TEMPO DE SANTOS, DEFUNTOS E MAGOSTOS NO CARBALLIÑO DO MEU TEMPO

Ampliar: Magosto na Pena de Queiras (Debuxo de FeliPe-Senén)



Crítica da imposición de versións anglosaxonas contemporáneas de tradición celta irlandesas de Novembro, como o Samahaim e a amereicana de Halloweem, cando en Galiza os ritos do lume, das sementes, son máis abondantes e baixo o nome de Magostos

Halloween, novo entroido outonal arredor da Morte, incorporando consumistas ritos de iniciación pra esconxurala, engadindo ao medo doses cinematográficas de sustos e mesmo agresividade. Pese a que a nosa conmemoración da Morte, a galega, a que ten  raiceira celta e coa que damos a benvida ao tempo escuro, recibe o nomes de Tempo dos Defuntos, de Mortos, como o de Magostos. E o seguidismo  acultural enfrontarase a unha tradición que non traizoa.

A Igrexa soubo cristianizar os antigos ritos de pasaxe  que van do tempo soleado ao escuro, ao outono, Días nos que penduran nas árbores murchas as mazás douradas e vermellas, cando caen e abren os ourizos dos castiñeiros e ruborizan no verde os morodos e as boliñas do espiñento acivro... cando sobre as agras avultan en vivas cores as cabazas... Fin das colleitas, remate do ciclo agrario, tempo pra celebrar ás sementes, formas esféricas preñadas de nova vida. E a Igrexa fíxoo contrastando alegorías coa Morte, dando sitio a todos os Santos e Feles Defuntos da Corte Celestial,  nomes e lembranzas que van esvaecendo ate  quedar perdidos nos labirintos do Trasmundo.  Lembro a miña aboa quedarse durmida rezando polo papa tal, a mama cal,  ladaíña interminable, entre a que tamén estaba un “polos defuntos dos que xa se perdeu memoria”. 

 Asuntos comúns que se perden nas orixes das civilizacións, fitos pra celebrar os cambios estacionais en relación co ciclo agrario e gandeiro, vida en definitiva. Momentos nos que dar oportunidade á memoria, á historia... e faise pra  evolucionar na intelixencia e na cultura.

“November”, Novembro recibe o nome do noveno e penúltimo mes do antigo calendario romano, o que se encetaba en Marzo co primaveral Entroido. Novembro será o mes dedicado aos Defuntos, tempo que no zodíaco e nas mitoloxías clásicas se reparten Escorpio e Saxitario , Auga e Lume, Marte e Xúpiter. E esas cousas tamén prenden e bordan unha cultura, como a galega con herdos máis antigos, celtas, gregos, fenicios... pobo aberto a camiños e a portos.



A orixinal versión celta-irlandesa do Samhaim e a colonización do Halloween americano

Entrada no mes de Novembro é moi celebrada nas fisterras do occidente atlántico, Confíns de verdes castros, país das benditas ánimas, de negras sombras, con tantas raiceiras célticas que a igrexa fará súas. E máis aínda dende os románticos do século XIX, como o interlocutor coas forzas telúricas, poeta, dramaturgo  e coñecedor dos mito e lendas irlandesas, o dublinés, inspirador do Renacemento Celta,  Willian Butler Yeats, quen pescuda en teosofías arredor da ultratumba para reincorporar ao seu teatro o  Samhaim ( a reunión de vivos e mortos ao cabo do tempo soleado). O Samhaim é a celebración da noite do fin de Outubro ao 1 de Novembro, cando os deuses gaélicos Dagda e a deusa  dos fantasmas Morrigain se casan. Días de tebras, propicios a furar en teosofías, como pra esconxurar bruxas, espectros, esquecemento e medos.  Xornadas pra rememorar aos Defuntos arredor da fogueira. Convivio do Samhaim  levado polos colonos irlandeses e bretóns ás américas pra converterse nun Halloween (“Hallow's Eve», vixilia de Todos los Santos) e así, ir mudando cara un entroido temático.

Festa de orixe céltico, Samhaim, así en gaélico como pra dar azos á irmandade na  identidade céltica con Eirín. Algo que xa facemos dabondo a través da música, esoutra parte da festa. Pero o nome galego deste tempo, a máis de ser o de Defuntos, compleméntase co de Magosto. Incluso en Galiza con máis argumentos arqueolóxicos e tradicións, como xa anunciaban os románticos precursores, dende Sarmiento e Cornide a Vicetto e Murguía ... e logo co Modernismo Cuevillas e Risco, entre tantos estudosos que ao falar de  afinidades panceltistas, teñen a prudencia de non enxertar en Galiza  o nome gaélico de Samhaim ou Samaín. Si ben esta estremeira do cabo do Vello Mundo gardou as  esencias propias, iso si, cristianizadas, cubertas de animismo panteísmo, arredor de fogueiras, cabazas, castaña e viño novo.

Sempre nas festas célticas, tan de herdos orientais,  e máis nas que están en relación cos equinoccios e os solsticios, a presenza dos Catro Elementos, Terra, Auga, Aire e sobre todo o Lume que é luz, quentura...estarán presentes como elementos que convocan, parte cosmogónica da, cuadratura do círculo. Agora convocatoria moi diferente arredor da inspiración da sangue, en  asasinos, dráculas, frankesteins e todo ese terror avivado pola cinematografía gore. Entre escenografías de arañeiras, mortallas de tul,  motoserras, sons e acenos agresivos, nenos que chaman á porta cun chantaxe tipo “bolsa ou vida”, un “Truco ou trato” o “Trick or Treating”, proba dun maxín secuestrado.

Desvaríos da vella festa e da que perderon a orixinal concordia, o pacto entre un e outro mundo, o dos vivos co dos mortos,  os que representamos de branco e de luz, como as señas, as compañas, a estantigua, as mouras, as xianas... todo ese repertorio de espíritos conselleiros.

Proba da aculturación, de que  consolidamos un ambiente de submisión, acrítico, de descoñecemento da identidade pra caer no seguidísmo comercial, na colonización. Compre o criterio propio, colectivo de saber o que coller e o que refugar, o noso aporte á universalidade, o que mellorar, contra o que nos convirte en manexables escravos.

 

Castañas, cabazas...sementes de vida, alegorías do renacer

Novembro, “Mes de Santos” cristianizado entre os celtas galo e galegos como  o “Mes do San Martiño”. Mes da castañeira, dese outono preferido, cantado e contado como ninguén por don Ramón de Trasalba, por revestirse de Barroco, entre contrastes, cando se abren as billas das cubas vellas pra probar os viños novos, cando se botan a asar as castañas pra espulgalas, comelas e emborrallarnos, cando comeza o ritual da matanza do porco.

Mes que comeza coa oportunidade do encontro entre a parroquia dos vivos e a parroquia dos mortos: tempo da visita ao camposanto, de grandes feiras. No Carballiño ese feirón que trunfa en Monterroso ou en Chaves, reservaranse pra  o “Derradeiro”, isto é o último día do ano , o que precisamente coincide e se pecha con outra noite meiga, a do celebrado San Silvestre, santo doutor en teosofías e demonoloxía, por algo venerado en altar nese templo dedicado á Raíña dos Anxos, o Corpiño de Lalín.

Días mais celebrados no que foi o territorio da Gallaecia celta e romanizada, a  asturicense, bracarense, lucense,  e farase co mesmo nome ou co de Magusto, que quere dicir como o “magnus ustus”, a gran fogueira, con tanto que ver con “magos” e “meigas”.  11 días do “Pequeno verán do San Martiño,  propicios a reunións pra asar as castañas e probar os viniños novos. Con gran fogueira e reunión final o  día 11, por algo dedicado ao San Martiño de Tours con reliquias traídas no século VI polo seu paisano da Panonia (Hungría) Martiño de Dume  pra ser veneradas en Ourense do que se fai padroeiro,...Precisamente o Martiño Dume ou de Braga é o radical  cristianizador, encargado de anatemizar os cultos pagáns de herdo celta, o druidismo vivo que no século IV caracterizaba a doutrina do bispo galaico Prisciliano. Máis non puido: Iso si, celebramos a  Santos e Defuntos, pero tamén imos ao monte, aos lugares de penedas a xuntarnos, a facer fogueiras, reunir frouma, danzar arredor do lume, asar e xantar castañas como quen redime un almiña do Purgatorio, logo emborrallarse a faciana, improvisando máscaras e “invadir” a urbe civilizada. No Carballiño meu o lugar preferido dos Magostos era a Pena de Queiras, en  Señorín. Penedas tan desaparecidas como o mesmo topónimo, pra ser canteira da Veracruz e hoxe solar sobre o que se ergue o  Instituto de bacharelato. No cruce de Ourense non daba feito como fogueiro e a envolver cucuruchos de papel o castañeiro da locomotora negra: no inverno as castañas e aquel trebello de suxestións ferroviarias e potente arrecendo... no verán o carriño branco e de latóns prateados dos xeados, portados por estes vendedores ambulantes das terras ourensáns de  Luíntra e que logo  foron asentando na vila.

 

Encontro da parroquia dos vivos coa parroquia dos Mortos e logo a lumarada dos Magostos

Día de Santos e Defuntos que foron festivos, nos que ir ao camposanto, a visitar a parroquia dos mortos, a lavar tumbas como quen lava desmemoria, a poñer sobre as campas ramallos de verde esperanza e flores de cor, luces onde hai a escuridade... Días que quedan moi na memoria dos nenos e que no Carballiño se encargou de inmortalizar en fotografías Rizo: ringleiras de familias con ramo,  estrada  de Ribadavia abaixo e arriba, vía que pouco medrou e por algo é...cara á vella parroquial de Señorín, a que recibe un solpor baril, ouridourado.... Sempre chamou a atención á devoción aos defuntos que teñen as familias xitanas, as que, entre cirios, xantar, cantos e oracións pasan a noite afianzando a tribo dos vivos cos seus mortos. Tradicións semellantes ás que se levaron e quedaron nos cemiterios de  Hispanoamérica , Día dos Mortos.

O ambiente recende  a  castañas asadas, a crisantemos e mesmo a incenso e ten música de arpa de fondo e un aturuxo. Todo o que esvaece  entre o sacro e o profano.

Na medianoite de Santos as campás da Igrexa - a “Castora” e a “Ana María” que así se chama a campana grande e a pequena da Igrexa Vella, lembrando aos  seus doadores ( os Vieitez e os Ulloa)  - tanxían  con ese seu ton aínda máis nostálxico. Sons que se cravan na alma, cultura das campás, tan protexida no mundo civilizado e que semella molestar hoxe. Noite na que a Igrexa estaba aberta , no centro o catafalco fúnebre, de loito e grosos cirios a cada banda....

O Día de Defuntos, pola mañá, como nunha obriga novamente ao cemiterio, agora a buscar un crego entre as sepulturas , non daban feito os das estolas a solicitarlle  responsos, de peseta, de peso...pola alma de...e  de..  e os cantos nasais dos  latíns ...” Dum véneris iudicáre sæculum per ignem. Kyrie, eléison, Christe, eléison. Kyrie, eléison. Pater noster...”  golpes de hisopo e caldereta  , e as moedas que caian na bolsa de veludo bordada con anagramas relixiosos. Seino ben, pois fun neno acólito en funcións como aquelas nas que se facían boas propinas. E por alí, entre vivos e defuntos algún neniño, seguindo unha antiga tradición,  paseábase  sobre as campas cargado de colares, restras de castañas ensarilladas: o neno e as sementes de  futuro choutando sobre o campo da morte. A cousa era  inspiradora, ben pintoresca e literaria.

E pola tarde a facer  magostos, e os seguintes domingos ata o 11 tamén e máis celebrado o último día como “día dos Magostos”. Días nas  que os nenos baleiraban as cabazas, a labralas, a  facer colares de zonchos, de castañas ensarilladas, doas que eran como almiñas pendentes de redimir... Dicíase que cada unha que se ensarillaba era unha lembranza no Purgatorio e cada unha que se tomaba era un alma en pena liberada. Sementes ao fin e ao cabo que se asociaban coa morte e coa resurrección... Pois unha castaña é un microcosmos ademais protexido por un ourizo, semente da que nace un castiñeiro que dará madeiras e máis castañas como pra un inmenso souto... Toda unha teoría ou parábola de esperanza.

 O que si se renova agora, por imitación do Halloween americano, é o baleirar cabazas, esculturalas  imitando caveiras, co cirio dentro, pra poñelas e alampear na noite sobre os chanzos do cruceiro, do cabaceiro, na solaina, nos valados dos camiños que levaban ao camposanto...o peto de ánimas cuberto de flores e cera....  Tradición avivada dende a aura céltica de Ortigueira,  alá polo 1989 e máis nos abrir do século XXI  polo mestre cedeirense Rafael  López Loureiro, bo coñecedor de tradicións galegas, celtas e ibéricas e de habilidades manuais,  autor primeiro de “As caliveras de Melón”, pouco despois e ante o éxito  publica “Samaín: festa das caliveras” (2003) e “, festa e nome gaélico avivado inicialmente coa colaboración da agrupación cultural “Chirlateira”, agora rola como aporte irlandés ao Magosto galego.

Cabazas labradas, herdanza das cabezas, “tetes  coupes” celtas, que na cultura agraria son niños de pebidas, de sementes... formas esféricas, bolas que no tempo do  Nadal, en  materiais diversos, pasarán a complementar á árbore do Nadal, símbolo de vida.  Negocio pro gran bazar chino, permanentemente de garda pra ofrecer esas querenzas exóticas orientais que de moi antigo tanto callan neste extremo occidente.

E aínda máis, ao xantar a sobremesa pra alegrar a vida: azucrados ou con mel, os ósos de santo, os boliños preñados do espírito do vento, xemas, cabelos de anxo, repostería sacra pasada polo forno, sobre a Morte, entre a Terra e o Ceo.

26  0utubro 2020