UN PASEO A TRAVÉS DA ARTE DO IMPERIAL MOSTEIRO DE OSEIRA

Ampliar: Cheminea do Calefactorio



Recorrido a través das arquitecturas do Mosteiro de Oseira. Fábrica Románica, Gótica que conta coa presencia de Juán del Castillo, mestre do Manuelino; no Barroco cos grandes mestres da escola de Domingo de Andrade...o Neoclásico e a Desamortización

Entre as artes a máis predominante, continente e en interacción coas das demais, cos seus contidos e a paisaxe, é a arquitectura. Conxunto que visualiza unha Historia, en Oseira unha misión política, relixiosa e cultural arredor de mestres construtores, fidalgos, guerreiros, artesáns, frades, vasallos....  

Oseira  xerou moita documentación, aínda que perdida en boa parte por incendios e espolios, a atopada vai permitindo compor o crevacabezas histórico. A obra “Fundación, Antiguedad y preogressos del Imperial Monasterio de Nuetra Señora de Osera, de la Orden del Císter “ da autoría do cisterciense do mesmo mosteiro  Fray Tomas de Peralta (Valladolid 16 26- Oseira 1698), editado en Madrid no 1677 é onde, na paxina 170, da conta do privilexio real concedido  ao mosteiro no  1286, polo herdeiro de Alfonso o Sabio, o Rei Sancho IV e sendo abade don Arias Pérez de facer feira unha ve ao mes na vila de Zea  (“capital desta xurisdición”) traspasándoa no 1728, “por Merced de su Maxestade”  á  “Terra do Carvalliño” en favor de Oseira .  Entendemos que a feira do Carballiño xa se viña realizando, sen control,  de “pocos años a esta parte” que escribe o autor. Aínda así   seguen os litixos con Beade e outros feudos

Oseira que visualiza o poder imperial é fonte de estudos, entre os que son sobranceiros os de Fray Damián Yañez Neira (1916-2015), dende 1966 animador da recuperación do mosteiro, da súa biblioteca e arquivos, autor, xunto con Miguel Ángel González García (Caixa Ourense 1996) dun tomo sobre o mosteiro, máis propio de facistol que de librería. Respecto á historia do císter en Galiza merecen coñecerse os traballos de Carlos Valle Pérez , entre outros sobre particularidades, como  os de Juan Monterroso Montero  ou os de Miguel Taín Guzmán sobre o  desaparecido baldaquino obra de Domingo de Andrade, entre outros.

O Mosteiro viviu certo abandono, entre 1513 a 1545,  gobernado entón por abades comendatarios, entre eles Ochoa de Espinosa abade da Trindade de Ourense, representante do prelado romano na xurisdición de Oseira, os colonos asasinárono a estadullazos. É entón cando a congregación de Castela, dentro da “doma e castra de Galiza”,  pasa a rexir todos os mosteiros do reino de Galiza, dende Valladolid, ao que se opón o monxe castelán Marcos del Barrio. No 1552 un incendio  destrúe todo, agás da igrexa. Acométense importantes obras.

O triste capítulo da primavera do 1909: os Mártires de Oseira

Oseira foi dos poucos recintos relixiosos que se salvou do saqueo francés, quizais pola forza das guerrillas na zona, servindo daquela de refuxio pra importantes prelados e onde no 1815 se celebra Capítulo Xeral da Orde. A partir de 1820 xeral comeza  o abandono que culminará no 1835 coa expulsión do císter e reparto de propiedades pola Ley de  Desamortización decretada por Mendizabal. Capitulo triste é o acontecido o 22 de abril  de 1909 cando ante a orde de retirada do baldaquino, ordenada polo bispo, os veciños opóñense e na algarabía a Garda civil dispara e mata a sete persoas, entre elas unha nena e unha muller en cinta....o feito quedou na memoria e o mesmo arquitecto Antonio Palacios, quen atopaba en Oseira inspiración pra Veracruz, quixo recordar a aqueles mártires nas columnas oitavadas do corpo central deste templo carballiñés.

No 1929  precedentes do mosteiro francés de Nosa Señora das Neves, volven os frades do císter, chegan a unha completa ruína, aos que se suman algúns outros pra iniciar un constante traballo de desentullado, obras, reposición, resurrección, “labor omnia vincit”...

Nos anos cincuenta vistamos a imprenta de Oseira ao encargarlle meu pai traballos, alí editábase a folla parroquial de el “Ambiente”. Sabiamos da escola-reformatorio, mesmo daquela educábase cun temor de “levarte ao reformatorio de Oseira”... Naquelas visitas mercábamos na portería chocolate, queixo, goleamos o primeiro ecucaliptine, elaboración licoreira que seguía tradicións alquimistas bieitas... visitabamos unha sala escura que dicían da “gota santa” da Inquisición (?), subimos pola escaleira de caracol á Atalaia ...e mesmo e polo baixo escoitamos que alí había algún monxe refuxiado alemán...

No 1966 o mosteiro pasou a depender do mosteiro palentino de San Isidoro de Dueñas  e entón cando o frade Juán Maria Vázquez, dirixe as obras de restauración co seguimento de Chamoso Lamas e do arquitecto de Belas Artes, Carlos Fernández Gago, merecente de todos os eloxios. Misión permanente, coa a recuperación en Museo da colección de laudas armeiras, labras... documentos, do hervorario e a botica con aqueles albarelos e botamen en cerámica de Talavera e Sargadelos, algúns dos exemplares que se atoparon en diferentes partes de Ourense, utilizándose para o Hospital de San Roque, etc.

Toda visita a Oseira é como unha ascese a través da Historia e da Arte

No 1637 inícianse as obras de remodelación da fachada da igrexa románica a que fora construída dentro da normativa do císter, agora farase  como un gran fondo escenográfico en acabado de cantería “almohadillada”, deixando a cada unha e outra banda un nicho dedicado a propagar as imaxes dos santos da orde, o San Bento e o San Bernardo e sobre  deles, fendendo o frontón triangular, a titular, a Virxe María. No segundo corpo tamén rompendo o frontón semicircular preside o escudo imperial. Todo entre dúas torres.

  En ángulo coa entrada á Igrexa está fachada do mosteiro, a que consolida o estilo Barroco. Grandiosa obra na que se percibe o traballo de dous mestres. Conxunto sobre o que se remarca a porta, aberta en arco entre columnas salomónicas que deixan entre panos a unha e outra banda, labrados e noutrora policromados escenas, primeiro da cómoda  vida, como fidalgo, de Bernando; namentres que na esquerda representarase na súa decisión como eremita, recibindo na cova a comida que, a que lle baixan  nunha cesta mediante unha corda. Enmarque tratado como un catequético retablo. No lintel campa o escudo de Oseira e baixo del o que queda dunha cadea que foi labrada nunha soia peza de pedra, a que ía dende unha máscara da vida acompañada da Virtude, a unha caveira da morte,  esta  na compaña dun anxo peregrino... no centro unha cartela co lema  de Oseira “ Sacra  aeremus ascetarum”. Cadea de pedra que, nos anos de abandono, serviu de diana  e xogo pra acantazala os rapaces, sen quedar eslavón... Parte alta desta fachada do mosteiro na que sobresaen. A ritmo, balcóns, alterne decorativo de labras con  medallóns, sartas de froitas, gárgolas, pináculos no remate...Obra que constata a presencia de mestres composteláns do taller de Domingo de Andrade.

Portada que da acceso ao solemne Claustro dos Cabaleiros, do 1713, hoxe centrada por unha reprodución da Fonte do Ferro de Ourense, a que orixinariamente procedía do mosteiro.  Recorrido que leva á Escaleira de Honor, construción  de sensibilidade herreriana, cos seus chanzos decorados con labras en punta de diamante, nos paramentos furnas en arco pras imaxes dos santos da orde. Á dereita e final da escaleira, denantes de entrar ao refectorio está a fonte-lavatorio, deseño en antolóxico barroco de placas, aínda con policromía e sobre a que campa ese escudo de Oseira que o Carballiño non debe esquecer.

Nese recorrido accedemos  ao Claustro Regular ou das procesións, de trazas renacentista, no que se abre a portada que comunica co cruceiro da Igrexa. Entrada coroada por unha representativa labra do Padre Eterno bendicindo entre dous anxos reclinados que demostra coñecer a obra renacentista de Miguel Anxo. Sigue o Claustro dos Medallóns, xenuinamente renacentista, sobre o friso dos arcos que se abren ao exterior os corenta medallóns representando bustos de persoeiros: santos, monarcas, conquistadores... A Escaleira dos Bispos con oito nichos pra imaxes de santos, cuberta pola mestría duna  afiligranada bóveda que nos aproxima a unha cosmogonía. O Patio dos Pináculos, construción do século XVI. Patios nos que hoxe se reproducen as fontes que coa Desamortización se incorporaron ao urbanismo de Ourense.

Sobre o primeiro piso do mosteiro sobresae a Cheminea do Calefactorio, de 1747, a que coñecemos e nos sorprendía dende neno, nos seus anos de abandono: erguida ao ceo, daquela sen cuberta e sobre a que escoitamos as primeiras tradicións coñecidas: que  quen dera 9 voltas arredor dela se casaría pronto.... Agora todo restituído case ao seu orixe: a enfermería, a Solaina  aberta á paisaxe e á luz, a Cociña, o Refectorio reconstruído maxistralmente, aproveitando para a cubrición do seu teito, entre nervaduras góticas de pera, placas de  conglomerado virotex, magnífica solución, ideada polo frade Juán Maria Vázquez. Solución  que alivia pesos e non causa escándalo visual.

A xoia da Sala Capitular, lección cosmogónica do mestre construtor Juan del Castillo

Conxunto no que merece capítulo aparte a Sancristía e sobre todo a Sala Capitular, obra mestra esta do trasmerano Juan del Castillo (1470- Tomar 1552), arquitecto que cos seus operarios, entre eles moitos galegos, é recoñecido mundialmente na actualidade con cinco monumentos da súa autoría, declarados cono Patrimonio da Humanidade: Tomar, Jerónimos de Lisboa,  Alcobaça, Fortaleza de Maçagao, Santa María de Alcobaça. Autor de abundantes obras que caracterizan o estilo tardogótico  portugués, o “Manuelino”, ademais con sobranceiras  intervencións en Galiza: en Santa María de Pontevedra e no seu inmediato pazo dos Churruchaos, na Catedral de Lugo,  en Santa María das Areas de Fisterra, no Hospital de Santiago.

A Sala Capitular de Oseira é un diamante arquitectónico e simbólico, ata diriamos teosófico, lección de harmonioso pitagorismo, de proporción, cuadratura do círculo: catro palmeiras que ascenden do chan,  que en altura se abren en nervaduras que xeometrizan o teito entre claves con figuras simbólicas. Antolóxico mestre canteiro estudado por Maria Ealo de Sá  na exemplar monografía  “El arquitecto Juan del Castillo. El constructor del Mundo” (2009). Del Castillo é mestre especialista en bóvedas de abano, dentro do estilo atlántico que caracteriza a arte inglesa da época. intervención en Oseira que coñecemos con aquel enxabelgado de cal que, en orixe, ennobrecía e protexía a pedra e que estéticas aculturadas de hoxe retiran.

Nese xeito de ascese que é a visita a Oseira, seguimos pola Escaleira do Dormitorio co seu  antolóxico lucernario, pra conducirnos á parte  alta, onde están os cuartos e a Biblioteca a que con constancia e saber se foi reconstruíndo en estilo, en carpintería barroca e dotándoa de vellos e novos libros, moitos deles legados e doazóns...

O paso de Grahan Greene acompañado do paul Leopoldo Durán

Cabe imaxinar nestes espazos e nos seus días de paso ao escritor inglés Grahan Green, que mesmo se inspirou nas celas e claustros de Oseira para escribir a novela “Monseñor Quijote”, que ademais serviu de guión cinematográfico para o film do mesmo título realizado aquí no 1985, coa presencia do actor Alec Guiness... Anos aqueles de idas e voltas a Oseira e recorridos por Galiza do escritor inglés  acompañado do seu amigo o paul  natural de Avión, asentado en Londres, Leopoldo Durán, intimo ata os últimos días, aquel abril do 1991 cando Green falece en Vevey, Suíza . Novo argumento a sumar a tan densa historia do mosteiro.

Na aldea de Oseira onde non deixaremos de visitar o Museo Etnográfico Olimpio Liste, colección de artefactos do mundo labrego e artesán galego. Lección tamén do que é capaz de facerse en base ao amor, á constancia e á creatividade.

7 Setembro 2021