PEPE PRADA, UN PREMIO Á CREATIVIDADE, Á CONSTANCIA E Á DIGNIADE NA CULTURA

Ampliar: Homenaxe a Pepe Prada



Pepe Prada é un procurador do Carballiño e de pura cerna, dedicado a cultivar e espallar valores da identidade galega, carballiñesa,os que se circunscriben na cultura . Traballo de constancia, en silencio, de entrega, que nada pide e nada debe, LIBRE

A tumba do autor de “Zorba o Grego” , Nikos Kazantzakis  emproa cara ao porto da súa natal Heraclión, en Creta.  Sobre ela campa un contundente e suxestivo epitafio que di “Non espero nada, non temo nada: son libre” . Ou sexa que nada pide e nada debe e ese é o prezo da súa Liberdade. Pensamento que se pode aplicar a un carballiñés, de pura cerna, calado, aínda que de influínte traballo social, constante, asertivo, sen que se note . Bo facer adubado cunhas pingas herdadas dunha sabia e longa saga familiar. Referímonos a Xosé Prada Martínez, tan querido e familiar. Sabémolo ben por levar vivido os seus anos e por telo enxergado dende as perspectivas do espazo e do tempo.

Neto de Maximino Prada Pérez, alcalde do Carballiño nos Modernistas anos 20, cando o calvosotelismo propiciaba importantes  obras de carácter social, mesmo cualificando entón ao político conservador como o “Ministro bolchevique”. Era aquel un Carballiño que cheiraba a diario a rosquillas e a chocolate e os domingos pola mañá a incenso. Prestixioso e querido alcalde aquel, solicitado procurador con 5 fillos, irmáns ben lembrados no Carballiño do meu tempo pola súa profesionalidade e simpatía:  Alfonso, avogado; Elvira, Tomás que era mariño e profesor na Escola Naval de Marín  e que apampaba aos nenos de terra dentro cando visitaba a vila, vestindo aqueles uniformes de botón de ancora e gorra de prato . Irmán de Xosé, mestre  que se fixo avogado e casou con Lola Martínez de Mudelos, dunha familia longa e singular, ambos pai e nai  do noso aquí  hoxe traído Pepín...  Parte esta dunha Historia, saga familiar interminable, que seguramente ten bosquexada entre os papeis da súa timidez.

 Pepín pros do seu tempo e, en diminutivo, por querido, lembrámolo dende o comezo dos anos sesenta, co seu veciño Luis Martín Cerviño, mantendo a tradición de animar e traer a falar ao Cine Alameda a don Ramón Otero Pedrayo... Sendo eu un adolescente foi a primeira vez que vin ao patriarca de Trasalba, agradecendo e apertando a aqueles mozos pola iniciativa de darlle voz galega, algo que callou  fondamente en min.

Logo despois, nos meus anos de estudante no Instituto de Ourense, lía as crónicas de Pepe Prada, en galego. Correspondente  que era de La Región, máis que digno sucesor de Xosé Calviño. Entón sendo quen isto escribe alumno e colaborador do director do Museo Arqueolóxico de Ourense, don Xesús Ferro Couselo vía como este profesor  tomaba nota das crónicas escritas por Pepe Prada, as que logo, en clase poñía como modelo, congratulándose do feito galego.

Co listón moi alto seguírono como correspondente en “La Región”, Alba Cantero, Xulio Lama... As páxinas daquel xornal ou os folletos das festas do setembro ofrecían unha oportunidade literaria. E así comezamos, mesmo aconsellados por Pepe Prada.

Prada artíllase nunha fonda tradición literaria e teatral, adobada de certa retranca, entre cunca de viño e  mostrador de taberna. Velaí a Augusto Mosquera, Roxelio Civeira, Cesáreo Pinal,  Juán Prieto, Miras Azor,  Fariña Jamardo... Contares e cantares alentando o espírito, dando azos, intentos que anovaban tradicións literarias como a de “El Ambiente”,impreso en Oseira do 1951 ao 54. Vila pois afeita a músicas, bandas, comparsas, orquestras e palabra, algo imprescindible na cor da feira e da festa.

Do 1964 ao 68  limos as follas de “A Verdade” , impulsadas polo coadxutor don Ricardo Fernández, don  Richard e  por Pepe Prada.  Labor artesanal, caseira, páxinas impresas en vietnamita e a pulo de manivela. Ringleiras disfrazadas  con encaixes da entón obrigatoria mística católica, as que, de vagar serían superadas polas inquedanzas dos rebeldes, existencialistas anos 68 e 69. Improvisado intento literario da mocidade local, a que , finando a ditadura, se aventuraba á liberdade.  Asunto que lle custou a Pepín algunha  reprimenda  por parte da benemérita. Lembramos aquela portada, quizais debuxada por Fernando Blanco, “Celta”, a dunhas mans en oración, como unha chama que se erguía querendo ser esquema arquitectónico dun esperanzado pórtico.

No ano 1967, Pepe Prada é creador e animador do colectivo “os Voinas”,  nacido dun parladoiro baixo o emparrado e os pendellos da taberna do Camilo “Chupete” , a carón do cruceiro. Encontro que  xuntaba a inquedos mozos, tan prestos a bailar o imperante twist como a celebrar naquel 1968 o primeiro “Día das Letras Galegas”. Lembro as vidreiras do “Soto2 cos libros  galegos e o cartel que anunciaba a  xornada.

Pepe Prada era vital colaborador nas iniciativas culturais que dende o nacente Casino  impulsaba o directivo Manuel Blanco Quintela “Celta”,  coa ansia de galeguizar, en difícil ambiente de censura. Destas mans, no 1967 naceron os xogos florais da “Festa da Mimosa”, contando, ano tras ano, coa presenza como mantedores dos máis egrexios escritores. Lembro a incondicional presenza e a palabra  barroca e desbordada de don Otero Pedrayo, acompañado  de  Ogando Vázquez, temido catedrático do Instituto de Ourense. Pepe Prada estaba no cuarto de atrás da organización, como coordinador dos textos  literarios presentados aos premios. Lembro, como novicio escritor, que tentando ser innovador nos meus rouseos literarios e cegado por Cela e Umbral, metía entre ringleiras algún “carallo” en vez dun churrusqueiro “cáspita”...cousa que non lle gustaba nada ao meu pai, o que polo baixo e coa consideración que lle tiña ao seu conselleiro Pepín Prada, conseguiu que il mudara a exclamación “carallo” por un “carballo”....

 

Animado a creatividade, a literatura, cine, a escena, o tan necesario teatro..

Sumando esforzos e sendo o Carballiño unha vila pioneira na historia do cine galego, algo que mantén o seguidor e amigo de Prada, Miguel Anxo Fernández, foi tamén  aquel creador e animador do  prestixioso Cine Clube  Carballiño, cerna na que se enxertaron  e medran moitas outras iniciativas: as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, algo que, no 2009, se lle soubo recoñecer, entregándolle a Medalla de Ouro das Xornadas.

Sabe ben Pada, como ben sabían os modernistas irlandeses do  Renacemento Celta e os seus seguidores galegos de “Nós” , que un dos mellores camiños de humanización  é o teatro. Iso mesmo llo temos escoitado e con teimosía a un Xosé Calviño, seguidor incondicional de Risco, Cuevillas e Otero...e  dende a guerra encunchado na súas apuntadas guedellas, como un nimbo Einsteiniano , tras o mostrador das oficinas de Correos, a non ser entre amigos e mociños como servidor... Calviño que pasou por pola Coruña, Lalín, por Vigo, para pousar no Carballiño, merece unha biografía na que quedar sorprendidos do seu meritorio activismo cultural.

Pois Pepe Prada é o creador e animador dunha troupé de teatro. referente en Galiza, “Tiruleque” , escoitámolo ben na Coruña  da singular voz de Santiago Álvarez, de Manuel Lourenzo con tantas táboas escénicas  e cinematográficas ...

Pepe Prada sabe agasallar aos demais,  mesmo dende  os premios “Arenteira”, o que agora neste  coutado 2020, serodiamente, alguén tivo a ben non poñelo na organización e concederllo....  Procurador dos que profesan, sempre abrindo camiños pra que outros circulen. Pois varios creadores do Carballiño levan ás costas  o pulo  de ánimo de Pepe Prada. Sabemos que sendo como é , máis de silencios e de facer,  garda textos seus, coñecemos algún, coidadísimo, retranqueiro xenuinamente carballiñés...pero nada pide... eis  o prezo da súa Liberdade

 

No día dos Magostos 2020