Magostos galegos, lumaradas, castañas e viño novo
Introducción á significación dunha festa de orixe celta, romanizada e cristianizada, os Magostos. Encontro en relación cos Santos Martiños, de Tours e de Braga. Gran merenda campestre, con castañas, viño novo, música de pandeiro e gaita.
A pesares da resistencia e significación da festa dos Magostos, especialmente en Ourense e na área portuguesa, non foi moi estudada polos clásicos da etnografía. Asociada ao tempo dos defuntos, celebrando aos xermolos de vida, a semente, castañas, cabazas... acendendo cachelas de novembro, asando castañas, abrindo as billas pra encetar as pipas de viño novo.
Agora, ao longo do ano, entre tanto novo rebulir entroideiro, botellón por medio, aínda non se caeu na conta que unha das grandes festas da Galiza agraria e tradicional pro tempo de outono, seguen sendo os Magostos. Por algo tamén dedicado ao panonio cabaleiro ao servizo do imperio romano, o Santo Martiño. Celebración da vida e da morte tan no repertorio do anovado e imitado calendario céltico de Erín, confín modélico en espallar a súa identidade. Tempiño que cadra xeralmente xeneroso, ben coñecido no rural como o “pequeno verán do San Martiño”: primeira quincena de Novembro que o día 1 e 2 abre coa exaltación dos Santos e dos Defuntos e o día 11 ca dos Santos Martiños: primeiro o referido santo de Tours, florecente no século IV pola súa labor cristianizadora da céltica Galia e despois polo outro Martiño, o de Dume ou Bracarense, xa do século VI. Santos homónimos e paisanos , naturais da Panonia húngara, ambos enredados na febre cristianizadora en atoutiñantes tempos heréticos. Será o bracarense o que introduza na Galiza Sueva o culto ao de Tours e máis papista que o Papa arremeteu de palabra e obra, concilios por medio, contra os vellos cultos panteístas, priscilianistas e de memoracións célticas aos Catro Elementos. Aínda así resistiron os ritos e as tradicións arredor da Terra, Auga, Aire e máis do Lume, festexados abrindo a cada unha das Catro Estacións, tan marcadas nestes países, cabos do mundo que emproan ao Atlántico, as resistentes Nacións Celtas, países con orixes e orixinalidade diferencial que románticos e modernistas reivindicaron ante unha nacente e agora imperante uniformización.
Pra afondar nestas historias convén recompoñer o mapa da Gallaecia Antiga, a instituída por romanos e consolidada polos suevos, a que será base da Medieval e das partixas feudais. Territorio que se centraba arredor da Bracarense, da Lucense e da Asturicense, isto é León, o norte de Portugal até o Mondego. Onde a base latina, o idioma e a cultura son as mesmas.
A estrutura cristián, tan conservadora, denota mellor os aspectos arqueolóxicos e tradicionais arredor das dioceses, dos templos, dos santuarios, das devocións, das reliquias, dos panteóns ou da heráldica feudal...un imperio cristián fronte ao Islam. Así é que volvendo aos tan venerados, celebrados e confundidos santos Martiños habería moito que contar: Martinus é nome latino, no galego Martiño e mesmo Martín na Asturicense, “inus”,” iño”, “in” son tamén sufixos diminutivos aplicados neste caso ao nome Mars, referente a Marte, a divindade da guerra romana, do que tamén deriva o nome de Marcial . Así que os dous Martiños protagonizan o noso tempo dos Magostos: o de Tours sobranceiro centurión da garda imperial romana, empeñado en cristianizar os lugares de cultos pagán, iso si, permitindo festa, máis o outro santo Martiño, o de Braga. Iso que ni un, nin o outro santo eran orixinarios das cidades nas que predican e que lle dan nome na historia, sendo como tantos outros migrantes desprazados, procedentes de afastados lugares como a Panonia, territorio limitado polo Danubio, hoxe repartido entre Hungría e limítrofes. Terra ponte, país de fondas influencias célticas, dos emisarios da fundición do ferro na protohistoria, tan cargados de herdos orientais, indoeuropeos... Así é que o celtismo, ese orientalismo, foi unha vella constante, chegada e recibida en Galiza dende moi vello: polas migracións , as navegación de cabotaxe de fenicios e gregos e mesmo a través de Centro-Europa, seguida polos mesmos continxentes romanos, conformados maioritariamente por mercenarios recrutados en terras do Mediterráneo oriental e máis alá, no século VI avivadas polos Suevos novamente procedentes de Xermania e mais tarde polos viquingos e mesmo polo Islam... como un trenzado cultural. Ao fin e ao cabo “orientarse” é ter como referente o Oriente.
E entre os vellos cultos orientais está a dualidade caos-cosmos, ceo-inferno, vida-morte, principio-fin, herdos da ascética doutrina budista pasada polo hinduísmo máis os aportes zoroastristas nos que o lume é a base. Conclusións ás que chegaron os románticos e os modernistas, dende Murguía a Risco, este inspirado integralmente no Renacemento Céltico irlandés protagonizado por Yeats. Naquela arqueoloxía e tradicións os galeguistas atoparon os fíos condutores orientalistas, bárdicos, druídicos e onde máis no ocultismo, en todo canto nos relaciona coa Ultratumba ou co Trasmundo que diría o pintor Laxeiro, entre as tebras e soidades das ánimas, no culto ao lume como centro de encontro, luz, quentura e purificación.
Dualidade marcada no tempo outonal, a celebrar cando decae a luz, poden as tebras e todo semella amortallar a morte. Cando nada mellor que asociar a festa ás flores que son color, perfume, que serán froitos e logo semente, como cabazas, castañas, vermellas ou douradas mazás de inverno, como ovos... formas esféricas que pasarán ao consumo como adornos, velaí no Nadal. E sempre a luz, tan desexada na Galiza pirofórica, pais afeito aos folións, aos fenómenos ígnicos. Luz que será tratada en forma de fogueira ou de pirotecnia. Lume na lareira, lume e luz sobre os altares, nas sepulturas, nas fogueira comunais, no ceo das festas... Neste convite outonal vida-morte crese que a compaña, as almiñas, invisibles, baixan do ceo ou concédeselle subir dende a “repesca” do Purgatorio a quentarse e xantar cos vivos.
Así pois tempo de Novembro, dos Santos Martiños e dos Magostos ou Magustos, que mesmo o sabio coruñés Xosé Cornide, os etnógrafos relacionan co “magnus ustus”, como a gran fogueira, ou mesmo , como coidaba Ferro Couselo en relación con “mac”, montón de palla, espantallo, mesmo co magos, o que non encaixa mal nesta terra meiga, a patria de Prisciliano condenado por mago e pot sabenzas orientais. Sexa o que sexa resiste asoballada a festa dos Magostos, distinguida xa polos colonizadores romanos polas súas tradicións celtas.
O día dos Santos e dos Defuntos, entre o tanxer a morto das campás da igrexa é momento de celebrar as castañas, semente de castiñeiros, saída do espiñento ourizo, orixe de madeira pra construción, pro transporte e base da alimentación de animais e seres humanos. Tirso de Molina en “La Romera de Santiago” da conta dista algarabía festiva galega.
O Magosto é unha baril e gran merenda arredor do lume no que non faltaran castañas asadas, viño novo e música, sempre a do pandeiro, o bombo e a gaita, instrumentos feitos pra natureza, nunca pra abouxar en interiores...logo sumarase todo aporte e creatividade, hoxe o xa popularizado churrasco e ben que aquece neste tempo que tamén é das matas, xa que ben sabido é que “cada porquiño terá o seu San Martiño”
Convite de orixe funerario presidido nos Magostos pola castaña, da que xa no século XVI falan as Sinodais de Mondoñedo. É costume no tempo de defuntos xantar castañas e adornar casas e pescozos de nenos con grilandas ou colares de zonchos, castañas, entendido como un xeito de ritual de redención das animas do Purgatorio. Ao mesmo refírese o vitoriano viaxeiro e poeta inglés Swinburne, amigo das tradicións e da nigromancia, e non compre perderse no tempo, este carballiñés da fe do feito aínda hai cinco décadas. Ao final todos emborrallados coa cinza das castañas asadas e o viño tinto baixan do monte pagán ao civilizado ambiente urbano.
10 Novembro 2019