“Galicia un relato no Mundo” e no Gaiás
Comentarios sobre esta mostra: itinerario arredor de documentos que avalian a identidade dun confín de encrucilladas e de portos, referente aberto ao mundo. Convite a maxinar a través do que enxergamos o que tamén falta nunha Historia interminable.
O Museo de Galicia no complexo da Cidade da Cultura de Compostela ofrece neste inverno do 2019-20, unha mostra que convén enxergar. Exposición realizada ao amparo da Xunta de Galicia, con redobre abrindo pórtico ás vésperas do Xacobeo 2021. Motivos non faltarán entre tanto aniversario, nin argumentos pendentes da historia interminable de Galiza.
A mostra que se ofrece agora no Gaiás acóllese baixo a suxestión do epígrafe de “Galicia un relato no mundo”, engadiría o dun “relato inacabado no Mundo”. Un xeito máis de furar no enguedellado labirinto da identidade galega. Secuencia na que petamos con algúns fitos , coa ansia de fender eses tópicos escurantistas sobre o que se dixo ser un país de “cu de saco”, illado do mundo. Cando Galiza foi sempre un país aberto, de portos e de encrucilladas e convén comprobalo e seguir a repetilo. Mostra comisariada polo periodista Manuel Gago Mariño, todoterreo, sempre a pe de obra, na salvagarda e difusión do patrimonio cultural galego nun xogo interactivo entre pasado e presente, coa ansia de informar para formar.
Mostra que ven a ser un crebacabezas de “Comunicacións mesturadas”, que diría Luis Seoane, diálogo ensarillado no que se tenta interaccionar cultura, economía e política arredor da Rosa dos Ventos desta “célula de Universalidade” que é Galiza. Sirva a ansia latexante de inspirar pra continuar descifrando o labirinto dunha historia interminable espallada polo mapamundi.
A Galiza Ibérica que é a nosa, como a Galitza polaca, entre outros pobos de raiz kal, cal...quizais en relación coa pedra ou como dicía Isidoro de Sevilla nas súas Etimoloxías coa cor branca...o certo é que ese vencello coas galaxias ten un aquelo de poesía que sempre soubemos aproveitar. Galicia no confín do Vello Mundo, envolta en brétemas de maxia, quizais as do Leteo, vencellada ao liño, ás ostras e sobre todo a ouro e aos ourives co que se adornan os xerarcas pra semellarse aos deuses. Asuntos dos que dan conta as crónicas. País pois relacionado con tesouros, con mouras e magos, con montes, pedras, arbores e fontes sagradas, con grimorios e libros como “o Ciprianillo”. Patria de santiños misioneiros que nin sequera foron adoptados por Roma, irmáns dos célticos irlandeses e bretóns...
Así é que desenguedellando fíos atopariamos relato sobre relato: a mesma tese do Colón galego, entre tantos frades, bieitos, franciscanos, misioneiros, virreis, piratas, contribuíndo ao imperio “en nome de Deus”...e algunha inspiradora bailarina de sona por medio, Carolina Otero...a do famoso bolero de diamantes e perlas deseñado por Cartier... Vaia se hai relato aínda por relatar.
Montaxe sinxelo o desta exposición, aproveitando estruturas expositivas anteriores, sen máis suxestións de deseño ou ambientais que as dadas polos propios documentos e artefactos expostos, anacos de saudade, desconcertados, afastados do seu ambiente orixinal e mesmo do seu habitual. Mostra que é como un camiño que se fai ao andar. A idea de “peregrinatio” ou “navigatio” que conleva todo camiño, o que buscamos, vaise atopando no percurso.
Guión no que unha cousa leva a outra, intuíndo tamén o visitante cultivado as que faltan nun inacabado crevatestas, quizais polos comprensibles motivos que levan a espir uns museos pras cesións. Camiño ilustrado, axudado por audiovisuais interactivos: dende a Protohistoria, cando os cronistas grecolatinos se refiren aos galaicos e comeza unha constitución da Gallaecia: a escultura do “guerreiro galaico” de Lesenho de Boticas (Museu Arqueolóxico de Lisboa), co característico trazado elemental, condicionado pola pedra, a que de seguro levaba cor. Guerreiro que viste o “sagum”, a saia corta, portan no pescozo o colar de torques, defendidos por espada curta e diante, como unha marca o escudo da rodela, a “caetra” , motivo que pasara a ser o logo da Gallaecia en moedas romanas e en templo na “Urbs” dedicado á conquista deste confín. Camiño no que nos reencontramos cun pergameo do Libro Irlandés das Invasións, sc. XII, cesión do Trinity College, alusivo a Breogán, á Pedra do Destino e á quinta invasión a Eirín ... Sen faltar a reprodución escultórica de Afrodisias, relativa a un galego con casta e poder na milicia se permite facer dedicacións monumentais entre aqueles templos de Anatolia. E o Mapamundi de Sawley, do sc. XII traído de Cambridge, no que se representa a catedral compostelán como edificación máis sorprendente daquel entón... proba da importancia dos mapas pra definir un país, aquí ben asumido o que queda por facer. Da Biblioteca Comunal da toscana Arezzo ven a copia máis antiga, sc. XI, do Itinerario polos Santos Lugares de Exería, a carón dos Libros de Santiago, o Códices Calixtino, orixinal e copias que propagan a lenda do Apóstolo, o Itinerario e de Compostela... De Oxford chega a Biblia hebrea do sc. XV feita na Coruña que leva o nome do seu estudoso, Kennikott; o cancioneiro da Vaticana, documentos coa importancia nos séculos de Ouro da Casa de Lemos, os Castro, ansiosos de facer de Monforte unha nova Atenas... como aqueles embaixadores, o Conde de Gondomar, os Fonseca tan preocupados pola docencia, cando “Gallaecia Fulget”... E ben puideran bordar a mostra os mestres que deixan o Barroco, crean e trunfan na Escola de S. Fernando, Lois de Monteagudo, Felipe de Castro e xa non digamos sobre os sabios bieitos Feixoo , Sarmiento... e como non o xeógrafo Domingo Fontán, temas xa moi tratados en recentes exposicións, presencia que debera facerse visible en museos permanentes.
Inacabable e inabarcable relato, espiral, tamén con paxinas tristes, escuras, a participación de galegos nos conflitos bélicos, nun e noutro bando: no sc. XVI no fracaso da “Armada Invencible”, con tantos anónimos mariñeiros e aventureiros galegos, a guerra da Indepencia, a vareada das guerrillas aos franceses.... os terzos galegos sumándose aos arxentinos fronte aos ingleses... homes e mulleres galegas nos campos de concentración á misión da División Azul....
Historia que como brétema semella envolverse en saudades de paraíso perdido, herdos do céltico cabaleiro Arturo, xeito de ser que buscou Teixeira de Pascoâes e os “inadaptados”, seguindo o “Renacemento Céltico” protagonizado polo Irlandés Yeats, pra inspirar un renacemento galego-portugués. Lección de dignidade que xa viña de Murguía e prendeu e espallou Risco fronte ao endémico esperpento. Historia con música de fondo, a nostalxia de alboradas, alalas, negras sombras ....entre as Compañas que elevou Castelao a Alba de Gloria.
A escultura de “Santa”, traída do Centro Galego de Montevideo, ilumina a exposición, icona da Terra Nai, da “Galiza Santa” cantada por Cabanillas, esculpida por Asorey, bautizada nos seus inicios co nome de “Raza” por canto representa... pero aliviouse a carga ideolóxica co de “Santa”. E con ela o tema da emigración, a diáspora, a Galiza do Alen Mar, onde Galiza, como poucos países, foi capaz de crear unha infraestrutura de centros, embaixadas de saudade espalladas polo mundo. Probado queda que aínda estamos necesitados dun centro de documentación e Museo da Emigración. Ábrense pois portas a un tema prioritario. Sen esquecer que Asorey asumiu a cuestión cun altar á emigración, o do Panteón Galego no cemiterio bonaerense da Chacarita: polo pétreo varal do cruceiro labrado o viacrucis do que sae da casa pola odisea das incertezas, pra rematar na cruz-estrela, o Cristo crucificado no Colo da Nai...un novo cruceiro.
O obxectivo de calquera exposición é abrir portas, inspirar, interaccionar o que hai co que falta, con grandes científicos galegos, como o inventor estradense da primeira calculadora Ramón Verea... ou nin tan sequera iso, xentes do común, como as que contribuíron ao mundo gaucho arxentino, O “Viejo Pancho”, ou Manuel Graña, o Rei dos xíbaros perdido na selva amazónica...e con el os pioneiros da Aviación, Loriga, Piñeiro, Iglesias Braxe...
Calquera cousa das expostas neste relato xa daría pra unha exposición monográfica. Compre achegarse, participar neste parladoiro inacabado que abre a unha cultura sabia en encrucilladas, dos que nin suben nin baixan, dos que contestan cunha pregunta, capaces de crear e facer seu un orde intermedio, o da columna ochavada, nin curva, nin cadrada... o país das benditas ánimas do Purgatorio, sempre en ascese no camiño, a aprender.
12 Xaneiro 2020