A IMAXE DO SAN CIBRAO DO CARBALLIÑO E O SEU ESCULTOR, ALDREY

Ampliar: Maqueta da Imaxe do San Cibrao do escultor Aldrey



A imaxe do padroeiro do Carballiño, San Cibrao de Cartago é da autoría, entre outras do templo da Veracruz, do escultor compostelán Aldrey. Imaxe acorde non so co templo, mesmo tamñen co carácter dos carballiñeses, abertos ao mundo

                                                                        Ao meu párroco e amigo Benito Sieiro “ex tote corde”



Animaba ao párroco don Evaristo, promotor do templo da Vercruz, que os visitantes que chegasen ao Carballiño preguntasen pola súa “catedral”, sen selo. Proba de que aquela construción ( e non dicimos do nacionalcatolicismo pola pouca colaboración dos poderes públicos da ditadura na súa construción) tiña sona pola grandeza en tempos difíciles. Ao menos procuraba o párroco, nomeado, ao final da súa vida, camarlengo do Papa Xoán XXIII,  que aquel templo do arquitecto Antonio Palacios acadara a categoría de basílica.

Pasaron os promotores e o tempo e aqueles proxectos quedaron nas intencións. E aínda se procuraba máis, como dotar aquel historicista continente arquitectónico de imaxinaria e obxectos litúrxicos acordes coa grandeza do mesmo. Sen regatear nada para o que dicía  ser un "Palacio para Díos”. Cousas así escoitámolas con moita pedagoxía e pegadiza ilusión nas homilías e nas catequeses. Argumentaba don Evaristo que cando se desprazaba a Madrid no tren, vía igrexiñas abandonadas, pequenas... pra concluír  que ”Deus merecía o mellor” e a esa devoción se entregaba esperanzado baixo a xaculatoria de “Sagrado Corazón de Jesús...en vos confío”.  Fe  herdada da misión xesuítica, das influencias do Colexio de Camposancos . Ao respecto moito teriamos que dicir, pois alí, baixo o Monte de Santa Tegra, están os orixes de moitas ideas, relixiosas e galeguistas tamén.

E o templo do Carballiño ten o seu día de celebración, non tanto o 3 de maio, día da Santa Cruz e da Veracruz, a reliquia e que lle da nome. Será polo 16 de setembro, cando a Igrexa Católica, sigue dedicándolle o seu ritual festivo ao San Cibrao, bispo e mártir e pros carballiñeses padroeiro da parroquia. Santo de Cartago que viviu pola metade do século III, segundo as axiografías bo orador para tempos heréticos e polo tanto de cismas. Decapitado nas persecucións de Valeriano. Venerado por Carlomagno que no seu I Reich espalla polo seu imperio as reliquias e a devoción do  bispo bereber.  Maís entre a biografía santoral confundimos aos santos Cibraos, pois hai outro célebre,  San Cibrao , o  siriaco bispo de  Antioquía, que vive polo mesmo tempo do de Cartago, famoso polas súas dotes de feiticeiro, sabedor de maxias negra e branca e do que mesmo se contaba que pactara co diaño. Santo pois ben coñecido na tradición galega como autor do libro de feitizos, exorcismos e tesouros coñecido como Libro de San Cibrao ou “Ciprianillo”. Pero ise xa é outro conto e aínda que se parezan na iconografía: bispos barbados, con mitra, báculo e palma,  o de Antioquía por ser mártir cocido vivo e decapitado en tempo da persecución de Diocleciano... Historias sacadas dos “Flos Sanctorum”, que non faltaban nas vellas reitorais e que tanto inspiraron a párrocos pras súas novenas como a creadores galegos da literatura e da Arte.

Sempre se dixo que o bispo de Cartago foi o elixido como patrón da parroquia do Carballiño e foi polo 1893 a un tempo que estreaba templo parroquial.  Santo  Patrón que concentra ás diversas devocións entre comunidades de feirantes procedentes de partes moi diversas e que se ían asentando arredor do casería da feira, predominando a veneración  polo San Antonio espallado polos influentes franciscanos da zona, devoción que competía co San Bieito, o santo do predicamento cisterciense e  mesmo con San Ramón e o Bon Xesús este na devoción dos portugueses asentados en Flores. O tema da moito de si e quizais falaremos noutra. Como que os primeiros párrocos pousaban na  grande “Casa da Orde” na que os bieitos de Oseira administraron o que lle tocaba por alí, logo, a partir do 1835 sendo desamortizada dividiuse en tres partes: a mellor que se conserva e a miña casa familiar, na vella Verea de Señorín que logo deron en chamar “Calle de la Verdad”, mirando á alborada cara a parte da Eira de Flores. Casa por certo onde algún clérigo acolleu e escondeu a franceses que tras as batidas inesperadas dos guerrilleiros quedaron  na retagarda, espallados...o Historiador Barreiro Fernández recorda e temos falado sobre este novelesco episodio entre un liberal francés e un frade  aldeán.

 

O templo do arquitecto Palacios e as imaxes que foron ocupando  os altares

 

Pois metidos nestas historias interminables, no 1892 encargase a construción - nos solares da antiga capela de San Antonio - a nova parroquial, polo medio a mediación da fidalga e filántropa lalinesa Margarita Taboada. Planos do arquitecto diocesano Xosé Antonio Queralt, pra ser rematada coa agulla da súa emblemática espadana polo arquitecto Daniel Vázquez Gulías, inaugurada no 1906 .  O segundo paso é dotar o templo da nova parroquia con altares das devocións da nova parroquia e o central culminalo pola imaxe do santo titular, o San Cibrao. Altares de gusto historicista, seguro que dos talleres composteláns, e que perviviron ate encetarse os anos setenta en que, seguindo os consellos de sinxeleza do Vaticano II, foron desmontados, co resignado silencio dos conservadores.

Pasaron tres décadas e aquela igrexa parroquial, enseguida se cualificou de “vella”, para na inmediata posguerra tramar e argumentar un novo templo parroquial, a Veracruz. Obra comezada no 43 a que de vagar se vai construído até o pasamento do párroco don Evaristo, o no ano 1961, o  que desexaba non morrer sen ver rematada a torre e colocada nos seus altares a imaxe do Sagrado Corazón e do San Cibrao... e o milagre foi.

 Cumpría buscar escultor ou imaxineiro, como diría Valle-Inclán, sen regatear.  Don Evaristo, asesorado, consultou con uns e con outros, cos amigos da catedral de Ourense, mesmo con quen non estaba co gusto “azucrado”, “medievalista” do arquitecto Palacios, pero respectuosos coas diferentes caras da Arte naquel tempo. Un destes foi Chamoso Lamas, que recomenda ao imaxineiro, escultor e profesor da escola Mestre Mateo de Oficios Artísticos,  Xosé Aldrey  Lazara , compostelán, nacido o 11 de xaneiro do 1926, que se formou no modelado e na talla a carón de Asorey  e ademais tendo como profesor de debuxo a Gonzalez del Blanco.  Pepe Aldrey nos seus inicios foi bolseiro  do Concello de Compostela e máis da Deputación da Coruña, onde ten unha “Ofrenda” que moito gustaba ao coreógrafo Rey de Viana e a escultura tamén en madeira de un “putti”, un rapazolo anxelical, ambos con esas características de Terra herdadas do seu mestre Asorey. No 1953 Aldrey recibe a Medalla de Honor na Exposición Internacional de Madrid coa escultura “o Caldiño”, pola que se interesou o Centro Galego de Bos Aires . Dende 1956 profesor de talla en madeira da Escola de oficios artísticos de Santiago, onde se manteñen as mellores tradición das artes galegas. Autor en 1963 do monumento ao Sagrado Corazón de Ribeira, entre outras imaxes que se lle encargan pra vila barbanzónica, a un tempo que pouco despois de morrer o párroco do Carballiño e de sacarlle el mesmo a mascara fúnebre en  xeso a don Evaristo, encoméndaselle a talla do seu busto, o que fai en dous tipos de pedra, monumento inaugurado a carón da Veracruz en abril do 63, logo substituído e exposto no interior.

Aldrey foi Imaxineiro por excelencia, do  últimos, moi solicitado no ambiente catedralicio galego e  mías pra  a imaxinería procesional de Semana Santa. Con obra na Catedral de Ourense, o Cristo da Borriquiña; tamén en Viveiro, así como o Crucificado e a Virxe da Catedral de Lugo, entre outras na mesma cidade; o Xesús do Encontro de  Santa María de Pontevedra; o paso da Oración do Horto de Ribeira...

 Aldrey foi un traballados incansable, que gozaba co que facía no seu pequeno taller no corazón de  Compostelán, a carón da Fonte Sequelo, costa cara ao Preguntoiro. Taller onde eu, estudante metido nos temas de Palacios, visiteino varias veces, entre mazos, gubias enfrontándose a toradas de madeira...  Naceu unha fonda amizade e intercambio de opinións.

Entre bocexos, debuxos, maquetas, escaiolas, alí vimos a mascara fúnebre de don Evaristo, que impoñía respecto e aseguraba o escultor de santos que lle daba sorte; alí estaba tamén a maqueta do Cristo do Carballiño.... e alí contoume moitas historias como cando co párroco don Francisco, un venres pola tarde, ergueron a cruz pra poñela no centro da carola da Veracruz: era o luscofusco dunha tarde de nubeiros grises, comezou a chuviñar e abriuse e estoupou o ceo en estrondo da tormenta. De súpeto caeu un  estralampo de flahs  pálido e violeta que co estrondo fixo retumbar arcas e bóvedas do templo... bacilar aos obreiros que sostiñan a cruz tirando de cordas....o trono ecoou entre as arcas abucinadas e a Imaxe do Cristo asentou e entalou no seu sitio.  Aldrey dicía que aquela lembranza do lostregazo que caera no pararraios da torre lle retumbaría na memoria sempre.

Imaxes e relevos da Veracruz que foron sufragados por particulares, entre elas e na que Aldrey puxo todo o entusiasmo, contaxiado por don Evaristo, foi na imaxe do San Cibrao. O escultor ben coñecía a imaxinería dos templos galegos, entusiasta de Xosé Ferreiro que abre as portas ao Neoclasicismo: esas figuras que semellan moverse, saír dos seus altares, falar, cantar ou chamarnos e acompañarnos. Quizais por esa pegada  de movemento, tan particular, se lle encargaron tantas imaxes procesionais.

A imaxe do San Cibrao ocupará a capela que pra el trazou o arquitecto Palacios, con celosía “islámica” . Imaxe que abre os brazos pra unha grande aperta comunal, saúda cunha man, parece deixar a palma do martirio.... na outra apoia o báculo,  patriarcal, como druída celta que da un golpe na Terra.

De cousas así falamos moitas veces con Aldrey. Il  procuraba unha aprobación que había que darlla. Por todo, pola súa profesionalidade, saber falar o xusto e a súa desbordante humildade e bonhomía, a que nos aproximaba a como sería o seu mestre Asorey. Tanta, que un día, pouco antes de morre, alá polo San Martiño de 1996, apareceu polo Castelo de San Antón e sacou dunha caixa a  máscara fúnebre de don Evaristo, e díxome “pra ti e que che dea tanta sorte como a min”. Pero tampouco queda aí a cousa, regaloulle a Chamoso varias cousas e mesmo dentro doutro estilo, non tan de imaxineiro, máis innovadoras, e algunha delicia, obra de artista, en buxo, como  a maqueta do Cristo do Carballiño e en xeso policromado a maqueta do San Cibrao. Chamoso e a súa familia, ao saber da miña carballiñesidade, pouco antes do seu pasamento e despois dunha intensa viaxe a Grecia, nun Nadal, regaloume esas dúas peza, as que lle dan un carácter catedralicio, ao menos de lembranzas, ao meu cuarto. Milagres da vida.



16 Setembro 2020