A CASA CONSISTORIAL DO CARBALLIÑO, PROTOTIPO DE INQUEDANZAS DECIMONÓNICAS
O nacemento do Concello do Carballiño parte dos principios constitucionais das Cortes de Cadiz, 1812. Axiña se prantexan a construcción do edifiicio do Concello e un novo urbanismo, proxectos revisados pola Academia de S. Fernando de Madrid
O Concello do Carballiño, con canto supón para administrar un territorio, naceu entre os avatares absolutistas e liberais do século XIX. Crear este aparato supón acordos e desacordos de significados e ilustrados veciños; propostas coas que iniciar un longo proceso que constará en actas. Asuntos que Implican ademais proxectar un edificio acorde coa dignidade dunha vila que nace, que centraliza un territorio e marque un novo eixo urbanístico. Non era pra menos nun sitio que ten vocación de encrucillada de camiños que veñen e van da montaña ao mar e aos ribeiros e ademais, cando os balnearios están de moda cunha gran riqueza termal. Debera ser este un edificio solemne, de futuro e que mesmo exprese o bo saber artesanal dos canteiros, carpinteiros e ferreiros asentados no novo núcleo.
Perece ser que as primeiras corporacións reuníanse “de prestado” en casas de certo prestixio, como era a “da Orde”, preto da entón ermida do San Antonio. Casonas que mesmo serviron de inicial “casino” , de parladoiro e xogarretas pra americanos enriquecidos en Cuba ou en Bos Aires, pra tratantes e comerciantes, como pra fidalgos que alternaban pazo con casona recen feita na nova vila.... Dende aqueles anos románticos o Carballiño non deixou de ser unha vila en obras, de encontro pra promotores, construtores e canteiros, Unha vila que miraba máis para adiante que para atrás, mesmo capaz de esborrallar o construído décadas antes pra tramar sobre aquelo algo novo.
Pra meternos en saberes como estes temos que darlle as grazas, e repetireino, ao historiador e entón arquiveiro municipal do Carballiño, Xoán Xosé Docampo Novoa pola autoría do libro “ 0 Arquivo do Concello do Carballiño. Guía Xeral. Unha aproximación á Historia do Concello e da vila a través dos documentos” (1998). Como ben anuncia no seu limiar di que esas páxinas tratan de ser unha saída urxente a algo que está por organizar e á necesidade do seu estudo. Pois o Arquivo Municipal é a memoria da vila.
Sabemos que o documento máis antigo conservado neste arquivo é do 1728 e vai sobre o litixio da feira, privilexio de Felipe V a favor do Mosteiro de Oseira. E velaí a orixe do escudo do concello do Carballiño: o de Oseira.
Os Libros de Actas máis antigos da corporación que se conservan son do 1820 e de 1839 , caben outros anteriores, pois no 1813, un ano despois das Cortes de Cadiz e servindo estas como faro, comezou a actividade municipal no Carballiño.
Plans urbanístico e selecta arquitectura municipal supervisada pola Escola de San Fernando
Son os planos urbanísticos a radiografía do medrar da vila e sabemos que o Carballiño contou cun realizado polo prestixioso Felix Gianzo Pérez , arquitecto da Coruña que sigue os pasos do seu pai, Felipe Gianzo de Zás (1780-1833), este prestixioso arquitecto formado na Escola de San Fernando de Madrid, catedrático de debuxo do Real Consulado da Coruña . Si ben Felix, tamén formado en San Fernando, despois dalgúns encargos como o do Carballiño pasará como “mapista” de cidades nas colonias de Filipinas e Cuba, finado no 1880. Perda que este plano que abriu ao Carballiño do século XIX e condicionou tantas cousas, entre elas a praza e concello, se perdera. Caben copias perdidos nos cartafoles doutras administracións. Sabemos tamén do plan urbanístico realizado por Xesús Palacios, 1896, como o de 1931 de Salvador Brugés e o de 1958 de Navarro Roncal e Durán Loriga... Fundamentais para un estudo comparativo do Carballiño a través dos seus planos.
Plans que denunciarían os barrios nacidos á beira do camiño e tras deles un labirinto de complementos pra dar servicio á xente da feira, do camiño: as currais, resíos, venelas, cortes, palleiros, combarrizos, fumeiros e salgadoiros de carnes, secadoiros de peles....moitas delas construcións sinxelas, en madeira, si acaso en cachote. Iso si, con parra e banco de pedra nunha banda da porta.
A vila medra e as burocracias municipais tamén. O desenrrolismo sen piedade non considerou a memoria, nin na mesma coidada estética da Praza Maior, presidida polo edificio do Concello, xa que á súa beira autorizouse un edifico en ladrillo e detrás do mesmo, como burlándose, construíuse un edificio integralmente desproporcionado, con difícil solución .
Na década dos noventa o edificio da Consistorial entra no debate afín de rehabilitalo, amplialo e revitalizalo. Mesmo se pensa en mercar unha construción próxima e que non foi. Acudiuse ao arquitecto municipal Serxio Mascareñas Nogueira, que seguiu prudentemente as pautas arquitectónicas que suxire o mesmo edificio ao sumarlle unha planta, tamén á torre do reloxo. Obras executadas entre 1995 e o 97.
Nos seus inicios o edificio do Concello do Carballiño foi pensado para acoller os xulgados e cárcere do Partido Xudicial. Obras realizadas baixo contribución de pago dos mesmos concellos do partido. Ergueuse sobre o solar do que serían provisionais de pendencias públicas e “Alfóndiga” . Encargo que no 1854 faise ao experimentado e selecto arquitecto madrileño Cirilo Ulibarri, baixo a supervisión, como órgano asesor da Academia de Belas Artes de San Fernando. Sobrio edificio de herdos clasicistas, sobre o que, en remarque coloreado estaba rotulado: “Casa Consistorial )/ año 1862”. Ulibarri foi cotizado arquitecto no Madrid romántico, autor de bloques de vivendas no barrio burgués de Argüelles, como en Principe Pío do Cuartel de la Montaña, danado na guerra civil e logo demolido.
Pretendía o arquitecto que na sobriedade do edificio da Consistorial do Carballiño, campase o saber facer do gremio de canteiros, xornaleiros asentados na vila ante a demanda de obras. Gremio que mesmo participou en significados movementos de carácter social. Obra que é lección de coidada cantería, modélica no seu puido, así como nas cornixas, molduras, rebaixes, festóns , bordes de portas e fiestras, estas con tornachuvias , rebaixes.... Distingue o acceso baixo arco de medio punto con doelas marcadas, entre fiestras a xogo, en contraste coas fiestras alinteladas e con viseira-tornachuvias da parte superior. Construción ademais cun toque especial e sabio que parece esquecerse: a pel de pedra puída da fachada, ao final, cubríase cunha fina capa de cal espatulada que lle daba consistencia á pedra. Complemento aplicado a moitas das casas que enmarcan a Praza Maior e que, a pesares do transcurso dos anos, aínda conservan esta práctica e polo que manteñen as labras sen erosións . Fachada complementada cun zócalo pintado en cor escura que evitaba os musgos e máis os efectos dos ouriños dos cabalos, naquel entón frecuentes.
Edificio, no 1876, complementado na lateral cunha fonte de tres pilóns , a fin de dar servizo ao arrieiros e ás súas cabalerías. Deseño do arquitecto ourensán Mariano Romea, delicada obra dos canteiros do Carballiño, entre eles o bearicense Antonio Ogando.
Emilia Pardo Bazán en “El Cisne de Vilamorta” da conta dos bailes no salón do mesmo, entón decorado conselecta carpintería, tapices e lámpadas de gas traídas da Corte. Populares encontros recollidos igualmente nas actas dos plenos do 1886, os que a corporación, quizais polos excesos, determinou prohibir pouco despois.
O interior do edificio relaciona a parte baixa, inicialmente co único piso, entón dedicado a Alcaldía, Salón de Plenos e oficinas, por medio dunha solemne escalinata de pedra e paramento caleado en branco, ao que na remodelación sacóuselle o recebo pra deixar o cachote á vista. Algo que danaría á vista e a estética orixinal, “nobre” pretendido entón. O antigo e novo uso da cal crea non poucas distorsións arquitectónicas, así como debates nas comisións de patrimonio cultural. Revestimentos sempre susceptible de volverse a cubrir...para seguir no debate.
Fachada do Concello en consonancia cunha praza... e nela como requiriría a ilustración municipal de cada momento os parterres, sen faltar un palco de música e que no Carballiño - quizais á espera de algo “propio” - nunca chegaría a complementar, pra ser espazo non resolto e baixo o que, no 2019, colocouse a “Pulpeira” en cobre da escultora Laura Rodríguez.... Praza á que para centrala, xa se pensará nun monumento e no 1919 encargouse ao gran escultor asentado en Compostela, Mateo Larrauri, o Monumento aos Irmáns Prieto... no 1921 colocase a primeira pedra.... Arredor disto nace un longo debate: si praza pra xente ou pra adornos, quedando inacabado o mesmo. Ate que no 1935 acórdase trasladar o monumento á entrada ao Parque, creado no 1928 sobre o que foi monte comunal de Mesego.
E a Historia sigue no corazón do Carballiño.
25 Xaneiro 2021