A MADEIRA NAS MAIS ANTIGAS CONSTRUCCIÓNS DO CARBALLIÑO
Repaso dunha antiga arquitectura en madeira, policromada en aceite, complementando a estructura básica en pedra. Desapareida e da que apenas quedan pegadas ou documentos. Construccións que caracterizaban o entorno orixinario da feira
Calquera animal busca refuxio fronte aos perigos do medio, lugar onde acollerse e acougar. Atopa e aproveita covas, acubillos, fai tobos e niños entre ramas e madeiras. Así é que quizais antes que a Idade da Pedra houbo unha Idade da Madeira, da que nada ou pouco queda.
Os seres humanos dende a máis remota Prehistoria, entre os seus progresos racionais, acondicionan e constrúen habitáculos con vexetais. Vanse esmerando na arte de trenzar ramallos, vimbios, xestas, xuncos, en facer cordas, na práctica de cortar árbores, facer táboas e artillalas unha con outras o que fai por varios sistemas, encastrando, mediante tarabelos, gonzos...E mesmo pode complementar esas estruturas de canizo ou ramas con revestimento de barro. Tamén pode recortar os acabados en madeira con adornos de festóns, labras,mesmo pintados con caleado. Segundo sabemos pola Arqueoloxía son técnicas aplicadas dende aquelas casas de planta circular, castrexas, ata outras construcións máis complexas.
Saberes experimentados con materiais maleables e efémeros, como vimos dicindo que é a madeira (lignarios). Xeito de feitura que, ao cabo do tempo, se transmiten e copian en outros materiais máis duradeiros, como son as pedras: como proba velaí os ordes da arquitectura clásica grecolatina, o mesmo Partenón, que na súa estrutura en mármore reproduce e desvela a súa inspiración nunha arquitectura lignaría: esteos que sostiñan pendellos agora convertidos en columnas para pórticos con entaboamento triangular, a dúas augas, coa súa arquitrabe, friso, triglifos, metopas... recordos dunha arquitectura en madeira e que a historia da arte chamará “esqueuomorfos” (esqueuo=durar, morfe=forma) (survivals), isto é supervivencias dun pasado, neste caso de madeira reconvertidos en pedra. Herdos que as novas arquitecturas, cos novos materiais, coas novísimas tecnoloxías e novos códigos construtivos, asumidamente, van deixando. Pero algo queda que o arqueólogo busca: mesmo as secuencias xeométricas, os zig-zags, cordados... son recordos das tramas xeométricas dos enramados, armazóns da cestería, do tecido...para converterse en adorno decorativo.
O Carballiño, ben sabido é, ten a súa orixe arredor dunha feira marcada na secuencia do almanaque. Encontro temporal, por unhas horas de día, nun lugar determinado, encrucillada neste caso, que reporta efémeros preparativos, capacidade de improvisación en montaxe e logo desmontaxe de postos de venta: mostradores sobre cabaletes, cubertos telderetes, bancos, tallos ... todo en madeira e que , segundo as circunstancias climatolóxicas, se irán montando, complementando, pra ao remate do día desmontar todo nuns minutos, amontoar ordenadamente os elementos construtivos e mesmo transportalos ou almacenar pra outra. Todo como si se tratase dun precursor, xenial e práctico Meccano.
O auxe dos serradoiros e as carpinterías pra pendellos, cabaceiros, tabernas, tendas, casas..
Elementos e técnicas construtivas tradicionais, rápidas, entre as que as gaias, as varas e os sistemas de ensamblaxe son fundamentais. Estruturas que ao cabo do tempo, ao consolidarse o encontro feiral, faranse estables coa axuda de cravos e parafusos de metal... Supondo o trunfo das carpintería e do seu complemento voa ferraxería. Tamén as construcións se irán consolidando en pedra co auxe dos canteiros e os construtores. Velaí os pendellos, os que quedan aínda nos lugares de feiras tradicionais, antolóxicos son os de Agolada, entre tantos que houbo e que tamén caracterizaron o Carballiño, no seu primeiro lugar da feira, arredor da primeira igrexa parroquial.
Aínda así nun pais de bosques, de madeira, de serradoiros e carpinteiros, a madeira sempre estivo moi presente e quedou na construción, pese ás mudas e ás modas construtivas.
Escoitamos dos vellos, os que foron os netos dos primeiros poboadores do Carballiño que o primeiro núcleo habitado do que sería a vila, foi por xornaleiros cordaneiros de Maceda, establecéndose á beira dos camiños das parroquias de Señorín e Mesego, en Carrás, logo o traslado a carón dos novos camiños, Flores, a Carreira. Eran as súas casiñas elementais, algunha aínda queda en Flores, lembro a dos “Monada”con parte alta en madeira, detrás de feituca e xa nova e en pedra dos “Macarrilo” e a carón da do “Samuel” (do Carro”). Sei que falar así é como facelo en chino, pero alguén con vivencias lembra e sabe que non.
A feitura en madeira era fundamental entre soportes, esteos ou piares en pedra nas esquinas e linteis das portas pra asegurar a construción... Velaí os hórreos e cabaceiros que pese a todo non hai moitos no Carballiño, fundamentalmente e polo seu carácter efémero construídos como dicimos, en pedra e madeira. Entre casiñas que por diante tiñan o seu curral e valado e por detrás quizais un resío descuberto ou unha currala fundamentalmente pra o carro e o almacenaxe de entrada e saída rápida, como a casa dos “Valcarce”, entre cortes e palleiras mesmo tamén con divisións interiores de madeira.
Nas derradeiras décadas vimos como se foron perdendo ou trastornando, como se revestiron en ladrillo ou bloque aqueles paramentos orixinarios de madeira, mesmo consolidada con pintado de liñaza coloreada, fundamentalmente en marrón ou en azul . Lembramos na chamada praza das Galiñas, así denominada pola súa especialidade no mercado na feira, a casa do “Gito”, na que almacenaba e a carón da que mostraba os produtos dos oleiros da banda de Maceda. Aquela casa tiña fronte de pedra e traseira de madeira, pra ser logo enladrillada e inicio deste século demolida... ao seu carón a casa da “Moitas”, tamén de madeira, desaparecida xa nos sesenta,
No barrio de Flores abondaban as palleiras en madeira e no faltaban paramentos revestidos deste material, aínda queda un tramo na “Bodega”. Mesmo na encrucillada do camiño de Mesego, no significativo barrio das Táboas, así chamado por un serradoiro e almacenaxe de torres de madeira pra vender, cara ao Parque, estaba a casa das “Casianas” , antolóxica entre as construcións de madeira, á que aínda lle quitamos algunhas fotos, desaparecida nos oitenta.
Madeira fundamental pra vigas, ripios de tellados, os que culminaban coa guinda dunha bufarda mais ou menos adornada, tan servizal pra ventilar e iluminar os fallados e secar roupa ou froitas como pra almacenar. Mesmo as divisións dos cuartos interiores inicialmente facíanse con táboas imbricadas a unhas coas outras, en madeiras duras. Segundo e polo poderío da casa, xeralmente eran caleadas, mesmo complementadas cun zócalo en cores máis sufridas, pra disimular os roces, xeralmente en azul ou en marrón...
E entre esa arquitectura lignaria carballiñesa, con orixe na feira, antolóxico e novidoso foi o “pavillón Neira”, teatro, cinematógrafo... de existir un tesouro en todas as ordes, que merecerá amplo e nostálxico capítulo aparte.
Pois velaí o valor das testemuñas, das lembranzas e dalgunhas fotografías que aínda quedan, documentando o que dicimos. Probas de como se vai construíndo a cultura, como o que o ser humano “cultiva” pra resolver problemas de vida.
20 Xullo 2020