A IGREXA VELLA DO CARBALLIÑO COA SÚA GABANCIOSA TORRE

Ampliar: Igrexa Vella do Carballiño e desaparecidos pendellos



A fins do século XIX o Carballiño sinte a necesidade de crear a nova parroquia, escindidose de Señorín, comeza a tramarse a edificación do templo. O arquitecto será o o da diocese , J. A Queralt ao que sigue Vázquez Gulias e encárganse os retablos

O que foi vello templo parroquial non é tan andado en anos como lle outorga o calificativo que a identifica respecto á Veracruz. Templo nacido co século XX, en anos de afirmación de indentidades fronte a  novos imperialismos, revolucionados, de buscas e confluencias de “ismos”, onde a rede eléctrica supuxo moitas mudas técnicas, industriais e nos xeitos de vida. Tempo no que a vila  do Carballiño multiplicaba a súa actividade e o seu crecemento. E como moitas obras que se fixeron entón foino con coidadoso esmero de arquitectos, mestres construtores e canteiros, tanto na súa estrutura  exterior, en contraste e alternancia entre machóns de pedra puída, formando arcos aos que se abren no medio fiestras, dúas delas cubertas con artísticos  vitrais, entre chanzos de recebo, algúns que non chegaron a completarse. Templo de planta rectangular con xogos de grandes arcos de medio punto dobrados, os que  conducen a mirada ao altar. Decoración interior foi a propia daquel historicismo exótico, da que nada queda, por unha mala interpretación dada no Concilio Vaticano II  respecto á pobreza.  Iso si, conserváronse, sen os seus retablos orixinais, algunhas imaxes de santos. Mesmo á miña aboa tocoulle moi no fondo ver  espir o templo, retirar os “tronos” que sufragaran os seus... e  mesmo recolleu un sagrario que hoxe aínda gardamos. Lembro aquela labra do Año de Deus que decoraba o frontal dun altar lateral, agarimada polo neno que fun e mesmo valeu como iniciación pra furar no labirinto da linguaxe dos símbolos e da Arte.

 

Vella Igrexa cimentada e erguida onde anteriormente tivo emprazamento unha pequena ermida dedicada polos franciscanos de paso - que destas terras eran moitos e de sona - ao San Antonio. Santo tan na devoción popular dos ribeiros e das bocarribeiras.  Edificación da que da conta a Condesa de Pardo Bazán na novela “El Cisne de Vilamorta”.

 

Entre o edificio do flamante Concello e a nova Parroquial estaba a cerna da  encrucillada dos camiños que baixaban e subían a Señorín, cara Ourense, ou ben continuaban cara aos ribeiros, á montaña ou ao mar...  A “Verea vella” era o camiño orixinal, despois fóronse abrindo novas estradas, para que a burocracia, a desmemoria e o esperpento deran en adulterar o seu nome  e pasar a chamarlle como aínda hoxe se fai a  “ Rúa da Verdade”. Era esta  a cerna do orixinario campo da feira do Carballiño. Aínda coñecemos as orixinais construcións inmediatas á Igrexa, propias da arquitectura de feira, como pendellos, cortellos...e as abundantes tabernas que rodeaban o sitio, como o Rioboo, o Alejos, o  Chupete,  o Lentille, A Gazpara,  A Rispada, o Bar Internacional, o Moucho, o Café Abraldes, o mesmo Peñasco, o Hotel Calaprís ou o Pavillón Neira pra cine e teatro...entre tantos outros negocios que se foron establecendo e desaparecendo nas derradeiras décadas.

Na tradicional feira do Carballiño o entorno da Igrexa e a Praza maior eran a cerna comercial: mesmo a carón da torre e baixo os pendellos estaban os zoqueiros con canto significan os zocos, seguido das vendedoras de telas, os oleiros, as galiñas, as cestas e vimbios...a onde abrían portas fornos, toneleiros, talabarteiro, almacén  de xamoneiros, ultramarinos, chocolaterias, rosquilleiras...corredores de viños.

 

Complementábase este templo con outra pequena ermida situada na parte alta da vila, onde os filántropos emigrantes enriquecidos en Cuba, os irmáns Prieto construíron naqueles primeiros anos do Modernismo a  escola das franciscanas. Templo daquela tamén en ruína e  refeito, con  altares onde se lle tiña especial devoción ao San Bento, por aquelo dos herdos e competencia cistercienses do poderoso mosteiro de Oseira. Frades que na vila tiñan a Casa da Orde  onde cobrar os seus foros...Devocións perdidas ao San Antonio e ao San Bento, ás que no barrio de Flores había que sumar a do “Bon Xesús” da que xa non queda nin imaxe, a non ser no altar maior, de pedra, da  igrexa de Señorín.  Devoción ao Neno que reafirma a existencia dun núcleo portugués asentado nunha vila que se ía facendo  e medrando arredor da feira.   Proba dun desenvolvemento comercial que o 22 de febreiro de 1901 a rexente María Cristina, en nome do seu fillo Alfonso XIII, por Real Decreto outórgalle ao concello o título de Excelentísimo e faino “por el progreso de su agricultura, industria y comercio

Os poderes públicos, o concello e a cárcere son instituídos no 1813 e entre as iniciativas trámase un novo urbanismo arredor daquel primeiro campo de feira. Espazos onde a parte relixiosa tiña que inzar naquel ambiente de arrieiros, feirantes, artesáns establecidos, así como algúns fachendosos fidalgos e “americanos” que querían e construían mansión, solicitaban escolas e casino, novas edificacións abertas ás rúas da nova vila. No 1893 créase a parroquia do Carballiño, independente xa da freguesía de San Roque Señorín, dependente do Couto de Partovia. O patrón elixido será santo andado en camiños, o  San Cibrao, confuso entre o homónimo de Antioquía e o bispo de Cartago, como parece que este e o santo titular padroeiro do Carballiño ,ambos na devoción galega en relación coa maxia.  Encrucillada, a carón da Igrexa, entre esta e os pendellos, na que non faltará un emblemático cruceiro, tamén construído naqueles anos e que atribuímos ao prestixioso canteiro da Fonte do Concello, Antonio Ogando, membro da activa e  prestixiosa Sociedade de Canteiros do Carballiño e do que constaría o seu nome na base do mesmo, epígrafe xa borrado, namentres aínda perdura a lenda “Limosna para iluminar al santo Cristo”. Cruceiro trasladado a un tempo que se destruían os pendellos e se reprantexaba a edificación na rúa Cesáreo Tizón. Acordo da corporación e autorización do bispo no 1968 , cruceiro que pasa á Eira de Flores, a carón da traseira da antiga Casa da Orde (daquela da “Zamorana”), co erro de que a cruz púxose ao revés: a caveira baixo a imaxe da Piedade e o anxo baixo o Cristo... Así pois eira con contorno protexido por Lei e que os poderes públicos deben saber, por ter dous Bens de Interese Cultural, o Cruceiro( decreto  xenérico 571/1963) e o inmediato cabaceiro (decreto xenérico 449/1973)

 

Templo parroquial con torre, cabeza cuberta con pétreo pucho céltico de Mago Merlín

Tamén  os anos finiseculares afectan aos reprantexamentos parroquiais na diocese de Ourense, nos que mesmo se creara a parroquia de Cabanelas, separada da de Banga. No 1892, medra entre os fregueses carballiñeses a chamada  á creación da nova parroquia e a construír unha nova igrexa parroquial, acorde coas novas construcións. Abandeira a comisión, especialmente de mulleres, Margarita Taboada, de casta fidalga, oriúnda de terras do Deza e cunha intensa vida dedicada á filantropía e entrega á Igrexa. Muller enterrada con todos os honores en Señorín, nicho esborrallado hai uns anos. Leal seguidora e sucesora súa era tamén a rica propietaria Leontina A. de Sieiro, as que por subscrición popular reuniron axiña case a totalidade en que estaban presupostados os gastos da obra do novo templo unhas 31.000pesetas.  O arquitecto diocesano, formado na prestixiosa e innovadora escola de arquitectura de Barcelona, de base historicista e aberto ao Modernismo,  Xosé Antonio Queralt Rouret será o encargado de deseñar os planos. No 1905 sucédelle o arquitecto diocesano Daniel Vázquez- Gulias Martínez que, admirador e respectuoso co seu antecesor, acomete lixeiras reformas, especialmente no que afecta á torre, engadíndolle no medio un corpo máis (o do óculo) pra medrar en altura e esvelteza. Igrexa do Carballiño moi similar á parroquial de Muíños na Baixa Limia, construción esta máis reducida en volume e altura.

Mestres construtores coidarán a obra, a  labra da pedra gra, como mostra do bo facer dos canteiros de sona da vila, moitos destes xornaleiros xa asentados aquí. Pois un templo supoñía esmero, sendo unha fábrica de artesanais, un expoñente da calidade artesán. A un tempo encargaranse  os retablos aos mellores imaxineiros dunha Compostela afeita a recibir estes encargos, entre os que estaban mestre vellos e novos discípulos: Corgo Hermida, San Martín de la Serna,  Ramón Álvarez, Isidoro Brocos, Volaselle, Maximino Magriños, Mato Larrauri...moitos deles vinculados á Escola de Artes e Oficios....historia de imaxineiros e artistas que esvaece.  Oficios que son proba de que existía unha gran demanda, tanto de mobles pra adiñeirados “americanos” como un  xeito de competencia, interparroquial entre confrarías e  adiñeirados devotos en sufragalos. No 1906 é inaugurado o novo templo. Nel, ademais do Patrón presidindo o Altar, a un lado a Virxe e o Sagrado Corazón... tiñan altares propios, coroados de gabletes labrados en madeira, o  San Bento (imaxe levada pra Veracruz),  a Dorosa, San Xosé, San Antonio, Santa Rita...O Perpetuo Socorro...imaxes ben coñecidas, devoción dos meus .Perda que non queden nin fotografías, nen se teña buscado documentación ao respecto. Seguramente atopariamos  autoría de imaxineros como Magariños, Larrauri, Gorrita... Mateo Larrauri si está documentado como autor de varias imaxes pra igrexa do Asilo dos Irmáns Prieto, e da escultura a estes filántropos na entrada do Parque. Mesmo no inventario de obras de Asorey, polos anos 20, figura o encargo do Carballiño dunha Inmaculada, co anotación de que non se lle coloree demais a cara.  Retablos de encaixe neogótico dourado, de nichos pras imaxes rematadas en apuntados gabletes, dous púlpitos, que logo quedou nun....

 Pía bautismal de mármore branco, onde se bautizaron homes e mulleres carballiñesas...pía de auga bendita de coidado e ben labrado pórfido, en vieira... Espazos onde o párroco don Evaristo, nada máis chegar en  19 de xullo de 1930 e ante o incremento de fregueses, propagou a idea de erguer un novo templo parroquial, a Veracruz, encargo que se faia ao arquitecto Antonio Palacios e do que é colocada a primeira pedra no 1943 ata a súa conclusión que se pode dar co pasamento do párroco promotor no 1961.

O Carballiño, vila que se di “conservadora”  pero que como paradoxo non conserva a súa distinción: perdida a contorna da vella parroquial, os pendellos do Catro Olas, a  gran mansión na que foi rúa do Carme, logo Cesáreo Tizón en esquina coa Varea Vella , a “Casa da Orde”, a que desamortizada acolleu os primeiros encontros pra formar o concello, que fora rexistro, casino...en parte habitada por dona Alicia “la Zamorana” outra polos das “Cartas” e a terceira a que hoxe comparte quen isto escribe: único tramo que persiste, o do  gran portal que leva ao que xa é pouca cousa do que foi.

Vella Parroquial coa súa súa gracia: ese pórtico de entrada que arranca dende a chan en grosos piares, sobre os que, en diminución, vai apuntando ao Ceo a torre. Portal que sigue tradicións galegas que se perden no Románico e sobre as que recreará Antonio Palacios para o Portal  da torre da Veracruz. Esvelta e pintoresca torre a da Igrexa Vella, como cono que pincha o Ceo, como o gorro dun Mago Merlín petrificado no corazón da vella tribo, silueta inseparable da imaxe do Carballiño. Torre de lembranzas “célticas”, atlánticas, bretonas....as que tanto pesaban naqueles anos de teorías panceltistas. Planos e documentación conservada nos arquivos municipais. Torre que é cabeza ergueita onde contaban noticias, máis que hoxe, as campás ,regalo de Don Perfectino Vieitez, en honra da súa irmá “Castora”, e a pequena  por Florinda Ulloa e seu marido Evaristo Esteve, co nome de “Ana María”....



22 Abril 2021