Miradas, retratos, documentos de presente e de futuro

Ampliar: Miradas do Coronavirus no CHUAC



Con motivo do Coronavirus un doctor do CHUAC tivo a idea de fotografar algunhas olladas, tras a máscara protectora, dos seus compañeiros. Idea que nos leva linguaxe endexamais mintireira das miradas, tan usada na poesía e na arte.

A cultura, ao fin e ao cabo está feita de normas que buscan sobrevivir en harmonía, limando a tendencia animal depredadora. A cultura oriental, tan andada, nese encontro do un co outro é de saudar e facelo con respectuosas reverencias, agarimando coa mirada, namentres que a  cultura occidental, latina, é máis de invadir ao individuo, tocándoo, refregando, agasallando coas mans, como  querendo comelo todo,  a marcar territorio, berrando, tripando ao outro...tamén niso compre seguir a matinar cara á “Nova normalidade” fronte ao coronavirus. Entre eses códigos culturais, anovados, recuperarase a mirada.  



Ao respecto da linguaxe das miradas, polos medios de comunicación chega ao confinamento a noticia de que o doutor Benito Castro, un médico de urxencias na primeira liña de loita contra a pandemia no Centro Hopitalario Universitario da Coruña, nos seus escasos e desafogados intres, ocurríuselle retratar, un intre das miradas da acción d@s compañeir@s, pra deseguido montar i expoñer unha composición fotográfica mural: miradas de profesionais que profesan o que viven: vestidos de bata ou filipina, cubertos co gorro  entre este e o cubrebocas ou mascara  ensinando os ollos pra meterse e expresar a realidade e a personalidade. Miradas ante a enfermidade, a incerteza e a morte,  mais sempre nelas unha suave raiola de esperanza. Olladas de loita, de medo, de impotencia, de canseira, de compaixón e amor a un ser humano co que inevitablemente se identifican... Relanzos de luz vital, que tampouco son novidade, son a normalidade nun hospital, nun ambiente de esperas, desesperos e remedios, agora máis visibles e plausibles ante un reto incerto e cambiante. Pois velaí un documento de museo, para a socioloxía e a historia, para seguir sempre a aprender sobre a fraxilidade do ser humano e do planeta. Instantáneas antolóxicas na historia do retrato das que sacar conclusións, cando o ser humano depende dun virus.

E velaí, de sempre, a linguaxe das miradas, a que cadaquén, saíndo das cegueiras parciais  vai construíndo segundo as súas experiencias vividas, como tentando sacar a verdade do fondo dun pozo. Algo moi de agradecer e a cultivar entre o crecente imperio das mentiras. Miradas, panacea natural na era da información fronte á desinformación campante.

Teosóficos ollos de gato,  ameazantes de serpe, espreitantes de ollomol,  enxergadores de lobo,  sabios de moucho, ou de vaca,  os que para Homero eran piropo aplicado a Hera, a esposa de Zeus, “a de ollos de vaca”. Atractivos e inquietantes miradas de vaca, sabias, as que convidaban a filosofar a don Ramón de Trasalba. Non deixemos os ollos  dos cans, a través dos que nos falan, complementando o seu idioma  coas orellas e co rabo...e  os seres racionais tentamos racionalizalo todo.

Ollos que circunscriben vivencias, como capelas nas que aniña o curto ou amplo universo de cadaquén, o persoal paradigma ou metáfora platoniana da caverna, xa que diante dos ollos, das súas orelleiras ou gafas, existe un mundo e un universo por enxergar, sempre inacabado e eterno... Ollos como escenarios parellos para reflectir un acontecer,  por algo dende os tempos exipcios e sumerios decorados, pintados con rímel e outras artificialadas, avalando así a súa transcendencia. Sabendo que, a través dos ollos ese capaz de atraer ou someter a mirada do outro é un principio polo que entran e se complementan as emocións.

A mirada, espello da alma

Inspiradoras miradas, reto nada fácil pra os retratistas de todas as artes, lugares e tempos, o de reflectir o que expresa a mirada, iso que hai detrás dos ollos, o que latexa no espírito. Mesmo o idioma galego para cada tipo de ollada ten a súa expresiva verba: abesullar, espreitar, fitar, avistar, enxergar, vixiar...  E nesas pescudas até puideramos construír unha historia das miradas a través da Arte: velaí as olladas confidentes dos retratos exipcios de El Fayúm, como querendo trabar un diálogo; as miradas dos murais pompeianos, expresando a felicidade duns intres paralizados nun día, entre danzas e tricliniums; as impositivas olladas, ditatoriais dos Pantocrator románicos e das matriarcais virxes góticas;  as miradas das interpretacións bíblicas, ollos riseiros ou  enfurruñados entre estralampos de paixón, amor, odio, traizón, noxo...a través das que circulan todos os vicios e  virtudes; as agónicas, resignadas, derrotadas, derradeiras olladas de cristos-deuses; a expectante mirada do purpurado “Cardeal” de Rafael; a mirada sedutora da Monnna Lisa; a curiosa e tímida da “Moza da perla” de Vermeer; as inquietantes, atoleiradas, místicas órbitas oculares dos retratos do Greco, suplicando compaixón;  os ollos saltóns, pantagruélicos, enfermizos dos pintores flamencos,  entre eles os saídos de órbita das figuras Rubéns; os dos retratos de Velázquez, arrogantes,  penetrantes, como a mirada desconfiada e dura do Papa Inocencio X ou a altiva de Juan Pareja; as olladas turbulentas dos retratos de Van Goth ou, entre tantos e por tan diferentes camiños.  Mesmo na Arte Galega os retratos da autoría de Fernando Álvarez de Sotomayor,  miradas que expresan esa psicoloxía risquiana de que as cousas son e exprésanse “asegún”; as exquisitas dos retratos realizados polo esquecido pintor pontevedrés Quintas Goyanes, alumno de Castelao que foi director do Museo de Belas Artes da Coruña; as miradas libidinosas dos persoeiros pintados por Sucasas, as de ollos de lobo de Quessada que traspasan os lenzos.. E, entre todas elas a lectura deses ollos  que espreitan das figuras que pinta Isaac Diaz Pardo, como furando entre as tebras da “Longa Noite de Pedra”   pra iluminar memoria do seu pasado...Enigmáticos ollos  os que pinta Isaac, propios pra elaborar unha tese.

Arte das miradas, de sacar a verdade, de reflectir sentimentos que mesmo confirman a artistas da Sétima Arte: as miradas tras a claqueta dos persoeiros dos filmes de Hitchcock; as sedutoras de Paul Newman, de Marlon Brando, de Lauren Bacall, de Mastroiani, de Sofía Loren... ou sen ir tan lonxe, a mirada transversal e coa que fai o que  quere o actor chairego Luis Tosar...  Sen deixar os retratos conxelados nas fotografías, os que nos asexan e nos convidan a contar pasados, como os realizados polos grandes fotógrafos históricos galegos: Suárez, Virxilio Vieitez, Manuel Ferrol, Alberto Martí ou as miradas que marcan precedente dos represaliados “Rostros de Memoria” 2008 ou no 2016 “Os Rostros do País”, realizados pola mestría de Xurxo Lobato.  E como de fondo pra canto vimos dicindo a letra e música de “Eses teus ollos”, sacados do poema de Curros “ Ten a serea o canto” musicados por  Xosé Castro Chané.

Benedetti poeta das miradas do corazón... as que a razón non entende

Ciencia das olladas, da paraoftamoloxía, reto que non queda na pintura ou na escultura, pois nada ten conmovido tanto aos poetas como as miradas das miradas, por canto comportan de amor ou desamor...  A poesía está nos ollos. E entre eses poetas, sen deixar ao referente de Pablo Neruda, un singular, de intimidades compartidas a través da mirada é o uruguaio Mario Benedetti, ao que tanto acudimos en días de confinamento e soidade. Poeta que insiste en que o mellor diálogo é o das miradas, principio e fin de inicios e roturas, miradas que mesmo emborrachan, pero nunca minten ...  ¿E quen educa nesa habilidade de interpretar as etéreas miradas?. “Mi táctica es/ mirarte/ aprender como sos/quererte como sos...”  Mirar dicindo, sen dicilo con palabras...

Ollos que son como xoias do corpo humano, como pedras preciosas que pasan a cantares cultos e populares: de acibeche, verdes, acastañados, grises, azuis como o mar, os que se din “celtas” sendo os máis exóticos e churrusqueiros. Ollos que os requintados combinan con camisas e garabatas,  disfranzándoos tamén con molestas lentillas, aureolados con gafas, espejuelos, lentes… os catrollos que alguén diría.



Miradas que se axudan e complementan coa tensión cello fruncido ou non, co abrir, caer e pechar de pálpebras, coas cellas, coa posición dos beizos, coas aletas do nariz. Olladas circunscritas entre  a sombra de olleiras que mesmo poden denunciar noites de desvelo e enfermidades, onde, tamén entre lagañas aniñan as penas. Asenta Benedetti que “os ollos poden desmentir á boca ” ,  nun breve escintilar de ollos podes entrar no outro e o outro en ti. Tamén os ollos poden murcharse entre engurras que topografían anos vividos, máis os ollos non cambian , as miradas son persoais e intransferibles. Ollos que se comunican coas razóns do corazón que a razón non entende, capaces de furar e penetrar na esencia de cousas que non saberemos expresar. Miradas que inspiran un novo linguaxe virtual, feito de caracteres gráficos, tópico, emoticonos cos que se tentar globalizar o universo inabarcable da realidade.           

10 de Maio do Coronavirus 2020