RAMÓN BERNÁRDEZ GONZÁLEZ, UN CARBALLIÑÉS NA “COVA CÉLTICA” E FUNDDOR DA ACADEMIA GALEGA
Introdución e clarificación biográfica ao irixán Ramón Bernárdez González (1838-1911), Abade da Colexiata da Coruña, activo intelectual e liberal entre os da Cova Céltica e que con Murguía e Curros foi fundador e xestor da Academia Galega.
Cando un anda en pescudas dunha cousas atopa outras que non busca e servidor alégrase cando entre elas aparece o nome do Carballiño e da súa terra. Asunto que pasa con frecuencia relativo a arrieiros, clérigos, construtores, emigrantes, sabios... homes e mulleres entre anxos e demos por selvas, aldeas ou grandes urbes. Carballiñeses en busca da vida e da convivencia.
As xentes do camiño están curtidas na andaina, afeitas a mirar cara adiante e sempre ás costas coa esperanza e a morriña do retorno, aprendendo nese xeito de ascese a desprenderse. Quizais por iso moitos carballiñeses dedicáronse a facer camiño pra que outros circularan e entre aquel trasfego quedar ensombrecidos por outros ou polos mesmos feitos. Algo así, ao respecto deste noso país o do “Río do esquecemento”, tan propenso ao esquecemento escribiu Murguía no limiar de “Los precursores” (1886): “... Olvidados estaban los muertos y los vivos, y el silencio que los envolvía, no por penoso, era de los que justificaban las mediorevelaciones. De pronto surgió la queja, tomo fuerza el desden, y se vió con harta claridad, que los nuevos, creyéndose los únicos ungidos , deconocian y negaban la obra de los que les habían precedido, allanándoles el camino y dado un pueblo de antemano, ganado a las aspiraciones que abrigaban...”
Entre eses esquecidos, mesmo nos ambientes que el axudou a crear en non fáciles intres, está o clérigo Ramón Bernárdez. Aínda que natural de Santiago de Corneda (Irixo), identificábase como do Carballiño, a se do partido xudicial.
Ramón Bernárdez González naceu o 3 de abril de 1838, fillo de Antonio e de Xosefa. Formado nunha precetoría eclesiástica, das importantes que había nestas biocarribeiras e ribeiros ourensáns. Aos catorce anos ingresa no Seminario de Ourense, formándose entre o Latín, a Filosofía, a Teoloxía, os Cánones, a Oratoria... para licenciarse no 1859. Era entón bispo desta diocese Xosé Avila Lamas. Na cidade do Cristo recibe as sucesivas ordenacións clericais ata chegar a ser presbítero. Nos informes eclesiásticos fanse sobranceiras, entre outras, que era “párroco laborioso e de xenio pacato e simpático”. No 1863 é elixido pra a parroquia de Santa Ana da Barcia do Seixo (A Lama-Pontevedra), onde estivo ate 1868, concursando novamente e outorgándoselle a parroquia de Santa Eulalia de Oza (Teo a Coruña) onde está de 1868 a 1876), opositando outra vez e nesta a Santa María de Viduido e a San Martiño de Laraño, parroquias próximas ao que ansiaba, Compostela. O que pretendía era complementar a súa formación con estudos civís, ingresar na Universidade na que faría Dereito Civil e Canónico, obtendo a licenciatura no 1878. Anos de mocidade nos que se atopa vencellado ao mundo cultural compostelán. Arcipreste por dous anos do Xiro da Rocha, pra pasar, por oposición – ata entón estes cargos eran por directa designación Real - a ocupar a vacante como Reitor Abade da Colexiata de Santa María do Campo na Coruña, “el más alto sitial eclesiástico de Coruña”, escribe Murguía, e da que se fai cargo un 1 de abril do 1885 ate o seu pasamento no 1911.
O historiador coruñés, Carlos García Cortés no seu “Abadologio de la Real e Insigne Colegiata de Santa Maria” (Coruña 2007) ofrécenos e documenta detalles, que, deica agora, nin existen na propia Academia Galega , institución da que Bernárdez ocupou a cadeira 6, como activo académico fundador, de 4 de setembro do 1905 ata o seu pasamento no 1911 . Os mesmos colegas académicos que, poucos anos despois de constituírse recollían a historia e os feitos fundacionais e nomes da mesma, como Cesar Vaamonde Lores ou Ramón Vilar Ponte, estrañamente traspapelaron o nome e a misión deste humilde traballador do viñedo do Señor. Non así nos primeiros números do Boletín da Academia, onde Ramón Bernárdez González (Carballiño) non so aparece así entre os primeirísimos ilustres corenta académicos, xunto aos elixidos na Habana e os representantes das catro provincias, senón que figura na xestora, a carón de Manuel Murguía, así como presidindo a Comisión para o dicionario, da que era secretario a Uxío Carré.
SANCIONADO, ENCADEADO ENTRE OS LIBREPENSADORES DA XUNTA DE DEFENSA DA CAPITANÍA
Dende a súa chegada á Coruña Ramón Bernárdez móstrase moi activo nos ambientes culturais e políticos, tamén machistas propios do tempo, participa como membro da Xunta de Defensa da Capitanía Xeral, vencellado a republicanos como o Médico Rodríguez ou Pérez Costales. Actividades que mesmo lle costan cadea, pese ao seu rango eclesiástico. Sentiuse vencellado aos precursores galeguistas, como Salvador Golpe e Leopoldo Pedreira, sen dubidar en estar entre os primeiros en seguir as ideas de Curros e Murguía.
O ser abade, reitor colexiata da Coruña sempre tivo rango de autoridade nunha cidade na que predominaron as ideas herdadas da ilustración, as da liberdade. Momentos de grandes confluencias, de emigración ás américas, de innovacións e de fondo sentimento organizativo e cultural. Clérigo que foi activo membro da “Cova Céltica” ( nome inicialmente despectivo dado polos seus detractores, hoxe honroso calificativo), parladoiro creado na trastenda da “Librería La Regional” na coruñesa Rúa da Auga, propiedade do humanista e polígrafo Uxio Carré Aldao, porta de saída de grandes ideas, ente elas a creación da Academia Galega. Unha sotana nunha rolda entre gabáns e levitas de señores, librepensadores, ateos, masóns... máis aínda moito camiño quedaría por andar na igualdade.
Ramón Bernárdez foi abade da Colexiata de Santa María do Campo vinte seis anos, dous meses e dous días, entre 1885 e 1911, tempos da restauración monárquica, o reinado de Alfonso XII, a rexencia de María Cristina e o de Alfonso XIII, os dos pontificados de León XIII e mais de Pio X , estando daquela a diocese compostelán gobernada polo cardeal Miguel Paya Rico, seguido de Vicitoriano Guisasola Rodríguez e logo do Cardeal José Martín de Herrera y de la iglesia, condescendentes cas actitudes liberais do Abade Bernárdez, voz activa e participativa no sínodo diocesano Compostelán (1891.
Crego de actuacións polémicas, as que mostraba tanto nos seus escritos como nos parladoiros aos que acudía. No 1893 é encadeado por pertencer á Xunta de opositores ao traslado da Capitanía Xeral. Cuestións ideolóxicas que se poñen de manifesto nas relación do Abade Bernárdez co estamento militar, co Capitán Xeral, ofrecendo curiosos capítulos de desencontros entre ambos, os que aparecen recollidos nos medios de entón, separando no protocolo aos poderes publicos e relixiosos. Cuestións que o poñen en contrariedade cos seus colegas coengos. Actividades, que pese a todo lle deron maior releve á histórica Colexiata da Coruña, erguida no corazón da Cidade Vella da Coruña, impulsando a súa rehabilitación e revitalización, finalizando no 1890 o estancado proxecto historicista do arquitecto Juan de Ciórroga y Fernández de la Bastida, impulsor na cidade da arquitectura de galerías.
O abade Bernárdez non faltaría ao traslado do corpo de Rosalía de Padrón a Bonaval (1891), como tampouco faltou ao grandioso enterro do poeta civil, o rebelde anticlerical, Curros, na Coruña un 2 de abril de 1908.
Ramón Bernárdez é autor dunha obra necesaria sobre temas eclesiásticos, Responsabilidad Moral (1883), cinco tomos) Reseña Histórica y descriptiva de Santa María del Campo de la Ciudad de La Coruña (Tui 1892) Liberalismo ¿qué es ? (Coruña 1899) Historia Primitiva. La creación (Coruña 1902), fundador e colaborador do semanario “Solidaridad Gallega”, revista de cariz republicano federalista, anticaciquil, de apoio aos movementos agrarios
Aos 73 anos morre o 16 de xuño do 1911 na coruñesa rúa de Sinagoga número 11. Recibiu sepultura no camposanto coruñés do Santo Amaro, no panteón da Venerable Congregación de Todos los Santos, próximo tamén ás campas dos seus “irmáns” na causa da Terra, da Liberdade e da Xustiza, a de Murguía, Curros, Pondal ou Martínez Salazar .... Na súa lembranza Murguía escribiría no Boletín da Academia un sentido eloxio fúnebre, no que fala da última visita ao amigo enfermo que “.... espera tranquilo el reposo y la paz eterna...nada estaba en el muerto, más al verle postrado como un vencido de la vida, se podía asegurar que su último fin estaba cercano; que cuantas esperanzas había acariciado, ya no quedaba en él mas que la del triunfo de su país, en el cual había puesto su fe, y en el de sus hermanos, con cuyos pensamientos comulgaba, y para los cuales tuvo siempre palabras de amor y consuelo. Los amargos desengaños que le acompañaron en su caída no tenían en su ánimo fuerza alguna.....Como soldado valeroso luchó por el país. Su piedad para los empeñados con la lucha, fue tan grande, como el valor con el que resistíó los embates de la soberbia y de la injusticia que le agobiaron y a las cuales debió las mas grandes de las contrariedades y también de las victorias. Nadie sabe cuanto padeció por ellas, pero los que le conociamos sabemos cuan indignas fueron las iniquidade que le hirieron; con que noble seriedad las despreció, como mercía mejores enemigos...” Murguía abonda na modestia do amigo, lonxe de todo orgullo, querido, entre os máis entusiastas. ”... el vacio que deja en la Academia será imborrable”, asenta. O seu irmán Xosé Antonio velou que se dera cumprimento aos desexos hereditarios do irixán
Pola contra Ramón Bernárdez figura nas enciclopedias como de procedencia descoñecida e mesmo din que quizais sexa castelán. Persoeiro nomeado nas publicación coruñesas do cambio de século, de carácter romántico, historicista, activo, ansioso de buscar as orixes, en irmandade con outros clérigos a favor dos “escravos do fisco”, en medio dun ambiente difícil, de pescudas e logros como o potagonizado por dous núcleos ben indicativos en Marineda: o de Emilia Pardo Bazán e o de Manuel Murguía.
Traballo sempre inacabado o de reconstruír a historia, divertimento e necesidade, onde unhas encrucilladas conducen a outras.
10 Maio 2021