Humanismo e “Turismo de Autor” pra todo tempo e pra todos os públicos

Ampliar: Monte Seixo, Cerdedo



A pandemia ponlle couto á convivencia, en especial a canto significa o turismo, degradado nos últimos anos pola masificación e a mercantilización do sector con falta de creatividade. Proponse aquí un turismo integral, ecolóxico, cultural, humanista

A pandemia supón confinamento e restricións na convivencia, nunca couto na liberdade de pensamento e na creación, senón todo o contrario. O coronavirus bate fondamente contra canto significa mobilidade, encontro, relacións, solidariedade...tan importantes na madurez sociocultural pola tolerancia, a liberdade e a paz,  as bases da cultura. Aspectos nos que entra o turismo coa oferta e a demanda de “produtos turísticos” como din os comerciais. Actividades que presupoñen programas, viaxes, hostalería...tamén deshumanizado, degradado por un consumismo desbaratado que non beneficia aos destinos nin aos destinatarios, afógase á galiña dos ovos de ouro. Sumidos na rutina tópica, en rabaño, á mesma hora e ao mesmo lugar, como unha desaforada invasión. Fráxil patrimonio natural e cultural sobreexposto aos fenómenos naturais , como tamén ao instinto depredador e á irracionalidade do ser humano.

As restricións presupoñen alternativas minoritarias, grupais, selectivas e que non se mostran  ao alcance de todas as posibilidades. Mais pode non ser así, compre profesionalidade turística, isto é coñecer o que se ofrece, entusiasmos sedutor e dedicación: coñecer o mapa e as súas posibilidades en cada tempo, racionalidade, creatividade, fender cos tópicos do sota cabalo e rei dos destinos masificados, dosificar e estender os programas, o que tamén supón máis oportunidades a un sector tan competitivo. E como todo ten prezo depende da calidade e da cantidade. Mais ollo, lembramos a frase de Antonio Machado “todo necio confunde valor e prezo”.  A profesionalidade, o bo trato recibido, o  ben estar teñen un gran valor ao que tamén se pon prezo e agradecemento.

Galiza experimentado país de encrucilladas, portos e saberes da viaxe

A materia prima, os recursos naturais e culturais non faltan en Galiza: pais de camiños e de portos, de peregrinos, de viaxeiros e emigrantes... de parada e fonda, de xente que sabe recibir e despedir, pero compre sabelo, profesalo, actualizarse conforme ás novas circunstancias e saber manter o equilibrio natural, tradicional, cultural, os escenarios nos que se desenvolve o ser humano, herdo pra deixar ao futuro mellorado.

 Cumpría revolverse contra un turismo  consumista, desbordado, provocador que se move por tópicos. Cando hai moito máis dentro da universalidade da cultura, máis alá de tópicas praias, furnas ou montes, catedrais, castelos, pontes ou museos publicitados, arredor dos que se amorea a masa humana... Queremos dicir que a máis da Catedral de Santiago, da Torre de Hércules, das murallas de Lugo, da ponte de Ourense ou da Pontevedra vella...hai outra vida ao seu redor e moitos xeitos de enxergalos nas moitas horas dos días... sen ese ansioso vicio posesivo por entrar, ver, tocar, fotografar... Compre unha nova educación e reformulacións.

Galiza, cabo do Vello Mundo, labirinto onde sempre hai que descubrir, entre enigmas de pasado, brétemas e aportes traídos e levados... Experiencias hainas, non esquezamos que de aquí partiron viaxeiras como Exeria que no sc. IV fixo camiño a Terra Santa pra compartilo, tampouco que este é o país do Calixtino, onde no século XII xa se espallan os fitos da peregrinación á tumba dun Apóstolo....mesmo tamén petando na sensibilidade os efectos da aculturación, eses esperpentos que poñen a proba unha identidade distorsionada. Aínda así beleza natural, territorio humanizado a través dunha longa historia, arte, etnografía, literatura, gastronomía sempre en devalar... Educar aprendendo a superar as orelleiras dos tópicos, a mesma  ditadura da vista, a do “xa o vin”. País pois para enxergar, isto é pra sentir a través dos sentidos e interaccionalos con vellos e novos saberes.

Buscar a Historia de Galiza a través dos seus escenarios, das pegadas e das cicatrices

Vértice de Iberia cunha grande oferta, segura e natural. Histórico pais de encontros, onde sempre se bate cunha feira, unha festa ou romaría, de parada e fonda... agora confinado e ante novos retos. Terra de guías turísticos, mesmo absorbidos polo mundo, experimentados en que a andar se aprende andando e a contar contando, baixo o principio de que quen nos escolle no mapamundi para inverter o seu tempo, as súas ilusións e as súas posibilidades, merece comprensión e o mellor trato pra que se vaia contento, conte e volva con outros. Aprendamos que cada ser humano, cada sitio, cada momento é como un prisma diferente e de distintas caras e reflectires, persoal, intransferible, cambiante. Bo principio didáctico.

E comecemos fendendo con ese outro tópico ou “paquete turístico” da Galiza das catro Provincias, orixinado polo decreto de 1833 do Ministro de Fomento Francisco Javier de Burgos, para un estado centralizado repartido en provincias. Propoñemos a viaxes unindo cabos históricos, asumindo a constitución da Gallaecia romana que, comprendía o territorio Asturicense, isto é Asturias e León, Bierzo, Sanabria...; xunto coa Bracarense centralizada por Braga ate o Mondego, co Minho, Tras os Montes, o Douro... e a Lucense  todo un universo co que interaccionar e ofrecelo como se ofrecen os Países Baixos ou os Nórdicos... Entrando así nas pegadas históricas do Reino de Galicia  que perde a parte Bracarense no 1139 polas liortas das fillas, xenros borgoñóns e netos do Rei de Galiza Alfonso VI, anque baixo o lábaro da cruz divididos fronte ao Islam. Territorio onde latexa o espírito animista, panteísta, soidoso, entre o cabo da vida e da morte, polo que comezar para interpretar un país de converxencias, rico en símbolos: o labirinto, a cunha cuncha de Venus, o Grial, a estrela, a tumba, a frecha marela....  

Velaí a base dende a que empatar rutas de autor, creativas, personalizadas, para cada tempo e circunstancias. itinerarios pra bordar e interaccionar, adubados de bioloxía, de historia, de cultura. Pra agora neste tempo do tópico das praias, do bronceador e dos chiringuitos, proporíanse cinco grupos antolóxicos, de cinco e máis itinerarios, entre incontables  arqueoloxía, termas, exóticos pazos e xardíns.... Para enxergar quen somos na encrucillada do antes co despois.

Infindas posibilidades que combinan paisaxes con paisanaxe que as humanizou, en devalar co tempo: días outonais de Magostos, invernais de Nadal, primaverais de Entroido e Maios, o verán do San Xoán, como ancestral  Pórtico aos Catro Elementos, o que máis o lume, feito pirotecnia ou proxección de luz, cor e música.

1 - Cinco camiños de Santiago e máis, cunha orixe que se perde nas vías romanas, refeitas nun medievo pra converxer nun dos centros da cristiandade, capital do Románico, Compostela: o camiño Francés que artilla o vello reino Galaico- Leonés, onde se fai imprescindible coñecer León, Astorga, Vilafranca, os misterios do Cebreiro, Samos, Melide.... O Camiño Primitivo ou de Oviedo, pasando pola Fonsagrada, Lugo, Sobrado.... O Camiño Portugués con Coimbra, Braga, Ponte da Lima,  Pontevedra, Padrón.... O Mozárabe ou Vía da Prata que dende Andalucía une Estremadura, Salamanca, Zamora, Sanabria, Valdeorras, Ourense.... E o Camiño Inglés que parte dende portos, como o de Ferrol, Neda, Pontedeume, Betanzos, Coruña, Bruma... E sempre un santuario, un mosteiro, un mesón...

2 – Cinco Rexións vitivinícolas e máis, xa que o viño, o pan e o queixo poñen sabor e saber á Terra : o Ribeiro cos cinco ribeiros dos cinco ríos,  Miño, Barbantiño, Avia, Arnoia e Arenteiro; a rexión de Monterrei vixiada polo Castelo con tanta transcendencia en historia das conquistas; a denominación Rias Baixas seguindo o Umia, dende Caldas de Reis a Cambados e nunha banda Vilagarcía. A Ribeira Sacra do Miño, do Sil, do Bibei....e a denominación Valdeorras...

3- Cinco Rías  cos seus cabos e máis , esa beiramar de rías formadas por ríos: a de Ribadeo, a de Viveiro, Bares, Ortegal, Ferrol, Pontedeume, Betanzos, Coruña e as Cinco clásicas e tópicas que se meten nos libros e a lenda nos dedos da man de Deus: Corcubión, Noia, Arousa, Pontevedra, e Vigo. Praias, cabos, faros, furnas, lendas, naufraxios. Santuarios...

4- Cinco  mosteiros e mais: Pais do trunfo do císter, do franciscanismo, humanizando co seu “ora et labora” o territorio: Caaveiro, Monfero, Sobrado, Oseira, Montederramo, Acibeiro, Oia, Melón...Complementados por enigmáticos santuarios: San Xiao do Trebo, Teixido, o Chamorro, os Milagres do Monte Medo, Amil, Franqueira, a Lanzada, o Tegra.... e arredor deles romarías, coas súas danzas e ofrendas, nas que asoma a tradición do xantar.

5– Cinco Montes e máis  dende ermos que, co tempo, mudan o seu manto de cor a fragas espesas que esconden lagoas, fervenzas, penedas con formas estrañas: Ancares, Cebreiro, Manzaneda, Faro, Pena Corneira, Suído, Seixo...

Centos de posibilidades, rutas de escritores con centro nas súas casas-museo, Rosalía, Pardo Bazán, Curros, Pondal, Valle-Inclán, Otero Pedrayo, Cela, Cunqueiro, Uxío Novoneyra,  Manuel María...Como Compostela hai moitas, a dos coengos, a da feira,  do mercado, dos estudantes... todas elas literarias e míticas.

Megalitos como o de Dombate e infindos máis;  petróglifos máis alá do centro de interpretación de Campo Lameiro; confín dos verdes castros como o de San Cibrao das Las ou Viladonga; de santuarios e vilas romanas, suevas, castelos, faros, muíños, fornos...arqueoloxía industrial. Tanto que cadaquén sentirase investigador.

31 de Maio do Coronavirus 2020