Aqueles sitios e museos literarios visitados por Manuel María
O poeta Manuel María gostaba de coñecer e pisar aqueles sitios onde viviron os seus grandes escritores admirados, non so galegos: Francis James, os Machado, Chateaubriand ... en Agrigento a casa de Pirandello, a de Graza Deledda no Nuoro sardo ...
Teimaba e poetizaba Manuel María en que ”viaxar é vivir”. O chairego enxergaba o que tripaba, preferiblemente camiñando, acompañado e compartindo, tamén en autocar, mesmo en barco ou naquel Corsa conducido por Saleta, cos amigos ou colectivos culturais que o chamaban... Non gustaba, iso si dos avións, os que saían hoxe e chegaban onte ás américas : pois sostiña que espírito ten o seu paso pousón, parándose en cada casa, facendo preguntas e quizais sendo convidado... Manuel María sentía nostalxias cando ollaba convertidas en pardiñeiros casas que noutrora foron ilusións e fachenda, agora mostrando ao vento o corazón da lareira, dos cuartos... cubertos de edras, espazos de soidade sobre os que inza, verdea e medra o loureiro, a figueira, a nogueira. Buscaba especialmente coñecer as casas de homes e mulleres de letras. Sabía e dicía como Vicente Risco que non chega unha vida, por moi longa que sexa, pra enxergar a inmensidade da Galiza. Sabía entón que unha viaxe ensarillase noutra, que leva a ler e pescudar. Non había casa ou camiños dos seus preferidos escritores galegos ou portugueses que el non coñecera, os “locus amoenus” que noutrora inspiraron a sensibilidade de quen soubo tanxer e emocionar coa arpa daqueles sitios especiais: O Padrón e a Compostela de Rosalía... A Celanova de Curros, de Celso Emilio, de Ferrín....o Mondoñedo de Leiras, a cidade mística e misteriosa daquel Seminario que foi sementeira poética.... o Castro de Rei e a chaira de Crecente Vega, como o Guitiriz de Díaz Castro...O Rianxo de Paio Gómez Chariño, de Castelao,de Manuel Antonio, de Dieste...o Cambados de Cabanillas, o Lugo de Pimentel, de Anxel Fole, a cidade murada daqueles parladoiros de café....como a Pontevedra de tantos, entre eles do seu Cuña Novas, poeta amigo que o noso tempo parece transpapelar... O Courel de Novoneyra e sobre todos e sobre a bocarribeira do Miño e do Barbantiño a Trasalba de Otero Pedrayo e a Auría de Nós, a da rúa da Paz, a do Volter...
Manuel María rouseábase arredor da casa de Torga en San Martiño da Anta , terras estas de Tras os Montes, meteuse nos predios nos que viviu e se suicidou Camilo Castelo Brancom en San Miguel de Ceide de Famelicâo... E de todo algo ten contado nas súas crónicas viaxeiras, os “Andando a Terra”, asinados co heterónimo de Manuel Hortas Vilanova, os segundos apelidos de pai e nai. Ben soubo ademais Manuel María das idas e vidas dos irmáns Machado, dende Sevilla a Segovia, Soria...e o camiño andado do poeta Antonio, e sen volta, a Collioure, a pintoresca vila nos Pirineos orientais, onde sempre fixemos parada, pra pousar sobre a campa do poeta e da nai unha rosa vermella e versos de esperanza.... E mesmo aínda Manuel María non deixaba de man, cara a Astorga, o triste pombal e casa deCastrillo de las Piedras, o do“Desecanto” do controvertido poeta do Teleno, Leopoldo Panero e arredor del , as traizóns, a guerra, a ética e a estética, preguntas e respostas
Manuel María coñeceu en profundidade, conducido polo seu leal e moi querido amigo, o profesor Pepe Estevez, onde naceu e onde viviu o seu admirado Francis Jammes, a vila de Orthez, nos Altos Pirineos, Euzkadi. Subiu e baixou a Lisboa de Pessoa, a dos cafés literarios, en competencia cos de Venezia, París, Roma ou Zurich, por il tamén coñecidos e saboreados... Visitamos con atención o Saint Maló de Chatoubriand, máis rosas sobre a súa campa á veira e batida polo Atlántico; coñecemos o seu castelo, o das “Memorias de Ultratumba”, Comburg e alí fixemos un homenaxe en honra de Otero Pedrayo... Ben sabía e alá fomos da Florencia de tantas cousas e do Dante, da Fontana de Vaucluse na Provenza, non lexos do seu querido Avignón, a do Petrarca; O Set do “cimeterio Marino” de Paul Valerí, o que comparamos coa necrópole que emproa ao Mediterráneo na Synera do seu admirado e amigo Salvador Espriu. Pobos, cemiterios Mediterráneos de branco e azul, emproando ao enigma de odiseas. Velaí no Agrixento do que foi a Magna, Sicilia, e nun cabo que harmoniza coa baía do máis azul Mediterráneo, a casa-museo de Pirandello, solemne quinta labrega: nunha banda desta súa casa familiar, baixo un frondoso e antigo piñeiro foi enterrado o dramaturgo, e foi como il quixo, en soidade, so na compañía do asistente fúnebre, baixo o amparo daquel piñeiro manso, que viños envellecido e noutra viaxe xa murcho. Manuel gustou desta casa-museo e do seu sitio e explicou a influencia do vento e da luz, do azul.., na mente contrafío do escritor.
Entre todas esas casas-museos de escritores damos fe que da que máis gustou Manuel María e quizais por semellanzas labregas coa súa chairega Casa de Hortas, foi en Cerdeña, en Nuoro, a casa da escritora Graza Deledda (1871-1934). Mansión labrega, matriarcal, onde a nai coidou das tradicións, da relixión, das leiras, da memoria.... Casa de familia acomodada, o pai de Grazia fora alcalde...Manuel María lera a obra desta Premio Nobel do 1926: novelista e poeta moi metida nesa interacción paisanaxe paisaxe na que tamén se debuxa o poeta chairego, envolta en mitos, panteísta, fatalismo... pese ao seu autodidactismo na escritora sarda vense influencias do Decadentismo de D´Anunzio. Museo Deleddiano rexentado polo Instituto Etnográfico Sardo, inaugurado pouco antes de nos telo visitalo, no 1983. Espazos onde se descobren as orixes nas que radica a orixinalidade da autora. Casa descrita na novela “Cosima”: cociña, cuartos, salón e espazos para actos de festa e nefastos, de xanelas e portas abertas á sombra de solemnes e patruciais carballos. Sitio que mantén o espírito, as fantasmas, o genius loci inspirador, que nos cativa a sensibilidade do viaxeiro lector. Á porta da casa campa esta inscrición, que Manuel Maria non esqueceu, por aquelo de que universal é a unidade na diversidade:
Nata en questa umili casa
GRAZIA DELEDDA
Vi schusi lo spirito
Alla forte poesía della súa isola
Facendo della passione da Sardegna
L´anima della propria arte
Che é gloria Italiana nel mondo
MDCCClXXI- MCMXXXVI
11 Novembro, San Martiño dos Magostos 2021