Piranesi na Sala de Grados de Fonseca 2021

Ampliar: Piranesi, Carcere



No Salón da compostelán de Fonseca exponse unha serie de gravados de Piranesi, da Colección do Museo do Gravado de Artes (Ribeira) en especial das cotizadas ´Carceri´, suxerentes e lúgubres ´caprichos´ que abren ao subrrealismo e ao realismo máxico

Non podía ser doutro xeito que o Museo do Gravado de Artes, en Ribeira tivera en Piranesi un referente, que difunda o que a súa obra gráfica representa de humanismo e clasicismo: as veduta,  as vistas panorámicas ou parciais da Roma Antiga, os deseños e as sorprendentes Carceri, as que agora se expoñen en Fonseca.  Iniciativa que di moito da misión deste centro e máis na era da imaxe, cando imos aprendendo a enxergar (que é algo máis que ver, é aplicar  os cinco sentidos, máis a intuición e unha cultura  ao que se nos pon diante, precisamente pra enriquecer a cultura e o humanismo). Gravados que teñen música propia e do seu tempo a que o espectador debe buscar conforme ao seu saber e a súa liberdade. Quizais sirva como banda sonora para as sórdidas escenografías das Carceri  a ópera “Fidelio” (1805) de Beethoven e para subliñar as Antigüidades “Os Pinos de Roma” (1924) de Ottorino Repighi, pois pedindo consello iso mesmo me recomendou Maximino Zumalave, director de orquestra, pianista que ademais, pensa, traballa e se inspira no seu estudo, baixo gravados de Piranesi. Aínda que os experimentais ensambles musicais contemporáneos, deconstrutivistas e mesmo co renxer de ferro,  tamén puideran contribuír a escoitar o desacougo que habita no mundo esnaquizado e perdido desta serie de Piranesi.

 Os arquitectos Nicola Salvi  ( proxectista da icónica Fontana de Trevi) e Luigi Vanvitelli, máis novos en idade, interaccionan cun Piranesi que tampouco os perde de vista. A “Opera Varie” de Piranesi reeditarase, será entón baixo o pseudónimo de Salcindio Tiseio, como xesto de imitar a estes dous seus admirados arquitectos, pese a que o napolitano Vanvitelli critica a sobrecarga decorativa da obra de Piranesi, en contraste coa expresividade da elementalidade neoclásica, a  que atopa na Antiguidade. A obra “La Colonnia Traiana” (1672) foi un referente para os estudos de Historia Antiga, igual que “Le Pinture del Sepolcro dei Nasoni” (1680) e a “Admiranda Romanorum Antiquitatum” que axudaron a difundir a Ilustración e o Neoclasicismo.

  As paisaxes interpretadas por Marco Ricci,  as de Claude Lorrain, as do Canaletto están nas miras do noso gravador , como daqueles que desexaban levar unha lembranza, un souvenir de Roma. Láminas preferidas polos viaxeiros británicos, os máis abertos ás pescudas arqueolóxicas, obras coas que decorar e distinguir as súas mansións. Nace entón un curioso, precursor  e progresivo merchandaising turístico. Pranchas de gravados de Piranesi que despois da morte do seu creador serán explotadas polo seu fillo primoxénito, Francesco Piranesi, gravador tamén que xunto coa súa irmán Laura que seguen os pasos do Pai.  Pranchas posteriormente adquiridas por expertos do Papa Gregorio XVI para formar parte da Calcografía Cambrale antecesora do Instituto Nazionale per la Grafica.  Base de coleccións de gravados dos que presume a Biblioteca Nacional de Madrid ou o Museo de Belas Artes de Valencia.

A obra de Piranesi sabe conter a tendencia á sobrecarga decorativa barroca, máis enfática, rococó,  aprendida na Venecia da súa formación, entre ceos e paisaxes, procurando non “afear” a esencialidade do xogo de liñas rectas e curvas. Aínda así Piranesi crea escenografía con escalinatas, arcos, palmeiras, cipreses, loureiros, oliveiras, edras, acacias, figueiras, vides, vexetacións que, tamén entre paisanos, pastores, carruaxes de  paso, agariman e desvelan o misterio das ruínas. Elementos cos que busca a terceira dimensión nunha escenografía fidedigna ao estado da cuestión arqueolóxica.

O barroquismo atopa como antítese a elementalidade, os presupostos revolucionarios franceses de austeridade clasicista. Noutras ocasións soltando o maxín cara ao fantástico, hiperrealista, a xeito de pinturas negras . Unhas e outras estampas que convidan ou arrastran ao espectador a entrar nos escenarios que representan, a pararse e analizar os complementos decorativos, mesmo a deixar voar a imaxinación atravesando entramados de estadas inacabadas, lonxas, escadas e pasarelas que atravesan esas lugubres Carceri.

Piranesi e as vangardas contemporáneas. Clasicismo e “carcerí” ás que non foi alleo Díaz Pardo

 O cartafol da “Prima Parte di Arquitecture Prespective” acompáñase dunha declaración de intencións; dedicado por Piranesi ao seu valedor e abridor de portas, o erudito Nicola Giobbe. Agradécelle  a axuda, as ensinanzas de Arqueoloxía, dos principios Vitrubiáns como dos gustos liberais e revolucionarios franceses, tendencias propagadas dende a Academia deste país en Roma. Espazos aqueles frecuentados por un inquedo Piranesi, entre amizades metidas no coleccionismo, nos anticuarios, nas viaxes en busca de arqueoloxías  e na difusión da Arte entre os que está  Pagliarini o que  dende o 1743  é editor do Giornale de Letterati  e que tanta incidencia terá na Europa Culta da Ilustración. Roma atrae a Fragonard, a Robert Hubert, entre moitos outros que na súa obra deixaran sentir o espírito de Piranesi, como os ingleses Allan Ramsey ou o arquitecto Robert Adam. Son anos nos que a filosofía e a praxe levan a crear e organizar loxias masónicas coa conseguinte influencia.

“Carcerí de invenzioni” (1745-1760)  é  o clarificatorio título para o deseño de arquitecturas da ansiedade, escenografías do pesadelo, do  desacougo, tramadas de xeito labiríntico, entre chanzos, escadas e pórticos que conducen a ningunha parte ou caen ao abismo. Tema que inspirou pardoxos, creacións sobre escaleiras imposibles, enredadas en si mesmas, velaí as do gravador neerlandés Maurits Corneliz Escher (1898-1972) ou as pescudas deconstructivistas do arquitecto ruso Vladimir Tatlín, a obra subrrealista de Chirico,  Max Ernst, Dalí.... non alleas a cineastas e a un mesmo Isaac Díaz Pardo, o que dende os seus anos de bolseiro ben coñecía esas pescudas italianas, como galego tamén teimudo cos volumes, coas escaleiras, cos chanzos.... Velaí ese fondo de escenario, tramado en ferro negro, do auditorio do Castro de Sada, como o mesmo deseño arquitectónico proxectado xunto ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat para o complexo fabril de Sargadelos e mesmo do Castro de Sada, onde latexa o espírito das carcerí.  Non é  pra menos en Galicia esa tendencia ao contraste, como tamén o é en Portugal, cunha tradición e  educación nun xeito ascese entre contrastes,  chanzos, escalinatas, labirintos....entre clasicismos e barrocos.

 Visións de Piranesi que constitúen o bocexo para unha atractiva escenográfica,  espazos dispostos para o acontecemento dun gran espectáculo, quizais unha ópera que complementa tantas cousas. Obra que demostran coñecer as inquedanzas, a ascese de Dante na Divina Comedia,  que se transmiten e contaxian a Vítor Hugo, Gautier, Mallarme, Baudelaire, Joyce, Margarite Youcenar , atraída por Piranesi, tanto como para ser autora dun ensaio sobre o mesmo. Esencias, quizais espírito  que non é alleo  a Huxley, a Borges...e máis recentemente a Umberto Eco, consustancial á literatura gótica, tan de claroscuros, de recunchos, de cemiterios, de pasados e misterios. Teosofía ao fin e ao cabo, onde a vida sempre se beirea coa morte, algo ben entendido en Galicia.

As inquedanzas de Piranesi crean seguidores como Pier Leone Ghezzi, autor do “Camere Sepolcrali dei Liberti di Livia” , de debuxos arredor dos achados na porta Capena. Obra acompañado de teorías que enxalzan o clasicismo e canto comporta de filosofía e humanismo. Giovanni Paolo Panini e outro debuxante embebido nas mesmas pescudas, solicitados pras decoracións de mansións con reinterpretacións de grutescos, candelieri, grifos....

Son os de Piranesi anos de grandes descubrimentos, onde os mellores debuxantes teñen u papel transcendente, recoñecido hoxe:  a recolleita en catálogos do estado da cuestión dos monumentos, o estudo e difusión das ornamentacións...como principios esenciais nos estudos da Arte. A Antigüidade enténdese como base de saber e de educación, pois o mundo clásico significa distinción, rigor, dignidade.

 No 1770 visita Herculano, Pompeya, no 1977 Pestum e introduce aos seus fillos neste arte, polo que sabemos e vemos na súa derradeira obra “ Diferentes vues de Pesto”, no 1778 aparece “Vasi, Candelabri, Cippi...” catálogos que son referencias para o futuro.. Nesta ocasión dedicando cada gravado aos amigos que admira. Un 9 de novembro do 1778 morre en Roma.

Históricos, escasos e buscados exemplares das series de gravados de Piranesi, detrás do que latexa oculta unha intensa trazabilidade; esto é: a historia dun escrupuloso debuxante, de mestres gravadores, de anticuarios, coleccionistas ou simplemente encaprichados amantes da Arte e dun Humanismo sempre clásico.



1 Xullo 2021