A matinar sobre o “Carpe diem”
Repaso de frases e sentencias latinas tópicas, moitas das que fan relación ao paso do tempo, entre elas a tan usada do ´Carpe Diem´, atribuida ao poeta do século II Horacio: convite a pensar máis no presente que atemorizarse ante o futuro.
Todos os camiños levan a Roma, caput mundi, embigo dun xeito de pensar e de falar. Urbs gabanciosa dos seus monumentos imperiais, uns máis turísticos, outros non tanto, como o Ara Pacis , altar en mármore de Carrara, mandado erixir nos primeiros anos do cambio de era por Cesar Augusto para divinizarse e conmemorar a vitoria sobre os celtas da Galia e de Iberia: frisos con alegorías á prosperidade e á paz, a procesión xerarquizada cara ao altar do sacrificio. Monumento que segundo Estrabón e as pegadas arqueolóxicas sabemos que complementaba o Campo de Marte nas ribeiras dun meandro do Tiber, co horologium pra medir o tempo, o bosque sacro e co mesmo mausoleo de Augusto. Monumento feito para glorificar fazañas duns en contra de outros, mimado e potenciado polo fascismo, novamente rehabilitado polo estudo do arquitecto estadounidense Richar Meier. Alí mesmo, na librería do Centro de Recepción de Visitantes, - tan fornecida de canto significa Roma e o latín, idioma compañeiro do imperio - merquei un libriño acaído pra aguilloar cavilares, o título “Carpe Diem, a máis fermosa cita latina”, frase que, ás veces, como o recordatorio do “tempus fugit” campa sobre as esferas dos artesáns reloxos público. Publicación que ven a ser un dicionario de 1000 experimentadas frases latinas, como titulares, tuits, haikus, mensaxes, resumes de comprensión inmediata, quizais coa orixe nun texto clásico ou simplemente nun dito ou nun refrán popular, medieval, renacentista... A maioría deles sobre a prioritaria preocupación humana polo tempo cronolóxico, o pasado, presente ou futuro, diría Horacio, “Beatus ille“.... (ditoso aquel tempo), frases arredor do cotián, da amizade, da política, arte, ledicia, tristura, natureza, vicios ou virtudes, a saúde, o diñeiro ou o amor...esas tres cousas. “Carpe Diem”, o aproveita o día, é invitación a gozar do presente, sen dependencia da incerteza do porvir, como esoutra o “Hic et nunc“ o aquí e agora, ou o agora ou nunca. Espiral que nos mete nun “aquí te pillo e aquí te mato” e conseguintemente nun “que non me quiten o bailado”.
O “Carpe diem” é aforismo que se lle outorga ao poeta latino do século II, Horacio, seguidor do Epicureismo, aparece nun dos carmina, verso da Oda XI, dedicada a súa amada Leucóne, á que lle recomenda que non se pare en esperar o que lle deparan os deuses, nin faga maxias, que goce e beba bo viño...que reduza as longas esperanzas á brevidade da vida: “ Carpe diem quam minimum credula postero”, (aproveita o día, non confíes no despois) filosofía do “non deixes pro mañán o que poidas facer hoxe”,así que procura a felicidade a través da intelixencia, quizais co “Festina lente”(apresúrate lentamente) lema heráldico da florentina familia Médici: o mañá xa será demasiado tarde, o onte pasou e o agora é o momento de comezar... Epicuro de Samos foi filósofo do século IV caracterizado pola proposta do pracer e a tranquilidade, como o Edonismo que propón a sensualidade, emoción, sexo, o que produce o pracer, a felicidade. Mesmo o sensato Cicerón sentenciaba, “Edamus, bibamus, gaudeamus, post mortem nulla voluptas” (comamos, bebamos, sexamos felices, despois da morte ningún pracer). Ao respecto, o máis representativo dos epicureos, Lucrecio, partindo do pesimismo, alaba as posibilidades da persoa e a paixón amorosa, os seus contrastes coas razón. “Quen ama sempre ten razón, é o único que ten” di Antonio Gala, escritor que xira arredor da sensualidade. Prima o presente, como se fose o derradeiro. Ao respecto lembramos aquel versionado bolero “Bésame, besame mucho, como si fuera esta noche la última vez”, da compositora mexicana Consuelo Velázquez (1940). Certo que tamén os animais irracionais, os cans viven o momento e para algo esa gran creación grecolatina, a Filosofía. Tema tratado por Saint Exupéry en “O principiño”, onde recollemos do raposo a frase “ non se ve ben senón co corazón, o esencial é invisible aos ollos” . Mesmo tamén en “Sostén Pereira” de Tabuchi reflexionase sobre que as razóns do corazón son as máis importantes “....razóns que non se saben explicar. É difícil ter conviccións precisas cando se fala de razóns do corazón, sostén Pereira” . A experimentada Isabel Allende na súa literatura desafía a tradicional autoridade masculina, xira arredor do amor, os praceres pra concluír que ao final so queda aquelo que se deu...aínda que tamén por onde entra o amor tamén se cola medo , “todos levamos dentro unha insospeitada forza que emerxe cando a vida nos pon a proba”: “Amor omnia vincit”.
Mesmo o himno da Universidade, canto goliardesco do século XIII, o famoso “ Gaudeamus igitur iuvenes dun sumus...” inicialmente titulado “Brevitate vitae” e que hoxe resulta segregacionista, machista tamén, enxalza o momento, a xuventude e faino fronte ao que di crueldade da vellez e da morte...e obcécase en repartir vivas clasistas á profesores, alumnos, tamén ás virxes, ás mulleres tenras, aos gobernantes...Cantar que forma parte de sempiternas sentencias doutrinais. Aforismos convertidos en tópicos comerciais e que mesmo cada época pode entender de xeito diferente ao orixinario. Frases feitas pra campar arrogantes estampadas na cartela dun escudo ou no peito dunha camiseta e que acaen en calquera discurso asentando bases históricas e cultas. “In vino véritas”, “nemo propheta in patria”....
Libriño o devandito que explica e trata de darlle significación a estas máximas. Pois cada frase debe saber usarse, ter senso no seu contexto, no lugar e tempo, mesmo no xeito da pronunciación, en acenos que mesmo poden ter herdos eclesiásticos, militares, tabernarios.... Sabio tesouro que endexamais envellece, xa que entendendo o latín e os seus ditos enxergaremos boa parte da orixe da cultura galega como lingua romance que é.
A do Carpe diem é filosofía popularizada pola película de “O club dos poetas mortos” (1989) dirixida por Peter Wein. Film que radica na inspiradora poesía do transcendentalista estadounidense Walt Whitman “Non permitas que a vida che pase por derriba sen que a vivas”. Que ninguén prive da liberdade a expresarse, á palabra, a risa, ao goce, á poesía, as que poden facer virar o mundo, “non deixes de soñar...non caias na soidade e no silencio...non te resignes...” ou aqueloutra de John Lennon , “a vida é o que nos pasa por diante namentres facemos outras cousas”. Tamén no fondo está a filosofía de Gandy que exhortaba a desfrutar cada minuto, clasicismo ao que volve Mario Benedetti en “No te rindas”: “Por que la vida es tuya/y tuyo también el deseo/porque cada día es un comienzo/ porque esta es la hora y el mejor momento.../”, No pierdan el tiempo, quiéranse...”
A cuestión sobre o tempo non remata. E velaquí dúas reflexións de dous creadores teimosos co paso do tempo, Woody Allen di “interésame o futuro por ser o sitio no que vou pasar o resto da miña vida”, ou a de Bob Dylan “Dende o futuro e dende onde se xulga o pasado”.
Os galegos somos matinadores, feitos na cultura da encrucillada, envolta en cristiandade, en panteísmo, en retrousos, mantras e rezos, dándolle reviravoltas ás cousas, buscando puntos de encontro: aforradores, sabendo que o presente é base do futuro, que “o esquecemento está cheo de memoria”, como tamén escribiu Benedetti, do “Mañán será outro día”
Voltando á Ara Pacis, soño desmedido dun emperador para auto glorificarse. E non todo vale pra ser felices, velaí mesmo os místicos cun “vivindo sin vivir en min”. Ou sexa, que “Res, non verba”, isto é “feitos e non palabras”, cotizar pro futuro: “Veritas filia temporis”, a verdade é filla do tempo. Matinares, cultura, pros que pensan e logo existen.
6 Outubro 2019