PASADO E TRISTEIRO FUTURO DA ESTACIÓN DO FERROCARRIL DO CARBALLIÑO

Ampliar: Estación do Carballiño, 1960



Unha das grandes obras do Carballiño foi a Estación do Ferrocarril que, coa Veracruz, abría a un novo Carballiño... obra de equipo, coidando o deseño, a estética e cavilada para un futuro que non foi. Na actualidade nun lamentable estado

Na metade do século XX o Carballiño experimenta grandes cambios. Pese ás consecuencias, aos traumas da guerra, á sangría da emigración é unha atractiva vila en obras, escollida para ao veraneo e polos augüístas, onde a construción acada un modélico pulo. Intres nos que se improvisa un novo eixo urbanístico entre a  prometedora e a flamante estación do ferrocarril da vía Zamora a Coruña e o Templo da Veracruz, símbolos do corpo e alma da vila. “Novo urbanismo que a Veracruz creará” proposto polo arquitecto do templo Antonio Palacios e a sumar a recursos xa consolidados como o Balneario e o Parque. O Carballiño resultaba un catálogo arquitectónico do que se levaba do século XX, modélico polas súas construción en pedra e que na década dos setenta, por un desenvolvemento desbocado iría mudando e descoidando. Arquitecturas ben estudadas e catalogadas polo historiador da Arte Rafael Otero Janeiro, da saga dos construtores da Veracruz, que non é pouca cousa.


As propagandas do Estado nacionalcatolicista , para acender as paixóns. atrevíanse a comparar as obras da Veracruz como as da liña do FF.CCC. coas grandes obras da humanidade.

Proxecto  de ferrocarril que comeza a tramarse co reinado de Isabel II, metade do século XIX, a fin de unir o Noroeste con Madrid e a Meseta. Máis a orografía, a despoboación e a fantasma da previsible pouca rendibilidade foron argumentos esgrimidos dende fora para paralizar o proxecto en varios momentos, coa interesada intervención dos políticos galegos. Coa ditadura de Primo de Rivera retómase a cuestión, en boa parte incentivadas polo entusiasmo dun Calvo Sotelo, entón etiquetado como o “Ministro Bolchevique”, deputado  polo Carballiño, sumando as ansias do enxeñeiro coruñés Xosé Fernández-España Vigil, que finaría nun accidente en Verín no 1927 cando controlaba as obras. Coa Segunda República volve o tema ao debate, entre o paro, as manifestacións, as folgas e  incluso a proclamación da república galega por unhas horas , foi sobranceiro o papel de Antón Alonso  Ríos, vida digna de homenaxe.

A estación do ferrocarril supoñía recuperar a vocación de encrucillada que sempre caracterizou ao Carballiño no mapamundi, agora  complementada polos camiños de ferro. Plan que ocupa toda a primeira metade do século XX, con duros episodios: expropiacións, dificultades en construcións de túneles, viadutos, estacións, falla de cemento, os accidentes, as folgas, a silicose... O Carballiño deuno todo polo tren, entre outros como o filántropo Perfectino Viéitez ofreceron as súas propiedades a condición de que o tren pasara polo Carballiño. Un plan feito coa dignidade  que Galiza merecía e con “visión de futuro”, dun futuro que non foi, que é o noso presente, de descoñecemento, parálise e destrución.

Obras pra un futuro que  non foi e que agora é o noso presente

As obras da Veracruz e da Estación eran pros xogos daqueles rapaces que fomos como dous castelos inacabados: temerarios poñiamos as vagonetas en movemento polas vías, furábamos polos túneles subterráneos das conducións baixo a estación... Vivimos fondamente, como parte nosa a súa fábrica, a súa inauguración, a súa apoteose e o agora ....

De Zamora a Coruña, pasando. entre outras vilas avivadas, por Ourense, Carballiño, Boborás, Irixo, Lalín, Bandeira.... e Compostela, núcleos xa unidos polo tradición e agora máis nunha mesma ansia .

Obras que implican un meticuloso traballo interactivo, fundamentalmente de enxeñería, moi documentada en arquivos, memorias, revistas de ferroviarios, de colexios de enxeñeiros.... pero pouco estudado e divulgado. Plan que reúne a sobranceiros técnicos, entre eles ao enxeñeiro carballiñés Marcelino Enríquez Parrondo, que comeza deseñando a estación de Zamora e que controla canto significa o ferrocarril na súa terra. Obras que conseguintemente  moveron e agrandaron a empresas construtoras galegas, como á do enxeñeiro Rodolfo Lamas ou á do ourensán e tan querido no carballiño Emilio Suárez, asesorado este polo arquitecto do movemento moderno Antonio Ales Reinlein.

Equipo de Enxeñeiros conformada ademais de  Enríquez Parrondo por Tovar Bisbal, Vicente Machimbarrena,  Martín Gil, Antonio Salazar Martínez, Roberto Gonzalez de Agustina... os que mesmo morto Palacios e inconcluso o plan da Veracruz, ofrécense e animan ao párroco don Evaristo para continuar o programa da que sería obra póstuma do seu admirado arquitecto e mestre Palacios.

A maioría  dos proxectos das estacións do tramo de Sanabria á Coruña, entre elas a do Empalme de Ourense,  encárganselle ao enxeñeiro José Luis Tovar Bisbal,  autor tamén do fermoso e atrevido viaduto de Ourense (1933-1958). Obras de edificios de estacións pras que se fai un estudo previo das particularidades históricas dos lugares nos que teñen que actuar, movéndose dentro de presupostos da ultima faceta do Modernismo, ese rexionalismo  ou nacionalismo que tan ben representa o arquitecto porriñés  Antonio Palacios, empeñado en tres presupostos: pedras, canteiros e historia da arquitectura.  Si ben na estación do Carballiño será Marcelino Enríquez Parrondo quen firme a súa arquitectura, dentro do plan integral e racional de Tovar Bisbal no que combina tradición con contemporaneidade dentro dun plan urbanístico, con almacéns, talleres, cargadoiros de gando, virador de máquinas, torres pra transformadores eléctricos, traída de augas propia, rede subterrénea para canles de enerxía, levada e traída...Enxeñeiro que sabe o que lle compre a unha vila aberta aos camiños, esa porta de entrada e saída , de benvidas e despedidas.

Presupostos arquitectónicos que re-crean sobre a arquitectura renacentista de Gil de Hontañón, sobre o barroco compostelán e dos pazos, cos seus soportais...pero tamén cos novos materiais, como o formigón... todo coidado con meticuloso deseño: cables ocultos por conducións soterradas en túneles, deseño de portas de forxa, de balconadas, mesmo da carpintería do mobiliario, incluso pras casas da urbanización de traballadores....O  vestíbulo recuberto con mármores, molduras de escaiola, de  granito, coidadas cornixas e orelleiras de portas, luz indirecta...con murais sobre paneis realizadas por Manuel Prego de Oliver: a pastora de ovellas, e os cabalos... Xogamos cos fillos de Prego vendo pintar esas obras nunha casiña alugada polo pintor e a familia nunha banda do estadio de Espiñedo. Medio século despois recordeillo ao pintor ourensán, que decorou tamén a cafetería que incluía cadros de caras galegas entre elementos labrados en madeira, seguindo tradicións artesáns. Queda a desgana e o mal gusto.

Vivimos  fondamente, como unha ilusión compartida e cumprida a inauguración da estación aquel 8 de setembro 1958. Sabémolo ben pois a meu pai encargáronlle, da noite pra mañá, pintar tres grandes paneis: un coa cara de Calvo Sotelo,outro coa  de Xosé Antonio e un terceiro coa de Franco...que non lle saía, saíalle cun flemón, pra borrar, volver pintar...non houbo xeito... Pesadelo entón e asunto do que ao cabo dos anos nos rimos. Os sentidos da multitude asistente ía máis cara aos asubíos da locomotora, engalanada coas bandeiras de rigor e á parafernalia dunha ditadura que asomaba  e saudaba ao paso lento e seguido do convoio.



12 Xuño 2020