NOTICIA SOBRE RESTOS ROMANOS NO PATIO TRASEIRO DO GRUPO ESCOLAR DO CARBALLIÑO

Ampliar: Noticia de Cuevillas no 1927, Academia Galega



Recollemos esta noticia ofrecida por Cuevillas no Boletín da Real Academia Galega de 1927. Proba dun enclave posiblemente mineiro, en relación con outros vestixios do mesmo tipo nunha zona e bisbarra fondamente romanizada, de castros e minas

Cando exista un Museo Histórico da Terras do Carballiño recollerá e ampliará o mapa de vestixios do acontecer no tempo e no seu espazo: nunha primeira parte aspectos arqueolóxicos da Prehistoria, como o Paleolítico da terrazas do Arenteiro, o Megalitismo espallado polos ermos da Medela, Astureses; os petróglifos da Madanela, Anllo... os  habitats da primeira Idade dos metais do mesmo Parque; dos grandiosos castros como o de Souteliño, o de Amarante... de asentamentos romanos aínda por determinar no mesmo núcleo urbano do Carballiño e todo ese fenómeno altomedieval, cristianizador.... Terras pois inzadas de arqueoloxías das que tamén dan fe non so no Museo Arqueolóxico de Ourense, senón tamén no de Pontevedra, entre outros.

Galiza, como poucos países e dende sempre, abundou en documentación , en publicacións onde sabios locais se universalizaron, especialmente a partires do século XIX e no século XX, velaí os boletíns das Comisións Provinciais de Monumentos, que mesmo eran como escolas de documentalistas, paleógrafos e arqueólogos; o publicacións como o Boletín da Academia Galega e os que van creando a universidade, os museos e asociacións de estudos locais...

O Boletín da Real Academia Galega, número 194, editado na Coruña a 1 de maio do 1927, non ten desperdicio respecto a importantes noticias arqueolóxicas, entre elas a que da  Florentino López Cuevillas sobre o castro da “Cibdade de San Cibrán das Las” e a de “Un achádego arqueolóxico no Carballiño”

Pois pousamos nestas ringleiras arredor dun singular achado datado na romanización. Cuevilas, tan amigo e asiduo do Carballiño, cóntanos algo que tamén eu escoitei, que cando se finalizaba a construción do Grupo Escolar, ( alá polo fin de marzo de 1927) á beira da vella estrada de Pontevedra, “ao rebaixar o terreo pra construír unha rampla de acceso que vai bater na traseira do edificio” isto é que dende o pórtico lateral de entrada da acceso ao campo de “recreo”,  “...  deron en aparecer ladrillos de grosor considerable.  Espertouse con elo a curiosidade dos obreiros, quen, sen moito tino, seguiron afondando até asoellar unha cavidade rectangular, revestida de ladrillos de 50 x 22 e 8 cmts, seguida no seu primeiro tramo e cortada despois de treito en treito por falsos arcos...”

Cuevillas lamenta non se ter feito un estudo especializado, que permitira completar os detalles desta estraña construción: cinco metros escavados ao longo, cun paso duns 75 cmts de ancho, entre paramentos de ladrillo. Construción da que o arqueólogo ourensán fai un bosquexo de planta e alzado. Distingue o tamaño e a calidade dos ladrillos, os que non dubida ser romanos.

Un forno romano: hipocaustum o forno cerámico?

Decátase de que na terra extraída aparecen carbóns e coloracións cincentas nos ladrillos, entendendo que se poda tratar dun forno,  quizais “pra quentar un compartimento superior co cal se comunicaba por medio dunhas furas verticais practicadas a rentes dos falsos arcos”. Podería ser pois un “hipocaustum”, sistema de calefacción  dunha construción de certo rango, das que abondan no mundo romano e mesmo en Galiza, tanto en termas, balnearios como en casas distinguidas. Máis non observa vestixios das canles da necesaria auga pra ter un carácter termal. Finalmente pono en relación con outras construcións similares pero dedicadas a forno cerámico:  dividido en dúas partes “ destinadas a anterior a servir de fogar e a posterior a repartir con igualdade por medio dos buracos verticais o calor no recinto superior, onde se colocaban as vasixas que axiña quedaban ceibes dos lampos das flamas”. Pero non deixa unha opinión definitiva...observa que na zona inmediata “a Grova” - topónimo alusivo a foxos e a amoreamentos mineiros - existen gabias de 20 metros de ancha por 100 de longa e 8 de fondo...que se comentaba ser restos dunha explotación mineira...pero tampouco atopa restos. Remata  a noticia propoñendo unha prospección arredor, o que nunca se fixo.

O contexto do Grupo Escolar, hoxe moi alterado por construcións, era converxencia de camiños que logo foron de arrieiros, cara Arcos, Señorín. Camiños fondos, moi antigos, como o inmediato do Porto do Carro que  aínda leva á mítica Fontiña Ferrada. Así como tras o mesmo Grupo Escolar, na casa e xardíns da familia Campos, denótanse cambios topográficos que dan moito que pensar a quen teña meticulosa ollada arqueolóxica. Vestixios semellantes, aos que aínda se ollan ás beiras dese camiño vello que, tras o chalet da “Xeitosiña” vai cara ao Balneario.

Lembramos  que na esquina daquel campo de recreo escolar, á dereita e cara ao camiño, que se erguía un grandioso e alto ciprés, como a carón da fachada das escolas os solemnes e xigantes lamigueiros, ribeirando a estrada de Pontevedra e que na escola nos ensinaron a chamar en castelá negrillos.. de espesas de follas murchas polo  tempo do San Rosendo, agromeiras  pola Candeloria, pre despedir no outono e acoller na primavera o  agoirento bo retorno das bandadas de estorniños

 Entre outras ao facerse cimentacións para algunhas construcións na rúa de Margarita Taboada, temos atopado e observado grandes pedras de cantaría e canles de pedra de antigas construcións e que pola labra romboidal puideran ser romanas.

Noticia aquela do achado do Grupo Escolar da que non se conservaron nin fotos, nin achados, nin continuidade no estudo do contexto. Quizais a sensibilidade e a madurez cultural do tempo futuro revisará, corrixira e complementará datos dese crabacabezas  que son as nosas orixes, a nosa Historia.



24 Agosto 2020