UN EXEMPLO DE DESTRUCCIÓN CULTURAL : A IGREXA DE SAN PAIO DE LOEDA,PIÑOR DE CEA

Ampliar: IGREXA DE SAN PAIO DE LOEDA, PIÑOR, OURENSE. ESTADO DA CUESTIÓN



Loeda é unha parroquia situada no Camiño Mozárabe a Compostela, ao que asoma o seu vello templo parroquial: aberto, desamparado, co tellado derrubado e os santos aínda nos seus retabos. Motivo pra facer unha chamada urxente que implica a todos

Este confín do Vello Mundo que é Galiza, é rico en patrimonio cultural. Con pegadas da historia de todo tempo, envellecidas e exposto a fenómenos de todo tipo. Certo tamén que se está mans á obra, comezando por Compostela: rehabilitar para revitalizar a cultura.  E comparamos co que ollamos cando viaxamos por esa Europa irmán, como as Illas Británicas, Francia ou Alemaña, ben o saben os nosos emigrantes: atopamos os templos abertos, atendidos por  xuntas de fregueses e mesmo poida que, alí, alguén lle estea poñendo clase de música aos nenos, cántico, órgano... Pois velaí a Igrexa aberta e cunha misión de interrelación en idades, ensinando arte, historia e tradicións. Aínda queda moito que facer neste noso estremeiro occidente.

Entre tantos recursos de vida e de cultura que avalan a nosa Historia, un dos principais carteis de presentación son os camiños a Compostela. Convídasenos a poñer os pes no chan, a furar polo labirinto de aventuras e desventuras, a enxergar o que facemos e desfacemos a unha e outra banda de cada paso. E, en base ás posibilidades, imos valorando as prioridades, o que levar adiante canto antes. Non vale calquera cousa cando se ve un templo desamparado, aberto á meteoroloxía e ao salvaxismo, deixando perder os seus altares e imaxes artilladas en arte  e con eles as emocións, as ilusións e as devocións dos devanceiros.

Doe ollar a cultura en destrución, saber de proxectos anestesiados nun longo ritual burocrático, entre o fastío das administracións, xeralmente centralizado nas máis inmediatas delegacións provinciais da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Despachos que, en base aos anos de experiencia deberan asumir o principio da axilidade para evitar males maiores e gastos na conservación sobre un patrimonio do que son titores. Ao menos e mentres tanto, tomar axiña medidas preventivas, pouco custosas: sensibilización, vixilancia,  protección de labras, pinturas, paramentos...

A unha persoa sensible - e máis se é amante da historia e da arte, isto é da cultura –  féndeselle a alma e a ilusión ao ver un templo abandonado, cos altares e as imaxes a mans da depredación. Situacións así, de desleixo  non son máis que efectos con causa, evidencian o estado da cuestión cultural. Pese ás leis e a tanto organismo apelidado “de cultura” que haber hainos, semella que narcotizados entre os botafumeiros de conmemoracións, actos e na  mesma liturxización da cultura. Pois a cultura lévase ou non se leva posta e enxérgase e facémola, como se fai camiño  ao andar. Situación que nos implican a todos.

Ao respecto do devandito tráenos aquí o estado actual da que foi igrexa parroquial de  San Paio de Loeda, a do cemiterio parroquial, no Concello de Piñor de Cea. Até que no 1969 lle quita protagonismo a inauguración do novo templo, encargo de Eduardo Rodríguez Legísima, de ilustre familia franciscana da parroquia do seu carón, Lousado. Templo construído sobre terreos doados por Ramona Careaga Vieitez, sobriña do filántropo don Perfectino Viéitez, deseño do arquitecto do Movemento Moderno Eusebio Calonge Francés, pero polo que se  vem aquí sométese a liñas case escurialenses, seguramente impostas polos seus promotores.

 Vella igrexa de San Paio ou Pelaio, dedicación moi antiga, quizais de orixe  alto medieval. Templo que asoma pra servir á concorrida  Vía da Prata ou Camiño Mozárabe a Compostela, non afastada do mosteiro de Oseira. Templo con vestixios románicos, do XII, no que unha labra apunta que é refuxio pra peregrinos. Edificación reformada integralmente e anovados os seus retablos cando o Barroco se debate co neoclásico, a fins do século XVIII.  Tempos nos que as esmolas en romarías de sona, como a próxima do San Benitiño do Marañao, os foros, e as bulas permiten solemnes construcións e rituais.

 Non é que que esta igrexa de San Paio de Loeda sexa un gran monumento.  A veces a sinxeleza nun ambiente de Historia semella ter maior grandeza. Os de antes ben sabemos o que significaban aqueles altares e imaxes de santiños, centro de segredos, de esperanzas, de leais devocións, agora á intemperie, criando musgos e edra, aniñando neles os paxaros...

“Os poderes públicos garantirán a conservación do patrimonio...” Artigo 46 da Constitución...

 Paisaxes de Loeda, tramo do camiño, digno de protección e máis si sabemos que esta foi terra de ilustres franciscanos: lembramos a frei Xoán Xacobe Fernández, natural da aldea de Moire, un dos mártires damascenos; terras onde está o pazo do padre Xoán Rodríguez Legísima, Conservador dos Santos Lugares en Xerusalén, reitor de San Francisco de Madrid, influente na Corte de Alfonso XIII, escritor e animador de “El Eco Franciscano”, que tanto limos de neno no Carballiño,  irmán da pintora Carme Rodríguez Legísima, na antoloxía das pintoras galegas... Son tamén estes os escenarios onde o Nobel Camilo José Cela ambienta a  súa novela do interior de Galicia, a “Mazurca para dos muertos” onde os protagonistas son paisanos labregos e feirantes. Historias esperpentizadas por Cela, inspiradas naqueles seus devanceiros que di “teñen cara de cabalo”, entre eles o mesmo escritor, da mesma saga que a do frei Xoán Xacobe.

 Non menos interesante é o camposanto de Loeda, onde teñen sepultura boa parte da saga dos  Rivero de Aguiar  e sobresae unha antolóxica tumba, a da ben coñecida familia Hernández, os dos serradoiros, tamén de garaxe mecánico nos Catro Camiños, asentados no Carballiño. Panteón encargado ao escultor ourensán Antonio Failde,  concebido como unha oración en pedra, impregnada dese celtismo galaico quizais herdado das teorías de Risco. Camposanto onde tamén acougan os restos mortais dos Pousa, humanistas da familia de Pousa Antelo, os Portugal da familia de Miras Portugal....

Contexto de Loeda no que ademais está a fábrica de papel da metade do século XIX, vinculada ás pioneiras do Faramello, rexentadas polos Rivero de Aguilar, sobre os que  por aquí se contan historias en relación cos asaltos de Pepa Loba a esta fábrica.  Pazo e Impoñente arquitectura fabril, deseño de  Xoán Cendón Carballal.

Os camiños a Compostela e o feito da peregrinación, os anos xubilares que se chaman agora “Xacobeo”, son un recurso amparado por un amplo aparato administrativo e asociacións encargadas da súa protección, difusión...e namentres o peregrino  enxerga que o vento abriu unha xanela d vella igrexa, que ninguén a pechou, logo caeu unha e outra tella, ninguén as repuxo e poida que nin sequera dera aviso...pasou o tempo e derrubouse o tellado... a ese extremo se chegou e a peores se pode chegar aínda.

Sabemos e alégranos, ao menos, que os fregueses manifestaran ante o bispado e na prensa o estado da cuestión, que iniciaran colectas... Sabendo que a  sacrosanta constitución no seu artigo 46, di que os poderes públicos garantirán a salvagarda e difusión do patrimonio cultural dos pobos... e sobre diso canto se expresa na Lei de 4 de maio do 2016 do Patrimonio cultural de Galicia. E os poderes públicos son: o máis inmediato é o concello, logo o concello dos concellos que é a Deputación, a Xunta de Galicia e neste caso a Consellería de Cultura, coa súa delegación en Ourense...mesmo finalmente o Ministerio de Cultura de España...

Así e a todo a Igrexa Vella de Loeda é hoxe un exemplo máis que pon de manifesto a necesidade de evitar estas imaxes, de acordar coa Igrexa, como precisamente tentou reiteradamente de teoría e praxe o carballiñés que foi Fiscal de Galicia, Carlos Varela. Ao respecto lembramos o seu proxecto de “Igrexa segura, Cultura protexida”, estratexia coordenada, pragmática, artellando equipos interactivos en relación co patrimonio e dando consellos e ofrecendo un catecismo mediante o que tomar medidas preventivas: Inventario, catalogación, avaliación de riscos, análises de puntos débiles (portas, xanelas...) manual básico de seguridade.... Fomentar o voluntariado, cousa fácil entre os fregueses, ao xeito que fan en templos europeos as comunidades de fieis. Involucrando aos poderes públicos e organismos asesores en cuestións de patrimonio (Consello da Cultura, Academia, universidades...)

Pola parte que nos toca, fariamos o que fose, comezando por sensibilizar sobre o desfeito e mover burocracias: da Delegación de Cultura de Ourense contestaron que “xa os fregueses están no asunto” .... e o que enxergamos e que o deterioro e o espolio avanza.... Algo que nos atinxe e no avergonza a todos, á Igrexa, ás administracións, ás asociación cuturais...

12 Outubro 2020