A NOVAS REVISIÓNS MÁIS “ CASTROS” NAS TERRAS DO CARBALLIÑO
No 1930 o Seminario de Estudos Galegos publicou o ´catálogo dos Castros do Carballiño´. Proposta que abre a un traballo susceptible de novas actualizacións. Iso é o que se propón no abreviado complemento que segue, sumando criterios persoais
Como toda investigación a catalogación dos Castros do Carballiño - proposta polo Seminario de Estudos Galegos e coordenada no 1930 por Florentino López Cuevillas e a recolleita e análise de folklore por Viente Risco - dáse por inacabada, disposta pois a corrixirse, aumentarse e actualizarse. Así que traballando sobre o mapa proposto por aquela pioneira publicación sobre asentamentos que asociaríamos cos británicos “hillfort” (fortalezas en outeiro) aumentaría a catalogación. Aínda que en ocasións chamamos “castros” a coutos de épocas e funcións distintas, non soamente vencellados a areas gandeiras ou agrarias, máis ben a sitios xeoestratéxicos, de amplos horizontes e moi especialmente a zonas de explotación mineira e metalúrxica. Velaí nas terras do Carballiño os vestixios mineiros do Pozo do Lago, as do Irixo, Madarnás, Magros... e tantas “Grovas”, topónimo que denuncia os abundantes movementos de terras, vertedoiros de escoiras de antigos espazos mineiros.
Si ben a Comarca do Carballiño que abrangue a encrucillada de camiños que tanto levaban ás veciñas terras do Deza, do Miño ourensán e de Chantada como aos Ribeiros ou as Terras de Montes... por consideracións comúns deberamos incluír nesta catalogación os concellos de Bearíz, Boborás, Carballiño, Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro y San Cristobo de Cea e se acaso de Amoeiro e sobre eles enfocar os coñecidos e descoñecidos recintos.
Así pois en terras de Bearíz non puidera faltar o poderosísimo Castro de Magros, topónimo que nos pon en relación con “macro”, “magno”. Asentamento vinculado á explotación de minas de estaño e seguramente de ouro. Castro situado en esporón pétreo, proa ben murada, hoxe cuberto de pedra esfaragullada que da proba do esmorecemento de antigas construcións. Escenarios nos que os paisanos abondan en lendas en relación co uso do “Ciprianillo”, o libro de maxia, de encantos e desencantamentos, de tesouros ocultos, atribuído a San Cibrao de Antioquía. Na aldea un veciño deunos un copo de madeira usado no pasado para lavar no río do Castro (hoxe praia fluvial) as pebidas de ouro, peza depositada no Museo Arqueolóxico da Coruña.
Asomando a cabeza sobre os montes de Beariz e Avión non pasa desapercibido o Castro de San Vicente de Avión ou de Abelenda. Recinto de gran valor xeoestratéxico, quizais máis con carácter de Santuario. Alto e pedregoso couto do que Risco da unha curiosa noticia: que nel venerábase un ídolo de pedra, o que os mozos fixeron roular abas abaixo do Castro… Podo dicir que inspeccionei as abas do castro, que busquei ese ídolo e o que atopei foi singulares construcións de interese etnográfico e de séclos pasados, fornos comunais, chozos de pegureiros...
Á vista do castro de San Viente sobrancea a Pena Corneira, xa concello de Leiro, co Castro de Lamas, conformado por terrapléns e foxos. Asentamento con amplas vistas e quizais en relación co outeiro pedregoso sobre o que no medievo campou a histórica Torre de Pena Corneira. Espazos onde a superposición de bolos graníticos fan acubillos utilizados en todo tempo e onde mesmo apareceron vestixios da Idade do Bronce, hoxe no Museo Arqueolóxico de Ourense, así como restos de construcións romanas ,Chamoso Lamas ten referencias a este contexto.
No Concello de Boborás sumaríamos o Castro da Teixeira, próximo ás populares fontes termais. Recinto de pedra con visos de ser reutilizado no medievo para erguer sobre del unha desas torres que marcaban os lindes de Orcellón. Ademais nunha vella casa inmediata, campa - como expolio reutilizado, entre as pedras da súa parede e colocado ao revés - a labra cos escudos dos Ulloa e dos Zúñiga, señores destas terras.
Igual que en Moldes e no “Camiño Real” que desta parroquia leva a Cabanelas asoma, sobre o Arenteiro, encaixado entre un grande cataclismo de penedos cubertos de vexetación, o grandioso Castro de Cavadoso. Asentamento que incluso levou ao arqueólogo Luis Monteagudo, colega do veciño destas terras Xaime Ferreiro Alemparte, a entendelo como candidato á ubicación do “Mons Medullius”… Antigo habitat con abundantes probas de ser reutilizado como torre-castelo da medieval xurisdición de Orcellón. Na inmediata parte baixa atopamos a ponte oxival. Paisaxes descritas pola Pardo Bazán en “El Cisne de Vilamorta”.
No que respecta ao territorio do concello do Carballiño e seguindo, como fío condutor que tamén foi na antigüidade ao rio Arenteiro, sumamos o Castro do Coto Mosteiro de Lobás, do que nos dan noticia a inicios do século XX, o médico e agudo escudriñador, Manuel Fernández Pousa, que ademais entrega ao Museo Arqueolóxico de Ourense unha importante colección de machados do Paleolítico atopados nestes mesmos lameiros. Todo o que denota que esta é área de variada riqueza arqueolóxica.
Asentamento castrexo cos seus singulares valados en construción “en espicatum”, escavado e revisado no 1984 e 95 polo amigo Luis Orero Grandal , autor dunha monografía sobre o mesmo, publicada polo Servicio de Arqueoloxía d Xunta de Galicia. Xacemento que ademais das interesantes mostras construtivas en aparello de pedra, helicoidal, ofrece un variado mostrario de cerámica decorada con temas xeométricos, así como ferramentas.
Fortificación devandita que aproveita un outeiro nas abas da Madanela, inmediata ao que foi Mosteiro de San Pedro de Lobás que lle da topónimo ao Castro do coto do Mosteiro. Medieval terra de “Orcellón” . Abadía en orixe roánica pra monxas bieitas que no século XVI pasan a Antealtares de Compostela, estudado por Rodrigo Pousa Dieguez no 2017.
Con características semellantes ao asentamento anterior temos tamén no Concello do Carballiño o Castro de Mudelos, asociado ao da Barreira de Veiga, ambos en relación coas explotacións auríferas de Vilar, Madarnás… onde se atopan significativos vestixios de movementos de terra en relación con canles de auga… e mesmo coas grandiosas minas auríferas de Loureiro do Irixo. Castros con elementos moi comúns aos de Souteliño.
Mesmo tamén nesas ribeiras pedregosas que debuxan os meandros do río Arenteiro e dentro do complexo actual do Parque do Carballiño, non debemos deixar sen referenciar o recinto sobre o que emproa a Pena dos Namorados. Contorna tamén con vestixios de terrapléns que corresponden a muros que coutan un espazo merecedor da máxima atención e protección... E ollo co intervencionismo que pode danar tan delicado e enigmático asentamento. Espazos dos que damos fe dunha longa secuencia temporal, que se perde dende a Prehistoria ata o medievo. Pois neste contexto téñense atopado curiosas cerámicas e abundantes cunchas de vieira (¿). Espazo cristianizado por unha ermida - da que xa se perdeu vestixio e memoria - dedicada a Santa Marta.
E ben sabemos do case esquecido Castro que coroa a aldea do Penedo, no Torrón, deteriorado décadas atrás polas canteiras, quedando aínda pequenas mostras e o topónimo onde se contaba que Andrés Rodríguez, “o Rebusco” atopara unha “espada dos franceses”….
E sen perder de vista o rico patrimonio arqueolóxico o do Irixo, como xa vimos nos comentarios ao catálogo dos Castros do Carballiño do 1930, ao que habería que sumar o Castro de Cusanca. Así como investigar o lugar de A Grota de Cardedo, onde no 1905 se atopou a arreada de tantas influencias orientalizantes (Museo de Pontevedra). Cumpriría ademais prospeccionar as aldeas de Cangues, como Zacarade...lugares ricos en petróglifos da Idade do Bronce e en minería.
E esoutros antolóxicos castros arredor da “Cividade” de San Cibrao das Las. Amarante
No veciño concello de Maside, non se pode deixar sen inventariar o Castro de Amarante, próximo á igrexa e ao cemiterio desta histórica parroquia. Outeiro murado, castro antolóxico, defendido ademais de sólidos valados polas súas propias condicións topográficas. Espazos onde nos iniciamos e fixemos prácticas de prospección arqueolóxica, controladas por Chamoso a quen lle mostramos este curioso asentamento os amigos e entón estudantes Aurelio Miras, Román Álvarez, Morquecho, Lucio González, Xosé Ramón Pereira…e servidor.
Castro antolóxico, onde ademais a simple vista se ollaban as ben construídas paredes dalgúns recintos, muros e casas, magníficas soleiras... As cerámicas con motivos xeométricos de carácter “orientalizante” , isto é e repetimos “céltico”, como non.
Entre outros castriños, como o do lugar que mantén o topónimo de Castro de Santa Eufemia nos camiños do San Amaro, próximo ás minas do Puzo do Lago e máis ao penedo sanador das Quintas.
E mesmo puideramos aventurarnos a dicir que o lugar que ocupa o Pazo de Listanco tivo un carácter de recinto antigo. E dicímolo por noticias dadas de que uns obreiros polo 1973, atoparon “un rollo con cinta de cobre plana” e que levaron ao chatarreiro…. Veciño desoutro Castro de Armeses...
E sempre a ”Cividade” que os paisanos dicían de “Antioquía” referímonos ao gran Castro de San Cibrao das Las, e dicímolo como sempre se dixo, mesmo no medievo até 1985 en que os novos estudos forzaron o topónimo á singularización “de Las”. Recinto escavado por primeira vez de 1922 a 25 po Cuevillas, despois do 48 ao 50 por Cuevillas , Xocas e Chamoso, e dende 1980 por Fariña Busto, Pérez Oueiriño e arqueólogos vencellados ao Museo Provincial de Ourense, López Gónzalez... E todos - en base a unha polémica ara con epígrafe dedicado a divindade Bandua de Lansbrica que se conserva no Pazo da Eiras - argumentan que era a Civitas de Lansbrica e así se lle da nome a todo o complexo arqueolóxico.
Castro que dende os anos sesenta serviu de canteira para empedrar o Carballiño. Complexo complementado co seu “pico sacro”, tamén coutado por valado, estudado por Chamoso e no noso tempo por Ladislao Castro, referímonos ao Monte do San Trocado, dende o que se ollan os demais castros da outra banda do río Viñao, cara Trasalba... No horizonte o Castro de Trelle, Castromao…o Coto de Novelle…os camiños da Bracarense, da Asturicense, da Lucense…. Seguindo o recorrido “orientador” do Miño....
O nacionalista galego e lembrado Bautista Álvarez, natural destas terras e do inmediato lugar de Loucía, contábanos que atopou na súa aldea unha moeda de ouro e que pasou de man a man dos da familia....
Nas veciñas terras de Amoeiro, cara Trasalba asoma o Castro de Formigueiros , sobre o que no medievo se edificou unha desas torres estratéxicas que lle deron a esta terra o nome de “Castela”, veciña da medieval xurisdición de Orcellón… Consérvanse encastradas en valados e na mesma ermida de Formigueiros notables labras con característicos motivos xeométricos “célticos”, ringleira de cabalos... e que mellor deberamos protexer e entender nun museo.
E Torguedo, en terras de Cea, onde contaban as panadeiras que no Castro se atopaban “monequiños de barro feitos polos mouros…” Cousas así escoitamos de neno de boca das panadeiras na Praza de Abastos do Carballiño, aguilloando a cabeza a quixo ser arqueólogo.
Non queremos dicir que todo se escave, si queremos que estes monumentos que sobreviven milenios, se vixíen, se protexan, se referencien, se deforesten, se fagan rendibles como atractivos recursos culturais e turísticos. Pois polo de agora, non abondan os museos atendidos profesionalmente para estudar, conservar, mostrar e xestionar o que se atopa, diso é o que trata a Arqueoloxía e a Museoloxía. Ciencias que, polo que enxergamos, están nun principio. Nesa proceso de madurez seguimos.
17 Xaneiro 2021