LEMBRANZAS DE PINTURA MURAL NO CARBALLIÑO
Lembranza de algunhas pinturas murais: as desaparecidas de Virxilio que decoraban a Residencia do Carballiño, os da Estación do Ferrocarril, de Prego...entre outros menores e as propostas de Xaime Quessada pra medianeiras que afean a vila
Por descoñecer o pasado todo nos resulta novidade e estraño: así falamos da “Galiza máxica”, labiríntica, misteriosa, por descoñecida... pra crear tópicos en base a efectos dos que descoñecemos as causas. Por exemplo, e en base ao que nos trae aquí, espetamos que Galiza non é terra de pintores. Cando se pintaba todo pra darlle cor, vida e expresión: as mesmas cámaras megalíticas ou dolmenes irían pintados no seu interior, como esculturas de pedra , madeira ou barro... como tamén o irían as paredes dalgunhas das cachoupas castrexas e xa non digamos das mansións romanas e os templos...e vestixios de recebos, aparecer, aparecen.
No universo prerrománico e medieval - cando Compostela e os seus camiños era referentes nunha Europa feudal que se conformaba fronte ao Islám, usando e abusando da Cristiandade, dos Apóstolos e das reliquias dos santos da Corte Celestial – a pintura tiña unha misión catequética. E facíase a través de todas as fórmulas artísticas.Claro que a meteoroloxía, tan intensa nestes confíns de Iberia, xunto coa actividade depredadora dun ser humano que se educa e maleduca, tentan tamén contra as reliquias.
Así que furando na historia da pintura mural nas Terras do Carballiño, e cando toque, falaremos con máis vagar do pintor de Banga e de Mugares, Bartolomeu García de Bahamonde, sabedor de teoría e praxe do cinquecento. E como non, falaremos de quen rescata canto hai detrás, de quen o estudou e publicou, o profesor e amigo Xosé Manuel García Iglesias . Pois velaí unha proba sobrevivinte, entre os caleados e os repiqueteados, máis frecuentes nunha actualidade na que “leva de moda” o irracionalismo hiperenxebre da pedra vista. Deberamos reparar que no mesmo corazón do Carballiño, á praza Maior, a modo de mostrario de saber facer, aínda asoman grandes arquitecturas de deseño, de fins do XIX e comezos do XX, feitas en cantería e que finalmente se cobren cun revoque protector de cal. Pois o cal alíase coa pedra pra protexela dos musgos e máis. Mesmo lembramos a mesma fachada do Concello, branca cuberta cunha leitada branca de cal que transparentaba a pedra e mesmo cun zócalo escuro... e xa non digamos o interior, agora repicado, estilo “turronate” que diría o meu xa defunto amigo Fernández Albalat, mestre de mestres arquitectos.
O arquitecto Antonio Palacios na súa obra da Veracruz - tan cargada de simbolismos modernistas, Summa Teolóxica arquitectónica, síntese de pedras, de saberes dos canteiros e de interacción das artes galegas, especialmente da arquitectura, homenaxe a un Deus Xeómetra do Universo – concibe a súa obra complementada coas artes, mesmo coas concibidas como “menores”: vitrais, mosaicos, ferro, imaxinaría... e a pintura mural. Cousas que tanto se contan nas memorias do párroco don Evaristo, como nas do arquitecto: sempre dende o carácter simbolista que caracteriza o Modernismo, aquí cunha faciana “galeguista”. Por exemplo avisa Palacios de deixar sen ventá central a capela da Inmaculada (hoxe coa imaxe do Sagrado Corazón), pois a luz chega de xeito indirecto e no fronte pintarase un mural alusivo á Asunción...e don Evaristo pensa no pintor ourensán Prego de Oliver. Mais o pasamento do arquitecto, do leal construtor e do párroco cubriron coa néboas do esquecemento aquel proxecto.
Entre as lembranzas máis afastadas de paredes pintadas no Carballiño, vin no Bar Gito- situado na rúa Mosquera, a unha banda da farmacia Santa Maria e a carón dos comercio dos meus pais - como alguén debuxou na parede e con moita habilidade o retrato de Gito, e vin como cun soprete de boca lle botaba un verniz que lle daba un pouso de brillo e de pátina leonardesca... Quizais fose o pintor coruñés Vidal Lomban, veraneante que, daquela, agasallaba a amigos con espontáneos retratos. Mesmo hoxe sabería dicir onde estaba.
Murais de Prego e Virxilio... e unha proposta de Xaime Quessada
Vin, “en directo” como Manuel Prego de Oliver, nun chaleciño, case pegado ao estadio de Espiñedo, pintaba sobre tablex (preparados por Caride, no “Soto”) os dous magníficos murais pro vestíbulo da estación do Ferrocarril. Antonio Outeiriño, o do Bazar Outeiriño de Ourense, casado con carballiñesa, veciño do pintor e mesmo parecido a il, insistía que a pastorciña da cabra era unha das mellores pinturas do seu amigo Prego. Obras complementadas con retratos do mesmo autor seguindo a decoración do bar da estación (desaparecidas, pero na memoria). Os seus temas eran paisaxes e paisanaxes, vellos e nenos, os gardadores de enigmas da vida, quizais seguindo as teorías de saudade de Risco e Teixeira de Pascoâes, a “arte céltica”, galega mirándose no espello da irlandesa....Vin tamén, nos anos sesenta, como Virxilio, un dos “artistiñas”, seguidores dos ourensáns parladoiros de Risco, pintaba na Residencia do Carballiño un mural, estaba no primeiro chanzo das escaleiras do vestíbulo, de tema labrego. Mesmo decorou unha cornixa sobre a barra de Bar, daquela atendido polo noso amigo Corcheiro. Moito temos falado co mesmo Virxilio destas pinturas e con Acisclo Manzano, pois o pai destoutro “artistiña”, escultor, era o conserxe da Residencia... e servidor empezou, axudándose a mercar os libros e a coñecer Galiza e xente, como guía turístico cos residentes. Detrás destas iniciativas, de potenciar a rebeldes “artistiñas”, ademais do cordial Ramón Valeiras, “o Labrador” estaba o delegado provincial de sindicatos de Ourense, Xosé Manuel Liaño Flores, que foi Alcalde da Coruña, amigo e que con case un século de vida, aínda se presta rirse daquel pasado ...e máis cando lle digo que empregou na flamante obra de “Educación y descanso Geneal Moscardo” aos “roxos” de Ourense e do Carballiño.
Mesmo “Raul”, un pintor ourensán dos anos sesenta, recen inaugurado o bar do Parque, pintou no fronte da barra un mural decorativo, tamén alusivo á vila e á gastronomía. Meu pai, hábil rotulista e de pintura plana, era reclamado pra pintar algún mural dentro dun chalet. E penso que algúns dos grandes chalets, como o “Lar da Nai”, se no exterior mostraban emblemáticas esculturas de Failde, Camilo Nogueira ou de Piñeiro, vaiamos a saber que obras non terían no interior de creadores representativos daqueles anos.
Pois a meu pai chamárono pra un pequeno mural decorativo no chalet de estilo rexional-deconstructivisa (ista etiquetación invento eu) da familia Varela-Ogando, subindo pra “Residencia de Productores”. Inspirouse nos musicais de Broadway, teclas, violonchelos e quizais dun Gene Kelly danzando baixo a chuvia.... Mesmo tamén Maruja e Sabela Rodríguez, para a súa casa, da rúa Conde de Vallellano, encargáronlle un mural sobre a parede da cheminea, e lémbroo abocexando no mostrador da tenda arlequíns picassianos.... O Pepe Reque, propietario do Cine Reque e da Sala de Festas, deixouno decorar a parte superior do bar do salón de baile, onde imitou a obra de Virxilio na Residencia, pero non había que facer, aqueles espazos non perdían o carácter de garaxe.
E, se hai tempo e espazo aquí, hai que dicilo, mesmo a servidor, sen sentirse pintor, dábaselle por decorar espazos pra guateques, e coa idea de “o Volter” de Ourense, así creamos “o Zoco”, un espazo rústico “equilibrado” cun mural de cachimires op-art , obra de Marosa Cancio, curmán de Suso Carballido... Ate meu tío Pepe Reque mesmo me encargou murais, pra mesma sala de Festas Reque, así que movido pola psicodelia beat da tenda “Apple Store” de Baker street en London, inspirei temas orientais...iso si con economía de cores, roxo, negro e branco...que ao xogar coas luces as liñas semellaban bailar tamén.
Mesmo, Pepín Prada, activista cultural de cerna, onde os haxa, por pintar ate pintou os exteriores dun lateral do Cine Rivas, cun grupo que animaba “os Voinas”, pregraffitos de vertente galega en tempos do rock .
Ao fin dos anos setenta xa o gran Xaime Quessada, cando escollia a ss picassiana para a súa sinatura, tan vencellado ao Carballiño, casado en Banga coa arquitecta carballiñesa Chus Blanco, animaba aos munícipes a facilitar a realización de grandes murais sobre esas horribles e feistas medianeiras.... De ser adiantaríamonos no tempo a eses concellos como Carballo, Ordes, Ferrol ou as Pontes que hoxe compiten en certames de graffiteo monumental, referentes no mundo con firmas como Mon de Devane, Lula Goice, Joseba Muruzabal.... Mais para dar proba do que eran capaces de facer en mural Quessada, Alexandro, Vidal Souto pintaron naqueles anos os muros de cemento da prisión de Pereiro de Aguiar, algo grandioso, poético, aliviando ademais a falla de liberdade...
Nos anos setenta, organizado por sindicatos, levouse a cabo un cursiño de pintor decorador, impartido por profesores especialistas madrileños, apunteime entre un no grupo, incluso viaxamos a Madrid, a ver o Museo do Prado, tipos de pintura de paredes ... e a fábrica de Barreiros... A aula era a Sala de Festas do piso superior do Cine Alameda, en prácticas mesmo pintamos o Cine, a Sal de Festas e finalmente a unha e outra banda desta encargáronnos dous murais: un duns arlequíns picassianos , outro encargáronmo a min, e inda hoxe non entendo por que, pois había colegas moito mellores...e fixen algo que ate me horroriza cavilar nilo, claro que foi o tema que me impuxeron: un pote galego, cortado na panza e dentro del unha parella de galegos bailando a muiñeira ... e detrás uns montes alpinos cubertos de neve...... Pasaron os anos e aquel mesmo espazo cedeuse a agrupación cultural Avantar, revocáronse os murais e nunha improvisada visita do pintor Alexandro, despois de merendar, simplemente con ocres improvisou un mural de fadas voando, ao estilo Quessada, un soño que tamén quedou tras os estratos dos revoques.
Pouco queda... e quedan os cadros de Prego na Estación, compre vixialos e non perder memoria de logros que un día acenderon de luz, cor e vida ao Carballiño.
28 SETEMBRO 2020