ARREDOR DO PALEOLÍTICO NAS TERRAS DO CARBALLIÑO, AS PESCUDAS...
Introducción ao estudos do Paleolítico nas Terras do Carballiño, nunha e noutra banda do Arenteiro e do que abondan no Museo de Ourense achados realizados dende mediados do século XX ao presente. Tratase de machados, núcleos, lascas de pedra tallada.
Para memorizar, catalogar e arquivar a Historia establecemos periodizacións tinxidas de prexuízos vellos e novos: interpretacións bíblicas, antropolóxicas, tecnolóxicas, marxistas...”a según”, Asumindo estas cuestións e arredor das pegadas do pasado, metémonos nunha terra e nun tempo remoto, no solar que hoxe ocupa o Carballiño, na primeira fase, ou Paleolítico, caracterizado pola pedra tallada ou antiga, período que tamén se fracciona en subdivisións de etapas. O territorio paleolítico carballiñés ponse en relación coa do Baixo Miño, estudado inicialmente por Fermín Bouza Brei e Xosé María Álvarez Blázquez
A topografía das terras do Carballiño debuxa un anfiteatro de amplos horizontes, entre os Montes da Madanela e a Martiñá, lombas ribeiradas polo ríos Viñao, Arenteiro, Regueiro de Carrás... ricas e fontes polo tanto nesa auga tan necesaria pras plantas e pros animais. As greas de bestas bravas acoden a beber ao lugares brañentos, primeiros saberes ben aprendidos polos paleolíticos, e alí era onde os esperaban, acochados, aquelas bandas de cazadores, que se alimentaban de man a boca e que ben sabían o que valía un animal cazado: carne pra alimentarse, pel pra vestirse, osos e cornamenta pra facer mesmo útiles de caza e defensa, graxa e sangue pra pintar. Comezaron a saber o que significaba o lume, don do Ceo mediante os estralampos das treboadas, como luz e calor para tantas cousas, a conservalo, a facelo, a adoralo.... Continúo, lento e longo proceso de hominización, mellor de humanización, no que seguimos aprendendo, pra saber aqueles que seleccionando determinados coios rodados das beiras dos ríos, golpeándoos con destreza podían extraer cortantes lascas, ser fabricantes de machados, de puntas con formas aerodinámicas pra ferir e matar aos animais, coitelos cos que triscar pelexos e carnes...
Etapa xeolóxica do Pleistoceno e Prehistórica do Paleolítico
Estamos nas pescudas dun tempo remoto , no período xeolóxico do Cuaternario, época que vai dende fai dous millóns de anos ate fai 10.000 e fin da ultima glaciación (Würm) , seguida do Holoceno , Pleistoceno ate hoxe . A talla sobre coios duros, cuarcitas, sílex....serán as mostras dos primeiros traballos feitos con certa intelixencia, o que queda e abonda como pegada dos comezos da Prehistoria e á que se lle dará o nome de Paleolítico, “Pedra antiga”. Período relativo cunha e noutra zona do mapamundi. Quizais as orixes deste proceso evolutivo do “homo hábilis” estean fai case dous millóns de anos nos barrancos africanos da falla do Ritz,, Tanzania e Kenia, os de Olduvai... e de aí unha longa peregrinación acompañada da bondade do tempo e da xenerosidade da natureza....
Nas últimas décadas están variando os conceptos referidos ao Paleolítico en Europa, grazas ás minuciosos pescudas realizadas nas simas burgalesas da Serra Atapuerca, “o eslavón perdido” dese suposto evolucionismo e difusionismo humano, de África a Europa. Sitio onde a Arqueoloxía galega tivo e ten un importante protagonismo: dende as intuicións do salesiano compostelán padre Xesús Carballo, precursor e gloria da arqueoloxía cántabra, ao ferrolán Emiliano Aguirre e na actualidade o paleontólogo, oriúndo da Coruña, Xosé María Bermúdez de Castro.... Sumando as pescudas actuais en Galiza, nas beiras do monte Oribio de Triacastela, as escavacións realizadas pola Universidade Compostelán na Cova de Eirós que nos poñen en relación co que é natural, o Paleolítico Asturiano e Cántabro, cos neandertais de fai uns 30. 000 anos, o Paleolítico Medio e Superior. E non esquezamos ese referente que sempre é Altamira, o seu Museo Nacional e Centro de Investigacións, onde o Carballiño ten profesional, arqueólogo conservador e restaurador deste sitio, cunha experimentada formación, Alfredo Prada Freixedo , quen podería poñer no brete e puntualizar canto diga,
Pola Paleontoloxía e a Arqueoloxía sabemos que aquelas primeiras greas de guedelludas bandas humanas, cazadores ás veces cazados, entre a flora e a fauna, foron erguendo o esqueleto entre o mato, aproveitaron acubillos e covas pra protexerse, que quizais construíron, tramando ramas , vimbios, xuncos, casetos provisionais baixo os que acollerse... estruturas arqueolóxicas das que nada se ten conservado e atopado, a non ser probas de fogueiras .Na medida da madurez da ciencia da Arqueoloxía seguiranse a aportar e revisar datos.
Machados de pedra tallada atopados nas veigas do Arenteiro
Polos datos e mostras entregadas, alá pola metade do século XX polo médico Manuel Fernández Pousa ao Museo de Ourense , sabemos que as ribeiras do Arenteiro eran frecuentados polas bandas destes cazadores, buscadores de caza e coios cos que fabricar as súas ferramentas. Trátase de machados de pedra tallada, de lascas extraídas de coios de cuarcita, rodados pola forza fluvial, tratando de conseguir a forma de bifaces. Útis do Paleolítico rematados ou a medio acabar que os ollos e a habilidade daquel home souberon ver e recoller.
Moito habería que falar desta saga familiar dos Fernández Pousa, moi vencellada a canto significaba a Xeración Nós, bases onde se formou a filla diste, Elisa Fernández Pousa Suárez, eficaz directora do Arquivo Provincial de Ourense de 1989 ao 2005. Pezas do Paleolítico por el atopadas e etiquetadas con datos que complementan o seu valor, sobre o lugar e as circunstancias do achado, algunhas delas atopadas no camiño do “gran castro do Mosteiro” de Lobás.
Servidor rematando en Ourense o bacharelato, alá polo 1968 e colaborando con don Xesús Ferro Couselo no Museo Arqueolóxico de Ourense, tiven na man estas pezas, lin as súas etiquetas: procedentes do Carballiño, Cea, Cenlle , San Amaro Canda, Gábian, Longos, San Facundo, Maside, Mesego, Moldes, Cameixa, Vilela.... e nunca esquecín os consellos apuntados nos escritos por quen as atopou, de mirar pro chan, pras pedras do camiño e dos valados, pras moreas de coios que xuntan os labregos ao arar e limpar as terras, pois nelas é onde se atopan estes útiles, entre outros de diferentes épocas e que quizais algúns paisanos non saben interpretar, mentres que outros si, como son os machados de pedra puída, xa do Neolítico, aos que atribúen propiedades máxicas, como amuletos, “pedras do raio” mesmo pra facer con elas rituais pra curar.
Pezas etas que a Arqueoloxía etiqueta inicialmente no período temporal xeolóxico, do fin das glaciacións o Pleistoceno Inferior que sigue ao Holoceno, arredor deses 10.000 anos antes, nesa primeira parte da Prehistoria que é o Paleolítico quedámonos ,entre clasificacións e etiquetas renovables. Sigue ao Holoceno o Antropoceno, caracterizado pola forte acción do ser humano sobre o planeta que mesmo incentivan novas mudas climáticas e nela estamos.
Pezas debuxadas, descritas, clasificadas, e que no peso van dos 350 gramos ata os 2.400, e as normais arredor dos 500 gramos. Materiais moi semellantes aos atopados nas Rías Baixas e mesmo co rico foco das Gándaras de Budiño, entre o Porriño e Tui, contexto arqueolóxico estudado e datado, onde nos primeiros anos 60, se iniciou Emiliano Aguirre, o arqueólogo galego, que lanzou o xacemento burgalés de Atapuerca ao mundo. Non falta o estudo de paralelos noutras áreas da Península Ibérica, ribeiras do Taxo, Douro, Tormes, Esla, Cua.... Pezas que non permiten a súa datación, si acaso algunha de Budiño datada polo Carbono 14, C14, de fai máis de 25.000 anos, pero si afirmar un longuísimo período de tempo de usos e costumes paleolíticas.
Achados que poñen este prehistórico complexo industrial no mapa dun incipiente estudiado Paleolítico galego, de tipoloxía Achelense. referencian lugares, que tamén nos permiten reconstruír unha arqueoloxía da paisaxe de fai miles de anos, p ero faltos de contextos arqueolóxicos que poderían ofrecer máis datos, especialmente sobre a súa cronoloxía, o seu uso.
Útiles do Paleolítico procedente das terras do Carballiño ben coñecidos polo prehistoriador da Universidade de Santiago Xosé Manuel Vázquez Varela, autor dun artigo precursor ao respecto “Contribución al estudio del Paleolítico Gallego. La comarca del río Arenteiro (1973). E aos que hai que sumar as pescudas do médico Rodríguez Gracia , especialidade que segue a madurar, onde marcou un fito o médico Ramil Soneira, creador do Museo de Prehistoria de Vilalba, seguidos dos estudos de López Cordeiro, Cano Pan , Fábregas ou de Rosa Villar Quinteiro autora de “El yacimento Paleolitico de A chaira, san Cibrán de Las, Ourense” ( 1999).
O amigo e sensible profesor Rafael Otero, tenme demostrado que nos baixos da Pena dos Namorados aparecían este tipo de vestixios de pedra talladas...zonas moi concorridas e aproveitadas no decorrer dos séculos. Mesmo paseando polas brañas da Uceira, onde nace o Regueiro, teño atopado algún destes mesmos machados. Como logo por toda a ribeira do Arenteiro, o arqueólogo Angel Concheiro que prospectou estas terras por mor de arqueoloxías mineiras, castrexas e romanas, confirmoumo e entregoume algunha destes vestixios paleolíticos.
Estudos arqueolóxicos que requiren un traballo interdisciplinar, contextualizado nas etapas xeolóxicas e arqueolóxicas, e que para o caso galego e concretamente destas terras, contase cos valiosos aportes do catedrático de Xeografía da Universidade Compostelán. Natural de Barbantes, Augusto Pérez Alberte, preocupado polos análise xeomorfolóxicos e a evolución do paleoclima de Galicia durante o Terciario e o Cuaternario (2002), o que nos permite contextualizar estas bandadas de cazadores.
Longo recorrido no que seguimos, sen aprender demasiado, se non a acantazar a disparar sofisticadas bombas e mensaxes comercias.
2 - Xuño -2021