arqueólogo a un recen enmarcado texto de Otero Pedrayo dedicado “Ao Maioral”: era sobre isto mesmo, en relación cos devanceiro arrieiros de Paco Mares, un gran galeguista, amigo de Calviño, tamén do Corcheiro, emigrante de ida e volta en Tampa, (cidade de Florida na que morreu Basilio Álvarez), compañeiro de Lucinda Soto a herdeira do heteroxéneo negocio das “Colonias”....Gustaría de que se atopara ese escrito e reafirmarme. Espazos no que noutras vin a enmarcar fermosos Laxeiros, Manolo Torres, pinturas da autoría de Chamoso .... Era aquel comercio de venta de libros galegos, entre asuntos de bazar e ferraxería, “coloniales” ao fin, onde un se podía atopar con Otero como con Aquilino Cachafeiro. Alí acendín o espírito galego. Soño que volvo a aqueles espazos de arrecendo a liñaza e vexo ao Caride, ao Faustino, ao Manolo, cortando vidros cunha punta de diamante. Xa daquela, Paco Mares regaloume o “Sempre en Galiza”.
Escribinlle varias cartas a don Ramón, felicitáballe o Nadal, funlle a canta conferencia podía, en Ourense, Compostela, no Carballiño... visiteino so acompañado a veces de Cesar Varela, ou de Miras e Román, no Hotel Compostela, en Trasalba. Casa Grande, presumindo da cadeira do seu despacho, sobria e coa cruz verde sobre o coiro do respaldo, a que, con respecto, dicía pertencera á inquisición compostelán e que lla regalaran os xornalistas... cadeira que disque, comeu a couza... Presumía ademais Otero da súa competente adega....hoxe auditorio.
O Parque do Carballiño, o Hotel Carlos... o pazo de Lousada Diéguez, como a finca dos Espinosa, ambas en Moldes, mirando aos horizontes do ribeiro do Arenteiro, serviron de lugar de encontro nas xeiras do Seminario de Estudos Galegos por Terras do Carballiño.
A fonda amizade de Otero con Alfonso Vázquez Monxardín, promotor de “Nós”, casado con Emilia Blanco Rodriguez (Maneiro) do Carballiño, familia e casa da que gardo amables lembranzas: a sensibilidade, aquel galeguismo... Precisamente o seu fillo, Pepe Lino, foi Presidente da Fundación Otero Pedrayo, coidador do legado da casa de Trasalba, entregada ao pobo galego. Saga familiar que leva prendida esa estrela galega que abrillantou Risco.
Neses ires e vires, dende neno ao Carballiño, Otero Pedrayo atopará nesta encrucillada dos camiños da vida fonte de inspiración. Así entenderase a súa obra como un xeito de peregrinatio entre aventuras e desventuras, onde se atopan mestres e amigos inseparables como foron Lousada Diéguez, Xosé María Calviño, Porfirio, Paco Luis Bernárdez... “o Celta”
Don Ramón, como o Xocas e os de “Nós” teimaban en que o topónimo do Carballiño viña dun gran e querido carballo, o que, na encrucillada dos camiños reais, daba sombra a unha pousada. Na Guía de Galicia (1991) Otero Pedrayo ben sintetiza o sitio e os camiños queridos e recorridos dende neno. E auguraba pra vila un florecente futuro. Vila na que Arias Cachero documenta unha conferencia súa nun 25 do mes de santos do 1926 titulada “ O setestrelo do escudo de Galicia” dada na Sociedade Deportiva e presentada por Bernardo Castro Fernández, ea onde chegou acompañado do seus case “irmáns” Risco e Cuevillas. Tamén no 26 de Xuño do 1932, como significado membro do Partido Galeguista deu aquí un mitin, xunto con Alexandre Bóveda, González Salgado e Paz Andrade...que prendeu longo tempo na memoria.
10 Decembro 2021