ARQUEOLOXÍA DO MEGALITISMO NAS TERRAS DOS CARBALLIÑO: AS MÁMOAS, MEDORRAS, MEDELAS....
Repaso de noticias de achados e monumentos de carácter Megalítico nos arredores do Carballiño: as mámoas, eses túmulos sobranceiros na paisaxe, dominando territorio no que se domestica á natureza, aos animais e aos mesmos seres humanos con normas.
O Megalítico é a última etapa do Neolítico, o que aconteceu hai máis de seis mil anos atrás. Momentos nos que o ser humano segue a actuar en bandadas, alimentándose do que atopaba, man a boca, para i entendendo e practicando o que significaba compartir esforzos e un traballo organizado. Comeza pois a servirse do que o arrodea, a domesticalo todo: as plantas, os animais, a natureza e a il mesmo, facéndose notar nos escenarios que ocupa. E faino poñendo normas de comportamento, dunha sociedade e dunha xerarquía. Observa a Terra e o Ceo: o devalar dos astros, do sol que da luz e quentura. Da Auga, Lume, Terra, Aire, os que fan que unha planta floreza e que as súas flores se convertan en froitos e estes en sementes. Enténdese e celebrase o ciclo agrario. Arredor da idea da Vida e da Morte nace a relixión, os mitos e os ritos, venerase á deusa nai e á fartura. Sociedade na que marcan caste e rango os sabios, os curandeiros, as meigas, os máis fortes... e arredor distes saberes e prácticas establecerase o poder.
Compren aínda estudos arqueolóxicos que nos faciliten datos pra saber como vivían e se organizaban estes grupos do Neolítico. Pescudas que se teñen moi en conta en países que comparten semellanzas con Galiza, máis avanzados na madurez arqueolóxica, ciencia interdisciplinar, sempre en revisión. Sirva o exemplo das illas británicas e especialmente de Irlanda, tamén da Bretaña e mesmo do máis veciño Portugal. Países onde se potencian os recursos da Prehistoria e canto eles reportan respecto á Arqueoloxía e a Museoloxía. Onde a ciencia da Aqueoloxía como estudo do pasado se ramifica en especialidades como a Arqueoastronomía ou estudo da orientación e significación de monumentos como os dolmens, os menhires, os cromlech (por algo verbas de orixe gaélico que definen o que pra nós son as antas, as pedras fitas, os circos de pedras...). e á mente véñennos, entre tantos, os grandes monumentos megalíticos de Irlanda como Newgrange, na Bretaña Gravinís, os cromeleques de Évora, Soto de Trigueros (Huelva), Antequera, Malta...un Mundo cheo do máis solemne Megalitismo. Hoxe grandiosos esqueletos do pasado, onde están os inicios dese rico e particular patrimonio insculturado, os petróglifos, ideogramas, sistema de comunicación de signos que se estenden ao longo do tempo cun singular repertorio. Monumentos en relación co ciclo astral, agrario, cos nacedouros da auga como fonte da vida... Espazos arredor dos que se celebraba aos Catro Elementos: Terra, Auga, Lume e Aire... e algo diso aínda queda hoxe, e en Galiza máis que en ningún outro país, baixo ritos cristiáns. Velaí o valor da Etnoarqueoloxía, o xeito de acudir a sistemas tradicionais vivos, para entender mellor o pasado. Ao respecto nosa xeración aínda viviu moitas tradicións de herdo Neolítico en relación co ciclo agrario e que teñen que ver coas podas, os enxertos, as granxas de animais, currais...os sistemas de prender lume, de teitar unha cabana ou cachoupa na que acollerse un pegureiro...as propiedades medicinais das plantas, das augas...O ser humano convive co humus que da vida, comeza así a cartilla elemental de algo aínda non ben aprendido, o Humanismo. Pescudas entre as que está a Arqueoloxía da Paisaxe: o estudo da elección e características do sito pra vivir e erguer esas tumbas, esas pedras fitas, valados pra curros, fontes...
Aquelas sociedades, por irlle chamando así, marcaban o seu territorio, principio instintivo mesmo nos animais irracionais e facíano con solemnes monumentos, en lugares visibles e de ampla visión. Monumentos formados por as grandes pedras, chantas, antas, esteos, mouróns....complementados cubríndose con túmulos de pedras, espazos pra fogueiras, valos de estacadas, foxos... espazos considerados sacros, asociados a rituais de carácter astral. Vanse así educando os sentimentos, o pensamento, a memoria, as lembranzas... Morte-Vida marcan, aínda hoxe unha dialéctica que fai que arredor dela se debata a relixión e a ciencia.
Arqueoloxía da Paisaxe: as mámoas dominando arrogantemente territorios fértiles e gandeiros
Pisamos sobre territorios herdados, escenarios xa tripados miles de anos atrás. Si sabemos enxergalos atoparemos pegadas de pasado que resistiron ao tempo e teremos algo de arqueólogos: Ollamos aos horizontes, eses montes ondulados, moitos deles agora repoboados de piñeiros ou eucaliptos. Montes que disfrazan a topografía orixinal e ás veces, nin así para asomar os castros. Máis aínda nas paisaxes ermas, de uceiras e toxos distínguense a artificialidade dos túmulos funerarios do Neolítico, as mámoas, coñecidas así pola súa característica forma de mama e que tamén poden recibir o nome de medelas, medorras, antas...moreas, murias, moreiras... feitas de cachotería e terra, circundadas por un valado, couraza ou “kairn” (gaelico) e que cobren as megalíticas estruturas dolménicas: sepulturas colectivas, co seu corredor, debidamente orientadas pra que as primeiras raiolas do sol de equinoccios e solsticios peten na escuridade da morte. Espazos sacros entón, onde poden non faltar gravados, pinturas e quizais complementos de madeira e coiro que o tempo non deixou. Si aparecen os enxovais, compostos por materiais de pedra pulida, machados, aixolas, doas e amuletos cos que adornarse ou distinguirse, ídolos, quizais laminas de ouro e as primeiras mostras cerámicas... Obxectos que facilitarán datos sobre as relacións, a cronoloxía e as reutilizacións.
Galiza garda grandes areas e monumentos deste tempo, emblemático é o dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, a Arca da Piosa (Zas) cantados por Pondal; como o de Axeitos en Ribeira... os da Limia Baixa de Maus de Salas...entre tantos con nomes moi diversos e asociados aos máis remotos devanceiros, os “mouros”: “casa dos mouros, “forno dos mouros” “arca”...e arredor deles lendas de tesouros, contos que moveron as ansias dos buscatesouros, mesmo algúns por real célula de 1609 autorizouse a buscar tesouros do que crían ser “gentiles galigrecos”....
Non faltan mámoas nin vestixios dolménicos nas terras do Carballiño. Sendo estudante no flamante e novo Colexio Isabel La Católica, “O Corral” alá polos primeiros anos sesenta, o lembrado profesor don Xulio Rodríguez, “Julio do Torrón” ou dos mobles “La Modernista”, con certo respecto por tratarse de delicadas reliquias mostraba aos alumnos uns machados e unhas bolas en pedra puída. Obxectos aparecidos nas obras da traída de augas, no lugar da Esgueva. Pezas que entregadas ao colexio incorporáronse ao novo laboratorio de ciencias naturais, de Física e Química, e naquel luminoso cuarto de azulexos brancos perdinas de vista. Profesor e pezas arredor das que naceu a miña devoción pola Arqueoloxía. Así que con esa localización da Esgueva, alá nos fomos uns rapaces que tiñamos vocación de arqueólogos, Querenzas aguilloadas por un compañeiro da Coruña, desbotado de varios colexios por hiperactivo e que veu parar a este novo internado carballiñés, recomendado pon un seu parente, o odontólogo Porfirio. Refírome a Andrés Garcia Pascual, seino ben, amigo daqueles días e de hoxe tamén, ademais sobranceiro investigador de Historia Postal de Galicia e coleccionista destes asunto. Por aquel entón rapaz máis sensible ás arqueoloxías que aos estudos... e camiño da Esgueva fomos Xosé Ramón Pereira, Aurelio Miras, Lucio Manuel González, Román Álvarez... E velaí que recollendo datos topamos cun daqueles paisanos de antes, dos de pana, boina e caxato, sentado ao pe da porta, que ante as preguntas dixo o que queriamos “ o que buscades son as mámoas” . E mesmo nos levou ao sitio. Algo debe ter de atractivo aqueles lugares pra reivindicalos no pasado e mesmo no presente, hoxe próximos ao que é “Insua dos Poetas”. Pois nesas, entre grandes lousas demos cun anaco considerable dunha ola de barro, feito de xeito basto. Achado que incentivou as nosas ansias de arqueoloxías. García Pascual era o líder, e ao noso pesar, ao menos ao meu, deixámoslle levar aquel testo de barro. Ao cabo dos anos soubemos que con el fixo o que debía. Veremos: ironías do destino, no ano 1975 ao ter responsabilidades no Museo Arqueolóxico de San Antón e nun traballo inicial de inventario e posta en escena daquel continente e contidos, atopeime co vello e coñecido testo cerámico... e alí sigue, co rotulo da Esgueva e a data de 1965. Rapaces aqueles que buscabamos datos, soubemos entón da mámoa de Xendive, estudada por Fermín Bouza Brey no Boletín da Real Academia Galega, n.-261 (1936) e que deu un interesante” vaso tumular”, de borde revirado e sen decoración, dos denominados na especialidade de tipo “bacinilla”. Daquela o párroco de Xendive e profesor Enrique Bande Rodríguez quen axudou a pescudas que tamén foron novidade pra el . Fomos sabendo entón dos achados característicos do Neolítico, pezas similares a aquelas. Entre elas as enigmáticas bolas, como as de billar, as que, aínda hoxe, volven tolos aos arqueólogos, interpretadas como armas, boleadoras, ídolos (?).
Mámoas das Terras do Carballiño que observamos dende a igrexa románica de Astureses, cara ao poñente, nos montes de Xuvencos, as asociadas ao enigmático recinto de Corneda, na parte baixa deste... Monumentos aínda non estudadas e quizais mellor deixalas pra un futuro con maiores medios, garantías de estudo e conservación. Como outras aínda por precisar sobre unha zona que foi rica en caza, as brañas de Corzos, a Medela, Madarnás Paciños...mesmo os ermos e acubillos de Miomás, as costaneiras de Brues ao Paraño, de Xendive, Becoña, Moreiras... o Irixo. Espazos onde seguro obreiros teñen reparado e atopado algo, iso do que non se da conta aos museos, nin á Arqueoloxía. Ao respecto teño un dato que me da moitas voltas na cabeza e que me contou o amigo Pereira de Bustelo (Lalín) cumprindo a mili en Jerez de la Frontera: que alá polo ano 1974, facendo os alicerces da ponte de Listanco pra evitar a curva, atopou un gran rollo de cinta de cobre...e que o levou a vender ao ferralleiro... Algo que seguro era do tempo seguinte ao Megalitismo, o Calcolítico, a primeira Idade dos Metais, momentos caracterizados pola cerámica campaniforme e o uso do cobre... Entre esas tampouco esquecerei nunca e así llo teño demostrado con teimosía ao meu amigo o pintor Moleiro, aquel gran machado de pedra veada, marrón e branca, puido, que atopou, quizais como reutilizado , no Castro da súa aldea, o Mosteiro de Lobás... e que llo regalou a non sei quen, peza que aínda trato de recuperar para o Museo de Ourense.
Consta que no 1890 facéndose a estrada do Carballiño a Cea, o enxeñeiro Manuel Díez Sanjurjo da conta de 60 mámoas, publicadas por Vázquez Nuñez no Boletín de Monumentos de Ourense de 1901. Traballos entre o que é sobranceiro o realizado no 2015 polo grupo ecolóxico “Outeiro” do Carballiño que ademais doutros vestixios arqueolóxicos catalogou nesta terra máis de 200 mámoas, actualizando a cuestión. Achados, historias, pescudas, parte do crebacabezas da Historia.
24 Xuño 2020