4- A Teosofía nas ilustracións de “Nós”: a ascese a través da árbore cara ao Graal e á Luz

Ampliar: Portada de ´Nós´ por Castelao



A revista ´Nós´, dirixida por Risco e ilustrada por Castelao recolle o sentir teosófico dende as mesmas portadas ás ilustracións. Simbolismo que perdurará en Castelao : a Árbore da Vida, a ascese cara ao Graal e á Luz da Estrela

A Teosofía con canto comporta de simbolismo oriental, céltico,  en relación coa vida e a morte,  confluíu nos “ismos” que caracterizaron ao Modernismo e ao que estiveron moi atentos sociedades como a” Marco Aurelio” de Pontevedra, o da Marquesa de Atalaya Bermeja en Ourense, entre outros. Asuntos que callaron e abandeirou  Primitivo R. Sanjurjo, amigo de Rubén Darío e de Borges,  que apaixona e sigue  Risco, Castelao: “espírito”  que transcende a canto fan pra revestir de modernidade o nacionalismo galego.

Na revista “Nós” perviven, en fondo e forma -  pero prendendo na galeguización polos devezos de Arturo Noguerol,  as influencias das Irmandades da Fala e as vivencias que aqueles mozos levaban dentro -  sentimentos radicais de orixe teosófico, de “nivel de alma”  como a significación da individualidade na colectividade  parafraseada en enunciados como  “Ser diferente é ser existente” ou  “Nós os inadaptados” que se reflicten en Jean Floressas des Eissentes, persoeiro da novela  do francés, seguidor de Schopenhauer, Jorys Karl  Huysmans, “A rebours”.

Ao respecto non cabe outra que imaxinar a Risco e a primitivo R. Sanjurjo falando con Castelao respecto ao simbolismo das ilustracións que en forma estarán a ritmo co fondo intelectual, como revista eminentemente culta e panceltista que é.  Castelao está entón nunha Pontevedra, entre amigos metidos tamén nas modas  teosóficas. Así que o simbolismo teosófico estará moi presente especialmente no grafismo como en canto se faga con ansias de transcendencia presente e futura. Icnografía, imaxinario simbólico que implicará esas ideas orientais, célticas, mensaxes que están nas estelas funerarias galaico-romanas  que arrancan dunha cimentación para orixinar un nome expresado cun epígrafe, seguida de símbolos de paso e ascese, como pórticos, escenas de vendima, de elaboración do liño....finalmente trunfar coas representacións cosmogónicas, esvásticas, rosáceas.... Algo igual  se expresa nos pórticos románicos, dende a base ao rosetón, porta por medio, que implican pasaxe, ascese, peregrinación, experimentación de humanización, dende o Caos ao Cosmos, dende as orixes á  perfección, ao Paraíso, dende a Terra ao Ceo. Como na mesma fachada occidental da catedral compostelán, na que se circunscribe o Pórtico da Gloria: dende o Caos, o Xénese, ascendendo cara á Luz, entre ídolos monstruosos que se van creando, pra nacer a palabra a través de profetas, apóstolos, co trunfo da civilización, a música dos vinte catro anciáns formando o arco. Musica que presupón palabra e acordo, unión das diferencias....e sobre todo canto se di ábrese á luz o rosetón, cosmogonía pola que furan as raiolas da derradeira luz do solpor e petar a no altar do oriente, cara onde nace un novo día e nos “orientamos”.



A Árbore, a loita pola vida, a ascese e o trunfo do Graal e da Estrela...

Pois ideas como as devanditas alentan as ilustración de “Nós”,  especialmente as portadas con canto indican estas de inicio, de entrada . Nos temas debuxados por Castelao, como en boa parte da súa obra latexa, o simbolismo, o sentimento teosófico, “oriental,” “Celta” en relación co tránsito da vida, coa busca, o que el chama as “Cousas da morte” como da vida. Entre eses símbolos o que máis a árbore, concretamente do carballo, observemos a súa significación para os vascos, velaí a “Árbore de Guernika”.  Por exemplo na primeira portada de “Nós” ( n.-10 /20-IV-22)  onde se fai sobranceiro o senso escenográfico e dentro del a mensaxe: raiceiras e árbore que se ergue nunha alborada entre dous músicos que semellan anunciala tocados con monteira ,o da esquerda sopra a corna, o da dereita a gaita, instrumentos populares. Entre o enguedello das ramas asoma a loita pola vida nas ramas da natureza, as dúas serpes entrelazadas ao estilo celta, entre dúas persoas en cada cabo.  Sigue o par de serpes  xemelgas e simétricas, como toda a composición,  o esquema do símbolo do  infinito , “Lemniscate”, lazo como un o oito deitado, inspirado no Uróboros grego de procedencia oriental: a serpe u monsro enlazado que se morde a cola.  Pois a vida non é lineal é  unidade nunha diversidade en transformación,  acción – destrución. Lazo que da lugar ao nó salomónico, o nó sen fin, que une eses dous cabos nos que se envolve o ser humano o da vida e o da morte. Tema tan expresado en motivos e na ourivería  castrexa.  O tema conduce a unha vella teima de Risco, recollida en “Las tinieblas de Occidente” (inédito 1912, no que se adianta ao ensaio de Oswald Spengler   “A decadencia de Occidente” 1918,. Obra de Risco comentado en edición de Manuel Outeiriño, Edc. Soutelo Blanco  1990) e na que tamén insiste metaforicamente Castelao, a loita do individuo coa natureza, a dialéctica entre o “homo rústicus e o homo ubanus”,  expresada na Bíblia polo nomado pastor Abel e polo sedentario Caín.  Lembran  igualmente a  enredada loita de Laoconte por sobrevir e poñer a salvo á  súa casta. Símbolo da árbore da vida, entre a loita pola vida e a morte. Asunto inspirado no caduceo, a árbore, rama, vara, cetro de oliveira entre dúas serpes enroscadas, pra ser símbolo, regalo de Apolo a Hermes, mensaxeiro e  deus do comercio. Símbolo simplificado no caxato de Esculapio, o deus da menciña. Tema recorrente na Biblia, na Lei mesiánica e na simboloxía cristián, velaí no Pórtico da Gloria, na entrada barroca do Mosteiro de Oseira: a loita pola vida, dialéctica, a simetría da árbore entre a Vida  e a Morte. De xeito serodio, alá pola metade dos anos sesenta a organización armada ETA, inspirada polo deseñador e creador  anarquista Felix  Likiniano crea o seu símbolo, o “Bietan Jarrai”: serpe  ascendente enroscada ao machado-rama-cetro... (acción-destrucción).

Asunto que se reforza  representando  a ambas partes o traballo tradicional: o da mitolóxica Ariadna, a muller fiando e o non menos lendario, personaxe de contos e da realidade, o  leñador ... que se interna no bosque co seu machado. E como nunha ascese, na parte superior desta composición triangular,  como na cima do monte, no Cosmos, preside o Cáliz , o Graal, da Última Cea, buscado por Arturo e os seus e sobre del a estrela da esperanza, da liberdade, aínda informe. Mentres que as “Irmandades da Fala” xa usaban  como distintivo a estrela branca de cinco puntas e a fouciña, símbolos do traballo e de inspiración marxista. A ambos lados do  Graal, dúas mulleres reparten os símbolos do traballo: o pan e o viño, eucarísticos tamén.... O escultor Asorey en varios dos seus monumentos galegos expresa esa idea de ascese, do Caos ao Cosmos, entre elementos de traballo, por exemplo no monumento a San Francisco de Compostela e o de Curros na Coruña. Ideas que non serán alleas á arquitectura de Palacios e a outros simbolistas galegos do Modernismo.



 O “ espírito“  de “ formas que han de ter patria, como as linguas...” ( I. Díaz Pardo)

As ilustracións de “Nós”  ( Carballo Calero, V. “La ilustración e la revista Nós” 1983 )  expresan os contidos filosóficos, teosóficos, de identidade e interrelación con outros pobos. Portada que irá ofrecendo variades, en relación coas propostas de Risco e coas buscas de Camilo Díaz Baliño, tan metido na estética Celta. E pra o que recomendo a lectura dos traballos e pescudas de Iría-Frine Rivera “A orixinalidade radica na orixe: o concepto da imaxe galega na estética de Vicente Risco” (2020) . Posteriormente, Castelao (“Nos” nº.-32/15-8-26) sacará as raiceira e poñerá na base o pórtico primitivo, trilito megalítico, tumba-altar, a Ara de Gael, a proxenie dos celtas galaicos na idea e nos preliminares da “Historia de Galicia” de Vicetto e Murguía, tras tras da que raiola o circulo solar, para sobre del medrar, en ascese,  o enguedello das polas da vida. O demais mantense. Pórtico megalítico, iconografía  que se usa con teimosía  no taller do escenógrafo Camilo Díaz Baliño e que traspasa á misión das formas do seu fillo Isaac.

Devandito pórtico megalítico das orixes, como o espírito que alentaba aquelas ideas transmitíronse e quedaron mo miradas de creadores de xeración seguintes: inquedanzas de Seoane e mesmo de Díaz Pardo, a través do Laboratorio de Formas, recrean sobre estes principios: aquel pórtico será o anagrama das cerámicas de “Madalena”, de “O Castro” e Díaz Pardo levarao á gran vidreira superior que preside o Parlamento Galego, seguindo esquemas xa tratados por Castelao- Pórtico qu repite no momento coruñés aos mártires da represión franquista no Campo da Rata.

Revista “Nós”  para a que ademais Castelao crea unhas franxas pra iniciar ou finalizar textos: colofóns con monstros, palmetas románicas, cachimires, tan na tradición galega, motivo oriental, persa, en relación co ciprés caído triste (esa forma de ril). Noutras ocasións, unha secuencia de monstros, como os que están na base do Pórtico da Gloria, en relación coas tarascas celtas e todo ese imaxinario do inframundo, tan oriental tamén, máscaras, etc... temas inspirados nos canecelos románicos e nas gárgolas barrocas, imaxinario teosófico... Noutras ocasións o floreiro de cinco dedos, tema oriental xa tratado nas primeiras porcelanas do Sargadelos do ilustrado Raimundo Ibañez... man aberta (con tanta simboloxía mesmo en relación con Serapis) dedos dos que saen ramas floreadas que se estenden a ambas partes. Asorey presumía dunha colección de xerros de cinco dedos e mesmo os inclúe na escultura de “Filliña”.

Úsanse ademais alegorías en relación co Trasmundo, como a faciana da  vella cuberta de pano e bicando o cranio humano ( “Nós” nº.- 2/ 30 Nov-20). Tema do cranio,  a caveira, o esqueleto... moi patentes na obra de Castelao, como esoutra ilustración da vide que nace do cranio, como as mans que moven o badalo da campá anunciando novas... o tema da Piedade, a nai co fillo morto tomado dos cruceiros, a cruz-espada de Santiago, en relación coa Excalibur de Arturo, o neno ollando tras a xenala.... a esperanza. Abrir, esperanza, alborada, renacer é a mensaxe.

Árbore con raiceiras e polas, pórtico que simbolizan pasaxe, peregrinación; cáliz do convite e da solidarización, Cruz de Santiago.... Símbolos tomados da tradición céltica cristianizada e cos que rompe Castelao, despois da escisión conservadora guiada por Risco , a Dereita Galeguista, ao  non aceptar a unión estratéxica do Partido Galeguista con republicanos e socialistas, cando tamén se anuncia a postura “dunha igrexa sacrílega” que bendice e acabará propiciando unha nova “Cruzada”. Dende aquela Castelao  refírese ao Risco de “Nós”  como “cando Risco era alguén”. Entón a obra de Castelao esquece “aquelas vaguidades” metafísicas  pra asentarse nas realidades, nos albumes de “Debuxos da guerra”, nos “Debuxos de Negros” e “ Co Pensamento en Galiza” (1943)  que acabará sendo unha autodefinición: o “Sempre en Galiza”



 Unha nova “Cova céltica” en anos de ditadura  para “espíritos libres”:O Volter” de Ourense 

O ambiente final de Risco, entre os ameazantes escarmentos franquistas, aconteceu facendo encaixes en parladoiros de café. Entre os que estaba “O Volter“ ,con suxestivo nome, inspirado no  café   “Voltaire “ de Zurich, o de debate das vangardas dos anos vinte. Nome que non podía ser máis que un xeito retranqueiro, moi risquián, de burlar a ignorancia para un espazo de liberdade e de palabra. Taberna nun recuncho do Eirociño dos Cabaleiros, tras a casa de Risco e de Otero, no corazón do vello Ourense. “Locus amoenus” con algo de catacumba e mesmo de vella “Cova Céltica”,  atendida polo “Tucho” , propietario que tamén lle daba sobrenome. Alí Risco e  Otero Pedrayo, esquecían tantas magoas e retomaban a palabra ceibe,  exercían como de druídas ou bardos. Pois eran os “patriarcas” entre “Os artistiñas”: X. Quesada, de Dios, Acisclo, Buciños, Xavier Pousa, Baltar... incorporándose Prego, Virxilio Conde Corbal...

Despois do pasamento de Risco, no  1963, as cousas perderon o pulo do parladoiro, mudaron tamén que significaba internarse en teosofías e debates sobre a creatividade.  Aínda así burlando a ditadura  foi sobrevivindo ate o 1985, anos  “democráticos”  pra logo ser espoliado e demolido, namentres se facían outras cousas nunha cidade que deixaba perder a aura propia de “Nós”.

O Volter” era un santuario, case como un mitreo, feito á medida de quen “en espírito” estaba dedicado , a Risco : de fondo o mural de “A porta de palla”, pintado por Xosé Luís de Dios...representando aos mestres vivos e mortos desfilando a través do devalar do tempo, Prisciliano, como non, en sitio preferente...Nas paredes esculturas de Acisclo, de Buciños, encadres feitos por Virxilio e Conde Corbal  acoller versos de Antón Tovar, partituras musicais de Manuel de Dios....e uns ben expresivo que realzan a lembranza dun Risco chuchado, encunchado en si,  mesmo entre lentes que ollaban máis pra dentro que pra fora.  Neses recadros campaban uns versos da autoría do seu amigo de sempre Otero Pedrayo, nos que mesmo alampea  o faro do espírito teosófico de Risco, onde predomina a idea de Luz ( e podemos darlle moitas voltas a esa mensaxe Luz-Tebras).  Pois en Risco o ESPÍRITO  é o elemento fundamental da psique, para obter a revelación suprema da Arte. A forza do espírito mesmo sobre a razón. Esteticismo que  cando falta o espírito un convértese nun “filisteo” . Versos de luz de  Otero Pedrayo que dicían así: “Vicente Risco, amigo/Mestre, ergueita e pura/ chama nas orelas do/ mar dos nosos destinos. /Lampada mantida co/ óleo de unha ialma de alborada e lembranza,/ con Nós, cos que han vir ,/ ca Galiza, alumeando/ seus vieiros, sempre. / sempre..../”. E aquela luz foi esvaecendo  coa desmemoria. Si acaso as súas sombras asomaron nas formas futuristas e  no simbolismo dos “Artistiñas”, entre os que máis nas pinturas de X. Quesada.

As ideas de Luís Seoane, de Isaac Díaz Pardo acolléronse nas “Industrias da Memoria”, “Sargadelos”, o “Castro” e o seu abano... cunha ansia re-crear sobre as tradicións, sobre a idea, animando o “espírito” etnocultural, ao fin e a ao cabo raiceiras teosóficas de todo o demais ...e xa enxergamos o estado da cuestión.

Cultura, entendida como esencia do espírito,  pra situarnos no espazo e no tempo e saber quen  somos nese enredo entre a Vida e a Morte.



16  Febreiro 2021